O FALAR NON TEN CANCELAS


ENDL IES Lagoa de Antela

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

FERMOSOS DEBUXOS DE LEDICIA PRIETO
Imos despedir este curso con este agasallo de Ledicia Prieto, integrante do club de lectura de 4º da ESO e colaboradora do ENDL. Debuxos para admirar e para reflexionar que me lembran ese poema de Ronseltz aplicado á poesía: "O poema é unha pedrada na cabeza./Por iso lles recomendamos aos leitores/ que usen casco."
Agardamos que esta artista siga creando durante o verán.

E lembrade:
A Limia aínda é ese paraíso onde se vive en galego, onde o horizonte circular que a abraza soña en galego, onde ata as sombras das barcas que navegaron a Lagoa falan galego.

Feliz verán a tod@s!!


Comentarios (1) - Categoría: CREACIÓNS ALUMNADO - Publicado o 24-06-2010 20:38
# Ligazón permanente a este artigo
TEATRO A ESGALLA NO INSTITUTO
Estas dúas semanas gozamos co teatro en varias sesións.
O grupo de teatro de 3º C e D levaron á escena Hotel Desguace, unha simpática comedia protagonizada por vellos que sobreviven nunha sociedade represora en que está prohibido ler en galego. Unha festa clandestina, un traficante de libros, un asasinato inesperado e un interrogatorio policial compoñen os ingredientes básicos desta peza made in feita na casa.

ESCENA DE HOTEL DESGUACE

INSPECTOR: A ver, dígame algo que eu non saiba.
ROBERTO: Eu non sei nada.
INSPECTOR: Alguén dixo que...que leva aí?
ROBERTO: Eeeu?
INSPECTOR: Detective, rexistre a este individuo.
ROBERTO: Déixeme. (forcexean, cáenlle dous libros)
INSPECTOR: Ahá, así que traía a mercancía enriba. A ver que hai por aquí, Rosalía de Castro, Castelao, libros prohibidos. Non lle dará vergonza, señor Roberto? Aos seus anos.
ROBERTO: Por favor, señor inspector, que teño muller e fillos. Que vai facer? Nooon, iso non, Os vellos non deben de namorarse non. (rompen os libros)
INSPECTOR: Preparen a desintoxicación inmediatamente, este home ten unha adicción espantosa. Vostede non sabe que ler en galego prexudica seriamente a saúde? Que noxo!
ROBERTO: Fascistas!
INSPECTOR: Chamen a House e que lle apliquen unha descarga, e logo rexistren o cuarto deste subversivo.
ROBERTO: Nooon, o doutor House non.

INSPECTOR: Efectuaron o rexistro?
DETECTIVE: Si, inspector, encontramos a mercancía, libros agochados debaixo da cama e entre a roupa.
INSPECTOR: Que títulos?
DETECTIVE: Dous exemplares de Longa noite de pedra, de Celso Emilio Ferreiro e tres de Ollos de auga, de Domingo Villar, estaban aínda quentiños, inspector, alguén debeu lelos hai pouco.
INSPECTOR: Que barbaridade, este país está enfermo. Hai que desinfectar todo o edificio. Ler en galego, que perverso.

INSPECTOR: Señora Ana, bóteme o alento.
ANA: É estritamente necesario, inspector?
INSPECTOR: Obedeza. Puagh, que comeu?
ANA: Allo, inspector.
INSPECTOR: Pois a min chéirame a libro podre, señora Ana, vostede le?
ANA: Eeeeu? Só nalgunha data sinalada, inspector, case nada.
INSPECTOR: O Día das Letras Galegas dille algo? É unha data sinalada?
ANA: Non sei onde quere chegar, inspector, insinúa algo?
INSPECTOR: Ten vostede alento de Longa noite de pedra, señora Ana, cheira que fede. Cando foi a última vez que leu en galego?
ANA: O día antes de que o prohibisen, inspector.
INSPECTOR: Sométana inmediatamente a proba do polígrafo verbal.
DETECTIVE: O teito é de pedra, de pedra o chan e as reixas… Inspector, mire.
INSPECTOR: Ahá! A ver, siga.
DETECTIVE: Unha vez tiven un cravo...
ANA: Cravado no corazón.
INSPECTOR: Témola, ao calabozo, aplíquenlle a tortura 17 de maio, cantará.

ANA: Nooon.
DETECTIVE TORTURADOR. Toma outra ración de Luar. (voz do Gayoso e sintonía)
ANA: Por favor, por favor, confesarei.

