O Colectivo Cultural Ollomao é unha iniciativa múltiple, aberta e plural, con carácter de compromiso e vocación de continuidade, que xurdiu ante unha necesidade básica para calquera sociedade desenvolvida: o dereito á cultura dos seus cidadáns. O ser do Colectivo Cultural Ollomao ten que ver co fomento e difusión da cultura galega e o achegamento a outras culturas dende a cultura propia.







O meu perfil
colectivo.cultural.ollomao@gmail.com
 ARQUIVO

II ROTEIRO FOTOGRÁFICO: NATUREZA E ARTE, SANTO ESTEVO DO ERMO.
Seguindo a liña de traballo deste ano, adicada ao Río Masma e por extensión a todos os ríos e elementos vinculados cos mesmos que existen no concello de Barreiros, o Colectivo Cultural Ollomao organiza para o próximo domingo, 11 de marzo, o II Roteiro Fotográfico. O obxecto destas xornadas é dar a coñecer e poñer en valor o patrimonio natural e a arquitectura popular barreirense, á vez que ofrecer un espazo de participación para as persoas amantes da natureza e aficionadas á fotografía.

O punto de partida para o roteiro está sinalado na Capela de Sta. Ana, na Ínsua, ás 12:00h. Realizarase un primeiro tramo ata a Capela do Sto. Estevo do Ermo onde terá lugar unha parada para o xantar, do cal debe ir provisto cada participante. A continuación proseguirá a ruta pola paraxe. Esta actividade é libre e de balde para todas as persoas interesadas, non sendo preciso apuntarse por adiantado.

Dende o Colectivo Cultural Ollomao informamos tamén, que ata o 18 de marzo, segue aberto o prazo para participar no II Certame Fotográfico: ?Enfocando Barreiros? que nesta edición leva por tema ?Os ríos no obxectivo?.
Comentarios (0) - Publicado o 06-03-2012 00:43
# Ligazón permanente a este artigo
REINTERPRETACIÓN DA OBRA TEATRAL
Dende o Colectivo Cultural Ollomao, convidamos e convocamos a todas as persoas que desexen participar ou colaborar na reinterpretación da obra teatral de Castelao, a unha xuntanza o vindeiro 3 de Marzo, ás 19:30h. no Canteiro (San Pedro de Benquerencia).

Unha das actividades saídas da Asemblea Xeral celebrada a primeiros de ano, foi a posta en escena novamente da obra teatral escrita por Castelao e representada por veciñas e veciños de Barreiros no ano 1971 en San Miguel de Reinante. Entendemos que é un xeito de recoñecer a importante labor cultural e dinamizadora que desenvolveu naquela época o Plantel da Extensión Agraria. E tamén é un xeito de recoñecer a todas aquelas persoas, algunhas que xa non poden acompañarnos, pola súa inquedanza cultural e polo tempo adicado a pór en valor a cultura galega.?

A nosa pretensión é facer unha nova representación de ?Os vellos non deben namorarse?, adaptada aos tempos actuais e á xente que participe. Neste sentido, gustaríanos que participe xente que xa o fixo na representación inicial e xente nova que teña interese na actividade teatral. O que pretendemos é, ademais de dar unha oportunidade a aquelas persoas que teñan interese en formar parte dunha representación teatral, lograr unha relación interxeracional entre os participantes. Entendemos que esta é unha cuestión moi importante nos tempos actuais, cando o individualismo e a falla de coñecemento do noso pasado priman na sociedade.

A xuntanza inicial para ver as persoas interesadas en participar terá lugar o sábado, 3 de Marzo, ás 19:30 horas no Canteiro, en San Pedro de Benquerencia. A esta xuntaza, queremos que acudan todas aquelas persoas que teñan interese en participar, non só como actrices ou actores, senón tamén para elaborar os decorados, os vestiarios, na música, nas luces ou calquera outra participación ou aportación que consideren que poden facer. Nesta xuntanza contaremos coa presenza de profesionais do sector que nos axudarán a poñer en escena a obra e a adaptala ás necesidades do grupo que se xunte. Ademais, a súa colaboración estenderase no tempo, durante a preparación da obra.


O Plantel da Extensión Agraria: o xerme da actividade cultural.

Nos anos 70, cando a actividade cultural estaba baixo o punto de mira das autoridades do momento, en San Miguel de Reinante nacía un grupo multidisciplinar baixo o paraugas do Plantel de Extensión Agraria. Ademais de grupos de traballo nos que se estudaba a realidade daquel entón desde diversas perspectivas e, incluso a edición dun boletín, puxeron en marcha un grupo de teatro que comezou coa posta en escena de "Os vellos non deben namorarse", a obra teatral de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. A súa estrea foi no ano 1971, nunha xornada na que tiveran que facer dúas representacións debido ao éxito de público. Posteriormente, representaron tamén outras obras como "A fiestra baldeira", de Rafael Dieste. O éxito do grupo teatral levounos a estender as súas representacións por outros puntos da xeografía galega, chegando incluso a participar na primeira mostra de teatro de Ribadavia.

Comentarios (0) - Publicado o 20-02-2012 14:21
# Ligazón permanente a este artigo
II EDICIÓN DO CERTAME FOTOGRÁFICO 'ENFOCANDO BARREIROS: OS RÍOS NO OBXECTIVO'


BASES DO II CONCURSO FOTOGRÁFICO

'ENFOCANDO BARREIROS: OS RÍOS NO OBXECTIVO'




O Colectivo Cultural Ollomao convoca a segunda edición do Certame fotográfico 'Enfocando Barreiros' co tema 'Os ríos no obxectivo'.


1. As fotografías presentadas ao concurso deberán levar por tema calquera dos ríos do Concello de Barreiros e/ou elementos patrimoniais relacionados cos mesmos, en calquera das súas manifestacións.

2. Poderán participar todas/os as/os fotógrafas/os profesionais e aficionadas/os que o desexen, tanto de Barreiros como de outros concellos, agás as/os compoñenentes da Xunta Directiva do Colectivo Cultural Ollomao.


3. Establécese a categoría de TOMA ÚNICA. Distínguense dúas modalidades:

a) Modalidade infantil: ata os 14 anos.
b) Modalidade adulta: de 14 anos en diante.

4. Cada participante poderá presentar tantas fotografías como desexe.

5. Establécense os seguintes PREMIOS:

PREMIO ÚNICO PARA A MODALIDADE INFANTIL: Cámara fotográfica + diploma acreditativo.

1º PREMIO CATEGORÍA ADULTA: 250 euros + diploma acreditativo.

2º PREMIO CATEGORÍA ADULTA: 150 euros + diploma acreditativo.

Non poderá recaer máis dun premio nunha mesma persoa.

O xurado resérvase o dereito a declarar deserto algún dos premios, no caso de que as obras presentadas non cumpran as expectativas.

6. As fotografías presentadas ao certame deben ser orixinais e inéditas, non tendo sido premiadas en ningún outro concurso.

7. O prazo para enviar as fotografías remata o 18 de marzo de 2012.

8. Aceptaranse fotografías intervidas dixitalmente, mais en ningún caso fotomontaxes.

9. As fotografías presentaranse en formato dixital JPEG, cunha resolución de 300 ppp e un tamaño entre 2 e 5 MB.

10. As fotografías participantes serán enviadas ao seguinte enderezo de correo-e: colectivo.cultural.ollomao@gmail.com. A participación neste certame farase baixo pseudónimo. Deste xeito, cada fotografía irá nomeada co pseudónimo do participante e número de fotografía de acordo ao total de fotografías coas que se participe (Por exemplo, no caso de utilizar como pseudónimo 'Ollomao' e enviarse tres fotografías, estas nomearíanse: Ollomao1, Ollomao2, Ollomao3). No nome da fotografía non poderá figurar ningún dato persoal real do autor/a.

11. Xunto coas fotografías participantes enviarase un documento de texto no cal se indicará:

- Pseudónimo utilizado pola/o autor/a para a participación no concurso.

- Modalidade na que se participa: infantil ou adulta.

- Nome real da/o autor/a.

- Datos de contacto: enderezo postal, teléfono e/ou enderezo electrónico.

- Unha breve descrición de cada fotografía indicando tamén o lugar onde foi tomada.

12. O Colectivo Cultural Ollomao entregará a cada compoñente do xurado, unha copia en soporte dixital, de cada unha das fotografías participantes nomeadas de acordo a como se especifica no punto 10 destas bases, para que poidan ser identificadas as gañadoras. O xurado non coñecerá os datos persoais reais dos participantes ata o acto público do fallo.


13. O Xurado estará composto por fotógrafas/os de recoñecido prestixio sen que formen parte do mesmo compoñentes da Xunta Directiva do Colectivo Cultural Ollomao. O seu fallo será inapelable.

14. O fallo do xurado farase público no prazo máximo dun mes a contar dende o 18 de marzo, data fin do concurso, no acto de entrega de galardóns e proxección das obras participantes. Este acto convocarase publicamente e será comunicado a todas/os as/os participantes polo medio de contacto que designen de acordo ao punto 11 destas bases, que deberán estar presentes para a recollida do premio.

15. A propiedade intelectual das obras conservarana os autores, permitindo gratuitamente ao Colectivo Cultural Ollomao a súa utilización en todas as publicacións promocionais ou en calquera outra labor que este estime oportuno.

16. As/os concursantes responsabilizaranse de que non existan dereitos a terceiros nas obras presentadas e renuncian a toda reclamación por dereitos de imaxe.

17. A organización resérvase o dereito a resolver calquera continxencia non prevista nas bases.

18. A participación no certame supón a total aceptación destas bases.



Barreiros, a 01 de Febreiro de 2012
Comentarios (0) - Publicado o 30-01-2012 15:09
# Ligazón permanente a este artigo
[1] [2] [3] 4
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0