O FALAR NON TEN CANCELAS


ENDL IES Lagoa de Antela

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

RECIBIMOS A XENTE DO IES MONTE CARRASCO DE CANGAS
Tocounos recibir o profesorado e alumnado do IES Monte Carrasco de Cangas, agardábase un día de calor e foi lume. Ás 10:30 chegou o bus do Morraso ao instituto e deste, sen demora, para Lodoselo, ao CDR O Viso. Alí, primeiro fixemos pan da maneira tradicional no forno comunal: amasamos, seguimos o ritual, responsos incluídos, e elaboramos o noso boliño personalizado. Para socializar compartimos xogos populares:a porca, a ra, os zancos, o lanzamento de boina, o aro, o escachaovos ás cegas…, só faltou o saching, e iso que había un por alí... Logo dun refrixerio os monitores someteron o alumnado a unha proba de supervivencia, catro grupos armados de búsolas, papel e bolígrafo emprenderon un xogo de orientación a pleno sol que rematou no monte-aula da natureza que alberga máis de 100 especies de árbores. De alí a Xinzo, visita brevísima que nos custou unhas olladas de reproche, e de Xinzo a Sandiás, á Casa da Lagoa, onde viaxamos no tempo e navegamos metaforicamente pola lagoa, recollemos o beón e habitamos as palafitas, que frescura para tanta calor!
Tempo de despedida, promesas de volverse ver e caras compunxidas, as separacións sempre son traumáticas.
Esperamos de todo corazón que o pasaran ben e aprenderan algo da vida do rural como nós aprendemos da vida mariñeira. Se cadra o curso vindeiro consolidamos esta relación…, que se Entroido, que se algunha viaxe compartida…, quen sabe!
Ata logo, Cangas!!


Comentarios (1) - Categoría: INTERCAMBIOS E CONTACTOS - Publicado o 27-04-2010 19:59
# Ligazón permanente a este artigo
23 DE ABRIL: DÍA DO LIBRO
Mira e escoita! Un rap dedicado ao libro.

Comentarios (0) - Categoría: DATAS PARA NON ESQUECER - Publicado o 23-04-2010 11:05
# Ligazón permanente a este artigo
UNHA XORNADA CON LEO CALDAS E DOMINGO VILLAR EN PANXÓN
“O inspector Leo Caldas saíu do taxi e saltou por riba das pozas ata a beirarrúa.”

Así comeza a novela A praia dos afogados de Domingo Villar, o indiscutible éxito da literatura galega que dende o verán pasado segue superando recordes. O luns desprazámonos en dous autobuses a Panxón para escoitar unhas palabras do autor e percorrer o itinerario da novela. Gozamos das vistas de Monteferro, sentimos as voces dos afogados na praia da Madorra, admiramos a o Templo Votivo do Mar, unha marabilla modernista de Antonio Palacios, e paseamos polo porto pesqueiro de Panxón. Algúns mesmo se armaron de valor e mergulláronse na praia recollida da vila, libre de turistas. O itinerario foi amenizado por Ana, unha actriz que escenificou con algúns alumnos partes da novela. Recoñecemos o talento de Pablo, Anxo, Manuel Quelle, Miguel García e Iván que formaron parte da farándula e gozaron sendo protagonistas literarios.
Na praia da Medorra tiven a oportunidade de charlar cunha señora de idade que se sumou, curiosidade espertada por tanta adolescencia xunta, á turba. Contoume que ela encontrara un afogado había non moito, só trinta anos, e que a esa praia ían parar moitos mariñeiros estranxeiros porque bebían e iso provocaba que se descontrolasen e perdesen o siso, chocando coas rochas que rodean as Illas Estelas. Curioso o destino, o azar traste que nos depara sorpresas.
Quizais o misterio da relación con Alba se resolva na 3ª parte das andanzas de Leo caldas e Rafael Estévez, o aragonés que xa comeza a entender a forma de ser dos galegos. Agardámola impacientemente!


Comentarios (1) - Categoría: VISITAS E ENCONTROS - Publicado o 14-04-2010 21:57
# Ligazón permanente a este artigo
CONCURSO LINGUA DE AMOR

O Consello da Xuventude de Galicia (CXG), a través do seu Servizo de Normalización Lingüística, puxo en marcha a IV.ª edición de Lingua de amor, o concurso de cancións e declaracións de amor en galego a través da internet.


Lingua de amor ten como obxectivo principal estender o uso do galego como lingua habitual entre a xente moza nas súas comunicacións a través da rede.


Establécense dúas modalidades de participación: declaracións e cancións de amor.

Os premios serán os seguintes:




Modalidade 1: declaracións de amor en galego a través da rede

Categoría A (de 14 a 19 anos):
1.º Un computador portátil Netbook
2.º Unha consola Nintendo DSI XL
3.º Unha cámara de fotos dixital

Categoría B (de 20 a 35 anos):
1.º Un computador portátil Netbook
2.º Unha cámara de vídeo dixital
3.º Unha consola Nintendo DSI XL

Modalidade 2: cancións de amor en lingua galega
1.º Un computador portátil Netbook
2.º Un iPod de 3.ª xeración
3.º Unha consola Nintendo DSI XL

Para participar no concurso só hai que rexistrarse na páxina www.linguadeamor.eu.
O prazo permanecerá aberto ata o 28 de maio de 2010 e para as votacións será do 29 de maio ata o 6 de xuño de 2010

Comentarios (0) - Categoría: CONCURSOS - Publicado o 13-04-2010 12:45
# Ligazón permanente a este artigo
MARÍA YÁÑEZ E EUFALO.TV
María Yáñez, autora xunto con Mónica Ares do documental Linguas cruzadas, presentou o espazo web de EuFalo.TV., un espazo colaborativo sobre a lingua e os falantes.


Aquí tedes o vídeo promocional

Comentarios (0) - Categoría: NOVAS DE INTERESE - Publicado o 13-04-2010 07:16
# Ligazón permanente a este artigo
CONCURSO LETRAS GALEGAS

Comentarios (0) - Categoría: CONCURSOS - Publicado o 11-04-2010 22:54
# Ligazón permanente a este artigo
CANTIGA DE ESCARNIO EN VÍDEO
Esta recreación audiovisual dunha cantiga de escarnio é unha xoia. Estes alumnos de 1º B de Bacharelato (Cristian, José, Anxo e Miguel) son uns artistas. Chapeau! Ou xapó!


Comentarios (5) - Categoría: CREACIÓNS ALUMNADO - Publicado o 09-04-2010 10:52
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal