A escritora e xornalista Eva Mejuto mantivo un encontro literario co alumnado de 2º e 4º ESO no Salón de Actos en torno á novela 22 segundos que trata o tema da transexualidade. A charla resultou moi interesante pois Eva relatou todo o proceso de elaboración da historia, como se puxo en contacto cun rapaz transexual que lle contou a súa vida e, como a partir das súas vivencias, decidiu construír a novela 22 segundos.
A escritora foi presentada por Dolores González e Miguel Estévez, de 3º ESO, dúas persoas con moita sensibilidade e ávidas lectoras.
Ao remate da charla, e despois de contestar algunhas preguntas, asinou libros. Foi neste momento cando se creou un clima de maior intimidade e fluíu a comunicación entre Eva e o alumnado presente, que se atreveu a formularlle máis preguntas.
Debo dicir que moitas persoas confesaron que fora o libro de lectura obrigatoria que máis lles gustara de galego ata agora.
Foi un pracer contar coa presenza desta escritora e esperamos que volva cunha próxima novela a compartir connosco a súa experiencia lectora.
Na biblioteca celebrouse un recital poético en que interviñeron profesorado e alumnado para seguir conmemorando o mes das Letras Galegas.
Omayma, María Vila, María Barge, Miguel, Iago, David, Alba, Lidia, Dolores, Aldo, Ana,Tomás e Paz recitaron poemas de María Victoria Moreno e outr@s poetas galeg@s. O clima íntimo que se creou foi admirable, fluíu a comunicación.
Só me cabe felicitar este equipo de persoas sensibles e amantes da literatura que participan en toda acción cultural que se organice. Estas persoas que sacrifican tempo do seu ocio para ensaiar merecen un profundo recoñecemento.
Para rematar o acto de celebración das Letras Galegas no Salón de Actos, Andrea Opazo animouse a cantar a capela o tema de Sés "Tempestades de sal", a "Negra sombra" e "Adiós ríos, adiós fontes", de Rosalía de Castro.
Actuaron alumnas e alumnos do instituto no Salón de Actos para celebrar as Letras Galegas. Xurxo, Guillermo, María... tocaron temas da nosa música popular, entre eles Catro vellos mariñeiros, A saia da Carolina, A rianxeira e un vals de Baronzás.
Parabéns para esta xeración de músicos que teñen un futuro prometedor por diante
Unha das accións programadas para celebrar as Letras foi a actuación de O leo i Arremecághona para o alumnado de de 3º, 4º de ESO e 1º Bac . Non defraudou este artista punk galego, que recitou poemas e cantou temas da súa colleita, sorprendendo o público que se deu cita no Salón de Actos.
O alumnado integrante do ENDL entrou nas clases de 1º e 2º de ESO, explicou quen era María Victoria Moreno, informaron da importancia de usar a lingua para que non se perda, leron poemas e repartiron adhesivos.
Alumnado de 4º de ESO confeccionou deseños para camisetas a partir de textos de Xohana Torrees, Chus Pato e Ana Romaní e exhibíronas na campaña que realizamos hoxe na saída a Xinzo.
O alumnado de 4º de ESO e o alumnado integrante do ENDL saíron á rúa para realizar unha campaña a prol do uso do galego, explicando quen era María Victoria Moreno, lendo textos e promocionando o uso do galego fronte aos prexuízos e advertindo do risco que corre a lingua.
Editamos e encadernamos os contos de medo de 3º ESO escritos polo alumnado de 3º de ESO.
As alumnas e alumnos realizaron deseños e sacaron fotos para ilustrar os seus propios contos. Paga a pena lelos, hai calidade.
A partir dunha actividade de aula, consistente en elaborar unha campaña de promoción da lingua, elaborouse un adhesivo tipo con tres formatos: para pegar en carpetas, para pegar nos coches e para pegar nos escaparates e portas dos comercios. O alumno que realizou o deseño foi Álvaro López Martínez, de 3º ESO, e Xosé Manuel Méndez Gayo, profesor de Tecnoloxía, perfeccionou o deseño.
O mércores ocuparemos as rúas e comercios de Xinzo para promocionar a lingua e pegar os adhesivos.
O xoves 26 de abril celebramos un encontro literario co escritor Héctor Cajaraville, autor de Once portas. O alumnado de 3º e 4º de ESO tivo a oportunidade de escoitar a este bo comunicador, que falou sobre o oficio de escribir, sobre a súa profesión de xornalista e de aspectos relacionados coa novela Once portas, entre eles explicou como xurdiu a idea de construír unha historia de misterio a partir das portas da muralla medieval de Santiago e os supostos restos do apóstolo.
Héctor Cajaraville foi presentado por Silvia García e Marco Garrido, alumnos de 3º A; logo da charla, respondeu amablemente as preguntas que lle formularon algunhas alumnas e alumnos sobre o libro; por último, asinou exemplares do seu libro.
Foi un pracer contar coa presenza deste contador de historias.
O luns, día 23 de abril, tivemos un encontro co escritor Santiago Jaureguizar no noso IES. A este acto asistimos os alumnos de 1º de ESO.
Ao principio da conferencia, unha compañeira e un compañeiro, fixeron unha presentación do autor.
Jaureguizar é un autor que escribiu moitos libros nos que sempre se investiga algo. O último foi A boca do inferno que é o que nós lemos recentemete.
Grazas ás súas publicacións obtivo diferentes premios, sendo o máis importante o premio Xerais.
As nenas e nenos fixéronlle preguntas moi interesantes sobre os seus libros e sobre os galardóns que ten conseguido.
Este encontro foi unha experiencia inesquecible.