O FALAR NON TEN CANCELAS


ENDL IES Lagoa de Antela

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

O LUNS RECIBIMOS O GRUPO TEATRAL XEITO

O luns 21 acudirá ao noso instituto o grupo teatral Xeito de Xinzo, formado por actrices e actores xa maduriños, que represantarán Os cravos de prata, de Nicolás Bela. Dirixe o grupo Manolo Fontemoura. Seguro que botamos unhas risas coa parodia do velorio.
Comentarios (0) - Categoría: TEATRO - Publicado o 18-06-2010 20:19
# Ligazón permanente a este artigo
AGASALLOS DO ENDL

O ENDL agasallou a membros do club de lectura, participantes nos distintos recitais e asistentes ás lecturas cunha bolsa que contén un verso de Uxío Novoneyra alterado: "Chove pra que eu soñe...".
Grazas a todas e todos, ás persoas que posaron para esta foto e ás que non saen pero "chuparon cámara" en moitas outras ocasións.

MIL PRIMAVERAS PARA A LINGUA, NOSAS SON AS PALABRAS DE ÁLVARO CUNQUEIRO.
Comentarios (0) - Categoría: VARIOS - Publicado o 18-06-2010 08:21
# Ligazón permanente a este artigo
ESTA SEMANA TEATRO A ESGALLA
As dúas compañías teatrais do instituto levarán á escena dúas pezas: Hotel desguace, unha divertida comedia made in feita na casa sobre a 3ª idade, e Pique- Nique, adaptación realizada sobre a obra do absurdo, crítica das guerras, de Fernando Arrabal. Pasen e vexan!




Comentarios (0) - Categoría: TEATRO - Publicado o 14-06-2010 20:13
# Ligazón permanente a este artigo
Hª DA LINGUA, DE PEPE CARREIRO
Vía trafegando ronseis traemos aquí esta Historia da lingua de Pepe Carreiro.

Comentarios (0) - Categoría: MATERIAIS DIDÁCTICOS - Publicado o 08-06-2010 18:48
# Ligazón permanente a este artigo
ORGULLOS@S DO NOSO, ORGULLOS@S DO GALEGO
Vía este blog, boas e xenerosas, chéganos este vídeo alucinante sobre o orgullo de falar galego e ser galeg@ realizado polo IES Pedras Rubias de Salceda de Caselas.
Cunha técnica de animación e a colaboración dun membro de Dios k te Crew (García MC)elaboraron un produto excelente. Felicitamos o alumnado e profesorado que o fixo posible.



Comentarios (0) - Categoría: CAMPAÑAS - Publicado o 07-06-2010 17:48
# Ligazón permanente a este artigo
EN GALEGO TAMÉN SE FAI CIENCIA
Campaña "En galego tamén se fai ciencia" promovida pola Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística.Cantas máis linguas se saiban...

Beatriz de Carlos from En galego tamén se fai ciencia on Vimeo.

Comentarios (0) - Categoría: CAMPAÑAS - Publicado o 06-06-2010 22:16
# Ligazón permanente a este artigo
Hª DE CORTERRÍBEL, UNHA LENDA DA LAGOA DE ANTELA
O alumnado de teatro posibilitou esta versión videográfica dunha historia do libro A lenda da Lagoa de Antela, de Delfín Caseiro.
Algunhas fotos son de Tomás García, outras, que pertencen ao pasado, están tiradas de internet e as de ficción pertencen á que escribe.


Comentarios (1) - Categoría: VARIOS - Publicado o 03-06-2010 21:15
# Ligazón permanente a este artigo
CONCURSO DE BIBLIOCLIPS

Vémonos na biblioteca:
BASES DO CONCURSO DE BIBLIOCLIPS
DAS BIBLIOTECAS MUNICIPAIS DA CORUÑA (Ed. 2010)
1. Presentación
A
s Bibliotecas Municipais da Coruña convocan o concurso de BIBLIOCLIPS para amosar o feito lector entre os cidadáns cunha visión diferente, persoal e lúdica das bibliotecas públicas.
O concurso consiste na realización dun Spot Publicitario dunha duración máxima de 35 segundos de
visionado, inspirados na biblioteca e a lectura. A curta poderá estar ou non gravada nun espazo
bibliotecario. En calquera caso, valorarase a orixinalidade e a capacidade de expresar calquera punto de vista relacionado co tema do concurso, así como as posibilidades de emisión dos traballos presentados.

Máis información na sección de normalización da nosa páxina web.
Comentarios (0) - Categoría: CONCURSOS - Publicado o 03-06-2010 11:21
# Ligazón permanente a este artigo
VIVE A AVENTURA DE LER, PREPÁRATE PARA AS VACACIÓNS
Colgamos no blog lector Nos tamén navegar un tríptico con recomendacións literarias. Achéganse as vacacións e cómpre ir xestionando os préstamos.
Navegamos mares, cruzamos fronteiras, vi
vimos aventuras, soñamos... e todo de balde!

Comentarios (0) - Categoría: RECOMENDACIÓNS LITERARIAS - Publicado o 02-06-2010 17:56
# Ligazón permanente a este artigo
RECITAL EN AGUILLOAR

A palabra chega cando as persoas senten.
Superamos o pouso amargo que deixaron ao inicio as ausencias (nin Xabier Xil nin Anxo Angueira fixeron acto de presenza) co bo ambiente da xente que acudiu á cita. Cita coa palabra. Despois dos saúdos o local foise empapando de literatura: as paredes, as cadeiras, os vasos, os corpos todos. Sobre a pel deshidratada metáforas líquidas. E nos intermezzos merecidos aplausos.
Poemas de Uxío Novoneyra, Antón Lopo, Darío Xohán Cabana, Gioconda Belli, Celso Emilio Ferreiro, Nizam Qabbani e da nosa alumna Mayte López cobraron vida nas voces de Fatima, Mayte, Uxía, Beatriz, Noelia, Jonathan, Anxo, María, Laura, José, Irene e Ana. Acompañaron coas guitarras Miguel e Cristian.
Nun acto organizado conxuntamente polo ENDL do instituto e a Asociación Cultural Aguilloar, con Rubén Domínguez e Diego Quintairos como anfitrións, e diante dun público entregado, puidemos gozar da proxección duns videopoemas do noso alumnado, un documental sobre a figura de Uxío Novoneyra e a curtametraxe O xogo da guerra, baseada no relato homónimo do escritor limiao Carlos Casares. Calidade suprema!!
Grazas, mozas e mozos, pola vosa xenerosidade.




RECITAL EN AGUILLOAR on PhotoPeach
Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 31-05-2010 20:33
# Ligazón permanente a este artigo
PÍFANO TEATRO NO IES LAGOA DE ANTELA
Tivemos o pracer de ser espectadores do espectáculo didáctico da compañía Pífano Teatro. Mela Casal e Xavier Picallo leváronnos de paseo pola historia do teatro. Viaxamos dende a Grecia clásica ata o teatro do absurdo pasando pola Idade Media, o teatro de Shakespeare e o de Bertolt Brecht. Botamos unhas risas e logo charlamos cos actores. Ao final quedaron alumnos e alumnas de teatro que recibiron unha lección sobre como educar a voz coa respiración. Mela Casal deitouse no chan e foi moi gráfica.
Unha xente aberta e amable.


Comentarios (0) - Categoría: TEATRO - Publicado o 28-05-2010 11:16
# Ligazón permanente a este artigo
RECITAL E PROXECCIÓNS EN AGUILLOAR

A asociación Aguilloar de Xinzo, formada por antigo alumnado do noso instituto, celebra co noso alumnado as Letras Galegas. Proxeccións audiovisuais e recital serán parte dun menú que terá como "artista" convidado o poeta das Redes Escarlata Anxo Angueira, autor de Fóra do sagrado e a quen sempre é un pracer escoitar.
Esperamos ver por alí a Xabier, Diego, Andrés, Héctor, Borja, Rubén...
Comentarios (0) - Categoría: NOVAS DE INTERESE - Publicado o 27-05-2010 19:44
# Ligazón permanente a este artigo
AGROGLAMOUR EN CANS

Para entender Cans hai que vivilo unha vez polo menos na vida, o malo? é que se vas un ano, inevitablemente, repites. Engancha, sen dúbida, ese glamour de horta e chimpín, de bata e sacho, de ghalpón e grelos que nos é tan familiar e que se fai arte nesta aldea pontevedresa. En Cans o perfume non é de Chanel nº 5 nin os vestidos son de Cristian Dior pero teñen máis encanto e autenticidade que o artificio da cidade francesa de Cannes. Alí podes tomarte un pincho de xamón asado á beira do malo malísimo de Matalobos, gardar cola cos personaxes de Air Galicia ou beber unha caña rozándolle o bigote a Luís Tosar, alias Malamadre. Tamén podes asistir a un concerto no Jalpón de
Alicia mentres a dona remexe na horta ou pelexarte por un cacho de terra cos veciños na entrega de premios. Resistir á calor sen derreterse foi sen dúbida o maior exercicio de supervivencia pero pagou a pena.



Tamén atopas xente que pasou polas aulas do instituto cando existía COU como Héctor Casas ou Andrés Casteleiro.
O premio do público foi para unha curta made in Ourense, unha comedia parodia da arte contemporánea que se titula Instalación. O premio do xurado levouno Rodilla, onde un coleccionista de cromos axusta contas co pasado.O premio á mellor curtametraxe de animación foi para Nuestra fé en el veneno e o dos veciños para Padre Modelo. A actriz premiada foi Nuncy Valcárcel, polo seu papel en Coser e cantar, unha historia de resistencia contra a educación franquista; e os actores galardoados foron Javier Rodríguez e Fernando Cayo polos seus papeis en El vendedor del año, unha crítica ao comportamento inhumano das multinacionais.

Comentarios (0) - Categoría: NOVAS DE INTERESE - Publicado o 23-05-2010 22:30
# Ligazón permanente a este artigo
ALGÚNS FOTOGRAMAS DA CURTAMETRAXE
Estes son algúns dos fotogramas da curtametraxe "O xogo da guerra", realizada e protagonizada por alumnado de 1º de BAC (Anxo Quintairos, Cristian Bolaño, Miguel García e José Fernández) coa colaboración de David Rodríguez e Javier Rivero, de 4º da ESO. O guión foi unha adaptación do relato homónimo de Carlos Casares realizada por Iván Prado. O vídeo foi proxectado no Salón de Actos e causou impacto no profesorado e alumnado asistente, dada a calidade do produto elaborado, tanto a nivel técnico coma interpretativo. Parabéns, rapaces!!


Comentarios (1) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 23-05-2010 20:58
# Ligazón permanente a este artigo
ENTREGAMOS OS PREMIOS DAS LETRAS GALEGAS
O venres no 1º recreo entregamos os premios das Letras Galegas. Rocío e Yolanda levaron o premio de caligramas, Mayte o de relato, Édgar o de fotografía e Anxo, José, Miguel e Cristian o de vídeo. Noraboa a todas e todos!!


Comentarios (1) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 23-05-2010 20:35
# Ligazón permanente a este artigo
LECTURAS POLA LINGUA
O venres 21 de maio celebramos as Letras Galegas na biblioteca. Alumnas e alumnos de diferentes niveis leron textos pola lingua e recitaron poemas de Uxío Novoneyra, Manuel María e Darío Xohán Cabana. As palabras pronunciadas expresaron a necesidade de manter a lingua e loitar por ela. Arrancaron moitos aplausos. Participaron:
RAQUEL TRIGO, RAQUEL VÁZQUEZ, ANA BARXA, MAYTE LÓPEZ, JONATHAN DOMÍNGUEZ, NOELIA GAMALLO, UXÍA ALONSO, ÚRSULA CASADO, BEATRIZ DOMÍNGUEZ, MIRIAN FERNÁNDEZ, ISABEL DIEZ, MIGUEL GARCÍA, CRISTIAN BOLAÑO, FATIMA FATHALLAH, ADOLFO DACAL, SONIA VÁZQUEZ, PILAR BARANDELA, VALENTINA JORQUERA, ÁLEX FERNÁNDEZ, LUCÍA BLANCO E SUSANA DIZ.




Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 23-05-2010 20:29
# Ligazón permanente a este artigo
RECITAL DOS CENTROS ESCOLARES DE XINZO NA PRAZA MAIOR

RECITAL DOS CENTROS ESCOLARES DE XINZO NA PRAZA MAIOR
O 18 de maio, un día despois do Día das Letras Galegas, os catro centros escolares de Xinzo (CEIP Rosalía de Castro, CEIP Serxio Mascareñas, IES Lagoa de Antela e IES Cidade de Antioquía) reuníronse na Praza Maior da vila para celebrar conxuntamente as Letras Galegas nun acto organizado polas bibliotecas e equipos de normalización dos catro centros. Un recital de poemas de Uxío Novoneyra, música coa banda da xente máis nova, un baile da amizade, un rap e o poema “Letanía de Galicia” , que foi coreado polos asistentes, arrancaron os aplausos das persoas que se reuniron na praza. O noso alumnado (Pablo, Ana, Alicia, Adolfo, Sonia, Melisa e Lucía) abriu a quenda de intervencións cunha notable actuación. As nenos e nenos de Primaria emocionaron, sen dúbida, os espectadores da praza.
Colgaremos máis fotos en próximos días.
Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 19-05-2010 23:51
# Ligazón permanente a este artigo
PREMIOS LETRAS GALEGAS


VÍDEO
CRISTIAN BOLAÑO, ANXO QUINTAIROS, MIGUEL GARCÍA E JOSÉ FERNÁNDEZ
CURTAMETRAXE "O XOGO DA GUERRA"

LITERARIO
MAYTE LÓPEZ ATANES
RELATO “O BALEIRO”

FOTOGRAFÍA
ÉDGAR ÁLVAREZ FEIJÓO

1
- Subimos unha das fotos premiadas, digna calquera delas de ser publicadas.

2- Fragmento do relato "O xogo da guerra", do libro Vento ferido do escritor limiao Carlos Casares, falecido hai uns anos. A curtametraxe presentarase ao certame OUFF Escola.

Botaron a sortes e tocoume a min. Eu penso que fixeron trampa, pero calei. Díxome o Rata: "Vai". Eu non quería ir, digo a verdade. Pero cando o Rata dicía vai, había que ir. O Rata estaba tolo, segundo a miña nai. Pero eu penso que non estaba tolo, que era atravesado e de mala lei. "Vai", dixo outra vez. E fun. A casa de don Domingo quedaba lonxe. Algo así como a dous quilómetros. Tiven que dar un rodeo para non pasar por diante da zapatería do meu pai. Pensei:"escapo para a casa e xa está". Pero collín medo. Ademais ía calor e na casa no verán non se para coas moscas.

Cheguei ao chalé de don Domingo e berrei:

- ¡Zalo...!

Ladraron os cans. Agardei un pouco e volvín chamar:

- ¡Zalo..!
[...]

3- Fragmento do relato "O baleiro" de Mayte López.

"E dende aquela pensou que fuxira da soidade, coma se dende o momento en que nacera non fose unicamente ela mesma. Aprendeu, non sen moitas dificultades, a expresarse coas novas verbas, sen medo e sen prexuízos. Xa non era necesario pensar o que dicía, posto que agora tiña o privilexio de falar e facelo sempre con corrección, independentemente do que estivese saíndo pola súa boca, posto que non era iso o que importaba, senón a forma. Entregou a súa identidade a cambio dunha suposta integración que a sacase do seu abismo silencioso, coma quen lle vende a súa alma ao diaño polo prezo de facer realidade un desexo egoísta.
Coma ela antes pensaba en galego, tamén deixou de pensar.

Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 17-05-2010 22:21
# Ligazón permanente a este artigo
XOGO TEST WEB SOBRE UXÍO NOVONEYRA
Estes días estivemos a traballar nas aulas con este xogo test web. A actividade realizouse por parellas. As respostas encóntranse na sección de normalización, lugar onde tamén se pode descargar o documento en PDF.


Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 17-05-2010 21:38
# Ligazón permanente a este artigo
DÍPTICO SOBRE UXÍO NOVONEYRA
Confeccionamos este díptico para agasallar a comunidade educativa.


Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 15-05-2010 20:22
# Ligazón permanente a este artigo
SOBRE O ENSAIO DO RECITAL DAS LETRAS

Esquecíaseme dicir que esta escena corresponde en realidade a un ensaio para o recital das Letras, a xente está a musicar o poema "Letanía de Galicia" e a encontrar as voces e coros adecuados.
Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 15-05-2010 16:23
# Ligazón permanente a este artigo
VÍDEO PROPIO SOBRE UXÍO NOVONEYRA

Por fin o noso vídeo sobre Uxío Novoneyra! Tivemos que fragmentalo para non rebaixar en exceso a calidade.
Grazas ás alumnas do club de lectura de 1º de BAC que quedaron o mediodía do luns(Beatriz, Úrsula, Isabel, Mirian e Noelia), ao polifacético Pablo e aos músicos Cristian e Miguel.
Esquecemos especificar que unha peza musical "roubámoslla" a Carlos Núñez e que as imaxes da Guerra Civil están baixadas da rede.








Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 15-05-2010 16:15
# Ligazón permanente a este artigo
PRESENTACIÓNS DIVERSAS PARA AS LETRAS GALEGAS
IES Arzúa



IES Elviña



IES de Fene



CEIP de Andrade – Pontedeume


Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 15-05-2010 15:39
# Ligazón permanente a este artigo
VÍDEO SOBRE UXÍO NOVONEYRA
A través da Coordinadora dos ENDL chéganos este vídeo sobre o poeta d'O Courel.

Os traballos e os días de Uxío Novoneyra from Coordinadora Galega ENDL on Vimeo.

Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 11-05-2010 23:45
# Ligazón permanente a este artigo
PROGRAMA LETRAS GALEGAS 2010
O xogo test web sobre Uxío Novoneyra atópase na nosa sección de normalización da páxina web.

Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 11-05-2010 07:00
# Ligazón permanente a este artigo
POEMA DE UXÍO NOVONEYRA NA SÚA VOZ
A través desta videomontaxe chéganos a voz de Uxío Novoneyra. Na súa páxina web poderedes atopar todo tipo de información: poemas, vídeos, fotos, gravados...

Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 10-05-2010 22:37
# Ligazón permanente a este artigo
O IES PINTOR COLMEIRO NUN VIDEOCLIP DE GALEGUIDADE
Magnífica manifestación de galeguidade do IES Pintor Colmeiro de Silleda, parabéns aos promotores da idea.

Comentarios (0) - Categoría: NOVAS DE INTERESE - Publicado o 07-05-2010 17:47
# Ligazón permanente a este artigo
desconxeLE: interesante campaña de fomento da lectura
Reverso Comunicación Cultura e Lingua desenvolve con 2.0 Editora esta campaña de fomento da lectura dirixido a mediadores de lectura (libreiros, bibliotecarios, docentes etc., principais estimuladores do hábito lector
.

Comentarios (0) - Categoría: CAMPAÑAS - Publicado o 06-05-2010 10:43
# Ligazón permanente a este artigo
MAIO: MES DAS LETRAS
Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 05-05-2010 08:59
# Ligazón permanente a este artigo
POEMA DE ROSALÍA PARA INICIAR O MES DAS LETRAS
Isabel, Uxía, Noelia e Beatriz elaboraron este vídeo. A voz corresponde á profesora de Bioloxía Mar Fernández.



Comentarios (0) - Categoría: CREACIÓNS ALUMNADO - Publicado o 03-05-2010 07:43
# Ligazón permanente a este artigo
O GALEGO no mundo
O galego tamén se aprende fóra de Galicia. En Croacia e Xapón temos dous exemplos. Chegamos a eles a través do blog amigo A ghaivota, do Monte Carrasco.




Comentarios (1) - Categoría: VARIOS - Publicado o 02-05-2010 09:59
# Ligazón permanente a este artigo
RECIBIMOS A XENTE DO IES MONTE CARRASCO DE CANGAS
Tocounos recibir o profesorado e alumnado do IES Monte Carrasco de Cangas, agardábase un día de calor e foi lume. Ás 10:30 chegou o bus do Morraso ao instituto e deste, sen demora, para Lodoselo, ao CDR O Viso. Alí, primeiro fixemos pan da maneira tradicional no forno comunal: amasamos, seguimos o ritual, responsos incluídos, e elaboramos o noso boliño personalizado. Para socializar compartimos xogos populares:a porca, a ra, os zancos, o lanzamento de boina, o aro, o escachaovos ás cegas…, só faltou o saching, e iso que había un por alí... Logo dun refrixerio os monitores someteron o alumnado a unha proba de supervivencia, catro grupos armados de búsolas, papel e bolígrafo emprenderon un xogo de orientación a pleno sol que rematou no monte-aula da natureza que alberga máis de 100 especies de árbores. De alí a Xinzo, visita brevísima que nos custou unhas olladas de reproche, e de Xinzo a Sandiás, á Casa da Lagoa, onde viaxamos no tempo e navegamos metaforicamente pola lagoa, recollemos o beón e habitamos as palafitas, que frescura para tanta calor!
Tempo de despedida, promesas de volverse ver e caras compunxidas, as separacións sempre son traumáticas.
Esperamos de todo corazón que o pasaran ben e aprenderan algo da vida do rural como nós aprendemos da vida mariñeira. Se cadra o curso vindeiro consolidamos esta relación…, que se Entroido, que se algunha viaxe compartida…, quen sabe!
Ata logo, Cangas!!


Comentarios (1) - Categoría: INTERCAMBIOS E CONTACTOS - Publicado o 27-04-2010 19:59
# Ligazón permanente a este artigo
23 DE ABRIL: DÍA DO LIBRO
Mira e escoita! Un rap dedicado ao libro.

Comentarios (0) - Categoría: DATAS PARA NON ESQUECER - Publicado o 23-04-2010 11:05
# Ligazón permanente a este artigo
UNHA XORNADA CON LEO CALDAS E DOMINGO VILLAR EN PANXÓN
“O inspector Leo Caldas saíu do taxi e saltou por riba das pozas ata a beirarrúa.”

Así comeza a novela A praia dos afogados de Domingo Villar, o indiscutible éxito da literatura galega que dende o verán pasado segue superando recordes. O luns desprazámonos en dous autobuses a Panxón para escoitar unhas palabras do autor e percorrer o itinerario da novela. Gozamos das vistas de Monteferro, sentimos as voces dos afogados na praia da Madorra, admiramos a o Templo Votivo do Mar, unha marabilla modernista de Antonio Palacios, e paseamos polo porto pesqueiro de Panxón. Algúns mesmo se armaron de valor e mergulláronse na praia recollida da vila, libre de turistas. O itinerario foi amenizado por Ana, unha actriz que escenificou con algúns alumnos partes da novela. Recoñecemos o talento de Pablo, Anxo, Manuel Quelle, Miguel García e Iván que formaron parte da farándula e gozaron sendo protagonistas literarios.
Na praia da Medorra tiven a oportunidade de charlar cunha señora de idade que se sumou, curiosidade espertada por tanta adolescencia xunta, á turba. Contoume que ela encontrara un afogado había non moito, só trinta anos, e que a esa praia ían parar moitos mariñeiros estranxeiros porque bebían e iso provocaba que se descontrolasen e perdesen o siso, chocando coas rochas que rodean as Illas Estelas. Curioso o destino, o azar traste que nos depara sorpresas.
Quizais o misterio da relación con Alba se resolva na 3ª parte das andanzas de Leo caldas e Rafael Estévez, o aragonés que xa comeza a entender a forma de ser dos galegos. Agardámola impacientemente!


Comentarios (1) - Categoría: VISITAS E ENCONTROS - Publicado o 14-04-2010 21:57
# Ligazón permanente a este artigo
CONCURSO LINGUA DE AMOR

O Consello da Xuventude de Galicia (CXG), a través do seu Servizo de Normalización Lingüística, puxo en marcha a IV.ª edición de Lingua de amor, o concurso de cancións e declaracións de amor en galego a través da internet.


Lingua de amor ten como obxectivo principal estender o uso do galego como lingua habitual entre a xente moza nas súas comunicacións a través da rede.


Establécense dúas modalidades de participación: declaracións e cancións de amor.

Os premios serán os seguintes:




Modalidade 1: declaracións de amor en galego a través da rede

Categoría A (de 14 a 19 anos):
1.º Un computador portátil Netbook
2.º Unha consola Nintendo DSI XL
3.º Unha cámara de fotos dixital

Categoría B (de 20 a 35 anos):
1.º Un computador portátil Netbook
2.º Unha cámara de vídeo dixital
3.º Unha consola Nintendo DSI XL

Modalidade 2: cancións de amor en lingua galega
1.º Un computador portátil Netbook
2.º Un iPod de 3.ª xeración
3.º Unha consola Nintendo DSI XL

Para participar no concurso só hai que rexistrarse na páxina www.linguadeamor.eu.
O prazo permanecerá aberto ata o 28 de maio de 2010 e para as votacións será do 29 de maio ata o 6 de xuño de 2010

Comentarios (0) - Categoría: CONCURSOS - Publicado o 13-04-2010 12:45
# Ligazón permanente a este artigo
MARÍA YÁÑEZ E EUFALO.TV
María Yáñez, autora xunto con Mónica Ares do documental Linguas cruzadas, presentou o espazo web de EuFalo.TV., un espazo colaborativo sobre a lingua e os falantes.


Aquí tedes o vídeo promocional

Comentarios (0) - Categoría: NOVAS DE INTERESE - Publicado o 13-04-2010 07:16
# Ligazón permanente a este artigo
CONCURSO LETRAS GALEGAS

Comentarios (0) - Categoría: CONCURSOS - Publicado o 11-04-2010 22:54
# Ligazón permanente a este artigo
CANTIGA DE ESCARNIO EN VÍDEO
Esta recreación audiovisual dunha cantiga de escarnio é unha xoia. Estes alumnos de 1º B de Bacharelato (Cristian, José, Anxo e Miguel) son uns artistas. Chapeau! Ou xapó!


Comentarios (5) - Categoría: CREACIÓNS ALUMNADO - Publicado o 09-04-2010 10:52
# Ligazón permanente a este artigo
OS CANS ALIENÍXENAS DE NOVO EN ACCIÓN
Adolfo, Ana, Pablo,Valentina e colaboradores noutro episodio desta serie. Parece que un dos cans xa vocaliza mellor. Noutros planetas tamén se aprende galego!




Comentarios (0) - Categoría: CREACIÓNS ALUMNADO - Publicado o 29-03-2010 12:54
# Ligazón permanente a este artigo
PREMIOS MARÍA CASARES DE TEATRO: BEGOÑA MUÑOZ SAÁ OBTÉN O PREMIO Á MELLOR ADAPTACIÓN POL'A ESMORGA

O teatro galego viviu onte a súa noite de gala. O teatro Rosalía de Castro de Santiago foi o escenario escollido para facer entrega dos premios do mundo da farándula.
Begoña Muñoz Saá, unha boa amiga que ten visitado o noso centro e que cada ano nos achega as súas creacións e adaptacións teatrais, levou o premio á mellor adaptación de texto. O traballo foi realizado conxuntamente con Carlos Couceiro, tristemente falecido, sobre a novela de Eduardo Blanco-Amor hai trece anos, e foi levado á escena pola compañía ourensá Sarabela.
Para saber máis pinchar aquí.

Como homenaxe a esta dramaturga reproducimos parte da entrevista que lle realizou o noso alumnado hai catro anos. Noraboa, Begoña, tíñalo ben merecido!

Begoña Muñoz Saá, dramaturga e profesora de Lingua e Literatura Galegas e Teatro no IES Otero Pedrayo de Ourense, visitounos o 16 de maio para dar unha interesante e amena charla sobre “O feito teatral”. Despois dunha sesión interactiva, chea de descubrimentos e risoterapia, foi entrevistada por alumnas e alumnos de 4º da ESO. Contestou amablemente as preguntas de Susana, Lucía, Clara, Yéssica, Cristian, Zurine, Borja, Rocío…

ENTREVISTA

P- Que lle gusta máis, dar clases de teatro ou escribir?

R- A min encántame dar clases, gústame mogollón porque me parece un privilexio. Non noto que pasa a idade por min, porque vós tedes 16 anos sempre, e aínda que se vai distanciando a idade do alumnado e a miña eu non o noto, a min dáme a sensación de que estou na plena xuventude sempre, non noto o paso do tempo. A min dóeme moitísimo a cabeza e cando entro en clase pásame a dor; teño preocupacións, problemas e desaparecen nas aulas.

P- Como imparte as clases de teatro?

R- Os tres primeiros meses, ata decembro, facemos traballo de cohesión de grupo, poñemos un pouco a ton a voz, a expresión corporal, traballamos movemento en escena, sentimentos, etc; logo participamos en todas as conmemoracións do centro, por exemplo, o Día da Muller Traballadora, o Día da Paz, e aproveitamos o grupo de teatro para facer performances, ou para desenvolver accións ou para animar un pouco o centro, e logo despois, se nos dá tempo, facemos algo: contacontos, recitado de poesía, pequenas escenas de teatro...,


P- Pensa que o teatro pode ser unha cura ou remedio emocional?

R- Si, o teatro é unha maneira para coñecerte moitísimo, pois cada vez que tes que representar un personaxe tes que facer un estudo de como ese personaxe actuaría. Por exemplo, se ti tes que representar unha persoa que ten SIDA, evidentemente ti non podes enfermar para poder representalo ben pero si que te tes que documentar, igual que para facer de prostituta tes que documentarte. Un bo actor e unha boa actriz teñen que ser, primeiro, uns grandes observadores da realidade e, segundo, teñen que ser unhas persoas moi tolerantes, pois saben perfectamente o que poden sentir as persoas nun momento determinado. Se ás persoas conflitivas, ás que teñen algún tipo de problema social ou un sistema de valores desaxustado, por exemplo, alumnos que son moi machistas, que teñen un desprezo absoluto da muller, se a estes alumnos en teatro lles fas vivenciar o que sente unha muller manipulada ou unha muller desprezada- é horroroso porque se poñen fatal- podes conseguir que se sensibilicen e cambien de actitudes. Estas persoas, que desprezan os homosexuais e lles chaman maricóns, en teatro, mediante as improvisacións, pódeslles facer comprender o que un home homosexual podería sentir nesa circunstancia.

Para ler o resto da entrevista pinchar aquí.
Comentarios (1) - Categoría: NOVAS DE INTERESE - Publicado o 25-03-2010 14:58
# Ligazón permanente a este artigo
[1] ... [3] [4] [5] 6 [7] [8] [9] ... [11]
© by Abertal