O Colectivo Cultural Ollomao é unha iniciativa múltiple, aberta e plural, con carácter de compromiso e vocación de continuidade, que xurdiu ante unha necesidade básica para calquera sociedade desenvolvida: o dereito á cultura dos seus cidadáns. O ser do Colectivo Cultural Ollomao ten que ver co fomento e difusión da cultura galega e o achegamento a outras culturas dende a cultura propia.







O meu perfil
colectivo.cultural.ollomao@gmail.com
 ARQUIVO




O Apalpador estará a partir das 18:30 horas na praza do Concello, en San Cosme de Barreiros, e volverá a agasallar a todas e todos as nenas e nenos cunha prantiña dunha árbore autóctona.

O Colectivo Cultural Ollomao organiza, por segundo ano, unha xornada en torno á figura do Apalpador. Co gallo das datas do Nadal, este xigante carboeiro baixa das montañas luguesas para visitar as casas das nenas e nenos. Conta a tradición que o Apalpador chega cargadiño de castañas que lles deixa ás e os pequenos da casa tras apalparlles as barrigas, e a aquelas que están cheas dilles “Así, así esteas todo o ano”.

O Apalpador visitará Barreiros o vindeiro domingo: entre as 11:30h. e 12:30h. percorrerá parte do concello barreirense anunciando da súa chegada, e pola tarde, ás 18.30h. estará na Praza do Concello para traernos a voz das nenas e nenos do Caurel; voces que recolle durante todo o ano para divulgar entre a xente con contos, lendas e historias, a riqueza cultural, etnografía e personaxes mitolóxicos galegos. O Apalpador transmite ademais un compromiso coa natureza, xa que explica como, debido ao lixo e ao lume, se atopa con tremendas dificultades para viaxar ás casas dos meniños e meniñas. Por esta razón, o Colectivo Cultural Ollomao e o Apalpador volverán obsequiar ás nenas e nenos cunha pranta dunha árbore autóctona para que lle axuden na súa labor de recuperar os bosques galegos.

A chegada do Apalpador estará tamén acompañada de música galega. O colectivo barreirense achega a Barreiros o “TicTac”, primeiro libro-disco de Pablo Díaz Carro, adicado especialmente ás e os máis pequenos.

Para Ollomao, esta xornada constitúe un xeito de divulgar as tradicións e a cultura galegas, como un xeito de coñecer e pór en valor o propio de cara a normalizar as nosas tradicións; moito menos normalizadas e desprazadas por outras conmemoracións asumidas polo conxunto da sociedade. Para o Colectivo Cultural Ollomao é unha prioridade absoluta que a sociedade galega coñeza as propias tradicións e daí o seu compromiso coa recuperación e a normalización das mesmas, compromiso que tenta transmitir na súa actividade habitual.


A figura do Apalpador


O Apalpador é un personaxe mítico galego que baixa polo Nadal a levarlles os agasallos aos nenos e nenas. Entra de noite nos seus cuartos cando están durmidos e apálpalles a barriguiña por ver se están mantidos e déixalles, ademais de outros regalos, unha presa de castañas.
Ten un tronco común con outras tradicións europeas e do norte do Estado español(Olentzero basco e Esteru astur-cántabro) e probablemente a mesma orixe, pero que desgrazadamente en Galiza estaba practicamente esquecido. O rito da Noite do Apalpadoiro foi descrito por varios estudosos e a figura do personaxe refírese na zona da montaña luguesa e, nomeadamente, no Caurel. No oriente ourensán existen referencias a este personaxe aínda que, nalgúns casos, con outros nomes e, noutros, con atribucións menos simpáticas como son as de espantar aos nenos. Porén os traballos de divulgación que se teñen levado a cabo nos últimos anos, pretenden espilo das deturpacións que ben poden responder a superposicións pouco afortunadas doutros costumes e quedarse co concepto positivo do personaxe e co seu agarimo.
Comentarios (0) - Publicado o 26-12-2012 20:32
# Ligazón permanente a este artigo
II Xornadas de Historia Local: AO SON DO MASMA.

Nesta ocasión, como broche dun ano de actividades centradas nos ríos do concello e, especialmente, no río Masma; enfocamos estas xornadas na importancia que tivo e pode volver ter o río que percorre o concello barreirense. Durante este ano realizamos diversas actividades co obxectivo de coñecer e pór en valor o Masma e os outros ríos do concello: centramos o certame fotográfico nos ríos, fixemos varios roteiros ao seu carón, etc. Neste sentido, o título das xornadas coincide co do festival que, impulsado por Ollomao e Tumba e Dálle, se puxo en marcha este mesmo ano, enmarcado nesa mesma liña de posta en valor do río: Ao Son do Masma.

Cremos que os ríos son unha parte fundamental da paisaxe e tamén da economía e a sociedade en xeral, e dende Ollomao vemos con preocupación que se teñan recursos desaproveitados e se estean perdendo oportunidades de desenvolvemento, por iso pretendemos que a xente poida coñecer o noso río, poñelo en valor e, con iso, aproveitalo como recurso en múltiples aspectos (pesqueiro, turístico, económico, ocio, etc).

Para debullar na historia, presente e pasado dos ríos (e do Masma en particular) contaremos coa presenza de Manuel Soto Castiñeira, que abrirá as xornadas presentando unha ponencia que leva por título O tempo dos ríos, o tempo da auga. Nela, este catedrático de enxeñaría química da Universidade da Coruña, Director da Revista CERNA – Revista Galega de Ecoloxía e Medio Ambiente-, coordinador da ILP dos Ríos e co-autor do libro O tempo dos ríos; revisará a problemática ambiental e social da actual xestión da auga e dos ríos, desde o punto de vista da chamada Nova Cultura da Auga. A continuación, ás 17:15, o Alcalde de Allariz, Francisco García, presentará o modelo de desenvolvemento que se levou a cabo nese concello ourensán (con características poboacionais ben similares a Barreiros) arredor do río Arnoia e como isto foi eixo de desenvolvemento económico, social e cultural do municipio. A partir das 18:30, terá lugar unha mesa redonda sobre o Masma, na que tomarán parte o veciño de Celeiro e gran coñecedor do río Masma, Javier Fraga; o cronista oficial de Foz, Jesús Fernández; o presidente da asociación de pescadores do Masma, Audítor Rodríguez e un ex-traballador da antiga fábrica de luz, Franciso Salvatierra. Con esta actividade pretendemos que a xente recorde, ou nalgún caso coñeza, o que foi o Masma no seu momento: un dos ríos salmoneiros máis importantes, con unha central hidroeléctrica, con astaleiros, un lugar de ocio... e, con iso, reflexionemos no que podería ser a día de hoxe e o recurso tan importante que se está desaproveitando.

Dende Ollomao animamos a todas as persoas que teñan algún recordo do Masma, que queiran coñecelo ou que desexen ver o que foi, o que é e o que podería ser, a participar nestas xornadas, nas que tamén haberá tempo, por suposto, para un coloquio aberto a todas as veciñas e veciños que acudan. Para nós é fundamental que a xente vexa que o Masma, neste caso, é o noso río, de todas e todos nós e que entre todas e todos podemos darlle o trato que merece e convertelo nun verdadeiro dinamizador local. Como complemento das ponencias e a mesa redonda, as Escolas de Celeiro acollerán ese día tamén unha pequena exposición de fotos antigas do Masma.
Comentarios (0) - Publicado o 26-12-2012 17:43
# Ligazón permanente a este artigo
QUE É OLLOMAO PARA BARREIROS?
Cuadrilla Vella de pescadores do Río Masma. 1920.
Ollomao naceu en Barreiros un 15 de Xullo do ano 2006, gosta de perderse por sendeiros descoñecidos da xeografía barreirense, escoita con atención a conversa das persoas máis vellas e goza transmitíndolla ás máis novas. Defínese galegofalante e ama a cultura galega por enriba de calquera outra cousa. Ollomao ten algo máis de 6 anos, aínda está en estado de cría pero tamén está de bo ano.

Ten pouco percorrido de vida pero pola contra xa é quen de contar ben vivencias: con tan só uns mesiños de vida puxo voz á historia daquelas e aqueles barreirenses demócratas expulsados da casa consistorial polo golpe militar e, pouco despois, ás e aos emigrantes a quen debemos boa parte do patrimonio popular, arquitectónico e simbólico. Foi tamén quen de reunir a centos de persoas para render homenaxe a Antón Moreda, barreirense, ata entón case no esquecemento, e ademais, quixo que o Apalpador visitara Barreiros e para recibilo xuntou unha morea de amiguiñas e amiguiños da súa mesma idade e case cen carballiños que hoxe medran en terras barreirenses.

Ollomao tén ademais unha debilidade: o río Masma. Sente pena cando ve todo o que ese, máis que un río, chegou a ser e o estado de abandono no que se atopa hoxe en día, así que tentou poñerlle remedio adicándolle varias das súas actividades: retratouno, organizou limpezas e paseos polos seus arredores para mostrar a todas as persoas o seu estado e a súa beleza escondida; arrimou ombreiro cos seus amigos e amigas tumbeiros (Tumba e Dálle) e foron xuntos “Ao Son do Masma” para que soara ben forte e alto o primeiro festival de música galega que se celebrou no concello. E agora, coa inquedanza de seguir coñecendo máis, Ollomao quere despedir o ano 2012 cun encontro de todas aquelas persoas que teñan algo que contar sobre a historia deste noso río para devolverlle o son que nunca debeu perder.

Pero todo canto fai Ollomao, faino por amor, por amor ao seu pobo, á cultura, ao teatro... Igual que o fixeron todas aquelas persoas que formaban parte do Plantel de Extensión Agraria de San Miguel de Reinante e que no ano 71 decidiron darlle vida a aquel papeliño de Castelao no cal, aínda que non moi dacordo con el, afirmaba que “Os vellos non deben namorarse”. 41 anos despois, Ollomao tén entre mans unha responsabilidade moi grande: volver namorar a toda a veciñanza cunha nova representación deste clásico interpretado polas xentes de Barreiros. Será o 4 de Xaneiro en San Miguel de Reinante e será así como inaugure un novo ano. Un máis, soamente, de tantos que lle quedan de vida a quen non fixo máis que comenzar a andar.
Comentarios (1) - Publicado o 22-12-2012 20:26
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal