O Colectivo Cultural Ollomao é unha iniciativa múltiple, aberta e plural, con carácter de compromiso e vocación de continuidade, que xurdiu ante unha necesidade básica para calquera sociedade desenvolvida: o dereito á cultura dos seus cidadáns. O ser do Colectivo Cultural Ollomao ten que ver co fomento e difusión da cultura galega e o achegamento a outras culturas dende a cultura propia.







O meu perfil
colectivo.cultural.ollomao@gmail.com
 ARQUIVO

Respostas a dúbidas frecuentes sobre a Universidade Rural.

Hai que estudar en horas fóra de horario de clases?

A Universidade Rural está pensada para aprender, non para evaluar os coñecementos aprendidos, polo tanto non se prevé a realización de exames nin que o alumnado teña que estudar na casa. As sesión están pensadas para ofrecer coñecementos teóricos e á vez ser espazos nos cales resolver as dúbidas que teñan as persoas que asistan ás clases.

Vou obter unha titulación? Vou poder obter un título que me habilite para traballar?

Non. A Universidade Rural non pretende ser unha Universidade para competir cos centros de ensino profesional ou coas Universidades regradas (como a USC, UNED, etc?), de feito, cremos que a nosa Universidade pode ser o primeiro contacto cunha ?carreira? e dar pé a que a xente decida continuar os estudos nunha Universidade común.

A finalidade da Universidade Rural é dar a oportunidade de aprender, e que as persoas asistan únicamente con ese fin: aprender e adquirir coñecementos que lles proporcionen facilidades no desenvolvemento do día a día.

Quen pode asistir?

Todas as persoas que o desexen: non importa a idade, o mesmo está dirixido a xente moza como xente máis maior. Tampouco importa que a persoa teña estudos previos ou non teña ningún; e tampouco é necesario ser veciña ou veciño de Barreiros, está aberta a todas as persoas ás que lle interese asistir. Nin tan sequera é preciso ser socia ou socio do Colectivo Cultural Ollomao.

Non é unha Universidade pensada para continuar estudos cando se remata o instituto nin unha Universidade para maiores, é para todo o mundo. Cremos que independemente da nosa idade ou coñecementos que teñamos, sempre haberá algo novo que poidamos aprender.

Que cousas se van aprender na ?Semente de Enxeñería do Medio Rural"?

Contén temas como a agricultura ecolóxica, aproveitamento do solo, melloras para o gando, optimización dos recursos da horta, posibilidades do agro, comercio, oportunidades e alternativas para o desenvolvemento rural, etc.


Que cousas se van aprender na ?Semente de Ciencias da Saúde"?

Están previstos contido como primeiros auxilios, xeriatría, psicoloxía, atención dunha persoa dependente, consecuencias psíquicas-físicas para a persoa que atende, beneficios do deporte, nutrición, riscos da drogodependencia, práctica sexual saudable, etc.

Que cousas se van aprender na ?Semente de Xornalismo e Opinión Pública?"


Vaise ensinar a entender os medios de comunicación e como se financian; analizar a prensa, as noticias que aparecen, como están escritas e como inflúe iso na nosa opinión; aprender a crear unha información, a cubrir unha reportaxe ou facer un documental. O propio alumnado preparará un tema e presentaráo nunha tertulia radiofónica.

Que cousas se van aprender na ?Semente de Ciencias Xurídicas, Sociais e Económicas"?

Con esta semente quere darse pé a coñecer como iniciar un trámite legal tal como unha herencia, un testamento, unha reclamación ante a administración; como se distribúen os impostos; a lei electoral, a participación cidadá na xustiza ou na política: os xurados populares; e que son os presupostos participativos; coñecer os productos bancarios, que riscos ou beneficios poden ter; economía doméstica; coñecer os nosos dereitos como consumidores; etc?


Que cousas se van aprender na "Semente de Producción artística e Publicidade"?


Fotografía e ilustración, e como utilizalas no deseño gráfico e na publicidade. Aprender a valorar expresións artísticas modernas e/ou urbanas como o hip-hop, punk; graffitis, tatuaxes, etc; como escribir unha letra dunha canción; repaso histórico por distintas formas de expresión artística; oportunidades sociais (cooperativas, asociacións, centros sociais) onde poder mostrar o noso talento e como poder vivir del. (Aínda que ao igual que o resto de módulos, estaría dirixido tamén ao público en xeral, preténdese conseguir a participación de xente máis moza e impartilo en venres para funcionar tamén como unha alternativa de ocio, sana e responsable).
Comentarios (3) - Publicado o 16-10-2013 20:25
# Ligazón permanente a este artigo
Presentación da UNIVERSIDADE RURAL de BARREIROS
A UR é un proxecto innovador que xurde con tres obxectivos fundamentais: recuperar o uso das escolas rurais, aproveitar o capital intelectual das e dos veciños de Barreiros e achegar o rural un catálogo de cursos que polo xeral só se imparten na cidade.
_____________

Hoxe presentamos na Deputación a Universidade Rural de Barreiros, un proxecto creado polo Colectivo Cultural Ollomao, que pretende achegar o coñecemento ao rural, apostando polo propio. A Universidade Rural de Barreiros botará a andar o vindeiro 28 de outubro. Na presentación participaron o vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga Outeiro; o delegado de Cultura e Turismo da Deputación, Mario Outeiro, e dúas compoñentes da Directiva, Sandra Novo Rivas e Tamara Rubiños Varela. En palabras de Veiga, ?os proxectos grandes soen ter a súa orixe en sitios pequenos e de colectivos pequenos?, ao cal engadiu Mario Outeiro, que ?se cadra é o proxecto cultural e educativo máis importarte dos últimos tempos no rural lucense pola súa clara aposta de democratización da cultura. Ogallá isto que comeza de xeito ilusionante perdure e se estenda noutros lugares con semellantes posibilidades?.


A Universidade Rural pretende ser é unha oferta educativa formativa e cultural alternativa dirixida ao medio rural, inexistente ata agora neste espazo. O programa divídese en 5 ?sementes? ou áreas de coñecementos (que se poderían comparar cos graos das universidades regradas): Ciencias Sociais, Enxeñería do Medio Rural, Ciencias da Saúde, Comunicación e Opinión Pública, e Produción Artística e Publicidade. Nestas sesións o alumnado poderá ademais de asistir á impartición docente, plantexar as súas dúbidas e ser un espazo para obter resposta ás mesmas. Todas as sementes teñen un perfil práctico e aplicado e un produto final como obxectivo.

O espazo físico onde se van desenvolver estas iniciativas son as escolas rurais, agora sen actividade lectiva. En Barreiros son 13 as escolas rurais existentes coas que tamén se pretende encher de vida a través da posta en marcha da Universidade Rural e ser un xeito de ampliar a capacidade de atracción das aldeas. É un proxecto que a pesar de ter nesta primeira andaina un obxectivo a nivel local, ten vocación tamén de poder estenderse a mais localidades e comarcas.


O funcionamento da Universidade Rural de Barreiros céntrase en permitir que todas as persoas poidan adquirir formación práctica para o desenvolvemento da súa vida, sexa cal sexa o seu nivel de estudos e a súa idade, e non vai dirixida a acadar unha titulación. Por iso aproveitamos as potencialidades das persoas veciñas de Barreiros, e doutras localidades do arredor, que acadaron un nivel de ensino superior e/ou universitario e dispoñen de capacidade académica suficiente para poder transmitir os seus coñecementos a aquelas persoas non formadas nos mesmos. Todas as persoas que desexen asistir poderán inscribirse contactando co Colectivo Cultural Ollomao tanto no correo-e (colectivo.cultural.ollomao@gmail.com) como por teléfono no 650542932, así como facelo durante a semana de portas abertas, cuxa asistencia non precisa terse feita a inscrición previamente. O colectivo cofinanciará esta actividade xunto coa aportación das propias persoas que desexen asistir que abonarán unha cota única en concepto de matrícula. As opcións de matriculación van dende asistir a unha única semente (15? en total) ata asistir ás cinco (50? en total). As opcións intermedias serían: 2 sementes, 25?; 3 sementes, 35?, e 4 sementes, 45?; a combinar como cada persoa desexe.

O vindeiro sábado, 19 de outubro ás 11:30h. o Colectivo Cultural Ollomao fará unha presentación pública nas Escola de Celeiro de Mariñaos na cal se explicará detalladamente este proxecto e na cal estarán presentes varias das persoas que participarán como docentes na Universidade Rural. A asistencia ao mesmo é aberta a todas as persoas que desexen coñecer máis de preto esta iniciativa.


___

Podes visualizar a presentación da UR na seguinte ligazón de Prezi:

http://prezi.com/va7mpxfvfm_w/?utm_campaign=share&utm_medium=copy
Comentarios (2) - Publicado o 14-10-2013 22:59
# Ligazón permanente a este artigo
UNIVERSIDADE RURAL de BARREIROS

Despois de máis dun ano coa idea de cabeza en cabeza e de varios meses traballándoa, poñéndoa sobre papel, hoxe temos o enorme, grandísimo! pracer de presentarvos unha das iniciativas máis ambiciosas do noso colectivo. Hoxe temos o pracer de presentarvos a UNIVERSIDADE RURAL de BARREIROS! Como o ledes, unha UNIVERSIDADE: con escolas en lugar de facultades; RURAL: con "sementes" en lugar de Graos.

E que é esto da UNIVERSIDADE RURAL? Pois esta iniciativa xurde cunha dobre intención:

- Unha, a de dar vida aos pequenos núcleos rurais e ?motivar? ás veciñas e veciños a que se despracen asiduamente a eles con motivo de participar nunha actividade de interese e volver a utilizar as escolas rurais para o mesmo uso para as cales foron construídas: a ensinanza, a transmisión de coñecementos, a alfabetización; á vez que contribuir de facer das aldeas un lugar con maior capacidade de influencia e atracción. O concello barreirense conta cun grande número de escolas rurais, a meirande parte delas atópanse en estado de abandono e apenas acollen actividades durante o ano. Unha das características que leva implícito o deseño desta Universidade Rural é, precisamente, que as sesións formativas teñan lugar nas antigas escolas rurais.

- E por outra banda, a de achegar á poboación rural un catálogo de cursos con contidos máis propios da Universidade e/ou o ensino superior e se imparten, polo xeral, nos núcleos urbáns, estando menos ao alcance das persoas residentes no rural. Preténdese que a veciñanza teña a oportunidade de formarse en coñecementos coma o dereito, a economía, a enxeñería agrícola ou a sanidade entre moitos outros.

É unha iniciativa pensada para a capacitación persoal e que permita facilidades no desenvolvemento da vida diaria. Non é unha formación pensada para ser dirixida á capacitación profesional aínda que se entende que pode contribuir ao seu complemento, ou incluso, a dar pé a ela ou a outros estudos homologados. O público obxectivo da mesma son todas aquelas persoas interesadas en obter dita formación. Non se esixirán requisitos académicos de acceso xa que esta modalidade de ensino nace coa intención de non pór trabas ao coñecemento e brindar a oportunidade de formar a persoas do rural e de diversos rangos de idade, xa que en moitos dos casos, polas circunstancias propias da vida neste entorno, moitas das persoas que nel residen non tiveron a oportunidade de formarse en estudos superiores.

Sen moito tardar iremos contando máis sobre a Universidade de Barreiros e daremos conta das "Sementes" a impartir e do prazo de inscrición, pero polo de agora imos centrar todos os nosos esforzos en facer saber a todo o mundo mundial que BARREIROS vai ter unha UNIVERSIDADE!!! Bótasnos unha man para facer que esto o saiba tooooodo o universo?!

(Toda Universidade que se precie debe ter unha imaxe propia, un logo; e para un proxecto coma este que estamos a coidar con tanto mimo, non había ninguén máis indicado que David Ribas Pena para acabar de facelo redondo de todo. GRAZAS!!!)
Comentarios (0) - Publicado o 02-10-2013 18:17
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0