
Francisco Prol elaborou a crónica da visita de Vicente Feijoó Ares, que foi presenatado pola directora e profesora de Lingua Pilar Barandela.
Cun pé xa nas ansiadas vacacións de Nadal, visitounos o día vinte de decembro, o filólogo Vicente Feijoó Ares.
Este investigador e membro da Comisión de Toponimia da Xunta, mantivo un interesantísimo encontro de case dúas horas cos alumnos de 1º e 2º de bacharelato. Explicounos o que é a toponimia, a súa relación coa historia, coa lingua e coa cultura. Tamén soubemos cales son os seus métodos de traballo e como se utilizan as novas tecnoloxías nestas investigacións.
Sorprendeunos cos significados de moitos dos topónimos da nosa contorna. Entre eles podemos salientar os seguintes: Limia (limo-palabra de orixe preindoeuropeo-), Xinzo (Genético- nome de persoa), Trasmiras (detrás do sitio da auga), Saínza (salgueiro), Chamusiños (chamizo), Porqueira (abundancia de xabarín), Quintas (finca dividida en 5 partes), Os Blancos (do apelido Blanc), Calvos (lugar de pouca vexetación), Sarreaus (xente que veu de Sarria), Faramontaos (xente que veu de fóra do monte-de Castela-).
Mostrounos espectaculares e únicas fotos de penedos, explicándonos a relación dos seus nomes con cultos, ritos e lendas. Así descubrimos a Pedra dos namorados do Pindo, onde os namorados poden coñecer o porvir da súa relación. A Pedra do oso, roubada do seu entorno para adornar un xardín e logo restituída. O Penedo das fatigas, onde os celtas realizaron posiblemnente os seus rituais de sacrificio. A Porta do Alén de Cercedo que comunica aos vivos cos do máis alá. O Penedo da Raíña Loba e o Penedo do Angaraño de Sarreaus.
Descubrimos pedras que emiten diferentes sons e outras que se moven (abalan) incluso co vento, aínda que pesan toneladas e que se manteñen ergueitas nun imposible equilibrio.
Aprendemos a apreciar a importancia de non perder os nomes que só se conservan na memoria dos nosos avós, esa enorme riqueza de topónimos que forma parte do noso patrimonio cultural.
|

O Centro de Cultura Popular da Limia presentou o nº 11 da revista Lethes no concello de Vilar de Santos, unha edición centrada na homenaxe ao escritor limiao Carlos Casares do que se cumpren 10 anos do seu pasamento. O acto foi presentado por Manuel Seoane, o profesor e escritor Delfín Caseiro e o académico e profesor Henrique Monteagudo, que contou anécdotas da súa relación co escritor.
Merecen que sexan nomeados aquí algúns dos nosos compañeiros que acudiron á cita: manexando o ordenador andaba Tomás, integrante da asociación; o noso querido bedel Paco xestionaba a venda de revistas; Manolo, o da cafetería, non cabía de gozo cando a súa filla recolleu un premio; Paco Prol, con dor de moas, fixo de tripas corazón para asistir; Puri, Pilar, Xela e as nosas Marías, compañeiras dos CEIP da vila.
Foi notoria, nunha sala abarrotada de persoas, a presenza de alumnas e alumnos de diferentes centros de ensino da bisbarra que participaron no certame que convocou a asociación sobre a figura e obra de Carlos Casares e cuxos premiados recolleron os galardóns entre cálidos e intensos aplausos.
Felicitamos o noso alumnado que gañou dous premios na categoría de banda deseñada:
Uxía Formoso e María Souto
Kelly Rodríguez e Adolfo Dacal
Neste blog encóntranse os traballos presentados e premiados.
|