OITO PATAS E TODAS COXAS


Sobre nada en xeral
NadaXa levo moito tempo sen contarvos nada e as miñas oito patas cada vez están máis coxas. Iso é un círculo vicioso, como non escribo atrófianseme e canto máis se me atrofian menos escribo. Debo disculparme con aqueles que de vez en cando pasastes parte do voso tempo neste blog, aínda que fose só lendo, xa que me sentin moitas veces animada polos vosos comentarios, e debera corresponder escribindo máis frecuentemente.
Pero nin as arañas mortas temos as cousas fáciles. Co que a min me gusta observarvos e ás veces acabo encerellada na miña tea sen poder ver nada, son cousas que pasan cando intentas tecer con estas patas cutres...
De feito aínda me estou desenredando dos meus fíos e non podo escribir moito, teño as ideas na miña diminuta pseudocabeza. Gustaríame falar do amor. Porque as arañas non sabemos diso e vemos que existe, e por iso a min me gustaría investigarvos, por ver en que consiste exactamente. Eu son unha araña que quere entender, pero pregúntome se todo é entendible. Ou hai cousas que non se poden entender? As arañas todo o que facemos o facemos por algo. E non somos felices nin infelices, realmente non estamos contentas nin tristes. Estamos, e nada máis. No próximo artigo direi algo, algo do amor ese que non sei que é, pero que existe.
Neste abandónome, e falo sobre nada. Nada é o que teño na mente, o baleiro.
Comentarios (1) - Publicado o 05-12-2008 16:25
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Máis observacións sobre vós, os Humanos.
Vendo esta fotografía sacada do Google paréceme estar vendo a sociedade na súa esencia.
Xentes que finxen como paiasos pensando que así serán felices, cando en realidade están sen vida por dentro, pero para cando se dan conta xa teñen máis arrugas que unhas papas arrugás.
Observándovos dinme conta de que hai unha frase moi común entre vós e máis canto máis novos: "NON TEÑO GANAS". E non hai máis que escribir no google frases como "sin ganas" para ver que a xente está sen ganas de facer nada, sen ganas de facer o amor, sen ganas de vivir, sen ganas de traballar, sen ganas de actualizar...
Desde logo é unha solución estupenda. Agora ninguén pode facer nada do que non teña ganas. Se non che apetece agora faino despois... e así vades deixando todo para mañá e pasado e despois...
Unha cousa é non ter gana de comer porque está un enfermo e outra non ter gana de cociñar porque...un non ten ganas de nada.
Estou cansada de vós e da vosa desgana sen gana de ganar nada. Sodes como ganado desganado que se engana a si mesmo.
Que sería das arañas se un día dixéramos "hoxe non teño ganas de facer a tea". Nós non o pensamos, tecemos e tecemos e tecemos porque sae de dentro e non lle hai que facer.
Hoxe non teño ganas de escribir este artigo. Pero póñome e sae isto. Menos é nada, que se di. E seguro que ninguén ten ganas de lelo.
Comentarios (1) - Publicado o 06-10-2008 13:38
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
As vacas merecen máis respeto que o propio presidente do goberno!
Unhas vacas que aparecen ó buscar no googleOla de novo, primeiro pido desculpas novamente por faltar á miña cita da blogoteca e non escribir asiduamente. Pero os espíritos arañiles somos tan cambiantes... E malhumorados... De feito o artigo que pensei para hoxe "malhumórame" bastante, e volve a tratar da miña especie, os animais.
Imos ver:
Como de paso que vos observo, humanos, me sinto obrigada ás veces a aturar un certo tempo os televisores, cádrame ver cada cousa... A última pareceume incrible. Desde aquelo do mal das "vacas tolas", (vese que todo o mundo podería dicir encefalopatía esponxiforme, pero é moito esforzo) houbo quen se dedicou a facer a gracia tomando a expresión en sentido literal. E a min paréceme unha falta de respeto, tanto ós tolos como ás vacas. Pensei que aquilo de facer o chiste xa pasara, pero estes días apareceu na tele un anuncio deses de... <> no que aparecía a suposta vaca tola, toleando.

Pois a min, como dicía, paréceme un verdadeiro insulto. O que fixo eso non ten nin idea do respeto que merece unha vaca, porque realmente gracias a elas temos o leite, o coiro, e a carne os consumidores, e cartos os que as crian, coidan e venden. Madia levan a ser sagradas na India! Pero aquí falta un mínimo de sensibilidade. Para min que é dos animais que desde séculos máis lle aportou á humanidade, e véndoa provocar as risas dos ignorantes nun anuncio resúltame...triste e deprimente. As estatuas de Franco, en vez de quitalas sen máis nin máis deberían sustituílas por monumentos á vaca! Creo que ademáis ninguén tería nada en contra das vacas, por suposto, dado o que dependemos delas.

Eu quixera que as vacas foran respetadas, que os gandeiros foran respetados, e que fose unha honra traballar con este animal, coidalo con esmero en lugar de dándolle vareadas e telo en sucias cuadras de cemento... O certo é que ata os touros merecían o respeto de non ser toreados nunca máis! Pois touros e vacas forman parte da sociedade humana cáse tanto coma os propios humanos.
Comentarios (3) - Publicado o 19-09-2008 20:03
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Necesidades humanas
Para ser unha araña morta tedes que perdoar, ando ocupada de máis. Ou máis que ocupada falta de inspiración. Porque as arañas non somos coma vós os humanos. O que nos diferencia son cousas incribles para min.
Non é que eu teña oito patas, non é cousa da especie. É outro aquel. As funcións biolóxicas son semellantes: comemos, reproducímonos, morremos (ou iso é o que vin ensinar nun colexo de primaria).
E a pesar de que algúns de vos non facedes máis que iso, prácticamente, outros tedes capacidades artísticas.
O ser humano (aparte de destruirse a si mesmo con aparente facilidade) ten un sétimo sentido, o artístico. É a única especie que realmente fai cousas sen necesidade. Ou que ten unha necesidade única no Reino Animal. Ten que canalizar a súa capacidade para pensar, crear, discurrir. Eu penso que as mentes inquedas, que todo o día estan dándolle voltas a mil cousas, que viven estresadas... só teñen dúas saídas: ou botarse a perder (drogas, enfermidades mentais, tolura, valiums)ou botarse a crear (cadros, música, bailes, deportes, escritura).
Algún animal fixo algunha vez un debuxo porque si, sen ser aprendido dun humano? Entendendo o seu significado?
Eu, que son araña, fago a miña tea e non me pregunto porqué. Só penso no ben que me poda servir para comer despois. Non perdo o tempo noutra cousa. Porque o resto do tempo obsérvovos, e iso non é perdelo. Sodes interesantes...
Cousas do teatro galego
Comentarios (1) - Publicado o 27-08-2008 22:49
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Sigo envenenada
Conta o aspecto exterior como o interior?Hoxe, continuando enfermiza, empezo por responderche a pregunta do teu comentario do anterior artigo, “imaxe”. Pois resulta que aquel que coxea… camiña aínda que coxeando. Digamos que eu escribo coxeando. De aí que a veces non teña moito sentido o que digo, e os meus baches escriturales. Desde logo teño sorte de estar morta, así ser coxa é menos molesto e non me preocupa moito. Grazas ó teu comentario ocorréuseme o tema de hoxe:
O ASPECTO. Dito así, con letras obesas, para que nos demos conta de que o aspecto conta. E cando unha conta isto non conta con que todos o entendan á primeira. Primeiro hai que fixarse. E deixarse de líos de palabras.
Nós as arañas da mesma especie temos todas o mesmo aspecto (non tamaño), por iso para min é estraño ver a variedade humana. Nós somos engañosas, pero a vós, con só botarvos unha mirada xa se vos sabe todo. Gustos musicais, costumes, carácter. E sobre todo… posición social. Alguén se imaxina ó Papa cuns pantalós vaqueros e xa non digo unha sudadera de chándal? Ou simplemente vestido coma un dos vellos que andan por acó? Seguramente esas camisolas blancas que leva valen máis cartos ca un vestido de novia, e total non son máis que unha sábana, pó caso. Despois está o aspecto das tribus urbanas, que están hoxe tan de moda. Aquelas rapazas que escriben nas revistas tontis cousas como “Meus pais non entenden que me vista e me pinte de negro, pero é que son unha rapaza gótica”… se souberan como vivían as mulleres no gótico igual si que se vían negras!
Logo están os “emos”, uns que andan sempre tristes (tamén de negro e rosa) cun flequillo “que é unha cortina que os separa do mundo”… souben deles a través dun artículo en “La Voz de Galicia” e tratei de investigar ata que descubrin que trataban de manter unha delgadez extrema. E coa conseguinte marxinación de todo aquel que non seguise estes cánones. Desde logo os gordos non están de moda e non sei porqué, xa que se houbera unha guerra entre gordos e delgados estes sufririan unha aplastante derrota. Pero a xente prefire ser delgada e escuchimizada, hoxe a forza non fai falta, todo o fan as máquinas.
Observei que aquel que é gordo sofre desde que vai ó colexo, a eses educadoiros masivos que inventou o ser humano… Os nenos xa o marxinan, será un hábito aprendido da sociedade ou será o puro instinto maligno da raza humana?
E cando a marxinación vai de cores, como o típico señor (non merece esta denominación, pero en fin) branco, autóctono, de idade media que despotrica en contra dos negratas, que parecen bichos… e outras cousas que nin me atrevo a mencionar… Gustaríame velo algún día nunha cidade doutro país, onde a maioría sexan negros… se cadra non abría tanto a boca para alardear da súa superioridade, e trataría de convencerse nos seus adentros de que o tamaño non importa.
Comentarios (4) - Publicado o 15-08-2008 19:49
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Ai! Esta araña caeu enferma
Populares plantacións da Terra Chá... E por iso non puiden facer o meu artigo sobre os xoguetes... De feito, algún humano pouco coidadoso co insecticida estivo a punto de matarme algunha vez, e esas son as cousas que me enferman. Polo menos podía loitar corpo a corpo comigo (ou zapatilla a araña) pero as mais das veces os asasinos son demasiado medosos. Xa sei que ti non, que me matache dun zapatillazo, pero que che parecen eses que van co insectizida a tódolos lados? A min póñenme enferma!
Isto recórdame ó sufrimento ambiental do nóso medio. Uns chámanlle natureza, anque de natural xa pouco ten. Queda algún camiño sen asfaltar? En Galicia si, claro, veriamos en Madrid o que hai de natural... A veces era mellor que non os asfaltaran porque ó pouco tempo teñen máis baches que un camiño de terra, e por suposto, hai unha norma non escrita que di que hai que esperar ás eleccións para amañalos. Máis natural que a Lei da Gravidade. (Si que ten gravidade o asunto, si).
Falando destas cousas do medio ambiente e dos gobernos... cando eu vivía aínda fóra das casas, no campo aberto, fixeime nun cartel da Xunta que poñía Repoboación, ou algo así. Subvencionada. O caso é que eu sempre pensaba que cando nun sitio había unha carballeira, que amablemente o propietario talou, a repoboación debía ser da mesma especie, por aquilo do entorno. Pero non, enriba dos cartos que gañaría no seu día o propietario despois a colaboración da Xunta foi plantar todo a pinos, para axudar un pouco máis á desertización e exterminación das especies autóctonas...
O meu nivel de indignación sube e sube... Creo que me tomarei outro descanso antes de seguir escribindo!
Comentarios (1) - Publicado o 08-08-2008 16:50
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Fálache o cadáver dunha araña
Retrato robot da especie estudada Son esa que mataches o outro día coa zapatilla contra a parede. Por riba de asasino, cocho. Nin sequera tuveches a sutileza de baixarme primeiro ó chan. Agora voute perseguir en soños cada vez que te conectes a internet, e voute marear coas miñas paranoias inéditas e infinitas.
Estúpidos humanos! Eu que vos observei desde a oscuridade de detrás dos mobles doume conta do animais que sodes.
Para min a vida era simple e fácil, e sorpréndenme as vosas complicaciós pa conseguir eso que dicides... felicidade. O caso é que non lla vin alcanzar a ninguén máis que por breves momentos. Merecerá a pena tanto invento de gasolina e de calambrazos?
Na miña vida non vin máis que espíritus distraídos intentando alcanzar unha meta, e detrás desa outra, e outra... Pero nunca atoparon unha meta final. Por máis que intenten buscarlle un sentido á vida non o ten. Están aí, e namáis.


O caso é que me sorprenderon cousas como o do televisor. Algúns que eu vin ben poderían estar casados con el en vez de coas súas respectivas parellas. Outros poderíano ter por toda familia (eses que á hora de comer berran "calai, calai, a ver que di o parte"). Moitos, sobre todo moitas, viviron a súa única vida amorosa na pantalla con un tal Armando José.
Un aparatiño que cáse veu sustituir a radio e que achegou a información e a desinformación ás cabeciñas encéfalas das persoas. Pais que nunca lle darían un tranquilizante ós seus fillos utilízana como tal, seguramente con menos efectos secundarios. Se despois de ver algunha que outra película ou programas tipo Pressing Catch se encontran máis violentos do habitual serán cousas da idade. E o gasto que poderian ter aforrado en muñecos, agora arrinconados no trasteiro onde viven as miñas conxéneres... (Ata me dixeron que unha utilizara a cabeza arrincada dun Nenuco como lugar de cría, unha idea moi segura, por certo).
O que me fai pensar que outro día opinarei sobre os xoguetes de fábrica. Que non son os mesmos que os caseiros. Pero ese xa é outro tema...
Comentarios (1) - Publicado o 30-07-2008 22:54
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui
Todas as imaxes, fotografías, debuxos...etc que aparezan neste blog foron realizadas pola mesma araña que escribe. Noutro caso sería indicado.

O meu perfil
ohdiosbendito@hotmail.com
 ARQUIVO

© by Abertal