INSPECTOR: Confesou?
DETECTIVE: Si, inspector, tiña lida toda a literatura galega publicada na clandestinidade.
INSPECTOR: Que barbaridade! Hai que sometela a un lavado de cerebro canto antes.
DETECTIVE: Niso estamos, inspector.
INSPECTOR: Quen falta por interrogar, detective?
DETECTIVE: Roque e Rosa, inspector.
INSPECTOR: E os enfermeiros?
DETECTIVE: Cando se produciu o crime estaban atados e amordazados, inspector. Tamén lles vendaron os ollos, non puideron ver nada, inspector. E a Luís, un dos fíos condutores desta peza teatral, deulle un infarto, inspector.
INSPECTOR: Descartados. Tráiame a Roque. Por certo, entón estamos nunha peza teatral, detective?
DETECTIVE: Iso parece, inspector.
INSPECTOR: Vaia, e hai público?
DETECTIVE: Mire para aí, inspector?
INSPECTOR: Ostrás, entón é certo. Coloque ben o uniforme, detective, que nos están mirando.




O grupo de 3º B representou unha adaptación da obra de Fernando Arrabal Pique-Nique. As escenas e diálogos absurdos nun escenario de guerra descoloca os espectadores que acaban percibindo a crítica aos conflitos bélicos. Proxectouse nesta sesión Historia de Corterríbel, unha lenda da Lagoa de Antela, un vídeo pola paz e a curtametraxe O xogo da guerra.
ZAPO: Tedes que marchar, está prohibido vir á guerra se non se é soldado.
SR TEPÁN: A min impórtame un pito, nós só queremos pasar o día contigo xa que hoxe é domingo.
SRA TEPÁN: Mira, neno, fixen tortilla de patacas, con queixo como a ti che gusta, e trouxen viño e pasteis.
ZAPO: Ummm.
SOBRIÑO E SOBRIÑA: Que rico!
SRA TEPÁN: Demo de rapaces, non toquedes nada.
ZAPO: Se o sabe o capitán cólgame, co que lle molesta iso de que haxa visitas na guerra. Repítenos sempre “na guerra, disciplina e bombas, pero nada de vsitas”.
SR TEPÁN: Xa lle direi un par de cousas a ese capitán.
ZAPO: E en que viñestes?
SRA TEPÁN: No catro latas, que atasco co tanque aquel. Veña, vaiamos comer.
SR TEPÁN: Si, o cheiro a pólvora ábreme o apetito. Nenos, axudade a pór a mesa.
SOBRIÑO E SOBRIÑA: Bah, que rollo.
ZAPO: Como co fusil?
SRA TEPÁN: Nada de fusís, é de mala educación sentar á mesa con fusil. A ver, ensíname as mans, que sucias.
ZAPO: É que me tiven que arrastrar polo chan, ma. (avergoñado)
SRA TEPÁN: E as orellas?
ZAPO: Laveinas esta mañá.
SRA TEPÁN: Poden pasar, e os dentes? Moi ben, quen lle dá ao seu meniño un biquiño por ter os dentes lavados? Porque o que non se pode consentir que co conto da guerra te deixes de lavar.
ZAPO: Si, mamá.






E, por último, a actuación estrela: o grupo dos maiores Xeito, dirixido por Manolo Fontemoura, representou Os cravos de prata, unha farsa de Nicolás Bela que conta a historia dun vello que simula a súa morte para fuxir cos cartos que tiña agochados. O alumnado fartou de rir e aplaudiu a rabiar a esta xente que leva o teatro no sangue. As nosas señoras da limpeza tampouco quixeron perder o espectáculo e botaron unhas gargalladas ben sonoras.
Parabéns e grazas!

Comentarios (0) - Categoría: TEATRO - Publicado o 23-06-2010 18:49
# Ligazón permanente a este artigo
FRAGMENTO DA CURTAMETRAXE HISTORIAS DE ONTE
Os alumnos Miguel Carballo e Jonathan Domínguez realizaron unha interesante curtametraxe sobre o perigo das drogas. Contaron coa colaboración de Pablo González, Ionela Boboc, Elsa Cabrera e Mª Mar Carnero. Dados os rudimentarios medios dos que dispuñan o produto resultante é máis ca digno.
Aquí vai un fragmento sobre esta produción caseira.
Parabéns, rapaces e rapazas!


Comentarios (0) - Categoría: CREACIÓNS ALUMNADO - Publicado o 23-06-2010 13:54
# Ligazón permanente a este artigo
«Periferia» de Iolanda Zúñiga, Premio Xerais de novela 2010

O xurado da 27ª edición do Premio Xerais de Novela acordou por unanimidade declarar como gañadora a presentada baixo o lema «O avesso do avesso» que, despois de aberta a plica, resultou ser de Iolanda Zúñiga e corresponde ao título Periferia.
Para saber máis visitade a páxina de Xerais ou a de Brétemas, de Manuel Bragado.
Teresa González Costa gañou o Premio Merlín.

Fixádevos que camiseta loce a flamante gañadora do Xerais, a erótica da lectura e a escritura!
Comentarios (0) - Categoría: NOVAS DE INTERESE - Publicado o 18-06-2010 20:31
# Ligazón permanente a este artigo
O LUNS RECIBIMOS O GRUPO TEATRAL XEITO

O luns 21 acudirá ao noso instituto o grupo teatral Xeito de Xinzo, formado por actrices e actores xa maduriños, que represantarán Os cravos de prata, de Nicolás Bela. Dirixe o grupo Manolo Fontemoura. Seguro que botamos unhas risas coa parodia do velorio.
Comentarios (0) - Categoría: TEATRO - Publicado o 18-06-2010 20:19
# Ligazón permanente a este artigo
AGASALLOS DO ENDL

O ENDL agasallou a membros do club de lectura, participantes nos distintos recitais e asistentes ás lecturas cunha bolsa que contén un verso de Uxío Novoneyra alterado: "Chove pra que eu soñe...".
Grazas a todas e todos, ás persoas que posaron para esta foto e ás que non saen pero "chuparon cámara" en moitas outras ocasións.

MIL PRIMAVERAS PARA A LINGUA, NOSAS SON AS PALABRAS DE ÁLVARO CUNQUEIRO.
Comentarios (0) - Categoría: VARIOS - Publicado o 18-06-2010 08:21
# Ligazón permanente a este artigo
ESTA SEMANA TEATRO A ESGALLA
As dúas compañías teatrais do instituto levarán á escena dúas pezas: Hotel desguace, unha divertida comedia made in feita na casa sobre a 3ª idade, e Pique- Nique, adaptación realizada sobre a obra do absurdo, crítica das guerras, de Fernando Arrabal. Pasen e vexan!




Comentarios (0) - Categoría: TEATRO - Publicado o 14-06-2010 20:13
# Ligazón permanente a este artigo
Hª DA LINGUA, DE PEPE CARREIRO
Vía trafegando ronseis traemos aquí esta Historia da lingua de Pepe Carreiro.

Comentarios (0) - Categoría: MATERIAIS DIDÁCTICOS - Publicado o 08-06-2010 18:48
# Ligazón permanente a este artigo
ORGULLOS@S DO NOSO, ORGULLOS@S DO GALEGO
Vía este blog, boas e xenerosas, chéganos este vídeo alucinante sobre o orgullo de falar galego e ser galeg@ realizado polo IES Pedras Rubias de Salceda de Caselas.
Cunha técnica de animación e a colaboración dun membro de Dios k te Crew (García MC)elaboraron un produto excelente. Felicitamos o alumnado e profesorado que o fixo posible.



Comentarios (0) - Categoría: CAMPAÑAS - Publicado o 07-06-2010 17:48
# Ligazón permanente a este artigo
EN GALEGO TAMÉN SE FAI CIENCIA
Campaña "En galego tamén se fai ciencia" promovida pola Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística.Cantas máis linguas se saiban...

Beatriz de Carlos from En galego tamén se fai ciencia on Vimeo.

Comentarios (0) - Categoría: CAMPAÑAS - Publicado o 06-06-2010 22:16
# Ligazón permanente a este artigo
Hª DE CORTERRÍBEL, UNHA LENDA DA LAGOA DE ANTELA
O alumnado de teatro posibilitou esta versión videográfica dunha historia do libro A lenda da Lagoa de Antela, de Delfín Caseiro.
Algunhas fotos son de Tomás García, outras, que pertencen ao pasado, están tiradas de internet e as de ficción pertencen á que escribe.


Comentarios (1) - Categoría: VARIOS - Publicado o 03-06-2010 21:15
# Ligazón permanente a este artigo
CONCURSO DE BIBLIOCLIPS

Vémonos na biblioteca:
BASES DO CONCURSO DE BIBLIOCLIPS
DAS BIBLIOTECAS MUNICIPAIS DA CORUÑA (Ed. 2010)
1. Presentación
A
s Bibliotecas Municipais da Coruña convocan o concurso de BIBLIOCLIPS para amosar o feito lector entre os cidadáns cunha visión diferente, persoal e lúdica das bibliotecas públicas.
O concurso consiste na realización dun Spot Publicitario dunha duración máxima de 35 segundos de
visionado, inspirados na biblioteca e a lectura. A curta poderá estar ou non gravada nun espazo
bibliotecario. En calquera caso, valorarase a orixinalidade e a capacidade de expresar calquera punto de vista relacionado co tema do concurso, así como as posibilidades de emisión dos traballos presentados.

Máis información na sección de normalización da nosa páxina web.
Comentarios (0) - Categoría: CONCURSOS - Publicado o 03-06-2010 11:21
# Ligazón permanente a este artigo
VIVE A AVENTURA DE LER, PREPÁRATE PARA AS VACACIÓNS
Colgamos no blog lector Nos tamén navegar un tríptico con recomendacións literarias. Achéganse as vacacións e cómpre ir xestionando os préstamos.
Navegamos mares, cruzamos fronteiras, vi
vimos aventuras, soñamos... e todo de balde!

Comentarios (0) - Categoría: RECOMENDACIÓNS LITERARIAS - Publicado o 02-06-2010 17:56
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal