O FALAR NON TEN CANCELAS


ENDL IES Lagoa de Antela

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

DIEGO AMEIXEIRAS DEU UNHA CHARLA NO LAGOA

Diego Ameixeiras acudiu ao IES Lagoa de Antela para compartir a súa visión do xénero negro na literatura co alumnado de 1º de BAC. O escritor foi presentado por Raquel Martínez, saciou a curiosidade dalgunhas persoas e contou como deseñara o personaxe do detective Horacio Dopico, protagonista das novelas Baixo mínimos e O cidadán do mes. Tamén falou de como se aborda o proceso de creación de guións xa que traballa como guionista en series da Televisión de Galicia.
Comentarios (0) - Categoría: VISITAS E ENCONTROS - Publicado o 31-03-2009 10:19
# Ligazón permanente a este artigo
ENLACE A RECURSOS DIDÁCTICOS
Neste enlace hai recursos para a materia de lingua e literatura. Presentacións de temas
Comentarios (0) - Categoría: MATERIAIS DIDÁCTICOS - Publicado o 28-03-2009 12:37
# Ligazón permanente a este artigo
POEMA VANGARDISTA: MARÍA BARREIRO
María Barreiro, de 4º da ESO, deulle a súa particular estrutura aos versos da clase.



Comentarios (1) - Categoría: CREACIÓNS ALUMNADO - Publicado o 27-03-2009 14:01
# Ligazón permanente a este artigo
VANGARDAS
Presentación cos principais movementos vangardistas.



Comentarios (2) - Categoría: MATERIAIS DIDÁCTICOS - Publicado o 27-03-2009 09:11
# Ligazón permanente a este artigo
"RAMÓN" NA BIBLIOTECA: LECTURAS DRAMÁTICAS

Celebramos o Día Mundial do Teatro cunha lectura dramática na biblioteca. De novo foi “Ramón” de Sergi Belbel, adaptada por Begoña Muñoz e readaptada nesta ocasión para 8 personaxes, a que logrou arrancar os risos e os aplausos do público. Noraboa para as e os protagonistas de 3º C de ESO: Pablo, Marta, Andrea Rodríguez, Lucía, Andrea Feijóo, Manuel, Eva e Diego.
Se queres información sobre pica aquí.Sergi Belbel
Comentarios (0) - Categoría: DATAS PARA NON ESQUECER - Publicado o 27-03-2009 00:02
# Ligazón permanente a este artigo
CASTELAO
Comentarios (0) - Categoría: MATERIAIS DIDÁCTICOS - Publicado o 26-03-2009 17:35
# Ligazón permanente a este artigo
O FILME O CLUB DA CALCETA BASEADO NA NOVELA HOMÓNIMA DE MARÍA REIMÓNDEZ VENCEDOR DO FAMAEST 2009
O Club da Calceta sae vencedor do Famafest 2009
O xurado felicitou a "profunda reflexión sobre a condición feminina" do filme dirixido por Antón Dobao e baseado na novela homónima de María Reimóndez.

Máis información en Vieiros

MARÍA REIMÓNDEZ impartiu unha charla no no Lagoa hai 2 anos sobre a novela O club da calceta e sobre o labor da ONG Implicadas no Desenvolvemento, organización da cal é presidenta.
Comentarios (0) - Categoría: NOVAS DE INTERESE - Publicado o 25-03-2009 19:25
# Ligazón permanente a este artigo
27 DE MARZO: DÍA MUNDIAL DO TEATRO

O 27 de marzo conmemórase o Día Mundial do Teatro, declarado polo Instituto de Teatro Internacional como recoñecemento ao importante papel que desempeña na vida das persoas.
Os beneficios que aporta o teatro no ámbito educativo son moi valiosos, pois permite adquirir habilidades sociais que contribúen á formación integral das persoas. A súa práctica incrementa a competencia social e cidadá, axuda a coñecerse e coñecer os demais, potencia a empatía e a resolución dos conflitos a través do diálogo, desenvolve a sensibilidade e a creatividade e favorece a adquisición da competencia comunicativa.

“ O poder esencial do teatro é deixar de lado todo o que separa as persoas: diferenzas de raza, de educación relixiosa ou política, diferenzas de linguaxe. En cambio pon de relevo todo o que as persoas teñen en común: o riso e as bágoas, a alegría e a tristeza, a felicidade e a angustia, ou sexa o que é dominio do corazón. O teatro fai aparecer o corazón común de todas as persoas, nisto é o máis eficaz vehículo de paz.”

Jean Louis Barrault (actor e director francés)

Rescatamos estas palabras de Begoña Muñoz Saá( dramaturga e profesora de Lingua e Literatura Galegas e Teatro no IES Otero Pedrayo de Ourense) que impartiu unha charlla interactiva sobre teatro no IES Lagoa de Antela hai 3 anos e concedeu unha entrevista a un grupo de alumnas e alumnos de 4º da ESO. Nas clases de teatro traballamos con textos creados ou adaptados desta dramaturga tan comprometida co teatro e a educación.

P- Pensa que o teatro pode ser unha cura ou remedio emocional?

R- Si, o teatro é unha maneira para coñecerte moitísimo, pois cada vez que tes que representar un personaxe tes que facer un estudo de como ese personaxe actuaría. Por exemplo, se ti tes que representar unha persoa que ten SIDA, evidentemente ti non podes enfermar para poder representalo ben pero si que te tes que documentar, igual que para facer de prostituta tes que documentarte. Un bo actor e unha boa actriz teñen que ser, primeiro, uns grandes observadores da realidade e, segundo, teñen que ser unhas persoas moi tolerantes, pois saben perfectamente o que poden sentir as persoas nun momento determinado. Se ás persoas conflitivas, ás que teñen algún tipo de problema social ou un sistema de valores desaxustado,como son os alumnos machistas, que teñen un desprezo absoluto da muller, lles fas vivenciar o que sente unha persoa que sofre, unha muller manipulada ou unha muller desprezada- é horroroso porque se poñen fatal- podes conseguir que se sensibilicen e cambien de actitudes. A estas persoas, que desprezan os homosexuais e lles chaman maricóns, en teatro, mediante as improvisacións, pódeslles facer comprender o que un home homosexual podería sentir nesa circunstancia.

P- Escolle unha obra e un personaxe, ese con quen te identificarías.

R- Ofelia, por exemplo, pero identifícome, sobre todo, coas mulleres que padecen algún tipo de maltrato, as mulleres que están doídas, as mulleres que sofren, todas as mulleres que aparecen nas obras de teatro con algún tipo de estigma. Porque independentemente de que ti non vivas a experiencia do maltrato si que te sentes maltratada constantemente pola vida. A vida dos homes segue sendo nestes momentos máis fácil cá nosa, é o que penso, hai unha diferenza enorme e iso é tan inxusto... A única esperanza que teño é que estas cousas vaian cambiando; as miñas fillas, por exemplo, dende logo non van educadas como fun eu, para soportar o que eu soportei. Isto ten que cambiar porque a comodidade de vida que teñen os homes, en xeral, en comparación coa vida das mulleres, é abismal; é tan evidente esta inxustiza que eu non entendo como todo o mundo non reacciona.
Comentarios (0) - Categoría: DATAS PARA NON ESQUECER - Publicado o 24-03-2009 11:44
# Ligazón permanente a este artigo
POEMA VANGARDISTA SOBRE CADROS EXPRESIONISTAS

O alumnado crea un verso inmediatamente despois de ver un cadro expresionista e, a continuación, elabórase un poema cos versos. A idea é de Carlos Negro e o experimento é motivador.
Unha alumna de 4º B de ESO, Úrsula Casado, ofrécenos a súa orixinal versión a partir dalgúns versos de compañeiras e compañeiros.
Comentarios (0) - Categoría: CREACIÓNS ALUMNADO - Publicado o 19-03-2009 21:06
# Ligazón permanente a este artigo
RECITAL/ CONSELLO DA CULTURA GALEGA
Recollemos da páxina do Consello da Cultura Galega un material sonoro interesante. Nas palabras que introducen:
Recital antolóxico da poesía galega dos séculos XII ao XX O 24 de xullo de 1956, o Teatro Castelao do Centro Galego de Bos Aires viviu unha emocionante xornada. Eduardo Blanco Amor, dirixindo a varios destacados actores galego-arxentinos, organizou un recital que pretendía abranguer toda a literatura galega até a actualidade do momento.


Recital promovido por Blanco-Amor/ Consello da Cultura Galega
Comentarios (0) - Categoría: MATERIAIS DIDÁCTICOS - Publicado o 18-03-2009 09:27
# Ligazón permanente a este artigo
LITERATURA MUSICADA: CADERNO DE LINGUA
Nesta sección de literatura musicada de Caderno de Lingua podedes encontrar versións de poemas musicados e outras propostas interesantes. Literatura musicada
Comentarios (0) - Categoría: MATERIAIS DIDÁCTICOS - Publicado o 18-03-2009 09:11
# Ligazón permanente a este artigo
XENTES DO IES LAGOA DE ANTELA NO BEN FALADO



Ben Falado é un programa da Televisión de Galicia que se emite ás 15:30, logo do tempo, e aborda cuestións de interese lingüístico. O venres 13 de marzo dedicouno ao documental sobre o Entroido que están confeccionando alumnas de 4º da ESO dirixidas polo profesor de Matemáticas Roxelio Barbosa, a quen, como se di agora na xiria estudantil, pilótalle moito isto do vídeo. Estas alumnas, que tamén forman parte do Club de Lectura, merecen o noso recoñecemento. A elas, a Uxía Alonso, Úrsula Casado, Isabel Fernández, Noelia Gamallo, Beatriz Domínguez, Susana Diz sumouse a voz de Álvaro Araújo.

O día en que desembarcaron as cámaras no instituto preparáronse tres sesións temáticas diferentes para seren emitidas en tres programas distintos. Esperamos ver de novo as xentes do Lagoa na pequena pantalla. Mentres, seguiremos a aprender e a gozar con Ben Falado.
BEN FALADO
Comentarios (0) - Categoría: NOVAS DE INTERESE - Publicado o 17-03-2009 17:27
# Ligazón permanente a este artigo
LINGUA DE AMOR 2009

Xa está en marcha a 3ª edición de Lingua de Amor, o concurso de cancións e declaracións de amor en galego
O Consello da Xuventude de Galicia, a través do seu Servizo de Normalización Lingüística e en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo, presenta a terceira edición de Lingua de Amor, o concurso de cancións e declaracións de amor a través do correo electrónico.

Un dos principais obxectivos de Lingua de Amor é dinamizar o uso da lingua galega por parte dos mozos e mozas nos novos espazos de comunicación: correos electrónicos, chats, foros... O galego é unha lingua útil para os momentos de lecer e diversión, perfectamente válida para a música. O galego ábreche as portas á hora de coñecer xente, de facer amigos e... por que non? Tamén para formar parellas!
Así mesmo, outro obxecto é relacionar o galego coas formas de diversión xuvenil e potenciar os seus valores como unha lingua próxima, útil e moderna, perfectamente válida para a música. A normalización da lingua galega en moitas ocasións céntrase en contextos institucionais marcadamente formais que non chegan á mocidade dun xeito atractivo. Con este concurso o que pretendemos é normalizar o uso da nosa lingua dende unha perspectiva lúdica, actual e atractiva para a xente nova.

Este concurso organízao o Consello da Xuventude de Galicia, a través do seu Servizo de Normalización Lingüística, en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Libraría Couceiro.

3O concurso Lingua de amor consta de dúas modalidades:
- MODALIDADE 1: declaracións de amor en galego a través da rede
- MODALIDADE 2: cancións de amor en lingua galega.


PREMIOS ANO PASADO 2008

Categoría A (14 a 19 anos)

1. Silvia Castañal González (15 anos, Riotorto).

'Composto químico'.
Eu son para ti coma un átomo invisible nun complexo composto químico. Déixame ser algo máis, necesítote.
2. Bibiana Rodríguez Domínguez (16 anos, Tui).

'Porque te quero...'
Quérote lonxe de min, ao outro lado da cama.

3. Marta Lois (18 anos, Santa Comba).

'O meu veleno'.
Púxenlle a cada verba que che vou dicir o suficiente veleno como para que sexas meu o resto da miña vida...

Categoría B (20 a 35 anos)

1. Bibiana Caamaño Álvarez (20 anos, Carral).

'Laranxas do día'.
Lembras como ós 20 anos faciamos o amor case todos os días? Hoxe sen te decatar, fasme cóxegas cada noite baixo a manta da cama fría. Lembras esas mañás nas que ías ó mercado para me traer laranxas do día? Hoxe enfádaste porque non che deixo saír á rúa sen compañía. Porque 65 anos despois non lembras mais seguímonos Amando igual que o primeiro día.

2. Margarita Sampedro Mariño (25 anos, Boiro).

'Química'.
Din que o amor son reaccións químicas, liberación de endorfinas ou non sei que lerias. Por se acaso vou ir mercando unhas cantas probetas por se esta noite vés visitarme e así facer un experimento científico.

3. Dolores Torrado Vicente (29 anos, Laxe).

'Autobiográfico'.
- Quérote...
- De veras?!
- ... Avisar que non veñas buscarme...


Consulta as bases do concurso
AQUÍ
Comentarios (0) - Categoría: CONCURSOS - Publicado o 17-03-2009 10:09
# Ligazón permanente a este artigo
HOMENAXE A MARUXA MALLO

Previo traballo de educación documental ( Á procura da personaxe misteriosa) sobre a figura da pintora Maruxa Mallo, e co obxectivo de rescatar a súa memoria para o 8 de marzo deste ano, realizouse unha exposición sobre a súa vida e obra no corredor de acceso á biblioteca.
Na sección de normalización da páxina web colgarase o cuestionario do xogo, que se pode adaptar a gusto do consumidor, e un libro en formato PDF sobre vida e obra da artista para quen desexe.
Empregáronse diferentes fontes de información: os libros Maruxa Mallo, de Carme Vidal, e Maruja Mallo, la gran transgresora del 27, de José Luis Ferris. Tamén se consultaron páxinas web sobre o tema.
NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA
Comentarios (4) - Categoría: NOVAS DE INTERESE - Publicado o 14-03-2009 09:49
# Ligazón permanente a este artigo
BICOS CON LINGUA DE TALÍA TEATRO


Alumnas e alumnos do Lagoa de Antela acudiron á representación de Bicos con lingua da compañía de Cee Talía Teatro. O Auditorio de Ourense foi o lugar escollido para a posta en escena da peza escrita por Avelino González, Suso de Toro, Cándido Pazó, Xabier Lama, Manuel Núñez Singala, Ana Iglesias e Marta Etxebarría, dirixida por Avelino González e interpretada por Toño Casais e Artur Trillo.

Bicos con lingua enfoca e interpreta o tema do conflito lingüístico en clave de humor.
Non se cumpriron as expectativas de todo o mundo: o alumnado de 1º da ESO e algúns de 3º da ESO perdéronse na dialéctica verbal e non souberon interpretar a ironía que impregnaba os gags. O texto disparábase de maneira acelerada a medida que a teatralidade diminuía. E, coma sempre, parece que os tópicos sexistas dan moito xogo para ridiculizar os prexuízos sobre a lingua, só que neste tipo de parodias a imaxe que realmente queda é a de mulleres ridículas no seu papel de nais e cuxa relación se constrúe sobre unha base de permanente rivalidade.
Comentarios (0) - Categoría: TEATRO - Publicado o 14-03-2009 09:44
# Ligazón permanente a este artigo
MARTA DACOSTA RESUCITA A OFELIA

RESUCITANDO A OFELIA

Marta Dacosta achegouse ao noso instituto para falármanos, entre outros temas, da “invisibilidade” das mulleres e da existencia do “teito de cristal” no ámbito literario.

A través dalgúns textos, a poeta foi desmontando algúns mitos fabricados sobre prexuízos sexistas e insistiu na necesidade de documentarse antes de crer algunha “análise minimizadora” contra mulleres relevantes, sobre todo cando estas críticas son produto dunha ollada masculina. Como exemplo, citou lendas sobre algunhas escritoras coñecidas (Rosalía de Castro, María Mariño...) que nos sorprenderon e que demostraron como as autoridades literarias acostuman a desconfiar da intelixencia das mulleres e mostran reticencias á hora de valorar a calidade das súas obras.

A poeta tamén interpretou algúns textos de poetas dende unha óptica feminista. Xohana Torres, Luisa Villalta, Antía Otero, a mesma Marta Dacosta, forman parte dun grupo de escritoras que incorporan unha nova materia poética aos seus versos: vivencias, experiencias e simboloxía claramente femininas.

Canto material incitando á reflexión.

Durante moito tempo a muller non foi máis ca un obxecto artístico deseñado para satisfacer o ego masculino, unha proxección dos seus desexos. Estas escritoras, coma outras moitas, racharon cos estereotipos e construíron novos espellos onde mirarse, espellos que devolven identidades: de mulleres-suxeito, mulleres activas, críticas, independentes, que asumen espazos sen ter que xustificarse.

E aínda que hai moito camiño por andar o proceso é irreversible e xa non hai marcha atrás.

Mentres Penélope navega Ofelia resucita.

Grazas, Marta.

Máis información no seu blog e no blog lector .
Acuática Nós tamén navegar
Comentarios (0) - Categoría: DATAS PARA NON ESQUECER - Publicado o 10-03-2009 00:58
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal