O Colectivo Cultural Ollomao é unha iniciativa múltiple, aberta e plural, con carácter de compromiso e vocación de continuidade, que xurdiu ante unha necesidade básica para calquera sociedade desenvolvida: o dereito á cultura dos seus cidadáns. O ser do Colectivo Cultural Ollomao ten que ver co fomento e difusión da cultura galega e o achegamento a outras culturas dende a cultura propia.







O meu perfil
colectivo.cultural.ollomao@gmail.com
 ARQUIVO

IV ROTEIRO FOTOGRÁFICO: O RURAL BARREIRENSE.

Seguindo a liña de traballo deste ano, adicada ao Rural Barreirense, o Colectivo Cultural Ollomao organiza para o próximo SÁBADO, 7 de SETEMBRO o, o IV Roteiro Fotográfico. Ollomao vén realizando esta actividade de maneira parelela ao certame fotográfico ?Enfocando Barreiros?, que este ano, na súa terceira edición, leva por tema tamén o rural barreirense. O obxecto destas xornadas é dar a coñecer e poñer en valor o patrimonio natural e a arquitectura popular barreirense, á vez que ofrecer un espazo de participación e convivencia para as persoas amantes da natureza e aficionadas á fotografía.

O punto de partida para o roteiro está sinalado na planta CAVI (Centro de Alimentación de Vacuno- Irmandiños) na parroquia de Vilarmartín Grande, ás 09:30 da mañá. Este roteiro é circular de xeito que o punto final está situado no mesmo lugar que o punto de saída, onde todas as persoas que desexen participar poderán deixar aparcados os seus vehículos no tempo de duración do roteiro. Está prevista unha duración aproximada de 5 horas e o percorrido a realizar, dun total de 15 km., comprende os lugares de A Cabana da Vella, Vilamartín Pequeno, Vilamartín Grande, Gondán, A Rilleira e Cabarcos. Ao igual que o resto de roteiros organizados polo colectivo barreirense, este será tamén guiado e contará coa participación dun experto en materia de historia local que explicará puntos de interese que se vaian atopando ao paso como o antigo Concello de Cabarcos, o cárcere e a antiga notaría.

Dende Ollomao informan que a ruta planificada discorrerá en todo momento por camiños asfaltados. Recoméndase que cada partipante vaia provisto con calzado e roupa axeitados, así como de comida e bebida para o seu consumo durante o roteiro. Esta actividade é libre e de balde para todas as persoas interesadas non sendo preciso apuntarse por adiantado, abonda con estar no lugar e hora indicados para o punto de saída. Todas as persoas que desexen aclarar algunha cuestión relativa a esta e outras actividades do colectivo poden dirixir as súas dúbidas por correo electrónico ao enderezo: colectivo.cultural.ollomao@gmail.com

Dende o Colectivo Cultural Ollomao informan tamén que o prazo para a participación no certame fotográfico foi ampliado ata o día 30 de Setembro, co cal animan a todas as persoas que gusten da fotografía a tomar parte nos roteiros a celebrar durante este mes de Setembro, sendo unha boa ocasión para a captura de instantáneas da zona rural do Concello de Barreiros. Asimesmo, convidan a participar a todas as persoas que gusten de facer camiñatas aínda que non sexa con motivo da fotografía.
Comentarios (0) - Publicado o 03-09-2013 02:14
# Ligazón permanente a este artigo
Clausura do "Obradoiro de teatro infantil" impartido no verán.

E o pequeniño palco do, Canteiro para uns, Cascabeiro para outr@s, convertiuse o 29 de Agosto no primeiro pasiño sobre as táboas para os máis de 20 nenas e nenos que tomaron parte no "Obradoiro de teatro infantil" que tivo lugar durante os meses de Xullo e Agosto. @s pequen@s artistas representaron a peza "Unha casa nada deshabitada" ante un público, probablemente, do máis subxectivo: nais, pais, irmáns, avós, etc... e que foron partícipes da ilusión, nervios e emocións vividos pol@s máis pequen@s nestes últimos días previos á función.

Toca agradecer, coma sempre, afortunadamente! (cousa que nunca cansaremos de facer!!!) a todas as persoas que puxeron o seu grao de area para que esto se puidera levar a cabo, dende a atención d@s nen@s, ata a elaboración do vestiario, luz, etc. Pero sobre todo, queremos darlles, collid@s das mans d@s pequen@s artist@s, unha apertaza enorme ás 3 persoas que tomaron parte voluntaria e de maneira desinteresada en encher de ilusión a est@s pequen@s: Estibalíz Veiga, Noela Fs e Roberto Casas García.

Pero non todo remata aquí e o mellor broche de ouro que podía ter esta actividade é precisamente que non remate, que ese que diciamos "primeiro pasiño sobre as táboas" sexa eso, o primeiro. É así é, porque a petición d@s propi@s participantes, é dicir, @s propi@s nen@s, esta actividade terá continuidade ao longo do ano!!! Así que NENAS e NENOS de Barreiros e arredores, GRAZAS, GRAZAS e GRAZAS por confiarnos o voso xermolo teatral, por disfrutar e ser felices con el, pero sobre todo, GRAZAS POR PEDIRNOS QUE, ENTRE TOD@S, SIGAMOS FACENDO CULTURA.

NOTA. En relación á continuidade do curso de teatro infantil informaremos en datas próximas habilitando un prazo para a inscrición daqueles nenos e nenas que desexen apuntarse.
Comentarios (0) - Publicado o 30-08-2013 16:37
# Ligazón permanente a este artigo
"Os vellos non deben namorarse". 15 de Agosto en San Miguel de Reinante

O evento terá lugar o xoves, 15 de Agosto, ás 22:00h. no pavillón do Colexio de San Miguel de Reinante.


Pasaron 7 meses desde que o Colectivo Cultural Ollomao convertía o pavillón do Colexio de San Miguel de Reinante nun auditorio e representaba, por vez primeira, a obra ?Os vellos non deben namorarse?. Case 700 persoas chegadas de diversos puntos da provincia se deron cita naquel evento no cal se presentaba a creación dun novo grupo de teatro. As entradas quedaran esgotadas na venda anticipada e unha longa cola de persoas estaba á porta da taquilla para facerse cunha butaca naquel improsivado ?teatro?.

Despois da estrea, o recén nacido grupo de teatro no cal toma parte o grupo de música tradicional Tumba e Dálle que actúa en directo en cada representación, levou a súa función a distintas localidades lucenses e ata traspasou a frontera provincial. Non obstante, a pesar do abano de oportunidades para asistir a algunha das funcións, a veciñanza insistiu en demandar unha nova representación de ?Os vellos non deben namorarse? na casa, en Barreiros. Así é como, facendo de novo un esforzo para montar un ?auditorio?, o Colectivo Cultural Ollomao volverá levantar o pano do teatro o vindeiro 15 de Agosto en San Miguel de Reinante.
Coa finalidade de facer fronte aos gastos derivados da montaxe e infraestructura precisa para a representación, Ollomao pon á venda entradas por un valor de 5 euros. Ditas entradas están xa dispoñibles na venda anticipada e tamén se reserva un número determinado para a venda en taquilla, xa que se conta cun aforo limitado. Todas as persoas interesadas en adquirir unha entrada na venda anticipada poderán facelo contactando con calquera persoa pertencente ao grupo de teatro e en distintos establecementos colaboradores:
- Bar ?A Dulcería? en San Miguel de Reinante.
- Bar ?A Bodeguilla? en San Miguel de Reinante.
- Bar ?Rías Altas? en San Pedro de Benquerencia.
- Café Bar ?Moderno? en San Cosme de Barreiros.
- Taberna ?Casa Lola? en Remourelle.

O Colectivo Cultural Ollomao convida a todas as persoas interesadas a visitar a súa páxina de Facebook(https://www.facebook.com/colectivoculturalollomao) para obter máis información deste evento, así como o vídeo dispoñible na ligazón https://vimeo.com/71690429 con imaxes da pre-obra e obra no día da estrea. Asimesmo, todas as persoas que desexen facerse cun DVD de dita representación, por un valor de 10?, recaudación tamén destinada a facer fronte aos gastos asumidos polo grupo de teatro, poderán facelo contactando co colectivo mediante enderezo electrónico (colectivo.cultural.ollomao@gmaill.com, ou a través do Facebook.
Tráiler da obra.
Comentarios (0) - Publicado o 07-08-2013 19:04
# Ligazón permanente a este artigo
Proxección do documental

O evento terá lugar o sábado, 10 de Agosto, ás 22:00h. ao aire libre, no exterior da Capela de San Bartolo (San Cosme de Barreiros).


O 3 de Maio de 1903 estreábase un ferrocarril que cubría a liña Vilaodrid-Ribadeo, e aínda que nun principio serviría para o transporte de mineral, máis tarde acabaría dando servicio a viaxeiros. 110 anos despois, o fotógrafo Xosé Reigosa, natural do Concello de Barreiros, presenta un documental sobre a vida daquel tren que acabou sendo apodado ?A Chocolateira? debido ao seu deterioro nos últimos anos.

Os medios de transporte cos que contaba a veciñanza da comarca oriental da provincia lucense ata que o tren se habilitou para o transporte de persoas e mercadorías, eran escasos e precarios. Como sinala o autor ?o tren fixo de medio de comunicacións, nunha zona donde ata entón soio era posible viaxar en cabalo, carro ou en barca polo rio Eo. (A estrada Lugo Vegadeo non se inaugura ata 1922). Polo que nos podemos facer unha idea da importanciaque tivo a existencia deste tren para a Comarca?, e ?trouxo riqueza á zona e recórdano con moito cariño. Grazas a él montáronse industrias e comercios e significou a posibilidade de viaxar dun xeito cómodo?.

Ante a competencia do transporte por estrada, o tren deixou de funcionar no ano 1964 e son poucos os vestixios que se conservan del hoxe en día. Xosé Reigosa recolle a existencia destes restos en forma de documental e tamén a memoria de 21 veciños e veciñas que viviron aquela etapa.
O Colectivo Cultural Ollomao trae a Barreiros a proxección deste documental, dunha duración de 50 minutos. O acto terá lugar a carón da capela do San Bartolo este sábado 10 de Agosto, ás 22:00h. e contaráse coa presenza do director do documental.


_____


Máis información sobre o documental no blog do autor, na seguinte ligazón:
http://josereigosa.blogspot.com.es/p/a-chocolateira.html

Tamén está dispoñible o tráiler en youtube: http://www.youtube.com/watch?v=uKIbi6hn5Yk&feature=youtu.be
Tráiler do documental
Blog sobre o documental
Comentarios (0) - Publicado o 07-08-2013 18:41
# Ligazón permanente a este artigo
III EDICIÓN CERTAME FOTOGRÁFICO

INFORMACIÓN:

AMPLIACIÓN DO PRAZO ATA O 30 DE SETEMBRO DE 2013.

O pasado 1 de Xullo foi convocada a III edición do certame fotográfico ?Enfocando Barreiros? que organiza o C.C. Ollomao. Neste ano, de acordo á liña de traballo escollida polo colectivo para este 2013, a temática do concurso é: ?O rural barreirense?. O prazo para a participación no concurso estaba aberta ata o 31 de Agosto, pero por decisión da Xunta Directiva, este foi ampliado ata o 30 de Setembro. Entre outras, unha das razóns que motivaron esta decisión está a dificultade meteorolóxica durante o mes de Xullo en Barreiros, que puido afectar á actividade do rural e por conseguinte, á realización de fotografías.


Roteiros fotográficos.

Ollomao organizará durante o mes de Setembro e por segundo ano consecutivo, os ?Roteiros Fotográficos?, actividade paralela ao certame fotográfico e que xurdiu coa intención de dar a coñecer a xeografía barreirense, á vez que fomentar a participación no certame fotográfico e o envío de fotografías de espazos menos coñecidos do concello. Dende o Colectivo Cultural Ollomao animan á participación tanto de persoas que gusten de facer camiñatas e amantes da natureza como aquelas que gusten da fotografía.




Bases do III Certame Fotográfico "Enfocando Barreiros"

O Colectivo Cultural Ollomao convoca a terceira edición do Certame fotográfico 'Enfocando Barreiros', nesta ocasión, co tema ?O rural no obxectivo?. Esta actividade encóntrase vencellada á liña de traballo que o Colectivo elixiu para o ano 2013: ?O RURAL BARREIRENSE?. Esta elección non é casual para o Colectivo Cultural Ollomao xa que dende a súa fundación vén promovendo actividades de cara a pór en valor e dar a coñecer o interior do concello barreirense.

De acordo coa temática do certame, o motivo das fotografías presentadas deberá estar relacionado co medio rural, coas costumes propias, xentes do lugar, actividade económica ou con calquera outro elemento que considere de interese a persoa participante e se axuste ao lema do concurso.

A participación neste certame require a aceptación das seguintes BASES:


1. As fotografías presentadas ao concurso deberán axustarse ao tema do mesmo ?O RURAL BARREIRENSE?, en calquera das súas manifestacións. Deben corresponder ao entorno rural do Concello de Barreiros.

2. Poderán participar todas/os as/os fotógrafas/os profesionais e aficionadas/os que o desexen.


3. Establécese a categoría de TOMA ÚNICA.

Distínguense dúas modalidades:

a) Modalidade infantil: dirixida exclusivamente aos menores de 14 anos.
b) Modalidade adulta: dirixida ao resto dos participantes non incluÍdos na modalidade infantil.

4. Cada participante poderá presentar un máximo de 4 fotografías.

5. Establécense os seguintes PREMIOS:
PREMIO ÚNICO PARA A MODALIDADE INFANTIL: Cámara fotográfica + diploma acreditativo.
1º PREMIO CATEGORÍA ADULTA: 250 euros + diploma acreditativo.
2º PREMIO CATEGORÍA ADULTA: 150 euros + diploma acreditativo.

O xurado resérvase o dereito a declarar deserto algún dos premios, no caso de que as obras presentadas non cumpran as expectativas.

6. As fotografías presentadas ao certame deben ser orixinais e inéditas, non tendo sido premiadas en ningún outro concurso.

7. O prazo para enviar as fotografías remata o SÁBADO, 31 de AGOSTO de 2013.

8. Aceptaranse fotografías intervidas dixitalmente, máis en ningún caso fotomontaxes.

9. As fotografías presentaranse en formato dixital JPEG, cunha resolución de 300 ppp e un tamaño entre 2 e 5 MB.

10. As fotografías participantes serán enviadas ao seguinte enderezo electrónico: colectivo.cultural.ollomao@gmail.com.

A participación neste certame farase baixo pseudónimo. Deste xeito, cada fotografía irá nomeada co pseudónimo da persoa participante e número ordinal da fotografía de acordo ao total de fotografías coas que se participe, máis o título da mesma (Por exemplo, no caso de enviar tres fotografías e escoller o pseudónomo ?Ollomao?, cada archivo de imaxe enviado nomearíase: Ollomao1. Título escollido., Ollomao2. Título escollido., Ollomao3. Título escollido., respectivamente). No título da fotografía non poderá figurar ningún dato persoal real do autor/a, así como tampouco no nome do archivo de imaxe.

11. Xunto coas fotografías participantes enviarase un documento de texto no cal se indicará:

? Pseudónimo utilizado pola persoa para a participación no concurso.

? Nome real do autor/a.

? Datos de contacto: enderezo postal, teléfono e/ou enderezo electrónico.

? Identificador de cada fotografía (por exemplo, Ollomao1), título, breve descrición da mesma e lugar onde foi tomada.

12. O Colectivo Cultural Ollomao entregará a cada membro do xurado unha copia en soporte dixital de cada unha das fotografías participantes nomeadas de acordo a como se especifica no punto 10 destas bases, para que procedan á selección das gañadoras. O xurado non coñecerá os datos persoais reais dos participantes ata o acto público do fallo.


13. O Xurado estará composto por profesionais da fotografía de recoñecido prestixio sen que forme parte do mesmo ninguna persoa pertencente á Xunta Directiva do Colectivo Cultural Ollomao. O seu fallo será inapelable e farase público o sábado 14 de Setembro de 2013, ás 20.30h. no Centro Sociocultural Manuel Díaz Sampedro de Barreiros, onde terá lugar a entrega de galardóns e a proxección das obras participantes.

14. A propiedade intelectual das obras conservarana as/os autoras/es, permitindo ao Colectivo Cultural Ollomao a súa utilización gratuita para as actividades que este leve a cabo en relación ao medio rural barreirense. Calquera utilización dunha fotografía participante implicará facer constar o nome da persoa que a realizou.

15. Os concursantes responsabilizaranse de que non existan dereitos a terceiros nas obras presentadas.

16. A organización resérvase o dereito a resolver calquera continxencia non prevista nas bases.

17. A participación no certame supón a total aceptación destas bases.


Barreiros, a 27 de Xuño de 2013

Todas aquelas persoas que o desexen poden solicitar unha copia destas bases mediante correo electrónico, escribindo a colectivo.cultural.ollomao@gmail.com. Do mesmo xeito, calquera aclaración en relación a este certame poderá ser resolta no mesmo enderezo.
Comentarios (0) - Publicado o 27-06-2013 01:24
# Ligazón permanente a este artigo
II Festival AO SON DO MASMA

O festival que organizamos de maneira conxunta o grupo de música tradicional Tumba e Dálle e o Colectivo Cultural Ollomao, de Barreiros, conxugará distintas actividades ao longo de toda a xornada, como un roteiro e un descenso polo río, feira de artesanía e actividades para os máis pequenos.

Sete grupos encargaránse da animación musical durante todo o día: Airiños da Freba e Noelia Fersán á hora do xantar, Cé Orquestra Pantasma pola tarde, o grupo de cantos de taberna do Porriño de Mondoñedo á hora da cea e Leña Verde, Carapaus e Zur
rumalla pola noite.



O mes de xuño xa conta cunha cita de referencia para a Mariña e arredores, e para todas aquelas persoas que gustan da música tradicional galega: o festival ?Ao Son do Masma?. O vindeiro 8 de xuño terá lugar a II edición deste festival nacido para crear un espazo para a música folk e tradicional na contorna mariñá, á vez que ser un xeito de dar a coñecer o valor paisaxístico en torno ao río Masma.

Tras o éxito acadado na súa primeira edición, o grupo Tumba e Dálle e o Colectivo Cultural Ollomao, xuntaromos esforzos para presentar por segundo ano consecutivo unha nova cita deste festival que xurdiu con carácter de continuidade e aspira a converterse nun referente do norte lucense. A boa acollida da primeira edición do Ao Son do Masma compensou gratamente todo o esforzo e ilusión que se volcaron na súa posta en marcha. O público asistente, chegado dende todos os puntos da xeografía galega e tamén asturiana, demostrou estar agradecido por poder contar cun espazo de tales características na nosa zona e ante tal resposta, non cabía dúbida de que estábamos ante un acerto ao poñer en marcha esta iniciativa.

Roteiro e descenso polo río

Esta iniciativa xurdiu coma un punto e seguido a unha serie de actividades levadas a cabo polo Colectivo Cultural Ollomao e centradas en dignificar o Río Masma como paisaxe e recurso desaproveitados, e coma unha oportunidade para dar a coñecer este espazo nunha cita que, máis alá da simple festa pola festa, ten o amplo obxectivo da posta en valor e recoñecemento da cultura, xeografía e tradicións que nos son propias. Con esta motivación ideamos para esta segunda edición un novo programa cheo de actividades durante todo o día. Ao igual que na pasada ocasión, a xornada comezará ás 10 da mañá coa saída dun roteiro guiado polo carón do río. Nesta segunda edición inclúese como novidade a baixada do Río Masma. Terá lugar ás 6 da tarde e cada persoa participante deberá ir provista do aparello que considere axeitado para facer o descenso, serán premiadas tanto aquela primeira en chegar ao punto sinalado como final, como aquela que utilice a ?embarcación? máis orixinal.
_____


Continuando coas actividades, arredor das 12 do mediodía terá lugar a apertura de postos de artesanía, productos da terra e instrumentos musicais, que permanecerán abertos durante toda a xornada. E na hora do xantar, poremos a disposición das persoas asistentes racións e bebidas a prezos populares, recadación destinada a facer fronte aos gastos derivados do festival. De novo, como aposta polos grupos de recente creación misturando cartel con outros de máis recoñecido prestixio que se darán cita pola noite, a sesión de mañá estará amenizada polos grupos Airiños da Freba, e Noelia Fersán.

Xogos tradicionais

A xornada está pensada para chegar a un público obxectivo de distintas idades, é por iso que durante toda a tarde haberá un obradoiro de xogos tradicionais que traerá aos nosos días antigas formas de entretemento, e terá lugar a actuación de Cé Orquestra Pantasma, tanto para maiores como para nenas e nenos cun pase especial.

Xa ao serán, e tamén por primeira vez este ano, o grupo de Cantos de Taberna do Porriño de Mondoñedo estará amenizando a cea e animando o ambiente previo ao prato forte do festival: a apertura de concertos. Esta terá lugar ás 23 horas, e nesta segunda edición daranse cita os grupos Leña Verde, do concello chairego de Pol; Carapaus, que presentará ?Conservas de música tradicional?, seu primeiro disco no mercado; e pechando cartel, Zurrumalla, recoñecido grupo dentro do panorama musical galego.

Haberá comida e zona de acampada

A organización do festival pon a disposición das persoas asistentes unha zona de acampada, habilitada para que as persoas que o desexen poidan pasar a noite e desfrutar do II Ao Son do Masma sen preocupacións. As asociacións organizadoras amósanse moi ilusionadas con esta actividade e animan a asistir durante todo o día para poder tomar parte de todas as actividades programadas.
https://twitter.com/AoSondoMasma
https://www.facebook.com/aosondomasma
http://aosondomasma.wordpress.com/
Comentarios (0) - Publicado o 16-05-2013 23:04
# Ligazón permanente a este artigo



O Apalpador estará a partir das 18:30 horas na praza do Concello, en San Cosme de Barreiros, e volverá a agasallar a todas e todos as nenas e nenos cunha prantiña dunha árbore autóctona.

O Colectivo Cultural Ollomao organiza, por segundo ano, unha xornada en torno á figura do Apalpador. Co gallo das datas do Nadal, este xigante carboeiro baixa das montañas luguesas para visitar as casas das nenas e nenos. Conta a tradición que o Apalpador chega cargadiño de castañas que lles deixa ás e os pequenos da casa tras apalparlles as barrigas, e a aquelas que están cheas dilles ?Así, así esteas todo o ano?.

O Apalpador visitará Barreiros o vindeiro domingo: entre as 11:30h. e 12:30h. percorrerá parte do concello barreirense anunciando da súa chegada, e pola tarde, ás 18.30h. estará na Praza do Concello para traernos a voz das nenas e nenos do Caurel; voces que recolle durante todo o ano para divulgar entre a xente con contos, lendas e historias, a riqueza cultural, etnografía e personaxes mitolóxicos galegos. O Apalpador transmite ademais un compromiso coa natureza, xa que explica como, debido ao lixo e ao lume, se atopa con tremendas dificultades para viaxar ás casas dos meniños e meniñas. Por esta razón, o Colectivo Cultural Ollomao e o Apalpador volverán obsequiar ás nenas e nenos cunha pranta dunha árbore autóctona para que lle axuden na súa labor de recuperar os bosques galegos.

A chegada do Apalpador estará tamén acompañada de música galega. O colectivo barreirense achega a Barreiros o ?TicTac?, primeiro libro-disco de Pablo Díaz Carro, adicado especialmente ás e os máis pequenos.

Para Ollomao, esta xornada constitúe un xeito de divulgar as tradicións e a cultura galegas, como un xeito de coñecer e pór en valor o propio de cara a normalizar as nosas tradicións; moito menos normalizadas e desprazadas por outras conmemoracións asumidas polo conxunto da sociedade. Para o Colectivo Cultural Ollomao é unha prioridade absoluta que a sociedade galega coñeza as propias tradicións e daí o seu compromiso coa recuperación e a normalización das mesmas, compromiso que tenta transmitir na súa actividade habitual.


A figura do Apalpador


O Apalpador é un personaxe mítico galego que baixa polo Nadal a levarlles os agasallos aos nenos e nenas. Entra de noite nos seus cuartos cando están durmidos e apálpalles a barriguiña por ver se están mantidos e déixalles, ademais de outros regalos, unha presa de castañas.
Ten un tronco común con outras tradicións europeas e do norte do Estado español(Olentzero basco e Esteru astur-cántabro) e probablemente a mesma orixe, pero que desgrazadamente en Galiza estaba practicamente esquecido. O rito da Noite do Apalpadoiro foi descrito por varios estudosos e a figura do personaxe refírese na zona da montaña luguesa e, nomeadamente, no Caurel. No oriente ourensán existen referencias a este personaxe aínda que, nalgúns casos, con outros nomes e, noutros, con atribucións menos simpáticas como son as de espantar aos nenos. Porén os traballos de divulgación que se teñen levado a cabo nos últimos anos, pretenden espilo das deturpacións que ben poden responder a superposicións pouco afortunadas doutros costumes e quedarse co concepto positivo do personaxe e co seu agarimo.
Comentarios (0) - Publicado o 26-12-2012 20:32
# Ligazón permanente a este artigo
II Xornadas de Historia Local: AO SON DO MASMA.

Nesta ocasión, como broche dun ano de actividades centradas nos ríos do concello e, especialmente, no río Masma; enfocamos estas xornadas na importancia que tivo e pode volver ter o río que percorre o concello barreirense. Durante este ano realizamos diversas actividades co obxectivo de coñecer e pór en valor o Masma e os outros ríos do concello: centramos o certame fotográfico nos ríos, fixemos varios roteiros ao seu carón, etc. Neste sentido, o título das xornadas coincide co do festival que, impulsado por Ollomao e Tumba e Dálle, se puxo en marcha este mesmo ano, enmarcado nesa mesma liña de posta en valor do río: Ao Son do Masma.

Cremos que os ríos son unha parte fundamental da paisaxe e tamén da economía e a sociedade en xeral, e dende Ollomao vemos con preocupación que se teñan recursos desaproveitados e se estean perdendo oportunidades de desenvolvemento, por iso pretendemos que a xente poida coñecer o noso río, poñelo en valor e, con iso, aproveitalo como recurso en múltiples aspectos (pesqueiro, turístico, económico, ocio, etc).

Para debullar na historia, presente e pasado dos ríos (e do Masma en particular) contaremos coa presenza de Manuel Soto Castiñeira, que abrirá as xornadas presentando unha ponencia que leva por título O tempo dos ríos, o tempo da auga. Nela, este catedrático de enxeñaría química da Universidade da Coruña, Director da Revista CERNA ? Revista Galega de Ecoloxía e Medio Ambiente-, coordinador da ILP dos Ríos e co-autor do libro O tempo dos ríos; revisará a problemática ambiental e social da actual xestión da auga e dos ríos, desde o punto de vista da chamada Nova Cultura da Auga. A continuación, ás 17:15, o Alcalde de Allariz, Francisco García, presentará o modelo de desenvolvemento que se levou a cabo nese concello ourensán (con características poboacionais ben similares a Barreiros) arredor do río Arnoia e como isto foi eixo de desenvolvemento económico, social e cultural do municipio. A partir das 18:30, terá lugar unha mesa redonda sobre o Masma, na que tomarán parte o veciño de Celeiro e gran coñecedor do río Masma, Javier Fraga; o cronista oficial de Foz, Jesús Fernández; o presidente da asociación de pescadores do Masma, Audítor Rodríguez e un ex-traballador da antiga fábrica de luz, Franciso Salvatierra. Con esta actividade pretendemos que a xente recorde, ou nalgún caso coñeza, o que foi o Masma no seu momento: un dos ríos salmoneiros máis importantes, con unha central hidroeléctrica, con astaleiros, un lugar de ocio... e, con iso, reflexionemos no que podería ser a día de hoxe e o recurso tan importante que se está desaproveitando.

Dende Ollomao animamos a todas as persoas que teñan algún recordo do Masma, que queiran coñecelo ou que desexen ver o que foi, o que é e o que podería ser, a participar nestas xornadas, nas que tamén haberá tempo, por suposto, para un coloquio aberto a todas as veciñas e veciños que acudan. Para nós é fundamental que a xente vexa que o Masma, neste caso, é o noso río, de todas e todos nós e que entre todas e todos podemos darlle o trato que merece e convertelo nun verdadeiro dinamizador local. Como complemento das ponencias e a mesa redonda, as Escolas de Celeiro acollerán ese día tamén unha pequena exposición de fotos antigas do Masma.
Comentarios (0) - Publicado o 26-12-2012 17:43
# Ligazón permanente a este artigo
QUE É OLLOMAO PARA BARREIROS?
Cuadrilla Vella de pescadores do Río Masma. 1920.
Ollomao naceu en Barreiros un 15 de Xullo do ano 2006, gosta de perderse por sendeiros descoñecidos da xeografía barreirense, escoita con atención a conversa das persoas máis vellas e goza transmitíndolla ás máis novas. Defínese galegofalante e ama a cultura galega por enriba de calquera outra cousa. Ollomao ten algo máis de 6 anos, aínda está en estado de cría pero tamén está de bo ano.

Ten pouco percorrido de vida pero pola contra xa é quen de contar ben vivencias: con tan só uns mesiños de vida puxo voz á historia daquelas e aqueles barreirenses demócratas expulsados da casa consistorial polo golpe militar e, pouco despois, ás e aos emigrantes a quen debemos boa parte do patrimonio popular, arquitectónico e simbólico. Foi tamén quen de reunir a centos de persoas para render homenaxe a Antón Moreda, barreirense, ata entón case no esquecemento, e ademais, quixo que o Apalpador visitara Barreiros e para recibilo xuntou unha morea de amiguiñas e amiguiños da súa mesma idade e case cen carballiños que hoxe medran en terras barreirenses.

Ollomao tén ademais unha debilidade: o río Masma. Sente pena cando ve todo o que ese, máis que un río, chegou a ser e o estado de abandono no que se atopa hoxe en día, así que tentou poñerlle remedio adicándolle varias das súas actividades: retratouno, organizou limpezas e paseos polos seus arredores para mostrar a todas as persoas o seu estado e a súa beleza escondida; arrimou ombreiro cos seus amigos e amigas tumbeiros (Tumba e Dálle) e foron xuntos ?Ao Son do Masma? para que soara ben forte e alto o primeiro festival de música galega que se celebrou no concello. E agora, coa inquedanza de seguir coñecendo máis, Ollomao quere despedir o ano 2012 cun encontro de todas aquelas persoas que teñan algo que contar sobre a historia deste noso río para devolverlle o son que nunca debeu perder.

Pero todo canto fai Ollomao, faino por amor, por amor ao seu pobo, á cultura, ao teatro... Igual que o fixeron todas aquelas persoas que formaban parte do Plantel de Extensión Agraria de San Miguel de Reinante e que no ano 71 decidiron darlle vida a aquel papeliño de Castelao no cal, aínda que non moi dacordo con el, afirmaba que ?Os vellos non deben namorarse?. 41 anos despois, Ollomao tén entre mans unha responsabilidade moi grande: volver namorar a toda a veciñanza cunha nova representación deste clásico interpretado polas xentes de Barreiros. Será o 4 de Xaneiro en San Miguel de Reinante e será así como inaugure un novo ano. Un máis, soamente, de tantos que lle quedan de vida a quen non fixo máis que comenzar a andar.
Comentarios (1) - Publicado o 22-12-2012 20:26
# Ligazón permanente a este artigo
PINCHACARNEIRO TEATRO en BARREIROS

Terá lugar o Venres, 23 de Novembro ás 20:30h. no Canteiro (antigas escolas de Benquerencia).

O Colectivo Cultural Ollomao, a través do Proxecto Teatral Buxiganga da área de Cultura da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo, trae a Barreiros a obra teatral ?O médico a paus?. A obra estará representada polo grupo Pinchacarneiro Teatro, composto na súa maioría por persoas con discapacidade intelectual ou mental. A agrupación forma parte da Fundación Anade, a cal ten por obxectivo a inserción laboral e social das persoas con enfermidade ou minusvalía psíquica, mediante a creación de grupos de teatro cos cales mostrar á cidadanía a realidade dun colectivo e das capacidades das persoas que a el pertencen.

Para Ollomao, esta actividade ten un dobre aproveitamento no sentido de que por un lado é unha alternativa de ocio e unha oportunidade para os vecinos de asistir a un acto cultural e achegar a literatura teatral ás aldeas, e por outra banda, é un espazo para rachar tabúes ou tópicos en torno ás persoas con discapacidade psíquica.

A entrada ao acto é de balde, é apto para todos os públicos e poderán asistir todas as persoas interesadas que o desexen.
A LABOR DO TEATRO NA FUNDACIÓN ANADE.
Comentarios (0) - Publicado o 17-11-2012 21:16
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2 [3] [4]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0