O FALAR NON TEN CANCELAS


ENDL IES Lagoa de Antela

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

PREMIOS CONCURSO CARLOS CASARES

Este é creación plástica premiada no concurso Carlos Casares, unha interpretación artística do relato "A rapaza do circo" do libro Vento ferido realizada por Miranda García, de 1º de Bac.
Comentarios (0) - Categoría: CONCURSOS - Publicado o 20-05-2017 22:04
# Ligazón permanente a este artigo
PREMIOS CONCURSO CARLOS CASARES
Subimos o texto premiado do Concurso literario Carlos Casares de Guillermo Arcos, de 2º ESO. O relato, titulado "O seminario", é de gran calidade literaria.



Comentarios (0) - Categoría: CONCURSOS - Publicado o 20-05-2017 21:55
# Ligazón permanente a este artigo
LETRAS GALEGAS 2017: O IES LAGOA DE ANTELA CON CARLOS CASARES

Xosé Antonio Carrera agasallounos con outro artigo sobre Carlos Casares. A foto de Carlos Casares cedéunola tamén o que foi xornalista de La Voz de Galicia, e vese un Carlos Casares ben novo posando como xogador do Antela.


UNHA NOVA CARBALLA NA LIMIA

Alguén dixo con acerto que a infancia é o paraíso perdido do home. Cacheando na súa propia infancia, vivida en terras da Limia, Carlos Casares atopaba materiais nobres cos que había de levantar, en boa parte, a espléndida literatura que nos deixou.

Lugares, acontecementos e, sobre todo, persoas que poboaron a Limia dos anos cincuenta e sesenta coáronse nos seus contos e novelas. Pero eu coido que onde máis luciron foi nos artigos xornalísticos que, co título de Á marxe, publicara día a día en La Voz de Galicia e que agora está recollendo, con gran acerto, a editorial Galaxia, en volumes anuais. Para min, estes libros están á altura da mellor prosa de Casares. Son pequenas xoias nas que o autor conseguiu a graza da brevidade engalanada cunha inusitada perfección formal. E ninguén negará a dificultade de escribir ó redor de catro mil artigos cheos de orixinalidade, tenrura e, por riba de todo, humor. Un humor fino, intelixente, reconfortante. Algúns deles poderíanse cualificar como soberbios microrrelatos, deses que agora están a se poñer de moda.

É verdade que máis dun veciño de Xinzo tenme manifestado a súa desconformidade co proceder de Casares, alegando que desvirtúa algún acontecemento dos que narra ou, no mellor dos casos, fantasea a súa realidade. Pero é que o noso autor non era un reporteiro, senón un escritor que elaboraba literatura. E o propio Carlos dicía que «a literatura é sempre unha mentira, á cal soamente se lle poden facer reproches cando está mal contada». O que Casares escribía cada día non era perecedoiro, como o resto do xornal, senón que, como queda notorio coa reedición, foi unha prosa de enorme calidade e perdurable.

Teño poucas dúbidas de que, á volta duns anos, estudosos na procura de profundar na obra de Casares, deban rastrexar o mundo no que se moveu. Entón preguntaranse por nomes entrañables para nós, que o propio autor mencionou, como —por só citar un mínimo deles— Faustino Portela, Camilo de Dios, Rafaelito Cacá, Camilo Peláez, Fausto dentista, Antonio Nieto…, xunto con outros menos favorecidos pola vida pero non por iso menos recordados, como Quique Picamoca, Leoncio, Turo Vila, Félix o Catapiro… Son nomes que, matizados polo noso artista, quedan definitivamente na literatura galega, porque Carlos xa forma parte por méritos propios dela.

E non se debe poñer en dúbida de que sen literatura a vida perde parte da súa graza. Galicia non é só unha fermosa terra; Galicia é tamén Castelao, Cunqueiro, Rosalía, Otero Pedrayo, Blanco Amor e tantos outros creadores que lle engaden tonalidades que ninguén con cordura rexeita. Da mesma maneira, a figura de Carlos Casares, recoñecida en todo o país galego e que na Limia tivo as súas raíces, devolveralle con creces beleza a nosa paisaxe, cal carballa frondosa, acolledora e milenaria.

Xosé A. Carrera
Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 09-05-2017 23:30
# Ligazón permanente a este artigo
LETRAS GALEGAS 2017: O IES LAGOA DE ANTELA CON CARLOS CASARES
E, por suposto, recuperamos para esta data a extraordinaria curta dos nosos ex-alumnos Anxo, Cristian, José e Miguel, baseada no relato "O xogo da guerra, de Vento ferido. O equipo completouno Iván, ex-alumno do IES Cidade de Antioquía.



O XOGO DA GUERRA por anxo_xinzo
Comentarios (1) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 09-05-2017 21:42
# Ligazón permanente a este artigo
LETRAS GALEGAS 2017: O IES LAGOA DE ANTELA CON CARLOS CASARES
Un alumno de 4º ESO, Carlos Canal, confeccionou este vídeo en Stop Motion a partir do relato "Agarda longa ao sol" de Vento ferido.


Comentarios (1) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 09-05-2017 18:17
# Ligazón permanente a este artigo
LETRAS GALEGAS 2017: O IES LAGOA DE ANTELA CON CARLOS CASARES
Alumnas de 4º de ESO de Plástica, Nerea Atanes, Nerea Freiría e Ana Posada, realizaron este vídeo sobre o relato "A tronada" de Vento ferido de Carlos Casares, libro que cumpre 50 anos da súa publicación.

O proxecto planificouse interdisciplinariamente coa materia de Lingua.


Comentarios (1) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 09-05-2017 18:12
# Ligazón permanente a este artigo
LETRAS GALEGAS 2017: O IES LAGOA DE ANTELA CON CARLOS CASARES
Confeccionamos un folleto con información sobre a vida e obra de Carlos Casares e unha oca como xogo didáctico para as aulas.

Xosé Manuel Méndez, Sara Vázquez e Carmen Gómez planificaron e deseñaron o proxecto, no cal participaron alumnas e ex-alumnas do IES Lagoa de Antela.








Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 08-05-2017 21:07
# Ligazón permanente a este artigo
LETRAS GALEGAS 2017: O IES LAGOA DE ANTELA CON CARLOS CASARES
Confeccionamos un vídeo coa vida e obra de Carlos Casares.

Agradecemos a todas as persoas que participaron a súa implicación.





O mesmo vídeo con Ana Posada e Marta Farci nos créditos, un esquecemento imperdoábel. Desculpas!

Comentarios (1) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 08-05-2017 21:01
# Ligazón permanente a este artigo
LETRAS GALEGAS 2017: O IES LAGOA DE ANTELA CON CARLOS CASARES

Xosé Antonio Carrera, veciño de Xinzo que foi corresponsal de La Voz de Galicia e na actualidade é colaborador habitual da publicación provincial Barrios, cedeunos amablemente dous artigos que publicou sobre Carlos Casares, ao que tivo a honra de coñecer.

Agradecémoslle o seu xesto, o de cedernos os artigos e, tamén, algunhas fotos antigas de Xinzo e do propio Carlos Casares. As fotos incluímolas nun vídeo que subiremos ao blog.



O BAÚL QUE DA LIMIA LEVOU CASARES

Había un home pequeno, case anano, que percorría as rúas teimando nos días en que fora alcalde de Xinzo e que, cando alguén o saudaba, el soltáballe lixeiro unha patada. Os nenos seica apostaban por arrimarse a el canto máis mellor e saír ilesos. Outro alcalde había que recitaba de memoria longos textos de Ortega y Gasset. Un terceiro facía o golfo polas noites e, arrodeado de amigotes, unha vez chegou a apagar a iluminación pública para meter un porco no leito dun empregado do xulgado. Tamén había curas que viñan ás feiras en bestas, que usaban banco para poder chegar ó altar ou ós que, con aspecto de goliardos, lles gustaba o viño, as mozas e os naipes. Había vagos que parecía que tiñan arrendado o esporón da praza, veladas de boxeo no café Antela, vendedoras de pomadas na feira que adormecían lagartos en cama con cabezal, dentistas que lucían nas súas tarxetas de visita un avoengo tan falso como algún billete, ou comerciantes de tecidos que, amén de escribir versos galantes, tiveran amores con marquesas italianas, sen saír nunca de Xinzo.

Estas estampas aparecerían se abrísemos o baúl que Carlos Casares levou da Limia, como un verdadeiro tesouro, pero habería moitas outras con só levantar as primeiras.

Con ollada de neno pícara e entremetida — dá a impresión de ter tamén o don da ubicuidade— Carlos foi seleccionando esta restra de figuras dos anos cincuenta que aproveitaría máis tarde na súa creación literaria, sobre todo na columna diaria de xornal, chamada «Á marxe», e que nos serve aínda hoxe para coñecer cousas da súa nenez, coma se dun diario se tratase. Por outra parte, estas lembranzas tiñan o poder de pasmar a xente que non coñecía a Limia, tanto que lle preguntaban ó noso autor de que mundo fabuloso saíra, porque nel dábanse casos tan inusitados e ocorrentes.

Casares adoitaba responder que aquí había algunha que outra xente rara, como en todas partes, pero o que non aclaraba, por modestia, era o seu gran talento para reflectilas no papel con graza, fascinación e humor intelixente. Tamén, sen dúbida, nalgúns casos con claras doses de sarcasmo, aínda que acompañadas sempre do lubricante da tenrura. En definitiva, unha literatura espléndida que recorda, por só citar dous casos, a Marcial Suárez narrando ós seus veciños de Allariz e, sobre todo, a Cunqueiro cos seus feirantes da terra lucense.

Claro exemplo do engado que a creación de Casares producía no lector foi a proposta que un veciño de Xinzo lle fixo para que escribise a vida do seu pai coa mesma cor e fantasía que empregaba nos demais. Non o conseguiu; non estaba no baúl.

Xosé A. Carrera
(Publicado na revista «LETHES», núm 11)

Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 07-05-2017 20:09
# Ligazón permanente a este artigo
LETRAS GALEGAS 2017: O IES LAGOA DE ANTELA CON CARLOS CASARES

Iniciamos a homenaxe que o noso instituto rende a Carlos Casares, veciño ilustre da bisbarra d'A Limia que converteu en personaxes literarios moitas das súas xentes e en escenarios de ficción os lugares en que habitou. Nos seus artigos de prensa permanecen tamén, como memoria escrita.

A profesora de Plástica Ana Escudero deseñou este cartel para este evento.
Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 07-05-2017 01:04
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal