O FALAR NON TEN CANCELAS


ENDL IES Lagoa de Antela

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

FESTIVAL DE NADAL MULTICULTURAL


Organizado pola vicedirección do IES Lagoa de Antela e conducido por dous excelentes presentadores celebrouse o Festival de Nadal no IES Lagoa de Antela. Actuacións multiculturais e diversificadas que fixeron as delicias dun público totalmente entregado.
A música foi a protagonista do acto: danza árabe, tango, rap, sons galegos modernizados, ritmos latinos, piano… converteron o Salón de Actos nun escenario multidiverso unido polo respecto e a solidariedade.
Entregáronse os premios dos diferentes concursos: postais de Nadal, en busca do tesouro escondido, micropoemas…
Todo para celebrar a chegada das vacacións de inverno, as que despiden o ano e nas cales facemos balance do vivido e deseñamos proxectos de futuro con ganas de cumprilos sempre.
E como esta é unha época de bos propósitos, por que non comezar con pequenos plans a curto prazo e non imposibles?
E como esta tamén é época de compras e agasallos, por que non planificar ben os gastos e evitar o consumismo?

Regala libros, regala en galego, consume responsablemente.
Comentarios (0) - Categoría: DATAS PARA NON ESQUECER - Publicado o 24-12-2008 10:59
# Ligazón permanente a este artigo
POSTAL DE NADAL

O Departamento de Plástica convoca todos os anos un concurso de postais de Nadal para varias categorías. Este ano o xurado concedeu un premio extraordinario á postal do alumno de 4º da ESO Cristian Rodríguez Valencia, o cal recolleu o premio entre calorosos e prolongados aplausos no Festival de Nadal.
A postal editouse para felicitar a toda a comunidade educativa do centro.

NORABOA, CRISTIAN!!
Comentarios (0) - Categoría: CONCURSOS - Publicado o 24-12-2008 10:52
# Ligazón permanente a este artigo
GAÑADOR DO CONCURSO DE MICROPOEMAS: DAVID GONÇALVES

O DE MONTEALEGRE: DAVID GONÇALVES DA CRUZ 2º C ESO

TODO O TEMPO É DE POESÍA

Dende a néboa da mañá
á néboa do outro día.
Dende a quentura do ventre,
á frixidez da agonía.
todo o tempo é de poesía.

OS MEUS VERSOS

Os meus versos o que son?
deben ser,
e serán no futuro,
anacos de corazón
que deixo acá, neste mundo.

PENSANDO

Pensando coa cabeza entre as mans,
camiñando lonxe, lonxe co pensamento
nas cousas infinitas. O poeta dorme
o sono solto.
Soña coas cousas máis bonitas.

A MIÑA TERRA

A miña terra queda no norte de Portugal. É bonita e sosegada. No inverno é moi fría e neva tódolos anos á altura do Nadal e a fins de xaneiro. Eu vou alá de vez en cando cos meus pais visitar a meu avó e a meus tíos.
Ten tres escolas: unha para os nenos pequenos e outras dúas para nenos grandes. ten un Centro de Saúde e un castelo moi bonito, cunha capela e un gran cemiterio ao lado.
Gústame moito a miña terra e só é pena gañar pouco diñeiro nela.
Venme visitar a Montealegre algún día.
Comentarios (1) - Categoría: CONCURSOS - Publicado o 23-12-2008 13:05
# Ligazón permanente a este artigo
2ª SESIÓN DE CINEFÓRUM: OS NENOS NO PARAÍSO

2ª sesión de cinefórum no IES Lagoa de Antela. Contamos cun público fiel que asiste a estas proxeccións de cine alternativo con vocación de espectador crítico e competente. Na Limia hai moito potencial.
Outro mundo é posible!!


TITULO ORIXINAL Bacheha-Ye aseman (Os nenos do paraíso)
ANO 1999
DURACIÓN 85 minutos
PAÍS
DIRECTOR Majid Majidi

GUIÓN Majid Majidi
MÚSICA Keivan Jahanshahi
FOTOGRAFÍA Parviz Malekzade
REPARTO Amir Naji, Amir Farrokh Hashemian, Bahare Sediqi

PRODUTORA Iranian Institute.
XÉNERO E CRÍTICA


1999: Montreal: Mellor Película. Premio do Público / Drama / Os zapatos da pequena Zhore desapareceron. O seu irmán maior Ali perdeunos. Son pobres, e non teñen para uns zapatos novos. Pero eles dan cunha idea para que Zhore teña os seus zapatos: compartir os de Ali...
----------------------------------------

Comentarios (3) - Categoría: CINEFÓRUM - Publicado o 18-12-2008 21:56
# Ligazón permanente a este artigo
COUSAS DA LINGUA EN ANIMACIÓN
Vimos de descubrir, grazas ao blog de Séchu Sende, estas animacións.
A lingua animada
Comentarios (0) - Categoría: DATAS PARA NON ESQUECER - Publicado o 13-12-2008 21:33
# Ligazón permanente a este artigo
DÍA DOS DEREITOS HUMANOS: AS COSTAS DO MUNDO

Proxectaremos este documental para celebrar o día.

FICHA TÉCNICA
Dirección: Javier Corcuera
Guión: Elías Querejeta, Fernando León de Aranoa e Javier Corcuera
Produción: Elías Querejeta P.C. coa colaboración de TVE e Vía Dixital
Duración: 89 min.
Países: Perú, Turquía, Estados Unidos
Ano de produción: 2000
Repartición:

Sinopsis: A película componse de tres reportaxes que afrontan outras tantas situacións de degradación humana e inxustiza social e política. A primeira pasaxe, O Neno, segue os pasos de Guinder Rodríguez, un espilido e encantador rapaz de 11 anos, que malvive coa súa numerosa familia nunha chabola dos suburbios máis pobres de Lima. Da súa man móstrase o duro traballo dos picapedreiros, ao que se ven abocados moitos menores da zona, que deben facer esforzos heroicos para seguir recibindo educación escolar. O segundo fragmento, A Palabra, é unha homenaxe a Leyla Zana, a primeira muller kurda que chegou a ser deputada no parlamento turco, e que leva desde 1994 nun cárcere de Ankara, cumprindo unha condena de 15 anos. O motivo: levar ao seu xuramento parlamentario un diadema coas cores da bandeira de Kurdistán e pronunciar, no prohibido idioma kurdo, unha frase sobre a irmandade entre o seu pobo e o pobo turco. Esta vez guían a historia os seus familiares, e especialmente o seu marido, Mehdi Zana, que foi o primeiro alcalde kurdo de Diyarbarkir -a principal cidade do Kurdistán turco- e que agora vive autoexiliado en Suecia, tras pasar 16 anos no cárcere. Sobre el pesan aínda outras condenas por un total de máis de 25 anos de prisión. Finalmente, n’A Vida, a cámara entra no corredor da morte dun cárcere de Texas, para mostrar sen concesións a deshumanización que leva a pena capital. Ao fío das confesións íntimas de Thomas Miller-O -un condenado negro, que xa sufriu dez datas de execución e coñeceu a 120 executados-, preséntanse as declaracións alucinantes, na súa terrible frialdade burocrática, do alcaide, o capelán protestante e outros funcionarios do cárcere, así como as sentidas opinións de familiares de condenados e dalgunha vítima.
Comentarios (0) - Categoría: DATAS PARA NON ESQUECER - Publicado o 07-12-2008 13:51
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal