O MEGO DA ESCOLA


Blog da Comisión Cultural MARTÍN SARMIENTO de Vilafranca para a potenciación do uso do galego nos centros do ensino no Bierzo e a promoción dos Intercambios escolares Bierzo-Galicia.

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

Do 2011 ao 2012 máis galego nas escolas do Bierzo
Facendo balanzo do ano 2011 como un ano con moi boas perspectivas para o ensino de galego nos centros educativos do Bierzo porque segue aumentando no presente curso académico 2011-12 a matrícula de alumnos de galego nas escolas e institutos do Bierzo, medrou a matrícula en case todos os centros onde se imparte esta materia optativa. Tamén hai que dicir que naqueles outros nos que se mantén estable o número de matriculados, como o IES Padre Sarmiento de Vilafranca o galego goza de boa saúde como demostra o feito de nas probas do CELGA, o Certificado de Lingua Galega oficiais que convocou a Xunta Galicia no Bierzo foron superadas con moi boa nota, mesmo no nivel 4, destacando os alumnos deste instituto da vila do Burbia.

Sabemos que poden e deben superarse na implantación deste programa, carencias e deficiencias detectadas e denunciadas ao longo destes dez anos, as relacionadas co proceso da xestión de matricula melloraron considerablemente neste ano, pero seguen sen ser satisfactorios procesos de información a pais e a alumnos ao depender en gran medida dos propios centros, ás veces das súas directivas e non optar polas recomendaciois que se veñen facendo desde as máis diversas instancias ( Academia Galega, Procurador do Común de Castilla y León, profesorado e colectivos culturais) que demandan unha información obxectiva promovida desde a administración educativa ( carteis, dípticos e charlas de promoción do programa).

Este ano coincidindo co 150 aniversario da publicación dos “Ensayos poéticos en dialecto berciano” de Antonio Fernández Morales ademais de presentarse un Caderno de Propostas didácticas titulado “ O Rexurdimento do Galego no Bierzo” centrado na difusión, estudo e actividades didácticas sobre este autor destinado a distintos niveis da ensinanza, homenaxeouse ao poeta con motivo da celebración da 6ª Escola Permanente “Fermín Penzol” que organiza a Universidade de Vigo e na que participaron diversos estudosos da vida e da obra de Morales e da fala galega do Bierzo. Precisamente na clausura deste evento celebrado no mes de outubro, realizouse o estreo dunha composición musical para banda e coro que baixo o título de Cantigas bercianas está baseada en tres poemas de Fernández Morales dedicados a Vilafranca, Cacabelos e Ponferrada que foi gravada para ser editado un DVD que neste últimos días do ano 2011 saíu á venda.Un fermoso agasallo para estas datas e co que comezar o ano 2012 co desexo que siga gozando o galego no Bierzo de boa saúde.
Comentarios (0) - Categoría: FERNÁNDEZ MORALES - Publicado o 05-01-2012 09:03
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Diferenza entre o galego e o leonés
Valéndonos destes dous vídeos podemos ter unha lixeira idea das linguas históricas que están en contacto no Bierzo. Bótalles unha ollada:





Pola contra no Caurel falan practicamente igual ca no Bierzo galego falante. Comprobémolo neste vídeo:

Comentarios (0) - Categoría: O GALEGO NOS CENTROS DO BIERZO - Publicado o 06-12-2011 20:47
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Celebrada a 6ª Escola Fermín Penzol sobre Fernández Morales

Esta fin de semana pasada celebrouse en Cacabelos e Ponferrada a 6ª Escola permanente Fermín Penzol que organizou a Universidade de Vigo coa colaboración da Xunta de Galicia e diversos concellos e entidades do Bierzo.

Tiveron especial relevancia porque os distintos ponentes foron desvelando interesantes novidades para o estudo tanto da vida como da obra de Morales. Ademais houbo ponencias dedicadas ao galego do Bierzo e a súa relación co galego estándar, sobre a lexislación e os dereitos lingüísticos dos bercianos, sobre a aplicación da obra de Morales en terreos como a ecoloxía e a biocultura ou a elaboración de propostas didácticas sobre os "Ensaios poéticos en dialecto berciano" para os máis de 1000 alumnos do galego no Bierzo.
Un capítulo moi emotivo foron tamén a colocación dunha placa na casa de Cacabelos onde vivíu longas tempadas e morreu Antonio Fernández Morales ou a estrea dunha obra para Banda e coros sobre textos dos poemas dedicados a Vilafranca , a Ponferrada e Cacabelos do noso poeta, así como tamén a xa tradicional ofrenda no cemiterio da Edrada ao pé da tumba do autor dos versos máis fermosos que se compuxeron á terra berciana e ás súas xentes en galego do Bierzo.
Invitamos a que botedes unha ollada á reportaxe fotográfica destes actos que aparece no blog Morales 2011.
Comentarios (1) - Categoría: FERNÁNDEZ MORALES - Publicado o 11-10-2011 08:31
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
A 6ª ESCOLA PENZOL EN HOMENAXE A MORALES
Este ano a poucos días de comezar o curso escolar 2011-12 convócase a 6ª ESCOLA FERMÍN PENZOL no Bierzo que desenvolverá unha edición monográfica en homenaxe a Antonio Fernández Morales ao cumprirse os 150 anos da publicación do seu libro "Ensayos poéticos en dialecto berciano"

Para todos os interesados e curiosos que queiran saber os actos programados e os títulos das distintas ponencias que se van presentar, mesmo o escenario onde vai ter lugar o gran estreo da obra coral composta especialmente para este evento sobre certos poemas de Fernández Morales,poderá consultar o programa completo nas seguintes direciois:

morales2011

uvigo.es
Comentarios (0) - Categoría: FERNÁNDEZ MORALES - Publicado o 26-09-2011 00:01
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
INFORME DE URXENCIA
Informe de urxencia sobre o Programa de Promoción do Galego nos centros de ensinanza do Bierzo

Un informe que foi enviado á Administración Educativa nestes días nos que están realizándose as matrículas para o curso 2011/2012 que será o décimo no que se imparta de xeito optativo gaelgo nos centros docentes do Bierzo. Unha nota de prensa enviada por Héctor M. Silveiro Fernández, como académico correspondente da Real Academia Galega, que reproducimos a continuación explicaba os obxectivos e contidos deste informe:

"Redactamos este informe de urxencia antes de que comece o que será o décimo ano de aplicación exitosa do Programa para a Promoción do Idioma Galego nos centros do Bierzo. A intención que nos move é a de superar os defectos, dinámicas que se veñen repetindo e denunciando, a pesar de chegar a ter 1000 alumnos/as matriculados. O Informe invita a pensar nunha revisión que garanta unha mellora substancial, en sintonía con outras denuncias aparecidas nestes días e por coherencia con outras propostas de mellora que temos enviado en anteriores cursos dirixíndose ás autoridades educativas tanto de Castilla y León como de Galicia.
O desenvolvemento natural do Programa cremos que ten hoxe tres grandes atrancos para medrar e asentarse firmemente na nosa comarca:

1) A falta de información obxectiva que chegue realmente a totalidade dos alumnos/as bercianos sobre o dereito a matricularse e os beneficios de cursar a optativa de galego.
2) A oposición de certos cargos directivos que veñen estando dispostos a boicotear o seu avance nas denominadas charlas informativas das ofertas educativas e/ou no proceso de matrícula nos centros de ensinanza.
3) A pasividade das administracións educativas tanto de Castilla y León, como de Galicia que lonxe de corrixir estes defectos permiten que se repitan curso tras curso crendo tensións innecesarias.

Pola contra e por fortuna, este Programa conta con dous grandes aliados:
1) A cidadanía berciana que soubo captar as vantaxes que ten para o futuro dos seus fillos e fillas, esas máis de 1000 familias sensibles a este enriquecemento que supón esta optativa e que apoian o programa a día de hoxe.
2) Os propios profesores de galego comprometidos co seu desenvolvemento, a súa divulgación e bo resultado do mesmo.

Unha das cuestións máis urxentes a solucionar sería polo tanto que non se impida de ningún xeito exercer por activa ou por pasiva un dereito a cidadáns que deberían estar obxectivamente informados e deberían estar libres á vez de dirixismos totalmente arbitrarios como vimos apuntando.

Tres son as actuacións de urxencia que propoñemos e detallamos no informe:

1) UNHA IMPLICACIÓN REAL DA ADMINISTRACIÓN EDUCATIVA NO DESENVOLVEMENTO DO PROGRAMA.
Que se dea un novo impulso ao Programa coa incorporación de novos centros ao mesmo e que se organicen reunións cos pais e nais dos alumnos destes centros bercianos onde aínda non se imparte para informarlles do contido e as vantaxes que supón cursar este Programa. Que ditas reunións poidan ser organizadas polos profesores do Programa avalados para tal fin pola Administración Educativa, xa que estes poden aclararlles moitas das dúbidas referidas aos aspectos máis prácticos e estritamente docentes do mesmo.

2) UNHA CAMPAÑA DE INFORMACIÓN DO PROGRAMA PROMOVIDA DESDE A ADMINISTRACIÓN EDUCATIVA
Toda a comunidade escolar berciana ten dereito á información adecuada e efectiva sobre a oferta educativa da materia do idioma galego nos seus centros educativos. Esta campaña institucional debería constar de publicidade nos medios de comunicación (prensa, televisión, radio e internet), cartelería específica nos colexios e institutos, e folletos de reparto individualizado entre o alumnado e as súas familias. Neste sentido, recordamos que ante as denuncias sobre a falta de información do Programa unha Resolución do Procurador do Común de Castilla y León, de 12 de novembro de 2004, xa instaba ao “incremento de la publicidad de la enseñanza de la lengua gallega a través de trípticos informativos, carteles y cualesquiera otros medios o instrumentos que se consideren oportunos”. Consideramos que a Consejería de Educación, sete anos despois, coincidindo co décimo ano do programa podería realizar esta actuación acorde co contido daquela resolución. Dita campaña podería ser sufragada a medias coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta.

3) UN MODELO ÚNICO DE MATRÍCULA
Trátase de que a Consejería de Educación formalice a oferta de galego, cun modelo de matriculación uniforme para os centros escolares do Bierzo. Ademais incluiría información adicional sobre a titulación que adquiren os alumnos que cursan o programa, titulación oficial de Galicia (títulos CELGA) que se conseguirá ao final de cada nivel educativo superado. Trátase de que a Junta de Castilla y León garanta un currículo escolar no que o alumnado berciano que así o desexe poida escoller o galego na educación non universitaria.

Preséntanse ademais unha batería de propostas a poñer en marcha a curto prazo para ir solucionando outras eivas detectadas na implantación do Galego optativo nas aulas:

Un calendario de discusión e de dinamización do Programa para o curso 2011/12 na liña de crear unha materia optativa de lingua galega en todos os niveis educativos seguindo os criterios que establece a Carta Rexional das Linguas minoritarias de Europa; recuperación dos intercambios de centros galegos e bercianos, e un acto de celebración do Décimo curso da Promoción do galego no Bierzo, delimitación de garantías e programación do Profesorado de Galego así como crear unha estrutura permanente e o tempo precisos para vertebrar e coordinar aos docentes como grupo de traballo, seguimento da xestión dos títulos CELGA no Bierzo entre outras propostas.

Deste informe, do que esta nota é un breve resumo, ten coñecemento a propia Presidencia da Real Academia Galega, foi remitido ao órganos competentes da Consejería de Educación de Castilla y León tanto de Valladolid como de León, mesmo de Ponferrada, ademais da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellaría de Educación da Xunta de Galicia coa vista posta no desenvolvemento pleno do potencial que este Programa presenta para a nosa comarca."


Comentarios (1) - Categoría: O GALEGO NOS CENTROS DO BIERZO - Publicado o 04-07-2011 20:08
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
BURVAL E AS UNIVERSIDADES DE VIGO E LEÓN POLO PATRIMONIO NATURAL DO BIERZO
Os días 1, 2 e 3 de xullo reunironse en Vilafranca do Bierzo baixo o título Patrimonio natural do Bierzo: conservar o pasado para construír o futuro O curso de extensión Universitaria que coordinan as Universidades de León e Vigo conta coa colaboración e a iniciativa da asociación vilafranquina BURVAL.


O programa é o que segue:

DÍA 1 de Xullo

12:00 – Entrega de documentación aos asistentes.
12:30 – Inauguración do curso: Excmo. e Magnífico Sr. Rector da Universidade de Vigo. Excmo. y Magnífico Sr. Rector de la Universidadde León. Excma. Alcaldesa de Vilafranca do Bierzo
Presentación do Vídeo: Visita guiada ao Museo de Ciencias Naturais e Etnográfico dos PP. Paúles de Vilafranca do Bierzo (León). Josefina Garrido González e José Eduardo Nieto Santín.
16:30 – Os materiales arqueolóxicos do Museo de Ciencias Naturales r etnográfico dos PP. Paúles de Vilafranca do Bierzo (León). Carlos Fernández Rodríguez – Univ. de León
18:30 – Plantas entre dous mundos; flora e vexetación do Bierzo. J. María Sánchez Fernández – Univ. de Vigo

DÍA 2 de Xullo

9:30 – Aproveitamento mineiro dos recursos xeolóxicos do Bierzo. Javier Taboada Castro – Univ. de Vigo
11:45 – Especies exóticas invasoras de invertebrados. Casos no Bierzo. Luis Felipe Valladares – Univ. León
16:00 – Carnívoros da montaña Cantábrica e do Bierzo. Métodos xerais de estudo. Benito Fuertes Marcos – Univ. de León
18:15 – O souto, cara a recuperación dunha paisaxe biocultural. Alfonso Fernández-Manso – Univ. de León

DÍA 3 de Xullo

9:30 – Proxecto Life Margal Ulla: conservando o mexillón de río, recuperando o río. María Paz Ondina Navarret – Univ. Santiago de Compostela
11:45 – Repercusión do cambio climático na vida cotiá. Salvador Fojón Polanco – Univ. de A Coruña
15:00 – Excursión ás Médulas [Patrimonio da Humanidade]. Clausura do curso.

Para maior información:

http://webs.uvigo.es/jgarrido/noticias.es.html

http://apv.uvigo.es/cursos_extension/publico/publico.php?funcion=amosa_info_curso&tipo=1&id_curso=517

http://www.unileon.es/cursos

Os expertos da universidade de Vigo súmanse á mobilización da plataforma "Salvemos o Bierzo" contra a planta de incineración de Cosmos.
Comentarios (0) - Categoría: BIERZO NATURAL - Publicado o 04-07-2011 20:01
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Unha nota de prensa sobre a matrícula de galego nos centros do Bierzo
O profesorado de Galego fixo chegar á prensa as seguintes denuncias sobre a falta de información e o dirixismo por parte dalgúns centros de Secundaria no proceso de matrícula que se abre e que intenta que o programa que ata o de agora foi un éxito se veña abaixo. Pódese ler no Bierzo dixital ou no Diario de León.

Queremos logo facernos eco destas denuncias e apoialas para evitar que alumnos/as futuros deste programa se deixen influenciar por tan pouco profesionais actuaciois de alguis equipos directivos docentes do Bierzo. O dereito que teñen a recibir clases de galego polo convenio acordado entre a Xunta de Galicia e a Junta de Castilla y León só aporta vantaxes e beneficios aos que o cursan en Secundaria como pode ser recibir unha titulación(CELGA)ao rematar a ESo que os diferenza dos que non se matriculen e que abre portas moi válidas no futuro laboral destes alumnos/as. A información sobre o programa debe estar ao alcance de todos os alumnos/as do Bierzo porque é un dereito que teñen, do que se poden beneficiar e do que non se debe obstaculizar o seu exercicio.
Ademais desta denuncia distintas entidades bercianas tamén denuncian unha situación de desinformación e manipulación.
Esta nota tivo ampla difusión na prensa escrita. Podes consultar o comunicado enteiro en bierzodiario ou en infobierzo, ademais doutra nota da Mesa pola Normalización Lingüística. A problemática ten repercusións mediáticas fóra da nosa comarca, tanto en León como en Galicia en distintos medios.
Comentarios (1) - Categoría: O GALEGO NOS CENTROS DO BIERZO - Publicado o 23-06-2011 06:53
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
CADERNO DIDÁCTICO SOBRE MORALES
Con motivo do Día das Letras Galegas do 2011

PRESENTACIÓN DO CADERNO DE TRABALLO ESCOLAR SOBRE FERNÁNDEZ MORALES

Ao celebrarse no ano 2011 o 150 aniversario da publicación dos “Ensayos poéticos en dialecto berciano”(1861), a Asociación Cultural Escola de Gaitas de Vilafranca do Bierzo e máis a Comisión Cultural Martín Sarmiento presentan a primeira parte dun CADERNO de TRABALLO de propostas didácticas dirixidas a distintos niveis escolares (Primaria, a ESO e Bacharelato). Os contidos foron elaborados polo académico correspondente polo Bierzo da Academia Galega, Héctor M. Silveiro Fdez. Para a súa elaboración conta cunha axuda da Secretaría Xeral de Política Lingüística dependente da Consellaría de Educación da Xunta de Galicia.

As actividades previstas son as que seguen:

Luns 16 de maio

En Ponferrada:
- Ás 11 h. ROLDA DE PRENSA, para os medios de comunicación do Bierzo.
En Vilafranca:
- Presentación nos centros educativos de Vilafranca, CEIP. S. Lorenzo de Brindis e IES. Padre Sarmiento, ao longo da xornada lectiva da mañá.

En Cacabelos:
- Ás 16,30 Presentación do Caderno e do Proxecto aos mestres e profesores de galego no Bierzo.
cidindo co Día das Letras .

Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 15-05-2011 12:07
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Crónica da Festa do Maio 2011

Este ano a Festa do Maio sufriu as inclemencias do tempo. O programa comezou o día 30 coa preparación da Ronda teatreira este ano dedicada a Fernández Morales no 150 aniversario dos "Ensayos poéticos en dialecto berciano", que tivo que realizarse a cuberto, no Teatro tamén decimonónico de Vilafranca onde se representaron pequenas escenas dramatizando poemas como "Villafranca y a Vendima", " N´a volta da sega" e "A boda de Petriña" ademais dalgún dos epigramas compostos en castelán. Os textos nos que o grupo de Teatro Local ían intercalándose coa música da música da Escola nun teatro cheo de xente que presentaba un aspecto florido. lo go viñeron as intervenciois musicais dos grupos da Escola de Música municipal, dalguis dos máis veteranos membros de Orión e do grupo arousán invitado Borderline 79.



Foi unha xornada divertida que preludiaba un día 1º de maio alegre ao que tamén acompañou a chuvia. Esta non foi quen de impedir que tres grupos de maios ( o das Veigas, o do Castelo e o da Rúa da Auga)



percorreran as rúas de Vilafranca como todos os anos, aínda que tivo que ser ás veces baixo cuberto (baixo os paraugas) os claros que houbo permitiron o esperado encontro de todos eles na Praza Maior.
Comentarios (0) - Categoría: BIERZO TRADICIONAL - Publicado o 03-05-2011 05:44
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Nova saída didáctica de 116 alumnos/as de galego a Galicia

Como xa vén sendo habitual no programa de introduvción do galego nos centros do Bierzo, aparece esta saída cultural a Galicia deseñada dende a secretaría Xeral de Politica Lingüística da Xunta para que os alumnos/as de galego do Bierzo coñezan e teñan un contacto directo coa realidade galega e a súa cultura. Podemos ver dpolo de agra unha reseña na páxina oficial de Política Lingüística. Estamos á espera dunha fotos e unha crónica realizada nos propios centros participantes.
Esta crónica que segue está realizada por alumnos do IES Europa que participaron na viaxe a Galicia:


Como en anos anteriores, os alumnos de galego fixemos unha viaxe a Galicia de tres días, xunto cos nosos compañeiros de Vilafranca, Cacabelos e Ponferrada.

1º día: Ponferrada – Gandarío – A Coruña

Saímos de Ponferrada ás 8.45 e chegamos ao albergue de Gandarío, en Sada, ás 12horas. Recibíronnos os monitores e, tras un xogo de presentación, fomos xantar. Pola tarde, marchamos á Coruña para visitar a Domus,; o que máis nos chamou a atención foi unha cinta na que poñías a fronte e dependendo do tranquilo que estiveras, movíase unha bóla cara ao teu lado ou cara o outro.
Despois, fomos ao Acuario, no que vimos focas, tabeiróns e moitos máis peixes. E finalmente, a Torre de Hércules, un dos faros máis antigos e patrimonio da Humanidade. Estaba moi bo día pero case voabamos co vento que facía ao lado da Torre.
Cando regresamos ao albergue, estabamos todos con moita fame. Despois de cear, os monitores prepararon un xogo no que tiñamos que buscar unha persoa en especial para superar a proba que nos puxese. E despois da unha, a durmir.
2º día: Santiago de Compostela – Duna de Corrubedo – Castro de Baroña – Mar de Lira – Carnota
O primeiro que fixemos, ao levantarnos, vestirnos e tra salmorzar, marchamos para Santiago de Compostela, onde nos recibiron no Museo Pedagóxico. E despois, xa nos diriximos ata o complexo dunar de Corrubedo, onde puidemos observar a enorme duna. Despois de Corrubedo, fomos visitar o castro de Baroña, un castro ao lado do mar, alí, ademais, vimos ao lonxe golfiños. Máis tarde, comemos e fomos ata a praia de Lira, preto de Carnota, onde nos ensinaron embarcacións antigas e as mariscadoras nos contaron cousas do seu traballo. Facía moi bo tempo e chegou un dos momentos máis divertidos: na praia de Lira puidémonos bañar , montar en kayak e en planeadora. Xa de noite, volvemos ao albergue de Gandarío onde ceamos e ao acabar fixemos unha festa.


3º día: Ferrol – Cabanas – Ponferrada
O último día fomos a Ferrol, vimos os barcos e a ría e percorremos as rúas do barrio da Madalena. A anécdota do día foi o ataque das pombas na praza de Armas e unha señora bailando; foi moi divertido. Despois dirixímonos a un piñeiral ao lado da praia de Cabanas, onde comemos. Ás catro fomos deixar á xente. E, despois de tres días de viaxe, de novo no Bierzo. Ata outra!

Texto: Aitor, Estela e Urz (1º ESO). Fotos: Laura (2º ESO)

Comentarios (0) - Categoría: O GALEGO NOS CENTROS DO BIERZO - Publicado o 27-04-2011 20:08
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
© by Abertal