O MEGO DA ESCOLA


Blog da Comisión Cultural MARTÍN SARMIENTO de Vilafranca para a potenciación do uso do galego nos centros do ensino no Bierzo e a promoción dos Intercambios escolares Bierzo-Galicia.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A polémica da toponimia galega no Bierzo

Nestes meses de vrau foi creándose nos medios unha polémica sobre a rotulación da toponimia berciana. Non hai dúbida da presenza da toponimia galega nunha gran parte do Bierzo. Aira da Pedra, San Fiz do Seo, Vilela, Balboa...

Como abordar esta cuestión da súa recuperación plena? Dito doutro xeito, como ir asentando na conciencia dos bercianos de que Teixeira, Veigueliña, Barxas, Soutoparada deberían ser as denominaciois oficiais e non as formas castelanizadas que só aparecen nos rótulos da DGT?

Partindo de que o máis correcto sería que se usase a fórmula que o propio pobo escolle para denominarse, non se nos pode esquecer que ao longo da historia houbo e segue habendo unha forte presión sobre os nomes de lugar por parte das autoridades xerando a confusión e as falsas polémicas entre a xente do común. Con frecuencia por ignorancia e falta de respecto á diversidade cultural a deturpación e a castelanización máis burda da toponimia orixinal e autóctona por parte dos poderes insensibles foron impoñendo nesta parte tan substancial da cultura patrimonial do pobo denominaciois impropias. Traemos eiquí un artigo de opinión de Gaspar Méndez sobre a proposta da Xunta de rotular os sinais de tráfico no Bierzo en bilingüe como un intento de introdución e defensa da toponimia galega no Bierzo.

OPINIÓN / EL PROGRESO DE LUGO
A polémica sobre a toponimia en galego no Bierzo

GASPAR MÉNDEZ
20/AGO./23

Hai uns días, polo San Roque, acopleime a unha presentación de libros, xunto a autores como Ruy Vega, Berta Pichel e Amador Fonfría, na miña vila, que é a Veiga do Valcarce. No meu caso tratábase dos dous volumes de ‘Nós tamén temos historia’, obra dos meus alumnos.
A presentación transcorreu sen novidade. Os editores venderon libros, nós dedicámolos e todos tomamos un viño e uns petiscos por cortesía do Concello.


Finalizado o acto, dúas ou tres persoas recrimináronme que a miña presentación fose en galego; algo que, para min, non ten moito sentido, xa que o galego é a lingua do país, é a miña lingua e, ademais, os dous volumes están escritos en galego.

Á sentenza de que estamos na provincia de León, respondín eu dicindo que a provincia aínda non ten douscentos anos, mentres que a lingua lévase falando na Veiga de forma ininterrompida desde hai máis de mil.

Estas críticas veñen engadirse ás que estamos a recibir os que defendemos a rotulación bilingüe da nosa toponimia ou, o que é o mesmo, oficializar dalgunha maneira os topónimos tradicionais, como mínimo das vilas e aldeas.

A Galicia acúsaselle de inxerencia, cando o propio Estatuto de Castela e León, no seu artigo 4, recolle que «gozarán de respeto y protección la lengua gallega y las modalidades lingüísticas en los lugares en que habitualmente se utilicen». Por outra banda, os estatutos da Real Academia Galega inclúen, entre as finalidades da mesma, a defensa e promoción do idioma galego (artigo 2), mentres que no artigo 4 din textualmente: «Enténdese por idioma galego o propio de Galicia, así como as súas variantes faladas nos territorios exteriores (Asturias, León e Zamora)».
A situación na zona occidental do Bierzo non é distinta da existente na Galicia predemocrática, cos topónimos castelanizados e deturpados polos funcionarios do Estado liberal decimonónico. Ao oeste de Pedrafita recuperáronse as formas tradicionais co Estado autonómico; ao leste aínda non.

Da mesma forma que dicir Sanjenjo é unha auténtica gañanada (a tradución ao castelán sería San Ginés), tamén o é Teijeira ou Barjas. Con todo, hai que dicir que, durante estes case douscentos anos, estas formas adquiriron uso, polo que podería ser recomendable que ambas coincidisen na sinalización viaria. De calquera forma, os concellos teñen potestade para modificar a toponimia menor, pero non o nome do concello.

Resulta tamén curioso ler a documentación do Antigo Réxime, na que os escribáns casteláns do Estado de Vilafranca, por poñer un exemplo que coñezo, trataban de buscar unha grafía para representar o son /ks/ e escribían Campo Roggio para o lugar acasarado de Campo Roxío. Tamén o último notario da Veiga do Valcarce escribía Valiña do SSardón para dicir Xardón.

Dábase nesta época unha convivencia entre formas autóctonas e traducións ‘daquela maneira’. Así era frecuente ler Valbuena, Balbuena, Valboa ou Balboa, mentres que noutros casos decantábanse polas formas tradicionais como Lagúa de Fontemulleres para designar ao que agora chamamos Laguna de Castilla. Destacar que o apelido ‘de Castilla’ é posterior á división provincial e aplicóuselle en contraposición coa outra Lagoa, pertencente esta última á parroquia do Cebreiro, á que alcumaron ‘de Galicia’, sen que neste último caso triunfase a proposta.
Debemos destacar tamén que, desde tempos inmemoriais e ata a reordenación parroquial de 1955, unha boa parte da zona galegofalante do Bierzo estaba integrada no bispado de Lugo.

Polo demais, a situación actual do idioma galego fóra da Galicia administrativa non é moi distinta á do interior. Ou sexa, en claro retroceso, agudizado neste caso polo despoboamento e a súa presencia testemuñal no ensino.

Así, recuperar e oficializar as formas tradicionais da nosa toponimia non é tan só cuestión de xustiza, senón tamén de sentido común e, por suposto, de cultura e de educación.

Ver o artigo:
No Progreso de Lugo
No Diario de León
A suposta polémica na TV de Castilla y León
Comentarios (0) - Categoría: DEBATES e POLÉMICAS - Publicado o 24-08-2023 08:22
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0