O Colectivo Cultural Ollomao é unha iniciativa múltiple, aberta e plural, con carácter de compromiso e vocación de continuidade, que xurdiu ante unha necesidade básica para calquera sociedade desenvolvida: o dereito á cultura dos seus cidadáns. O ser do Colectivo Cultural Ollomao ten que ver co fomento e difusión da cultura galega e o achegamento a outras culturas dende a cultura propia.







O meu perfil
colectivo.cultural.ollomao@gmail.com
 ARQUIVO

V Certame fotográfico Enfocando Barreiros: Comado no obxectivo.

O Colectivo Cultural Ollomao convoca a quinta edición do Certame fotográfico Enfocando Barreiros. Nesta ocasión coa finalidade de colaborar na promoción das actividades que contribúen á dinamización do noso concello, Ollomao súmase á carreira “Monte Comado Trail + ½ km. vertical”, centrando nesta e nas paisaxes do percorrido da mesma, a temática deste certame.

A carreira “Monte Comado Trail + ½ km. vertical”, organizada pola Peña Barcelonista San Miguel, Asociación Comisión vecinal Santiago de Reinante, Actibot e o Café Bar Moderno-Hotel Ría do Masma, terá lugar o vindeiro domingo 11 de outubro a partir das 10 da mañá. O punto de saída da mesma será a Praia de Arealonga, en Santiago de Reinante, localidade da cal se atravesan varios camiños e se continúa ata a meta da carreira, no punto máis alto do monte Comado.

Dende o Colectivo Cultural Ollomao preséntase este certame fotográfico pretendendo contribuir a dar a coñecer a riqueza natural barreirense, á vez que se colabora na promoción das alternativas lúdicas e deportivas que este entorno ofrece.

A participación neste concurso require a aceptación das seguintes BASES:

TEMA E REQUISITOS DAS FOTOGRAFÍAS

1. As fotografías presentadas ao concurso deberán axustarse ao tema da mesma “Carreira Monte Comado Trail + ½ km. Vertical”. Só poderán participar fotografías realizadas o mesmo día da carreira (11 de outubro de 2015) no tempo de duración da mesma. As imaxes participantes, aínda podendo ter como elemento central a paisaxe, deberán conter algún elemento identificativo da carreira. Admitiranse todas aquelas fotografías que capturen momentos, elementos e participantes da carreira, e non serán aceptadas aquelas que non cumpran con este requisito.

2. Poderán participar todas/os as/os fotógrafas/os profesionais e aficionadas/os que o desexen.

3. Establécese a categoría de TOMA ÚNICA, e unha única modalidade de participación sen límite inferior nin superior de idade.

4. As fotografías presentadas ao certame deben ser orixinais e inéditas, non tendo sido premiadas en ningún outro concurso.

5. Aceptaranse fotografías intervidas dixitalmente, máis en ningún caso fotomontaxes.

6. As fotografías presentaranse en formato dixital JPEG, cunha resolución de 300 ppp e un tamaño entre 2 e 5 MB.

CÓMO PARTICIPAR

7. As persoas que desexen participar deberán enviar ata un máximo de 3 fotografías ao enderezo electrónico colectivo.cultural.ollomao@gmail.com., ata o mércores 14 de outubro ás 23:59h. As fotografías poderán ir acompañadas de título se así o desexa a persoa participante. En calquera caso, aceptaranse outras fotografías (que non entrarán a concurso) se algunha das persoas desexara aportar á organización da “Carreira Monte Comado Trail + ½ km. vertical” outras imaxes, permitindo o uso das mesmas para promoción e publicidade desta actividade. A organización da carreira e o Colectivo Cultural Ollomao adquiren o compromiso de citar a autoría de calquera fotografía utilizada con esta finalidade.

8. A participación no certame será efectiva no momento en que se confirme a recepción de fotografías participantes, cun correo electrónico de resposta ao enviado pola persoa que desexa participar. A non resposta suporá que o Colectivo Cultural Ollomao non recibiu as fotografías participantes coa consecuente non entrada a concurso. Ante posibles incidencias, habilítase unha canle de contacto telefónico a través do número 650542932.

9. O Colectivo Cultural Ollomao ofrece a posibilidade de coñecer o percorrido da carreira o día da celebración da mesma, unha hora antes do seu inicio (é dicir, ás 9:00h.). Para participar nesta visita é preciso inscribirse previamente enviando un correo electrónico a colectivo.cultural.ollomao@gmail.com, ou ben no teléfono 650542932, ata o sábado 10 de outubro ás 17:00h.

 PREMIO E VOTACIÓN


10. Establécense o seguinte PREMIO:
Estadía para dúas persoas nunha casa rural.

11. A fotografía gañadora será escollida mediante procedemento de votación pública en Facebook. O total das fotografías participantes serán compartidas nun único álbum na páxina do Colectivo Cultural Ollomao en Facebook, mantendo o anonimato da persoa participante. A fotografía gañadora será aquela que reciba maior número de “gústame”. Só serán válidos os votos que se rexistren no álbum compartido polo Colectivo Cultural Ollomao, non contabilizándose aqueles outros “gústame” que reciban as fotografías que se compartan noutras páxinas ou perfís.

12. O Colectivo Cultural Ollomao publicará na súa páxina de Facebook o álbum con todas as fotografías participantes, o xoves 15 de outubro de 2015. Dende ese momento estará aberto o prazo para votación pública ata o domingo 18 de outubro ás 23:59h., momento dende o cal non serán xa válidos os votos que reciba ningunha fotografía.

13. As persoas participantes comprométense a non facer pública ningunha das fotografías presentadas a concurso antes da apertura do prazo para votación, por parte do Colectivo Cultural Ollomao (prazo de votación: dende o xoves 15 de outubro ata o domingo 19 de outubro ás 23:59h.). O incumprimento desta base dará lugar á non aceptación das fotografías a concurso.

14. O luns 19 de outubro será dada a coñecer a fotografía gañadora deste certame.


PROPIEDADE DAS OBRAS

15. A propiedade intelectual das obras conservarana as/os autoras/es, permitindo ao Colectivo Cultural Ollomao e á organización da carreira “Monte Comado Trail + ½ km. Vertical” a súa utilización gratuita para a promoción e publicidade da actividade e do entorno ao seu paso. Calquera utilización dunha fotografía participante implicará que a entidade que faga uso da mesma faga constar o nome da persoa que a realizou.

16. As persoas concursantes responsabilizaranse de que non existan dereitos a terceiros nas obras presentadas.

17. A organización resérvase o dereito a resolver calquera continxencia non prevista nestas bases.

18. A participación no certame supón a total aceptación destas bases.


Barreiros, a 1 de outubro de 2015

- Para máis información sobre a carreira pode consultarse a páxina: http://mediokmverticalmontecomado.jimdo.com/, onde se atopa todo a información sobre o percorrido.

- Para máis información sobre este certame, contacta co Colectivo Cultural Ollomao no correo electrónico colectivo.cultural.ollomao@gmail.com ou no teléfono 650542932.

Comentarios (0) - Publicado o 02-10-2015 19:34
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal