O FALAR NON TEN CANCELAS


ENDL IES Lagoa de Antela

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

OS CANS ALIENÍXENAS DE NOVO EN ACCIÓN
Adolfo, Ana, Pablo,Valentina e colaboradores noutro episodio desta serie. Parece que un dos cans xa vocaliza mellor. Noutros planetas tamén se aprende galego!




Comentarios (0) - Categoría: CREACIÓNS ALUMNADO - Publicado o 29-03-2010 12:54
# Ligazón permanente a este artigo
PREMIOS MARÍA CASARES DE TEATRO: BEGOÑA MUÑOZ SAÁ OBTÉN O PREMIO Á MELLOR ADAPTACIÓN POL'A ESMORGA

O teatro galego viviu onte a súa noite de gala. O teatro Rosalía de Castro de Santiago foi o escenario escollido para facer entrega dos premios do mundo da farándula.
Begoña Muñoz Saá, unha boa amiga que ten visitado o noso centro e que cada ano nos achega as súas creacións e adaptacións teatrais, levou o premio á mellor adaptación de texto. O traballo foi realizado conxuntamente con Carlos Couceiro, tristemente falecido, sobre a novela de Eduardo Blanco-Amor hai trece anos, e foi levado á escena pola compañía ourensá Sarabela.
Para saber máis pinchar aquí.

Como homenaxe a esta dramaturga reproducimos parte da entrevista que lle realizou o noso alumnado hai catro anos. Noraboa, Begoña, tíñalo ben merecido!

Begoña Muñoz Saá, dramaturga e profesora de Lingua e Literatura Galegas e Teatro no IES Otero Pedrayo de Ourense, visitounos o 16 de maio para dar unha interesante e amena charla sobre “O feito teatral”. Despois dunha sesión interactiva, chea de descubrimentos e risoterapia, foi entrevistada por alumnas e alumnos de 4º da ESO. Contestou amablemente as preguntas de Susana, Lucía, Clara, Yéssica, Cristian, Zurine, Borja, Rocío…

ENTREVISTA

P- Que lle gusta máis, dar clases de teatro ou escribir?

R- A min encántame dar clases, gústame mogollón porque me parece un privilexio. Non noto que pasa a idade por min, porque vós tedes 16 anos sempre, e aínda que se vai distanciando a idade do alumnado e a miña eu non o noto, a min dáme a sensación de que estou na plena xuventude sempre, non noto o paso do tempo. A min dóeme moitísimo a cabeza e cando entro en clase pásame a dor; teño preocupacións, problemas e desaparecen nas aulas.

P- Como imparte as clases de teatro?

R- Os tres primeiros meses, ata decembro, facemos traballo de cohesión de grupo, poñemos un pouco a ton a voz, a expresión corporal, traballamos movemento en escena, sentimentos, etc; logo participamos en todas as conmemoracións do centro, por exemplo, o Día da Muller Traballadora, o Día da Paz, e aproveitamos o grupo de teatro para facer performances, ou para desenvolver accións ou para animar un pouco o centro, e logo despois, se nos dá tempo, facemos algo: contacontos, recitado de poesía, pequenas escenas de teatro...,


P- Pensa que o teatro pode ser unha cura ou remedio emocional?

R- Si, o teatro é unha maneira para coñecerte moitísimo, pois cada vez que tes que representar un personaxe tes que facer un estudo de como ese personaxe actuaría. Por exemplo, se ti tes que representar unha persoa que ten SIDA, evidentemente ti non podes enfermar para poder representalo ben pero si que te tes que documentar, igual que para facer de prostituta tes que documentarte. Un bo actor e unha boa actriz teñen que ser, primeiro, uns grandes observadores da realidade e, segundo, teñen que ser unhas persoas moi tolerantes, pois saben perfectamente o que poden sentir as persoas nun momento determinado. Se ás persoas conflitivas, ás que teñen algún tipo de problema social ou un sistema de valores desaxustado, por exemplo, alumnos que son moi machistas, que teñen un desprezo absoluto da muller, se a estes alumnos en teatro lles fas vivenciar o que sente unha muller manipulada ou unha muller desprezada- é horroroso porque se poñen fatal- podes conseguir que se sensibilicen e cambien de actitudes. Estas persoas, que desprezan os homosexuais e lles chaman maricóns, en teatro, mediante as improvisacións, pódeslles facer comprender o que un home homosexual podería sentir nesa circunstancia.

Para ler o resto da entrevista pinchar aquí.
Comentarios (1) - Categoría: NOVAS DE INTERESE - Publicado o 25-03-2010 14:58
# Ligazón permanente a este artigo
CONCURSO OUFF ESCOLA

BASES


1. FINALIDADE DA CONVOCATORIA

O obxectivo desta convocatoria é regular o procedemento de aceptación e participación de proxectos audiovisuais no II Certame de Cinema OUFF Escola convocado polas devanditas entidades.



2. PARTICIPANTES

Poderá participar o alumnado matriculado en centros públicos e privados de ensino non universitario de Galicia durante o curso 2009-2010, así como aqueles de fóra de Galicia que teñan no seu currículo materias de e en lingua galega. A participación realizarase sempre baixo a titoría dun profesor ou profesora responsábel do proxecto.


3. CATEGORÍAS

Estabelécense dúas categorías:

A) Infantil e primaria.

B) Outros niveis de ensino non universitario

Máis información aquí.
Comentarios (0) - Categoría: CONCURSOS - Publicado o 22-03-2010 12:07
# Ligazón permanente a este artigo
VI concurso de fotografía Xurxo Lobato
VI concurso de fotografía Xurxo Lobato

Organizada por:
Asociación de Antigos Alumnos do Instituto de Monelos (A Coruña)
Requisitos:



* Este concurso de fotografía vai dirixido ao alumnado de Educación Secundaria de Galicia.
* Temática libre. As fotografías poden presentarse en branco/negro ou cor e un máximo de tres fotos por participante. O tamaño da obra axustarase a 18 x 24 centímetros e ofrécense tres posibilidades (soporte papel, por correo electrónico a fotomonelos@gmail.com e de teléfonos móbiles.
* Presentación, os autores deberán elixir un pseudónimo e escribilo na parte de atrás de cada foto xunto co seu título, sobre unha etiqueta adhesiva. Introducir nun sobre pequeno un papel cos datos persoais, teléfono de contacto e enderezo do centro escolar. Remitirase todo a: V Concurso de Fotografía Xurxo Lobato, IES Monelos, Rúa Montes, 62. 15009 A Coruña.

Data de inscrición:
ata 14 de abril de 2010

A Asociación de Antigos Alumnos do Instituto de Monelos (A Coruña) convoca unha nova edición do concurso de fotografía Xurxo Lobato, dirixido especialmente a alumnos e alumnas de ensino secundario de Galicia.

Dotación:
1º premio: diploma e 300 euros.
2º premio: diploma e 200 euros.
3º premio: diploma e 100 euros.

O xurado valorará a posibilidade de conceder algunha mención a maiores en función da calidade das obras presentadas.

Información:
fotomonelos@gmail.com
Comentarios (0) - Categoría: CONCURSOS - Publicado o 22-03-2010 12:03
# Ligazón permanente a este artigo
2º PARTE DE OS CANS ALIENÍXENAS
Colgamos a 2ª parte de Os cans alieníxenas, película ideada, producida e dirixida por alumnado de 1º da ESO.


OS CANS ALIENÍXENAS
Comentarios (0) - Categoría: NOVAS DE INTERESE - Publicado o 10-03-2010 11:03
# Ligazón permanente a este artigo
CRÓNICA DA NOSA VIAXE A CANGAS


Os ENDL do IES Monte Carrasco e do IES Lagoa de Antela organizamos un intercambio entre ambos centros. Nunha primeira fase o alumnado cangués e limiao estableceu contacto epistolar para presentarse e contar aspectos relevantes das súas respectivas zonas. A segunda fase supuxo o desprazamento a terras da península d’O Morrazo para coñecerse.
O día 3 de marzo iniciamos a nosa travesía coa chuvia por compañeira, unha chuvia miúda e persistente que parecía querer pór en perigo os nosos plans. Chegamos a Bueu e gozamos visitando o Museo Massó, previa acollida da directora e da coordinadora do ENDL do IES Monte Carrasco, Luz e Begoña. Logo recollemos o alumnado do seu centro, reserva e miradas tímidas no autobús, e visitamos o cruceiro de Hío, onde un divertido xogo de presentación baixo un fino orballo conseguiu identificar visualmente as persoas que se cartearan. Despois recalamos na Costa da Vela onde regalamos os ollos coas vistas e espantamos a choiva con esconxuros fotoxénicos. A choiva liscou! Como xa se nos ía o estómago coa fame atracamos no instituto para xantar. Alí fomos recibidos os profes por medio claustro que nos convidou a deliciosos manxares: empanada, tortilla e torta de mazá. O xeo comezaba a derreterse. Despois do café e unha visita ás dependencias do instituto, subimos a'O Balcón do Rei, un outeiro cunhas vistas de luxo, onde estaba previsto comer se o tempo non o impedise. De alí para Cangas, xa cos raios do deus Sol sobre os nosos corpos. Na vila as alumnas e alumnos autóctonos exerceron de guías do alumnado limiao mentres Begoña, Luz, Tomás e Carmen dabamos sebo á lingua nunha terraza. A despedida chegou no peirao onde os e as de terra adentro embarcamos para Vigo. Persoas que ao principio se miraban con desconfianza e mantiñan unha actitude de reserva venceran resistencias e despedíanse con abrazos e tristeza. Custaba separarse.
A próxima cita terá lugar en Xinzo o 26 de abril, esperamos corresponder coa mesma hospitalidade con que nos acolleron.
Comentarios (0) - Categoría: ACCIÓNS EN VALORES - Publicado o 08-03-2010 12:02
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal