O MEGO DA ESCOLA


Blog da Comisión Cultural MARTÍN SARMIENTO de Vilafranca para a potenciación do uso do galego nos centros do ensino no Bierzo e a promoción dos Intercambios escolares Bierzo-Galicia.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

A APERTA DA ANTIGA GALLAECIA (e III)

A AGARIMOSA E FÉRTIL APERTA DE MESTRE

Entre veciños e fronteiras móvese Mestre con soltura e con ironía melancólica a douscentos quilómetros de Compostela reivindicando, coa escrita densa de seu, o vigor do galego para estas terras do Bierzo nun agora cargado da señardade do pasado.

Non, non asina un manifesto, tan só escribe un libro cheo como un mego no outono de personaxes e alcumes, máis que de paisaxes e vides, de vivos ou mortos retratados con palabras e frases saídas da memoria e o compromiso. Sendo fiel a si mesmo descobre aos lectores que o mundo literario berciano, e que o seu mundo, tamén se expresa na fala dos humildes, porque non pode ser ignorada a aperta da Gallaecia, da de antes e da despois de Roma, da de hoxe e da de mañá. Transcorren os seus máis dun cento de relatos líricos como as augas dos ríos que choran na procura da verdade nos lindeiros dunha fronteira infantil que non existe. Son douscentos gramos de patacas tristes aos que se asoman Pessoa, Cunqueiro, Pereira, Ursinos ou González-Alegre, dun autor valente que, como o fixera Morales no seu tempo, ao traer correntes a cachois ao deserto, dálle voz ás xentes do pobo tantas veces silenciada, racha na medida do posible coa lousa do ditador que a segue reprimindo dende a tumba. Necesaria é a escrita para chorar por escrito tantos séculos de demora, tanta rabia contida e esquecemento.

Graciñas, Mestre, por lembrarte de Sarmiento e das súas arelas facéndoas túas e miñas e de tanta, tanta xente que naceu ao carón dun río entre montañas. Grazas por declararte amante do galego, instalarte na veciñanza, sen complexos e sen prexuízos, da República das Letras da mao de Sarmiento, do país de Rosalía, Castelao ou Ferrín e unha estirpe de homes e mulleres boa e xenerosa.

Xa está nas librarías que contemplan o paso do Miño e dos mil ríos que regan Galicia, e nas bercianas que ollan o Sil e os seus afluentes. Tócanos ler, un exercicio de cultura, ese exercicio de prestixio da palabra diversa, construtora do destino, aínda tan menosprezada, pero motor e desafío cuxa meta está na dignidade humana. Recibamos con alegría esta fértil e sincera aperta de Mestre, unha nova aperta agarimosa do porvir da antiga Gallaecia.


Comentarios (0) - Categoría: DE SARMIENTO A MESTRE - Publicado o 07-07-2019 18:13
# Ligazón permanente a este artigo
A APERTA DA ANTIGA GALLAECIA (II)

DE SARMIENTO A MESTRE

Foi entrado xa o novo milenio cuando, seguíndolle a pista aos estudos que o Padre Sarmiento realizara sobre o Bierzo reparei que aquela teoría que me contara don Antón Fraguas de que o antigo Miño era o Sil, resultaba ser unha vella teoría enunciada polo noso frade erudito nado en Vilafranca do Bierzo en 1695 e considerado o Pai das Letras Galegas.
De novo sentín aquela aperta da vella Gallaecia, esta vez nas palabras dun vecín do século XVIII, pero adiantado ao seu tempo, un galego-berciano que ademais de estudoso da lingua, coma Fraguas, gustaba de indagar sobre a xeografía, a historia, a etnografía e tantas outras ciencias, algunhas delas aínda sen ter sido consideradas tal e que logo serían tamén obxecto de estudo polo que vén de ser homenaxeado no Día das Letras recentemente.
Mais neste mes de maio, mes da Letras, acabamos de recibir unha nova aperta, entrañable e querida (por ser próxima e fresca) que une de novo ao Bierzo con Galicia, que nos lembra que seguimos sendo a Antiga Gallaecia. Trátase do libro do vilafranquino J. Carlos Mestre 200 gramos de patacas tristes
o seu primeiro libro en galego. Cunha breve dedicatoria inicia Mestre este relato lírico da súa infancia, cargada de señardade, pero tamén de vigorosa e actual reivindicación da memoria dos humildes cuxa lectura recomendamos encarecidamente. A dedicatoria é a que segue:

"Á riseira memoria de frei Martín Sarmiento e case todos os meus conveciños"

(Continuará)

Comentarios (0) - Categoría: DE SARMIENTO A MESTRE - Publicado o 26-05-2019 09:23
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal