A palabra chega cando as persoas senten.
Superamos o pouso amargo que deixaron ao inicio as ausencias (nin Xabier Xil nin Anxo Angueira fixeron acto de presenza) co bo ambiente da xente que acudiu á cita. Cita coa palabra. Despois dos saúdos o local foise empapando de literatura: as paredes, as cadeiras, os vasos, os corpos todos. Sobre a pel deshidratada metáforas líquidas. E nos intermezzos merecidos aplausos.
Poemas de Uxío Novoneyra, Antón Lopo, Darío Xohán Cabana, Gioconda Belli, Celso Emilio Ferreiro, Nizam Qabbani e da nosa alumna Mayte López cobraron vida nas voces de Fatima, Mayte, Uxía, Beatriz, Noelia, Jonathan, Anxo, María, Laura, José, Irene e Ana. Acompañaron coas guitarras Miguel e Cristian.
Nun acto organizado conxuntamente polo ENDL do instituto e a Asociación Cultural Aguilloar, con Rubén Domínguez e Diego Quintairos como anfitrións, e diante dun público entregado, puidemos gozar da proxección duns videopoemas do noso alumnado, un documental sobre a figura de Uxío Novoneyra e a curtametraxe O xogo da guerra, baseada no relato homónimo do escritor limiao Carlos Casares. Calidade suprema!!
Grazas, mozas e mozos, pola vosa xenerosidade.
Tivemos o pracer de ser espectadores do espectáculo didáctico da compañía Pífano Teatro. Mela Casal e Xavier Picallo leváronnos de paseo pola historia do teatro. Viaxamos dende a Grecia clásica ata o teatro do absurdo pasando pola Idade Media, o teatro de Shakespeare e o de Bertolt Brecht. Botamos unhas risas e logo charlamos cos actores. Ao final quedaron alumnos e alumnas de teatro que recibiron unha lección sobre como educar a voz coa respiración. Mela Casal deitouse no chan e foi moi gráfica.
Unha xente aberta e amable.
A asociación Aguilloar de Xinzo, formada por antigo alumnado do noso instituto, celebra co noso alumnado as Letras Galegas. Proxeccións audiovisuais e recital serán parte dun menú que terá como "artista" convidado o poeta das Redes Escarlata Anxo Angueira, autor de Fóra do sagrado e a quen sempre é un pracer escoitar.
Esperamos ver por alí a Xabier, Diego, Andrés, Héctor, Borja, Rubén...
Para entender Cans hai que vivilo unha vez polo menos na vida, o malo? é que se vas un ano, inevitablemente, repites. Engancha, sen dúbida, ese glamour de horta e chimpín, de bata e sacho, de ghalpón e grelos que nos é tan familiar e que se fai arte nesta aldea pontevedresa. En Cans o perfume non é de Chanel nº 5 nin os vestidos son de Cristian Dior pero teñen máis encanto e autenticidade que o artificio da cidade francesa de Cannes. Alí podes tomarte un pincho de xamón asado á beira do malo malísimo de Matalobos, gardar cola cos personaxes de Air Galicia ou beber unha caña rozándolle o bigote a Luís Tosar, alias Malamadre. Tamén podes asistir a un concerto no Jalpón de
Alicia mentres a dona remexe na horta ou pelexarte por un cacho de terra cos veciños na entrega de premios. Resistir á calor sen derreterse foi sen dúbida o maior exercicio de supervivencia pero pagou a pena.
Tamén atopas xente que pasou polas aulas do instituto cando existía COU como Héctor Casas ou Andrés Casteleiro.
O premio do público foi para unha curta made in Ourense, unha comedia parodia da arte contemporánea que se titula Instalación. O premio do xurado levouno Rodilla, onde un coleccionista de cromos axusta contas co pasado.O premio á mellor curtametraxe de animación foi para Nuestra fé en el veneno e o dos veciños para Padre Modelo. A actriz premiada foi Nuncy Valcárcel, polo seu papel en Coser e cantar, unha historia de resistencia contra a educación franquista; e os actores galardoados foron Javier Rodríguez e Fernando Cayo polos seus papeis en El vendedor del año, unha crítica ao comportamento inhumano das multinacionais.
Estes son algúns dos fotogramas da curtametraxe "O xogo da guerra", realizada e protagonizada por alumnado de 1º de BAC (Anxo Quintairos, Cristian Bolaño, Miguel García e José Fernández) coa colaboración de David Rodríguez e Javier Rivero, de 4º da ESO. O guión foi unha adaptación do relato homónimo de Carlos Casares realizada por Iván Prado. O vídeo foi proxectado no Salón de Actos e causou impacto no profesorado e alumnado asistente, dada a calidade do produto elaborado, tanto a nivel técnico coma interpretativo. Parabéns, rapaces!!
O venres no 1º recreo entregamos os premios das Letras Galegas. Rocío e Yolanda levaron o premio de caligramas, Mayte o de relato, Édgar o de fotografía e Anxo, José, Miguel e Cristian o de vídeo. Noraboa a todas e todos!!
O venres 21 de maio celebramos as Letras Galegas na biblioteca. Alumnas e alumnos de diferentes niveis leron textos pola lingua e recitaron poemas de Uxío Novoneyra, Manuel María e Darío Xohán Cabana. As palabras pronunciadas expresaron a necesidade de manter a lingua e loitar por ela. Arrancaron moitos aplausos. Participaron:
RAQUEL TRIGO, RAQUEL VÁZQUEZ, ANA BARXA, MAYTE LÓPEZ, JONATHAN DOMÍNGUEZ, NOELIA GAMALLO, UXÍA ALONSO, ÚRSULA CASADO, BEATRIZ DOMÍNGUEZ, MIRIAN FERNÁNDEZ, ISABEL DIEZ, MIGUEL GARCÍA, CRISTIAN BOLAÑO, FATIMA FATHALLAH, ADOLFO DACAL, SONIA VÁZQUEZ, PILAR BARANDELA, VALENTINA JORQUERA, ÁLEX FERNÁNDEZ, LUCÍA BLANCO E SUSANA DIZ.
RECITAL DOS CENTROS ESCOLARES DE XINZO NA PRAZA MAIOR
O 18 de maio, un día despois do Día das Letras Galegas, os catro centros escolares de Xinzo (CEIP Rosalía de Castro, CEIP Serxio Mascareñas, IES Lagoa de Antela e IES Cidade de Antioquía) reuníronse na Praza Maior da vila para celebrar conxuntamente as Letras Galegas nun acto organizado polas bibliotecas e equipos de normalización dos catro centros. Un recital de poemas de Uxío Novoneyra, música coa banda da xente máis nova, un baile da amizade, un rap e o poema ?Letanía de Galicia? , que foi coreado polos asistentes, arrancaron os aplausos das persoas que se reuniron na praza. O noso alumnado (Pablo, Ana, Alicia, Adolfo, Sonia, Melisa e Lucía) abriu a quenda de intervencións cunha notable actuación. As nenos e nenos de Primaria emocionaron, sen dúbida, os espectadores da praza.
Colgaremos máis fotos en próximos días.
VÍDEO
CRISTIAN BOLAÑO, ANXO QUINTAIROS, MIGUEL GARCÍA E JOSÉ FERNÁNDEZ
CURTAMETRAXE "O XOGO DA GUERRA"
LITERARIO
MAYTE LÓPEZ ATANES
RELATO ?O BALEIRO?
FOTOGRAFÍA
ÉDGAR ÁLVAREZ FEIJÓO
1
- Subimos unha das fotos premiadas, digna calquera delas de ser publicadas.
2- Fragmento do relato "O xogo da guerra", do libro Vento ferido do escritor limiao Carlos Casares, falecido hai uns anos. A curtametraxe presentarase ao certame OUFF Escola.
Botaron a sortes e tocoume a min. Eu penso que fixeron trampa, pero calei. Díxome o Rata: "Vai". Eu non quería ir, digo a verdade. Pero cando o Rata dicía vai, había que ir. O Rata estaba tolo, segundo a miña nai. Pero eu penso que non estaba tolo, que era atravesado e de mala lei. "Vai", dixo outra vez. E fun. A casa de don Domingo quedaba lonxe. Algo así como a dous quilómetros. Tiven que dar un rodeo para non pasar por diante da zapatería do meu pai. Pensei:"escapo para a casa e xa está". Pero collín medo. Ademais ía calor e na casa no verán non se para coas moscas.
Cheguei ao chalé de don Domingo e berrei:
- ¡Zalo...!
Ladraron os cans. Agardei un pouco e volvín chamar:
- ¡Zalo..!
[...]
3- Fragmento do relato "O baleiro" de Mayte López.
"E dende aquela pensou que fuxira da soidade, coma se dende o momento en que nacera non fose unicamente ela mesma. Aprendeu, non sen moitas dificultades, a expresarse coas novas verbas, sen medo e sen prexuízos. Xa non era necesario pensar o que dicía, posto que agora tiña o privilexio de falar e facelo sempre con corrección, independentemente do que estivese saíndo pola súa boca, posto que non era iso o que importaba, senón a forma. Entregou a súa identidade a cambio dunha suposta integración que a sacase do seu abismo silencioso, coma quen lle vende a súa alma ao diaño polo prezo de facer realidade un desexo egoísta. Coma ela antes pensaba en galego, tamén deixou de pensar.
Estes días estivemos a traballar nas aulas con este xogo test web. A actividade realizouse por parellas. As respostas encóntranse na sección de normalización, lugar onde tamén se pode descargar o documento en PDF.
Esquecíaseme dicir que esta escena corresponde en realidade a un ensaio para o recital das Letras, a xente está a musicar o poema "Letanía de Galicia" e a encontrar as voces e coros adecuados.
Por fin o noso vídeo sobre Uxío Novoneyra! Tivemos que fragmentalo para non rebaixar en exceso a calidade.
Grazas ás alumnas do club de lectura de 1º de BAC que quedaron o mediodía do luns(Beatriz, Úrsula, Isabel, Mirian e Noelia), ao polifacético Pablo e aos músicos Cristian e Miguel.
Esquecemos especificar que unha peza musical "roubámoslla" a Carlos Núñez e que as imaxes da Guerra Civil están baixadas da rede.
A través desta videomontaxe chéganos a voz de Uxío Novoneyra. Na súa páxina web poderedes atopar todo tipo de información: poemas, vídeos, fotos, gravados...
Reverso Comunicación Cultura e Lingua desenvolve con 2.0 Editora esta campaña de fomento da lectura dirixido a mediadores de lectura (libreiros, bibliotecarios, docentes etc., principais estimuladores do hábito lector
O galego tamén se aprende fóra de Galicia. En Croacia e Xapón temos dous exemplos. Chegamos a eles a través do blog amigo A ghaivota, do Monte Carrasco.