O MEGO DA ESCOLA


Blog da Comisión Cultural MARTÍN SARMIENTO de Vilafranca para a potenciación do uso do galego nos centros do ensino no Bierzo e a promoción dos Intercambios escolares Bierzo-Galicia.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

CARLOS CASARES NO DÍA DAS LETRAS DENDE O BIERZO

Cando o Bierzo se prepara para celebrar en próximas datas por todo o alto e como se merece no seu bicentenario a Antonio Fernández Morales, o seu cantor en galego, lembramos que foi o candidato que reclamamos á Academia Galega para homenaxear no Día das Letras Galegas do 2017. Mais hoxe 17 de maio, e como temos feito outros anos por esta data, quixéramos poñer en relación coa nosa comarca a Carlos Casares, á figura finalmente escollida e honrada neste día.

Hai tres momentos na vida de Carlos Casares nas que o Bierzo vai estar presente dun xeito singular. O primeiro lévanos ao Ourense da posguerra onde naceu. Carlos xa é todo un mozo e, tras dunha infancia na Limia, comezaba os seus estudos nun instituto da cidade e daba os seus primeiros pasos no que ía ser unha das súas facetas máis destacadas como autor, a de contador de historias. Os seus biógrafos sinalan na descuberta do creador de contos a presenza dun home que hoxe descansa no cemiterio de Vilafranca do Bierzo, Francisco Ogando Vázquez, un home con dúas paixóns a da docencia e a das letras galegas, ámbalas dúas querencias sóuboas contaxiar a aquel rapaz. Foi este docente quen o animou a presentar un conto a un concurso literario e quen o puxo en contacto co galeguismo e a intelectualidade ourensán. O propio Carlos Casares deixóunolo dito: “O caso é que se convocou un concurso de contos e eu, que os escribía, pois mandei un par deles. Na clase de literatura, o meu profesor, que era Ogando Vázquez, dixo: “Hoxe estamos de noraboa porque lle deron un premio a un alumno do instituto” E cando me felicitou, quedei atordado. Díxome que aquel día estaba convidado a tomar café co xurado, que estaba presidido por don Vicente Risco, así que imaxínate a emoción. Deste xeito foi como o coñecín.”

O segundo dos momentos que queremos subliñar é do seu labor como galeguista a carón de Ramón Piñeiro e ligado ao espertar da actividade política da Democracia recuperada tras da morte do ditador. Un Carlos Casares deputado independente nas listas do PSdeG – PSOE que exerceu como un destacado promotor da Lei de Normalización Lingüística do 1983 da que foi redactor e na que no título V se inclúe a protección da lingua galega falada en territorios limítrofes con Galicia, como o Bierzo. Un primeiro paso para facer posible, anos máis tarde, o galego nos centros escolares da comarca. Por aqueles anos, Casares xa levaba escritas centos de columnas de opinión na prensa diaria, ingresara na Academia galega e publicara novelas de gran éxito editorial como Xoguetes para un tempo prohibido ou Os escuros soños de Clío ou inaugurar o teatro para público infantil coa obra As laranxas máis laranxas de todas as laranxas.

Carlos Casares foi un home traballador, entregado á causa da literatura e da cultura galegas. Tras dos anos como Director de Galaxia acada novos éxitos como coa novela Ilustrísima, escrita no único idioma no que el escribiu e que nestes días vén de ser traducida ao inglés, aínda que xa, en vida de Casares, fora editada en castelán e francés. Verémolo moi preocupado porque no ano que se lle dedicou o Día das Letras Galegas ao Padre Sarmiento, o Bierzo estivese presente nos actos. A prensa deixou instantáneas daquel interese nunha entrevista co edil de Vilafranca do Bierzo xestionando a presenza do Consello da Cultura, institución que presidía dende o 1996. Mais a aqueles eventos lamentablemente non chegou ao morrer repentinamente no mesmo día no que nacera o seu admirado Sarmiento e do que acabara de editar pouco antes unha magnífica biografía. Era un 9 de marzo á mañanciña do 2002. O día anterior á súa morte entregara na editorial a versión definitiva da súa obra póstuma O sol de verán.

Un dato máis de última hora como epílogo. Nas librarías de toda Galicia este 17 de maio do 2017, os títulos de Carlos Casares, o homenaxeado, comparten o escaparate cos Ensayos poéticos en dialecto berciano do noso candidato Antonio Fernández Morales, unha nova edición de Positivas, unha editorial galego berciana dirixida por Paco Macías. Unha feliz coincidencia no Día das Letras.

Héctor M. Silveiro Fernández.

No Bierzodiario
e no bierzodigital

Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 17-05-2017 06:59
# Ligazón permanente a este artigo
Un breve apuntamento sobre as letras do 2017 e o galego do Bierzo

Como xa é ben sabido a candidatura berciana para o Día das Letras Galegas 2017 non acadou os apoios necesarios no seo da Academia para conformarse como o punto de partida da celebración do Bicentenario de Fernández Morales e a segunda ocasión na que o galego do Bierzo estaría na boca de todos os galegos. Lamentamos que Fernández Morales teña que esperar para ser recoñecido como autor de pleno dereito en Galicia e facémonos eco dun de artigo referente a este tema:Morales e o galego do Bierzo poden esperar?
Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 17-08-2016 10:47
# Ligazón permanente a este artigo
DO SILENCIO DO BIERZO EN MANUEL MARíA
DO SILENCIO DO BIERZO EN MANUEL MARÍA AO BIERZO SONORO DE MORALES.



O Bierzo é unha fermosura tan perfecta
que me fire moi fondo. E que me manca.
MANUEL MARÍA

Celebramos o Día das Letras deste 2016 ollando a Galicia a través dos ollos asombrados e o sentir de Manuel María, non canta na Chá ninguén, dicía o poeta que no existir ferinte procura da súa Terra unha resposta e será dela quen atopa un son contundente, un reclamo permanente de identidade saudosa na propia fala. Manuel María é por iso un poeta comprometido e sensible que descobre nas Médulas e no seu vermello sangrante, a propia patria inmortal e eilí abríuselle a ferida do Bierzo que describe como unha bandeira na néboa azul e branca, esfarrapada, inconcreta e esvaída, unha soidá desamparada no silencio.

Magoáballe no Bierzo o silencio desa lingua irrenunciable xurdindo, coma unha árbore, do mesmo ser da terra dun xeito necesario e natural. Iso dixo Manuel María naquela festa da poesía en Vilafranca á que fora invitado e falara aos bercianos en galego. E falou de como no silencio dos Séculos Escuros un galego berciano, o Padre Sarmiento sementara escritos que, sen o prever o sabio, serían, sobre o modelo da tradición oral, coma un monte ou unha fonte daquel que o ilustrado vilafranquino chamaba o seu reino dos mil ríos e serviría para erguer ese idioma tan descoñecido de todos e tan desprezado. Terra e auga da que beberon Rosalía, Castelao ou Manuel María na procura dunha identidade. Mais Manuel María, sensible ao son das zocas ou o canto do carro, non reparou entón nos versos sonoros de Antonio Fdez. Morales, un poeta da fala da nosa xente humilde do XIX , porque apenas era coñecido e ata os anos 90 Morales foi para a crítica, galega e berciana, unha cita breve e inconcreta como a néboa...

Pero os tempos mudan, a fala dos pobos e as palabras son teimudas. De Pontevedra a Vilafranca desprazouse en 2002 a Academia para homenaxear ao erudito Sarmiento e facer visible aos galegos, e aos non galegos, esta comarca que fala, conta e canta en galego. Nun Bierzo no que día a día perdemos falantes da lingua de Sarmiento e Rosalía, para rachar con ese silencio ferinte do que se queixaba Manuel María, hoxe reclamamos un Día das Letras para Antonio Fernández Morales que, seguindo a Sarmiento e antes que Rosalía,en 1861, cantou e escribiu a esta terra berciana nun libro valente no que podemos ler miles de versos cheos de sons que luitan por non morrer:

No mesmo medio do xardín berciano
onde situada estuvo a populosa
Bergidum Flavium que o poder romano
non pudo defender da belicosa
xente goda; nun val que rega ufano
o Cúa, ó pé do Castro da Ventosa
veise unha villa do xardín delicia,
porta de flores da feraz Galicia...

Sobre túa frente de nubes gualdas
coronas teis,
dormes de flores entre guirnaldas
y o Sil bicando túas ricas faldas
corre a teus peis...

Con fala ignota vai murmurando
con muito afán
das túas neniñas o nome blando;
ou, porq´ as deixan, quizá chorando
as ondas van…

Este lugar é unha villa
franca, garrida, sencilla,
cos honores de Ciudá,
que de dous ríos na orilla
e nun val clavada está...

Cual tesoro q´ a codicia
de dous avaros escolta
con xusticia, ou sin xusticia,
tira por ela Galicia,
mais Castilla non a solta.


Coa mesma valentía e sensibilidade dos poetas, mirando ao futuro esperanzador que nace no presente, o bicentenario deste autor que se celebrará no 2017 é logo unha ocasión innegable para que bercianos e galegos definitivamente renunciemos a ese silencio ferinte ao que a historia pasada nos quixo relegar. Proclamemos xuntos aos ventos, que ignoran as fronteiras, a esencia singular deste rico patrimonio cultural que compartimos e que nos imprime personalidade, a uns e a outros,a un lado e a outro do Cebreiro.
Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 17-05-2016 10:21
# Ligazón permanente a este artigo
LETRAS GALEGAS 2015: UN SOÑO NOS LINDEIROS DA GALEGUIDADE DE FILGUEIRA VALVERDE
Celébranse as Letras Galegas no Bierzo nas aulas de galego, unhas dun xeito e outras doutro, pero todas traballaron este tema nesta semana, por exemplo, no IES Padre Sarmiento un encontro musical didáctico coa zanfona como instrumento invitado.

Tamén un colectivo como Fala Ceibe celebrou o venres 14 de maio un bonito recital poético musical en Trabadelo cuxa programación podedes consultar eiquí. E hoxe, 17 de maio, no propio día sae publicado un artigo sobre o autor homenaxeado e a súa relación co Bierzo . (acerca da foto do artigo citado que pertence á homenaxe a Sarmiento realizada no ano 1968)
Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 17-05-2015 22:35
# Ligazón permanente a este artigo
O BIERZO NAS LETRAS GALEGAS 2014: A TEA DOS SOÑOS DE DÍAZ CASTRO A GONZÁLEZ-ALEGRE.
Ano tras ano dende 1963 Galicia celebra o 17 de maio o Día das Letras Galegas. Ano tras ano tentamos descubrir a relación dos autores homenaxeados co Bierzo e como se dun arar se tratase, suco a suco comprobamos que este Día das Letras tamén é un día a celebrar desde o Bierzo porque a nosa comarca mantén un estreito vínculo coa historia da lingua e a cultura galegas. Ese antigo vencello da Gallaecia Romana, Sueva ou Medieval segue vivo ao longo dos tempos, desa saba de máis de mil anos que nos envolve e os soños dos nosos autores, deses que escribiron en galego Sarmiento, Fernández Morales, Bálgoma Suárez …

Este ano 2014 celebramos a un poeta contemporáneo de Guitiriz, a Xosé María Díaz Castro (1914-1990) un poeta descuberto e posto en valor para a intelectualidade de Galicia por outro poeta berciano, o vilafranquino Ramón González-Alegre (1920-1968).

Efectivamente non son poucas as conexiois existentes entrambos poetas. O berciano González-Alegre foi o creador e impulsor dunha revista, a revista ALBA, clave para entender o rexurdir da poesía galega da posguerra. Ás súas páxinas cun tremendo acerto, maior namoro e sorprendente intuición, o noso poeta vilafranquino foi achegando a esta publicación aos poetas novos que marcarán o camiño da poesía en Galicia dende a súa aparición no ano 1948 ata o 1956. Pois ben, foi González-Alegre quen edita por vez primeira o poema máis coñecido do hoxe homenaxeado, xermolo do seu poemario posterior. Foi na revista ALBA do ano 1950 na que da a coñecer o famoso poema Penélope co que Xosé M. Díaz Castro vai ser consagrado como un dos poemas máis destacados do momento. Na revista figuran aínda outras tres composiciois máis que logo formarán parte do seu loado libro, titulado Nimbos, que tardaría en ver a luz aínda algo máis dunha década. Será tamén González-Alegre quen no seu libro a Poesía gallega contemporánea (1954) e na Antoloxía de la poesía gallega contemporánea (1958) distinguirá a Díaz Castro como entre os máis salientables, paso fundamental para o seu recoñecemento posterior e actual.

As relaciois entrámbolos dous vai máis aló. Os dous autores comparten fórmulas poéticas semellantes. Un intimismo onde a paixón pola terra e a paisaxe, nadas na infancia, unha na Terra Chá luguesa e a outra no Bierzo, marcan a súa poesía, as súas almas de poetas. Comparten tamén a preocupación existencial e relixiosa, o seu catolicismo e un claro misticismo nos seus versos, onde asoma dun xeito moi persoal a problemática social.

O Bierzo e Galicia de novo comparten dalgún xeito a celebración a este poeta. De viviren o noso malogrado autor lembraría ao seu amigo. Que menos que os amantes da boa poesía, un día coma este, manteñamos viva a memoria e manifestemos no presente, tamén desde o Bierzo, co noso González-Alegre os valores que soubo ver en Díaz Castro como a “un verdadeiro poeta”. Ambos coincidiron tamén en reivindicar a fala dos seus, da súa terra natal e ambos expresarían de xeito semellante a súa preocupación polo devir do galego en Galicia e no Bierzo. Sentir que ecoa tamén para os bercianos nos versos do poema antes citado de Díaz Castro, pois vai andando a modiño “un paso adiante e outro atrás” mentres tecemos “a tea dos soños” e “a espranza nos nosos ollos se espreguiza”. Galicia e o Bierzo, algún día celebraremos xuntos este Día das Letras na honra de Ramón González-Alegre.

Héctor M. Silveiro Fernández, académico correspondente polo Bierzo da Real Academia Galega. 17 de maio de 2014 .
Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 18-05-2014 07:00
# Ligazón permanente a este artigo
O BIERZO NO DÍA DAS LETRAS 2013
Recollemos eiquí un artigo publicado con motivo do Día das Letras do 2013 nun enlace ao Bierzo Diario.

Acompañamos esta entrada cunha portada do primeiro dos volumes das Obras Completas de Vidal Bolaño que edita Edición Positivas,dirixida polo berciano- galego Paco Macías.
Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 18-05-2013 08:31
# Ligazón permanente a este artigo
A ALCALDESA DE VILAFRANCA NA CELEBRACIÓN DOS 50 ANOS DAS LETRAS
Onte na Coruña a Alcaldesa de Vilafranca, Concepción López, con outros 50 alcaldes e alcaldesas de Galicia celebrou o 50 aniversario do Día das Letras organizado pola Academia Galega. Podes ver enlaces na prensa:
a opinión da Coruña

diario de León

na páxina da Academia
Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 17-06-2012 08:18
# Ligazón permanente a este artigo
50 anos de LETRAS GALEGAS
Unha análise desde o Bierzo dos 50 anos de Día das Letras Galegas.
Este ano o Día das Letras festéxase especialmente en Vigo por dedicarse a Valentín Paz Andrade, un home polifacético cuxa vida podería resumirse nesta frase “Galicia como Tarefa”, que é precisamente o título dun dos seus ensaios económicos. Porque ademais dun gran poeta e ensaísta, Paz Andrade foi empresario fundador da multinacional galega Pescanova e un tamén un dos homes creadores nos anos 30 do Partido Galeguista de Castelao (amigo persoal de Valentín), ademais de sufrir a censura e o cárcere no Franquismo e ser un destacado motor na recuperación da democracia e na aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia.






Pero ademais este ano cúmprense 50 anos de celebracións do Día das Letras Galegas. O ano 1963 no que a Academia Galega comezara esta institucionalización da data escollendo un 17 de maio por coincidir co centenario da publicación dunha obra emblemática para a literatura galega como foi o libro de Rosalía de Castro “ Cantares Gallegos” (1863). Logo xa van 50 anos de celebración que serviron para homenaxear a autores, ben esquecidos ou que sendo relativamente coñecidos estaban parcialmente estudados, ou ben simplemente eran referentes dignos da difusión e popularización da súa obra.
Este vén sendo un dos maiores logros desta celebración en Galicia, mesmo tamén no Bierzo. Se lembramos o ano 2002 cando a Academia se trasladou a Vilafranca a honrar ao Padre Martín Sarmiento na súa vila natal, recordaremos que ese ano foi moi significativo para a historia do galego na comarca, a pesar de estar fóra da Galicia Administrativa, porque, entre outras cousas, o galego comezou a impartirse nas aulas dos centros de ensinanza bercianos. As Letras Galegas lograron ser un revulsivo mesmo para os galego-falantes e amigos desta lingua no Bierzo da que nos sentimos formando parte, pertencentes a esa cultura que usamos historicamente como propia. O galego forma parte da nosa identidade como podemos constatar nos escritos do autor Antonio Fernández Morales, o noso máis firme candidato para realizar unhas futuras Letras Galegas de novo no Bierzo, pero tamén polas 1000 familias que apostan a día de hoxe polo ensino do galego na nosa comarca e por aqueles miles de bercianos que o falamos a diario a pesar de ser un idioma pendente dun proceso de normalización do seu uso en muitos ámbitos da nosa vida.
Aínda que días de celebración como o presente son útiles e necesarios, son tan importantes para a conservación da lingua o seu emprego diario, a súa defensa cada vez que por descoido ou cerrazón alguén atente contra esa riqueza lingüística da que somos herdeiros e da que debemos saber ser defensores para poder ofrecerlle este valor patrimonial nas mellores condiciois posibles aos bercianos do século XXI.

Héctor M. Silveiro Fernández,
Membro correspondente polo Bierzo da Real Academia Galega.

Podes consultar nesta páxina da Voz de Galicia o contido do seu suplemento Culturas do pasado 12 de maio dedicado aos 50 anos do Día das Letras Galegas cun pequeno texto dediccado a cada autor homenaxeado dende o ano 1963 ata o 2012 e diversas reportaxes adxuntas.

Esta iniciativa pode verse tamén diariamente na TVG, posto que se emite despois do telexornal do medio día. O programa chámase GALICIA LETRA A LETRA
Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 05-06-2012 20:24
# Ligazón permanente a este artigo
CADERNO DIDÁCTICO SOBRE MORALES
Con motivo do Día das Letras Galegas do 2011

PRESENTACIÓN DO CADERNO DE TRABALLO ESCOLAR SOBRE FERNÁNDEZ MORALES

Ao celebrarse no ano 2011 o 150 aniversario da publicación dos “Ensayos poéticos en dialecto berciano”(1861), a Asociación Cultural Escola de Gaitas de Vilafranca do Bierzo e máis a Comisión Cultural Martín Sarmiento presentan a primeira parte dun CADERNO de TRABALLO de propostas didácticas dirixidas a distintos niveis escolares (Primaria, a ESO e Bacharelato). Os contidos foron elaborados polo académico correspondente polo Bierzo da Academia Galega, Héctor M. Silveiro Fdez. Para a súa elaboración conta cunha axuda da Secretaría Xeral de Política Lingüística dependente da Consellaría de Educación da Xunta de Galicia.

As actividades previstas son as que seguen:

Luns 16 de maio

En Ponferrada:
- Ás 11 h. ROLDA DE PRENSA, para os medios de comunicación do Bierzo.
En Vilafranca:
- Presentación nos centros educativos de Vilafranca, CEIP. S. Lorenzo de Brindis e IES. Padre Sarmiento, ao longo da xornada lectiva da mañá.

En Cacabelos:
- Ás 16,30 Presentación do Caderno e do Proxecto aos mestres e profesores de galego no Bierzo.
cidindo co Día das Letras .

Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 15-05-2011 12:07
# Ligazón permanente a este artigo
MORALES NON PUIDO SER
Lois Pereiro descalbagou a Fernández Morales podedes ver a crónica da Voz de Galicia
Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 27-06-2010 22:01
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal