O FALAR NON TEN CANCELAS


ENDL IES Lagoa de Antela

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

DÍA DA LINGUA MATERNA: 21 DE FEBREIRO
Rescatamos do xornal O faro de Vigo esta noticia da semana pasada que convida a reflexionar.
O galego deixa de ser unha lingua en perigo de extinción para a Unesco
No Estado español, contabilízanse catro idiomas en risco de desaparición ou nunha situación vulnerable


M. MATO / VIGO Un total de 2.500 linguas de todo o mundo sofren o risco de desaparecer. Son os datos do último Atlas Unesco das linguas en perigo no mundo que onte foi presentado en París e no que catro idiomas do Estado Español figuran no límite da existencia ante a disminución alarmante de falantes. Neste grupo, non se atopa o galego que pasa a situarse "a salvo" xa que "todas as xeracións falan a lingua e a súa transmisión dunha xeración a outra é continua". Esta categorización do galego contrasta coa que recibira no anterior volume do ano 2001 onde figuraba como unha lingua "en perigo".
Un dos encargados de realizar o Atlas o filólogo finlandés Tapani Salminen explicaba onte a Efe que o galego protexeuse nestes últimos anos pola súa proximidade ao portugués. Engadiu Salminen tamén que, de toda Europa, a lingua minoritaria máis forte é, actualmente, o catalán.
No caso do vasco, o informe da Unesco etiqueta a súa situación como "vulnerable" entendendo como tal que "a maioría dos nenos falan a lingua, pero o seu uso pode estar restrinxido a determinados ámbitos (o fogar, por exemplo)". O Atlas engade que o euskera rexistra 660.000 falantes nativos.

Se queres seguir lendo preme aquí:O galego deixa de ser unha lingua en perigo de extinción
Comentarios (3) - Categoría: DATAS PARA NON ESQUECER - Publicado o 25-02-2009 20:07
# Ligazón permanente a este artigo
ENTROIDO

Se as xentes do Ribeiro, como dxo alguén, nacen co virus da uva inoculado no sangue, as xentes da Limia nacen co virus do entroido inxectado nas veas.
Celebrouse o entroido no instituto con variedade de disfraces e ambiente de festa.
Comentarios (0) - Categoría: FESTAS - Publicado o 25-02-2009 12:02
# Ligazón permanente a este artigo
A ONDA: CINEFÓRUM


O xoves 19 de febreiro celebramos a 4ª sesión de cinefórum no Salón de Actos do instituto. O público fiel ás proxeccións degustou unhas pizzas artesás elaboradas polo alumnado do PCPI de Cociña e entrenouse para a festa do venres cunhas poses entroideiras. Ao final da proxección, que causou impacto nos espectadores e espectadoras, abriuse un pequeno debate sobre o tema da película: a ameaza sempre presente do totalitarismo. Comprobouse que fráxil é a fronteira que separa a razón da obcecación, a necesidade que manifestan os máis débiles de sentirse integrados e aceptados, o fácil que é manipular, o fácil que é perder o control, os riscos de experimentos para influenciar no comportamento colectivo, a confusión entre didáctica e ideoloxía, o perigo de proxectar frustracións...
Unha película para reflexionar.

A Onda
(Die Welle)

Drama
Alemaña
Duración: 101 m
Ano: 2008

Ficha técnica:
Director DENNIS GANSEL
Reparto
Jürgen Vogel
Rainer Wenger

SIPNOSE
Ao profesor de instituto Rainer Wenger (Jürgen Vogel) ocórreselle a idea dun experimento que explique aos seus alumnos cal é o funcionamento dos gobernos totalitarios na Alemaña de hoxe en día. En apenas uns días, o que comeza cunha serie de ideas inocuas como a disciplina e o sentimento de comunidade, vaise convertendo nun movemento real: A Onda. Ao terceiro día, os alumnos empezan a illarse e ameazarse entre si. Cando o conflito finalmente rompe en violencia durante un partido de waterpolo, o profesor decide non seguir co experimento, pero para entón é demasiado tarde.


Comentarios (0) - Categoría: CINEFÓRUM - Publicado o 25-02-2009 11:59
# Ligazón permanente a este artigo
VÍDEOS SOBRE COUSAS DE CASTELAO


En flocos podes ver esta animación de plastilina sobre a mesma cousa: "Nunha rúa nun porto lonxano":
Flocos
Comentarios (0) - Categoría: VARIOS - Publicado o 18-02-2009 09:29
# Ligazón permanente a este artigo
I CERTAME DE CINEMA OUFF ESCOLA 2009


O Consorcio do Festival Internacional de Cine Independente de Ourense (OUFF), a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Ourense e a Axencia Audiovisual Galega convocan o I Certame de Cinema OUFF Escola, dentro da XIV edición do Festival de Cine Internacional de Ourense.

I Certame de Cinema OUFF ESCOLA nace co obxectivo de impulsar o uso do idioma galego entre a mocidade; fomentar a creatividade audiovisual e o traballo en equipo, nunha linguaxe atractiva para o alumnado, que contribúa a xerar un espírito crítico. Este certame pretende, así mesmo, potenciar o uso das tecnoloxías da información e da comunicación nos centros de ensino e crear un espazo de referencia para a mostra do audiovisual feito nas aulas.

Facer cine en Galicia é posíbel. Facer cine en galego é necesario, calquera cultura que queira sobrevivir precisa do cine.
Chano Piñeiro
________________________________________

BASES


1. FINALIDADE DA CONVOCATORIA
O obxectivo desta convocatoria é regular o procedemento de aceptación e participación de proxectos audiovisuais no I Certame de Cinema OUFF ESCOLA convocado polas devanditas entidades.

2. PARTICIPANTES
Poderá participar o alumnado matriculado en centros públicos e privados de ensino non universitario de Galicia durante o curso 2008-2009, así como aqueles de fóra de Galicia que teñan no seu currículo materias de e en lingua galega. A participación realizarase sempre baixo a titoría dun profesor ou profesora responsábel do proxecto. A esta persoa expediráselle un certificado de participación no concurso.

3. CATEGORÍAS
Establécense dúas categorías:
A) Ensino infantil e primario
B) Demais niveis de ensino non universitario

Se picas aquí poderás descargar as bases
ENDL Lagoa de Antela
Comentarios (0) - Categoría: CONCURSOS - Publicado o 09-02-2009 19:28
# Ligazón permanente a este artigo
LECTURAS ABERTAS POLA PAZ NA BIBLIOTECA



O venres 30, Día da Paz, asistimos a unha nova sesión de Lecturas Abertas na Biblioteca. O acto foi organizado polo Equipo da Biblioteca e o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüísticas.
Nun escenario ateigado de carteis da palabra paz en diferentes idiomas e cores, profesorado e alumnado de diferentes cursos elevaron as súas voces emotivas diante dun público entregado, que acompañaba cada intervención con cálidos aplausos. Participaron: Raquel Vázquez, Úrsula, Raquel Trigo, Rosa (profe), Milagros, Jasmin, Elisa, Miriam (profe), Mayte, Fatima, Iago, Pilar (profe), Vanesa, Antía, María, Ernesto (profe), Óscar (profe), Néstor, Maimuna, Verónica e Manuel. Recitáronse poemas (Harold Pinter, Giannis Ritsos, Giuseppe Ungaretti, Boris Vian, Sas Nah Larosi, Bertold Brecht, Casimiro de Brito, Nizam Qabbani, Bigg, Said Mouski...), léronse citas latinas e escoitamos a voz de Mikel Laboa, recentemente falecido.
Ao remate as persoas asistentes degustaron unhas galletas marroquís que elaboraron as alumnas e alumnos de Cociña.
Nun taboleiro de corcho colocouse un mapamundi onde se marcaron as diferentes zonas de conflito armado.
Tamén se repartíronse libriños cos textos escollidos e outros, confeccionados para a ocasión.

Colgaremos os vídeos das intervencións e as fotos na páxina web do instituto, na sección de Normalización. Tamén se subirán os textos.
Grazas a todas persoas que asistiron, animaron e, inevitablemente, se emocionaron con tantas palabras pola paz.

Porque outro mundo é posible.
Comentarios (3) - Categoría: ACCIÓNS EN VALORES - Publicado o 01-02-2009 21:59
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal