
Os colectivos culturais ?Os Tres Pés? e ?Ollomao? organizamos conxuntamente o roteiro ?Camiño da Prehistoria? polos termos municipais de Trabada e Barreiros. Terá lugar o domingo, 22 de setembro, desde as 10h. da mañá ata media tarde.
______
Ofrecer unha xornada para o paseo, historia, fotografía, natureza e convivencia é o obxectivo do roteiro que organizan de maneira conxunta entre o Colectivo Cultural ?Os Tres Pés? de Trabada e ?Ollomao?, de Barreiros. Ambas asociacións vimos incorporando este tipo de actividade aos nosos respectivos calendarios culturais como un xeito de dar a coñecer o entorno de preto. Esto, xunto coas semellantes características culturais, de tradición e sociodemográficas que hai entre os nosos concellos veciños, levounos a pór en marcha unha actividade conxunta que servira ademais como unha xornada para a convivencia intermunicipal.
O roteiro ?Camiño da Prehistoria? xurde tamén en vistas de que unha das semellanzas entre os concellos de Barreiros e Trabada é a existencia de distintos achádegos arqueolóxicos, os cales ademais de atoparse practicamente en estado de abandono, son moitas veces descoñecidos pola veciñanza. Así pois, neste roteiro, as entidades organizadoras queremos dar a oportunidade de visitar puntos de interese como as ?Mámoas das Pallaregas? situadas en Vidal (Trabada) ou o ?Marco da Pena Verde? que sinala o linde entre os concellos de Barreiros, Trabada e Ribadeo, así como coñecer a historia do ?Monte das Fachas? da man dun experto na historia da comarca mariñá que acompañará durante todo o percorrido.
O roteiro, dun total aproximado de 16km., está organizado para ser realizado en dúas etapas no mesmo día, cunha pausa para o xantar no monte da Cadeira. A primeira etapa discorrerá por distintas parroquias do termo municipal de Barreiros, o punto de saída está sinalado ás 10:00h. da mañá no cruce da N-634 en Vilamar-Barreiros- (ao lado do Café-Estanco ?Xunqueira?) onde as persoas asistentes poderán deixar aparcados os seus vehículos. O percorrido continuará cara a San Xusto, Val do Caínzo, Ibia e subida ao Monte da Cadeira. Neste último punto está previsto facer unha pausa para o xantar e continuar arredor das 15:00h. coa segunda etapa do roteiro que discorrerá por parte do termo municipal de Trabada. O punto final do roteiro está sinalado nas ?Mámoas das Pallaregas? en torno ás 17:30h.
Dado que o percorrido non é circular, de xeito que o punto de saída e final non son o mesmo, a organización encargarase de trasladar ás persoas participantes aos seus vehículos.
Dende ?Os Tres Pés? e ?Ollomao? informamos que a ruta planificada discorrerá parte por camiño asfaltado e parte por camiños de terra.
Aconséllase ás persoas que participen, ir provistos con calzado e roupa axeitados. Asimesmo, cada persoa deberá levar a súa propia comida e bebida para ser consumidas durante a pausa para o xantar. Esta actividade é libre e de balde para todas as persoas interesadas, non sendo preciso apuntarse por adiantado, abonda con estar no lugar e hora indicados para o punto de saída. Calquera dúbida en relación a esta actividade pode ser dirixida por correo electrónico a calquera dos enderezos das asociacións organizadoras: ostrespes@gmail.com e colectivo.cultural.ollomao@gmail.com, como por teléfono, no número 659786735 (Sandra).
Por outra banda, dende o Colectivo Cultural Ollomao aproveitamos para informar tamén que ata o 30 de Setembro estará aberto o prazo para a participación no certame fotográfico ?Enfocando Barreiros: O rural barreirense no obxectivo?. Animan a todas as persoas que gusten da fotografía a tomar parte neste roteiro sendo unha boa ocasión para a captura de instantáneas da zona rural de Barreiros. As bases para a participación no concurso están dispoñibles no blog do colectivo: http://www.blogoteca.com/ollomao/
|