
Nesta ocasión, como broche dun ano de actividades centradas nos ríos do concello e, especialmente, no río Masma; enfocamos estas xornadas na importancia que tivo e pode volver ter o río que percorre o concello barreirense. Durante este ano realizamos diversas actividades co obxectivo de coñecer e pór en valor o Masma e os outros ríos do concello: centramos o certame fotográfico nos ríos, fixemos varios roteiros ao seu carón, etc. Neste sentido, o título das xornadas coincide co do festival que, impulsado por Ollomao e Tumba e Dálle, se puxo en marcha este mesmo ano, enmarcado nesa mesma liña de posta en valor do río: Ao Son do Masma.
Cremos que os ríos son unha parte fundamental da paisaxe e tamén da economía e a sociedade en xeral, e dende Ollomao vemos con preocupación que se teñan recursos desaproveitados e se estean perdendo oportunidades de desenvolvemento, por iso pretendemos que a xente poida coñecer o noso río, poñelo en valor e, con iso, aproveitalo como recurso en múltiples aspectos (pesqueiro, turístico, económico, ocio, etc).
Para debullar na historia, presente e pasado dos ríos (e do Masma en particular) contaremos coa presenza de Manuel Soto Castiñeira, que abrirá as xornadas presentando unha ponencia que leva por título O tempo dos ríos, o tempo da auga. Nela, este catedrático de enxeñaría química da Universidade da Coruña, Director da Revista CERNA ? Revista Galega de Ecoloxía e Medio Ambiente-, coordinador da ILP dos Ríos e co-autor do libro O tempo dos ríos; revisará a problemática ambiental e social da actual xestión da auga e dos ríos, desde o punto de vista da chamada Nova Cultura da Auga. A continuación, ás 17:15, o Alcalde de Allariz, Francisco García, presentará o modelo de desenvolvemento que se levou a cabo nese concello ourensán (con características poboacionais ben similares a Barreiros) arredor do río Arnoia e como isto foi eixo de desenvolvemento económico, social e cultural do municipio. A partir das 18:30, terá lugar unha mesa redonda sobre o Masma, na que tomarán parte o veciño de Celeiro e gran coñecedor do río Masma, Javier Fraga; o cronista oficial de Foz, Jesús Fernández; o presidente da asociación de pescadores do Masma, Audítor Rodríguez e un ex-traballador da antiga fábrica de luz, Franciso Salvatierra. Con esta actividade pretendemos que a xente recorde, ou nalgún caso coñeza, o que foi o Masma no seu momento: un dos ríos salmoneiros máis importantes, con unha central hidroeléctrica, con astaleiros, un lugar de ocio... e, con iso, reflexionemos no que podería ser a día de hoxe e o recurso tan importante que se está desaproveitando.
Dende Ollomao animamos a todas as persoas que teñan algún recordo do Masma, que queiran coñecelo ou que desexen ver o que foi, o que é e o que podería ser, a participar nestas xornadas, nas que tamén haberá tempo, por suposto, para un coloquio aberto a todas as veciñas e veciños que acudan. Para nós é fundamental que a xente vexa que o Masma, neste caso, é o noso río, de todas e todos nós e que entre todas e todos podemos darlle o trato que merece e convertelo nun verdadeiro dinamizador local. Como complemento das ponencias e a mesa redonda, as Escolas de Celeiro acollerán ese día tamén unha pequena exposición de fotos antigas do Masma. |