O Colectivo Cultural Ollomao é unha iniciativa múltiple, aberta e plural, con carácter de compromiso e vocación de continuidade, que xurdiu ante unha necesidade básica para calquera sociedade desenvolvida: o dereito á cultura dos seus cidadáns. O ser do Colectivo Cultural Ollomao ten que ver co fomento e difusión da cultura galega e o achegamento a outras culturas dende a cultura propia.







O meu perfil
colectivo.cultural.ollomao@gmail.com
 ARQUIVO




O Apalpador estará a partir das 18:30 horas na praza do Concello, en San Cosme de Barreiros, e volverá a agasallar a todas e todos as nenas e nenos cunha prantiña dunha árbore autóctona.

O Colectivo Cultural Ollomao organiza, por segundo ano, unha xornada en torno á figura do Apalpador. Co gallo das datas do Nadal, este xigante carboeiro baixa das montañas luguesas para visitar as casas das nenas e nenos. Conta a tradición que o Apalpador chega cargadiño de castañas que lles deixa ás e os pequenos da casa tras apalparlles as barrigas, e a aquelas que están cheas dilles ?Así, así esteas todo o ano?.

O Apalpador visitará Barreiros o vindeiro domingo: entre as 11:30h. e 12:30h. percorrerá parte do concello barreirense anunciando da súa chegada, e pola tarde, ás 18.30h. estará na Praza do Concello para traernos a voz das nenas e nenos do Caurel; voces que recolle durante todo o ano para divulgar entre a xente con contos, lendas e historias, a riqueza cultural, etnografía e personaxes mitolóxicos galegos. O Apalpador transmite ademais un compromiso coa natureza, xa que explica como, debido ao lixo e ao lume, se atopa con tremendas dificultades para viaxar ás casas dos meniños e meniñas. Por esta razón, o Colectivo Cultural Ollomao e o Apalpador volverán obsequiar ás nenas e nenos cunha pranta dunha árbore autóctona para que lle axuden na súa labor de recuperar os bosques galegos.

A chegada do Apalpador estará tamén acompañada de música galega. O colectivo barreirense achega a Barreiros o ?TicTac?, primeiro libro-disco de Pablo Díaz Carro, adicado especialmente ás e os máis pequenos.

Para Ollomao, esta xornada constitúe un xeito de divulgar as tradicións e a cultura galegas, como un xeito de coñecer e pór en valor o propio de cara a normalizar as nosas tradicións; moito menos normalizadas e desprazadas por outras conmemoracións asumidas polo conxunto da sociedade. Para o Colectivo Cultural Ollomao é unha prioridade absoluta que a sociedade galega coñeza as propias tradicións e daí o seu compromiso coa recuperación e a normalización das mesmas, compromiso que tenta transmitir na súa actividade habitual.


A figura do Apalpador


O Apalpador é un personaxe mítico galego que baixa polo Nadal a levarlles os agasallos aos nenos e nenas. Entra de noite nos seus cuartos cando están durmidos e apálpalles a barriguiña por ver se están mantidos e déixalles, ademais de outros regalos, unha presa de castañas.
Ten un tronco común con outras tradicións europeas e do norte do Estado español(Olentzero basco e Esteru astur-cántabro) e probablemente a mesma orixe, pero que desgrazadamente en Galiza estaba practicamente esquecido. O rito da Noite do Apalpadoiro foi descrito por varios estudosos e a figura do personaxe refírese na zona da montaña luguesa e, nomeadamente, no Caurel. No oriente ourensán existen referencias a este personaxe aínda que, nalgúns casos, con outros nomes e, noutros, con atribucións menos simpáticas como son as de espantar aos nenos. Porén os traballos de divulgación que se teñen levado a cabo nos últimos anos, pretenden espilo das deturpacións que ben poden responder a superposicións pouco afortunadas doutros costumes e quedarse co concepto positivo do personaxe e co seu agarimo.
Comentarios (0) - Publicado o 26-12-2012 20:32
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:

(Introduce o código da imaxe)
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0