O FALAR NON TEN CANCELAS


ENDL IES Lagoa de Antela

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

EN GALEGO PROBA E VERÁS
Goza con este vídeo, tamén promovido pola Coordinadora de Equipos de Normalización, non ten desperdicio.


En galego, proba e verás from Coordinadora Galega ENDL on Vimeo.

Comentarios (0) - Categoría: CAMPAÑAS - Publicado o 24-02-2010 10:59
# Ligazón permanente a este artigo
ORGULLOS@ DO GALEGO

Martiño Rivas, Belén Regueira, Antón Reixa, Susana Seivane, Luís Tosar e María Castro participan dunha campaña a prol do galego promovida pola Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística.

No xornal Vieiros podedes acceder á noticia e tamén ver o vídeo da campaña.
En Vimeo podedes ver outros vídeos sobre a lingua elaborados poloa Coordinadora.

Aplaudimos esta iniciativa da Coordinadora e animamos a todo o mundo a mostrar ese ORGULLO. Ante os ataques á lingua, a nosa DIGNIDADE.


Orgullos@s do galego from Coordinadora Galega ENDL on Vimeo.



Comentarios (0) - Categoría: CAMPAÑAS - Publicado o 23-02-2010 10:54
# Ligazón permanente a este artigo
VISITA DE MANUEL MANDIANES AO IES LAGOA DE ANTELA

O antropólogo Manuel Mandianes, natural de Loureses (concello d’Os Blancos) impartiu unha amena e distendida charla no IES Lagoa de Antela. Prolongou a sesión cunha mesa redonda onde contestou as preguntas que lle formularon os asistentes e as mozas do club de lectura de 1º de BAC (Beatriz, Úrsula, Mirian, Susana, Noelia, Uxía e Isabel). Podedes acceder á entrevista que lle realizaron no blog da revista No Límite.

Manuel Mandianes Castro é doutor en Etnografía e Antropoloxía, en Ciencias Sociais e Socioloxía, e en Teoloxía e investigador da Institución Milá i Fontanals do Consejo Superior de Investigaciones Científicas dedicada aos estudos humanísticos. Autor de Loureses, antropoloxía dunha parroquia galega (1984), Las serpientes contra Santiago (1989), El valle de Josafat. Un fresco de la España actual (1993), En cueros vivos. Pensamiento de C.J.C. sobre el hombre” (2002) e O burro (2002). Co-autor xunto con Olegario Sotelo Blanco de A concentración parcelaria(1994), con Josefina M. Antón de “O ciclo da vida” (1994), con Xosé Luís Martínez Carneiro e outros, Antela, A memoria asolagada (Xerais 1997). Ten publicados centenares de artigos en revistas especializadas de españa, Portugal, Francia, Bélxica e Grecia.
Comentarios (2) - Categoría: VISITAS E ENCONTROS - Publicado o 22-02-2010 11:41
# Ligazón permanente a este artigo
LUÍS TOSAR RECIBE O GOYA AO MELLOR ACTOR
QUE GRANDE É O CINE!!

Luís Tosar recibiu o premio Goya ao mellor actor. Rematou a súa intervención cun feixe de palabras en galego que nos emocionou. Un exemplo de galeguidade nestes tempos difíciles que nos tocou vivir.

A película Celda 211 foi a gañadora da gala celebrada onte, conseguindo un total de 8 goyas, entre eles o de mellor película e mellor director.
Noraboa!!


Comentarios (5) - Categoría: NOVAS DE INTERESE - Publicado o 15-02-2010 19:06
# Ligazón permanente a este artigo
ENTROIDO NO IES LAGOA DE ANTELA
Hai catro semanas que o Entroido irrompeu n’A Limia. Aos domingos Fareleiro, Oleiro e Corredoiro séguelle agora a semana máis festeira e transgresora do ano (e aínda quedará como remate o domingo de Piñata). A subversión e o exceso é o máis característico do Entroido, sen dúbida unha concesión do poder para manter intacto o sistema.

As pantallas, máscaras típicas de Xinzo, sairán estes días á rúa para facer soar as vexigas e sancionar cunha rolda de viños a quen sorprendan sen disfraz.

No instituto celebramos o venres 12 esta festa que ten a súa orixe en ritos pagáns de orixe precristiá. Ao tradicional concurso de disfraces e comparsas sumóuselle a entrega de premios do concurso de máscaras organizado polo departamento de Plástica cuxos primeiros premios de senllas categorías recaeron en dous membros do equipo de normalización: Adolfo Dacal e Miguel Carballo. Para eles a máis cálida noraboa. O 1º premio de disfraces na categoría individual foi para Miguel García e na categoría de grupo para A Gripe A. Que gocen cos premios!



FESTA DE ENTROIDO NO IES LAGOA DE ANTELA on PhotoPeach
Comentarios (8) - Categoría: FESTAS - Publicado o 15-02-2010 18:47
# Ligazón permanente a este artigo
INTERCAMBIO CO IES MONTE CARRASCO DE CANGAS

Este ano imos realizar un intercambio co IES Monte Carrasco, de Cangas. Cangas é unha vila mariñeira que está situada na península do Morrazo.
O noso alumnado de teatro e do Equipo de Normalización desprazarase á zona o 3 de marzo e eles visitaranos o 26 de abril.

Para coñecérmonos máis a zona e o propio centro dende alí mandáronnos estes enlaces:


http://www.cangas.org/

http://aghaivota.blogspot.com/
Comentarios (0) - Categoría: INTERCAMBIOS E CONTACTOS - Publicado o 12-02-2010 10:37
# Ligazón permanente a este artigo
14 DE FEBREIRO: DÍA DO AMOR

Lembramos o poeta português Eugénio de Andrade, poeta do amor e da natureza.



É urgente o amor.
É urgente um barco no mar.

É urgente destruir certas palavras,
ódio, solidão e crueldade,
alguns lamentos,
muitas espadas.

É urgente inventar alegria,
multiplicar os beijos, as searas,
é urgente descobrir rosas e rios
e manhãs claras.

Cai o silêncio nos ombros e a luz
impura, até doer.
É urgente o amor, é urgente
permanecer.
Comentarios (0) - Categoría: DATAS PARA NON ESQUECER - Publicado o 11-02-2010 10:50
# Ligazón permanente a este artigo
CONCURSO DE CALIGRAMAS

Comentarios (0) - Categoría: CONCURSOS - Publicado o 10-02-2010 10:39
# Ligazón permanente a este artigo
X NADA, UNHA CURTA PARA VER


A semana pasada, semana da non violencia, proxectouse nos recreos e nalgunhas sesións lectivas a curta X nada, coodirixida por Toni Veiga e Dani de la Torre e producida por Ficción Producións e que constitúe un alegato contra a violencia na mocidade.

Un rapaz é agredido por unha panda de xoves só por cruzarse no seu camiño. A falta de responsabilidade dos pais na educación do seu fillo, a quen consenten todo, crea un subproduto deshumanizado que procura o respecto a través do exercicio da violencia. O papel dos pais na educación dos fillos, o valor do superfluo, a cultura de ter, a ausencia de obxectivos na vida, a falta dun sistema de valores son algúns dos temas que agroman nesta curta. Paga a pena vela… e reflexionar.

Estas son algunhas cuestións que se debateron nas sesións de proxección:


1. Cres que hai algunha mensaxe nesta curtametraxe? Cal?
2. Que sentiches ao ver algunhas escenas? (impotencia, rabia, pena, vergonza allea, dor, desacougo…).
3. Como é a relación dos dous mozos coas respectivas familias?
4. Que hábitos ten o agresor?
5. Cales cres que son as causas que provocan o comportamento do agresor?
6. Cres que a reacción dos pais no xuízo é correcta?
7. Que se debería ter feito para evitar comportamentos/accións coma esta?
Comentarios (1) - Categoría: VARIOS - Publicado o 08-02-2010 09:09
# Ligazón permanente a este artigo
DÍA DA PAZ 2010
Celebramos o día da paz na biblioteca.
No blog lector Nós tamén navegar podedes visionar un vídeo con fragmentos das lecturas e o libriño confeccionado con algúns textos. E no blog da revista No Límite poderedes ler máis textos.

Comentarios (0) - Categoría: DATAS PARA NON ESQUECER - Publicado o 07-02-2010 11:51
# Ligazón permanente a este artigo
55 MENTIRAS SOBRE A LINGUA GALEGA: PRESENTACIÓN SIMULTÁNEA

55 mentiras sobre a lingua galega, primeiro libro de ProLingua
O venres 5 de febreiro vaise presentar un libro de forma simultánea en 56 localidades galegas e do mundo. A iniciativa de Prolingua ten o obxectivo de desmontar prexuízos sobre a lingua.
Comentarios (0) - Categoría: NOVAS DE INTERESE - Publicado o 01-02-2010 13:05
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal