Onte, día 30 de decembro, saíu á luz o borrador do novo decreto que regula o uso da lingua galega no ensino non universitario. Pódese acceder ao texto a través do Portal Educativo.Lede e valorade!
Destacamos dúas novas dos xornais dixitais Vieiros e O Xornal:
A cota do galego baixa ao 33% e os pais deciden en que materias se usa
O novo decreto sobre o galego no ensino estabelece que os pais voten en que lingua queren as aulas de Infantil. En Primaria e Secundaria nais e pais elixirán a lingua para cada materia co límite dun terzo para galego, castelán e inglés. VIEIROS.
O novo decreto supón o primeiro retroceso para o galego no ensino: O Xornal.
En colaboración coa Biblioteca o ENDL do IES Lagoa de Antela inicia unha campaña de lectura na bisbarra nestas datas de Nadal a través do alumnado do club de lectura de Bacharelato Nós tamén navegar. Fronte á febre consumista nós ofrecemos palabras de balde. 40 libros navegarán pola comarca d?A Limia á procura de amigas e amigos que descubran o pracer da lectura en galego. Acompañamos cada libro cunha carta de saúdo, unha enquisa, un marcador e un poema de agasallo. Só desexamos que as persoas se embarquen nesta aventura para compartir as historias que se agochan nas páxinas dos libros e gozalas. Historias amasadas en galego, na lingua en que soñamos, falamos e amamos. Nós tamén navegar.
Algúns títulos que escollemos para esta travesía: A pomba e o degolado, de Fina Casalderrey; Baixo mínimos, de Diego Ameixeiras; Pel de lobo, de Xosé Miranda; Cando petan na porta pola noite, de Xabier P. Docampo; Cabeza de Medusa e Rúa Carbón, de Marilar Aleixandre; Made in Galiza, de Séchu Sende; Un home que xaceu aquí, de Aníbal Malvar; Ollos de auga, de Domingo Villar?
Nesta páxina de recursos e accións emprendidas polos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística encontramos como traballo destacado (durante uns días) o estudo sociolingüístico do sector comercial d'A Limia realizado polo noso alumnado.
Tamén se colgaron noutras seccións os libriños pola paz, os vocabularios, etc.