O FALAR NON TEN CANCELAS


ENDL IES Lagoa de Antela

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

ENTROIDO NO IES LAGOA DE ANTELA

Celebramos o Entroido no instituto. A gran festa popular da bisbarra limiá desembarcou no instituto con alegría contaxiosa e balbordo.
O departamento de Plástica, coma todos os anos, convocou o concurso de máscaras, con gran éxito de participación e orixinalidade. O venres 8 celebrouse o festival de disfraces: parodias, monólogos, bailes, cancións, actuacións improvisadas e comparsas amenizaron a velada. Risas e aplausos a rabiar.




Comentarios (0) - Categoría: FESTAS - Publicado o 11-02-2013 19:22
# Ligazón permanente a este artigo
VÍDEO PARA A PAZ DUNHA ALUMNA DE 2º DE ESO

Celebramos o Día da Paz de maneira colaborativa entre o ENDL, a Biblioteca e o Club de Lectura.

Carmen, de 2º de ESO, elaborou este vídeo que se proxectou na biblioteca.

Máis información das actividades e textos no blog da biblioteca e o blog do club de lectura.


Comentarios (0) - Categoría: CREACIÓNS ALUMNADO - Publicado o 02-02-2013 20:31
# Ligazón permanente a este artigo
FINA CASALDERREY XA É ACADÉMICA

A nosa benquerida Fina Casalderrey, que tanto fixo pola normalización da lingua a través da súa produción literaria, entrou na Real Academia Galega.


Lembramos a súa visita con cariño pola interesante e amena charla que impartiu e pola amabilidade na entrevista que concedeu ao alumnado.

Parabéns, Fina!


Noticia en Praza Pública e Sermos Galiza.

Entrevista na Voz de Galicia.
Comentarios (0) - Categoría: NOVAS DE INTERESE - Publicado o 20-01-2013 21:46
# Ligazón permanente a este artigo
AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ SERÁ INVESTIDO DOUTOR HONORIS CAUSA

O vindeiro luns 28 de xaneiro o noso benquerido Agustín Fernández Paz será investido Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo.

Parabéns!


Comentarios (0) - Categoría: NOVAS DE INTERESE - Publicado o 20-01-2013 21:32
# Ligazón permanente a este artigo
CONFERENCIA DE VICENTE FEIJOÓ ARES SOBRE TOPONIMIA

Francisco Prol elaborou a crónica da visita de Vicente Feijoó Ares, que foi presenatado pola directora e profesora de Lingua Pilar Barandela.


Cun pé xa nas ansiadas vacacións de Nadal, visitounos o día vinte de decembro, o filólogo Vicente Feijoó Ares.
Este investigador e membro da Comisión de Toponimia da Xunta, mantivo un interesantísimo encontro de case dúas horas cos alumnos de 1º e 2º de bacharelato. Explicounos o que é a toponimia, a súa relación coa historia, coa lingua e coa cultura. Tamén soubemos cales son os seus métodos de traballo e como se utilizan as novas tecnoloxías nestas investigacións.
Sorprendeunos cos significados de moitos dos topónimos da nosa contorna. Entre eles podemos salientar os seguintes: Limia (limo-palabra de orixe preindoeuropeo-), Xinzo (Genético- nome de persoa), Trasmiras (detrás do sitio da auga), Saínza (salgueiro), Chamusiños (chamizo), Porqueira (abundancia de xabarín), Quintas (finca dividida en 5 partes), Os Blancos (do apelido Blanc), Calvos (lugar de pouca vexetación), Sarreaus (xente que veu de Sarria), Faramontaos (xente que veu de fóra do monte-de Castela-).
Mostrounos espectaculares e únicas fotos de penedos, explicándonos a relación dos seus nomes con cultos, ritos e lendas. Así descubrimos a Pedra dos namorados do Pindo, onde os namorados poden coñecer o porvir da súa relación. A Pedra do oso, roubada do seu entorno para adornar un xardín e logo restituída. O Penedo das fatigas, onde os celtas realizaron posiblemnente os seus rituais de sacrificio. A Porta do Alén de Cercedo que comunica aos vivos cos do máis alá. O Penedo da Raíña Loba e o Penedo do Angaraño de Sarreaus.
Descubrimos pedras que emiten diferentes sons e outras que se moven (abalan) incluso co vento, aínda que pesan toneladas e que se manteñen ergueitas nun imposible equilibrio.
Aprendemos a apreciar a importancia de non perder os nomes que só se conservan na memoria dos nosos avós, esa enorme riqueza de topónimos que forma parte do noso patrimonio cultural.
Comentarios (0) - Categoría: VISITAS E ENCONTROS - Publicado o 28-12-2012 18:09
# Ligazón permanente a este artigo
PRESENTACIÓN DE LETHES E RECOLLIDA DE PREMIOS

O Centro de Cultura Popular da Limia presentou o nº 11 da revista Lethes no concello de Vilar de Santos, unha edición centrada na homenaxe ao escritor limiao Carlos Casares do que se cumpren 10 anos do seu pasamento. O acto foi presentado por Manuel Seoane, o profesor e escritor Delfín Caseiro e o académico e profesor Henrique Monteagudo, que contou anécdotas da súa relación co escritor.

Merecen que sexan nomeados aquí algúns dos nosos compañeiros que acudiron á cita: manexando o ordenador andaba Tomás, integrante da asociación; o noso querido bedel Paco xestionaba a venda de revistas; Manolo, o da cafetería, non cabía de gozo cando a súa filla recolleu un premio; Paco Prol, con dor de moas, fixo de tripas corazón para asistir; Puri, Pilar, Xela e as nosas Marías, compañeiras dos CEIP da vila.

Foi notoria, nunha sala abarrotada de persoas, a presenza de alumnas e alumnos de diferentes centros de ensino da bisbarra que participaron no certame que convocou a asociación sobre a figura e obra de Carlos Casares e cuxos premiados recolleron os galardóns entre cálidos e intensos aplausos.

Felicitamos o noso alumnado que gañou dous premios na categoría de banda deseñada:

Uxía Formoso e María Souto
Kelly Rodríguez e Adolfo Dacal



Neste blog encóntranse os traballos presentados e premiados.

Comentarios (0) - Categoría: NOVAS DE INTERESE - Publicado o 16-12-2012 19:57
# Ligazón permanente a este artigo
CALENDARIO MARCADOR ROBERTO VIDAL BOLAÑO
O noso compañeiro e membro do EDNL, Xosé Manuel Gayo,deseñou este precioso marcador-calendario para homenaxear a Roberto Vidal Bolaño. Será repartido entre a comunidade educativa de toda a bisbarra, librarías e bibliotecas.


Comentarios (1) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 12-12-2012 09:13
# Ligazón permanente a este artigo
RECITANDO A CELSO EMILIO, DEITADO FRONTE AO MAR

O mércores día 12 de decembro de 2012, ás 12.00 horas, a Cooordinadora Galega dos Equipos de Normalización convoca unha acción para render homenaxe ao poeta Celso Emilio Ferreiro que consiste en recitar o poema "Deitado fronte ao mar".
Aquí deixamos o magnífico vídeo que confeccionaron no IES As Barxas.


Comentarios (0) - Categoría: CAMPAÑAS - Publicado o 03-12-2012 10:30
# Ligazón permanente a este artigo
MAGOSTO NO CDR O VISO
O sábado pasado celebramos o tradicional magosto de profesorado e cativos no CDR O Viso de Lodoselo. Como é costume foi organizado por Tomás García, profesor de Bioloxía, e Carmen e Toño, as persoas que xestionan o centro.
Coma todos os anos, elaboramos o pan artesanalmente, realizamos paseos terapéuticos polo contorno e @s nen@s participaron nuns obradoiros de reciclaxe, coiro e barro con obxectivos ambientais. Para rematar a xornada, asamos castañas e cogomelos e comemos bica de Laza.

Pasámolo de medo, e non só a xente miúda!



Comentarios (0) - Categoría: FESTAS - Publicado o 24-11-2012 18:51
# Ligazón permanente a este artigo
MÁIS FOTOS DO SAMAÍN
Ademais do concurso de cabazas, organizamos unha exposición de seres mitolóxicos co alumnado de 1º ciclo.


Comentarios (0) - Categoría: FESTAS - Publicado o 18-11-2012 20:59
# Ligazón permanente a este artigo
CELEBRAMOS O SAMAÍN

Aquí deixamos unha foto coa exposición das cabazas deste ano, no centro a gañadora. Houbo moita calidade este ano.
Comentarios (1) - Categoría: FESTAS - Publicado o 18-11-2012 10:51
# Ligazón permanente a este artigo
PREMIOS SAMAÍN 2012

Na biblioteca repartimos os premios dos contos de medo deste ano e das cabazas.

Breogán Prieto Vázquez, de 3º de ESO, e Vanessa Álvarez Crespo, de 2º de ESO, recibiron os premios dos contos; Daniel Estévez Ferreiro, de 3º de ESO, levou o premio á mellor cabaza.

Noraboa aos gañadores e gañadora.





Comentarios (0) - Categoría: CREACIÓNS ALUMNADO - Publicado o 18-11-2012 10:41
# Ligazón permanente a este artigo
VIDEOCONFERENCIA PARA O DÍA DA CIENCIA E TECNOLOXÍA

O IES Lagoa de Antela súmase a esta iniciativa da Coordinadora dos Equipos de Normalización e ofrecerá a videoconferencia ao alumnado de 1º de BAC. Nela destacados investigadores en Física de Partículas formados en institutos galegos achegarán temáticas de interese curricular para o noso alumnado e os proxectos científicos que desenvolven na actualidade.
De novo celebramos iniciativas coma esta que serven para combater prexuízos lingüísticos, tan arraigados nalgúns sectores da sociedade.
Comentarios (0) - Categoría: NOVAS DE INTERESE - Publicado o 06-11-2012 07:36
# Ligazón permanente a este artigo
RAP EN GALEGO DE AID
Inauguramos o curso con este rap de Aid, unha rapeira viguesa.


Comentarios (0) - Categoría: MÚSICA - Publicado o 23-09-2012 12:19
# Ligazón permanente a este artigo
LIPDUB DO IES CHAPELA "EU FALAREI"
Impresionante lipdub do IES Chapela sobre a lingua, emociona. Parabéns áspersoas que o fixeron posible, sobre todo a Aldán, que é un dinamizador excelente.




Comentarios (1) - Categoría: AUDIOVISUAL - Publicado o 06-07-2012 10:33
# Ligazón permanente a este artigo
ROBERTO VIDAL BOLAÑO: LETRAS GALEGAS 2013

O ano vindeiro será o ano do teatro, a elección do dramaturgo Roberto Vidal Bolaño como home das Letras 2013 suporá unha homenaxe merecida ao xénero dramático.

Roberto Vidal Bolaño naceu en Santiago de Compostela en 1950 e faleceu na mesma cidade en 2002. Formou parte do denominado "Grupo Abrente" que, a partir da década dos 70, renovou e actualizou tanto a escrita como as representacións dramáticas galegas. Todas as súas actividades xiraron sempre, e en exclusiva, arredor do teatro: desde a creación do "Grupo Antroido", en 1975, até a súa compañía actual "Teatro do Aquí", pasando pola breve experiencia da cooperativa "Teatro do Estaribel". En 1978 deu o paso definitivo que levou ás xentes do teatro galego a se transformaren en profesionais, superando de vez a pantasma de "amador" que pairara sempre sobre a historia do noso teatro.
Máis información: bvg
Roberto Vidal Bolaño
RAG
Cultura Audivisual Galega

Esperemos que este feito provoque unha explosión de creatividade no ámbito educativo e que sirva para abordar o xénero como contido curricular de potenciación da lingua oral e das competencias cultural e social e cidadá. É tanto o seu poder! E aquí falo en 1ª persoas, como profe de teatro e como veciña dunha parroquia pertencente ao concello de Ribadavia, onde agromou Abrente, esa asociación cultural que impulsou o teatro na década dos 70 do século pasado. Roberto Vidal Bolaño gañou dous premios Abrente.
Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 03-07-2012 16:07
# Ligazón permanente a este artigo
PROMOCIÓN TURÍSTICA D'A LIMIA
Alumnado de 4º de ESO confeccionou uns folletos turísticos para promocionar lugares de interese da súa bisbarra.
















Comentarios (0) - Categoría: CREACIÓNS ALUMNADO - Publicado o 03-07-2012 15:47
# Ligazón permanente a este artigo
RECITAL LETRAS GALEGAS

Celebramos as Letras Galegas con lecturas na biblioteca. Recitáronse poemas representativos de Celso Emilio Ferreiro, por conmemorarse este ano o centenario do seu nacemento. Agradecemos a todas as persoas que participaron, alumnas e alumnos de 1º e 2º ciclo e 1º de BAC, e felicitámolas pola súa disposición, a súa madureza, o seu compromiso coa lingua e o seu interese pola lectura.

Tamén lle entregamos o premio literario á nosa benquerida Ledicia Prieto, alumna de 2º de BAC, a quen felicitamos pola calidade do texto presentado e a quen desexamos que lle vaia bonito nesta nova travesía que está a punto de iniciar. Desexamos que a sigan acompañando sempre a inquietude e a curiosidade lectoras e que non a abandone nunca o afán por expresar o seu rico mundo interior coa palabra e a creación plástica.





Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 19-05-2012 13:35
# Ligazón permanente a este artigo
MANIFESTO POLA LINGUA DE AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ

Voares de Esperanza

AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ



Don Ramón Otero Pedraio, para loar o labor entusiasta da imprenta de Ánxel Casal e de María Miramontes, chamoulle a aquel obradoiro «pombeiro de voares de esperanza». Pombeiro de voares de esperanza! A frase era o tal, pois desde alí botaban a voar os libros que recollían o mellor do pensamento e da creación en galego. Aqueles non eran tempos doados, mais os azos dos homes e mulleres das Irmandades da Fala foron enchendo de luz as vilas e cidades de Galiza e conseguiron facer visible socialmente a lingua de nós.

Nesas persoas están as nosas raíces, somos elos dunha cadea que vén de lonxe. Rosalía de Castro e tanta outra xente que traballou pola recuperación e o prestixio da lingua e da cultura conforman o ADN onde nos debemos recoñecer. Un ADN que ten algúns tramos da dobre hélice especialmente fértiles, coma o das Irmandades, semente das ideas que hoxe constitúen a nosa cerna: Galiza, célula de universalidade. A vontade de sermos unha peza máis, en pé de igualdade, no mosaico mundial das culturas.

Non foron fáciles as épocas pasadas e tampouco non o son os tempos que nos toca vivir. Non é preciso reiterarmos aquí as agresións destes últimos anos, cunha boa parte das elites políticas, financeiras e mediáticas obsesionadas por esborrallar os avances que traballosamente foramos acadando. O seu obxectivo: facer do galego unha lingua socialmente invisible, que permaneza recluída no gueto e non acade un uso normalizado. Que o castelán sexa a lingua por defecto e o galego, a rareza, a lingua oculta. Tratala coma un bonsai ao que cómpre retallarlle as pólas que se obstinan en medrar máis do permitido.

Que ilusos! Non coñecen as palabras do sociolingüista Colin Baker: «A substitución dunha lingua non é un proceso evolutivo natural. Alí onde a xente está determinada a manter viva unha lingua, parece imposible destruíla.» Non saben que as agresións nos fan máis fortes, que nos impulsan a ampliar o tamaño da nosa esperanza, que medra en nós a vontade de construírmos espazos de encontro e mais de unión.
Na súa novela 1984, George Orwell describe unha sociedade oprimida por unha minoría, onde a neolingua é o instrumento utilizado para construír a realidade deformada que lle interesa ao poder: baléiranse de significado as vellas palabras e énchense con outros que mellor conveñan. Como non lembrar a Orwell cando vemos como se retorce o significado de palabras como imposición, liberdade, bilingüe, normalización ou, ultimamente, plurilingüe? Do mesmo xeito que a Policía do Pensamento obrigaba o protagonista da distopía de Orwell a aceptar que 2 + 2 = 5, a quen controlan os fíos do poder válelles todo para ofreceren unha falsa visión da realidade.
Contra as mentiras, non cansaremos de lembrar o evidente: a lingua que naceu hai máis de mil anos neste país é de todas as persoas que vivimos e soñamos nel. Tamén é das persoas que chegan a Galiza desde calquera lugar do mundo, empuxadas polo desexo dunha vida mellor, e deciden quedar aquí. E tamén, xaora, de tanta xente que ten na nosa terra as súas raíces e anda espallada polo mundo adiante, pois nós fomos –aínda o somos, e ben que nos doe- un país de emigración.

Do mesmo xeito que unha planta precisa dunhas condicións ambientais determinadas para medrar, tamén as necesita unha lingua que se encontre nunha situación minorizada, como lle ocorre ao galego. Por iso urxe crear as medidas precisas facer realidade un "nicho ecolóxico" favorable á lingua. Unhas medidas nas que nunca deben faltar dúas constantes: o exemplo práctico de que o galego é útil en calquera ámbito e para todas as funcións e a vontade de crear actitudes positivas cara á lingua. Para que na sociedade non haxa cidadáns de primeira e de segunda, deben crearse as condicións para que se poida vivir en galego con normalidade. Cousa que hoxe non ocorre, como constatamos día tras día.

Como ten reiterado Xabier DoCampo, «nós non mentimos». Imos sempre coa verdade por diante, conscientes da xustiza das nosas ideas e propostas. Con alegría, desmontando na práctica os insidiosos prexuízos que outros sementan na sociedade e nas familias, impulsando actividades que fagan posible vivir en galego. Porque amamos e defendemos a pluralidade lingüística, xaora que si, mais non a costa de deixar arrombada a nosa lingua no faiado.

Somos conscientes do labor que nos agarda. Mais tamén sabemos que paga a pena empregar todas as nosas enerxías nel, e que non hai lugar para o desánimo. Como escribiu Bertolt Brecht, nos anos da longa noite de pedra que asolagaba Europa: «Quen aínda estea vivo non diga “xamais”. / De quen depende que siga a opresión? De nós. / De quen que remate? De nós tamén. / Pois os vencidos de hoxe son os vencedores de mañá / e o xamais convértese en hoxe mesmo.»

Todas as persoas que amamos o galego temos que erguer un pombal no noso interior, un pombal do que xurdan os voares de esperanza que encherán de vida os ceos da patria da lingua que nos une.
Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 18-05-2012 00:32
# Ligazón permanente a este artigo
PROGRAMA LETRAS GALEGAS

Comentarios (1) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 17-05-2012 20:03
# Ligazón permanente a este artigo
A CARAVANA VILAMOR CHEGOU A XINZO

Tivemos a oportunidade de ver e escoitar o martes a xente que participou na rodaxe desta película galega. Falaron o director, Ignacio Vilar, e os tres actores protagonistas: Sabela Arán, Rubén Riós e Xoel Yáñez. Coas súas anécdotas, o alumnado e o profesorado botamos unhas risas e ademais coñecemos como funciona o mundo do cine. Polas reaccións está claro que a súa proxección en Xinzo vai ser un éxito.
Acompañounos na promoción a nosa antiga alumna Alba Prol, que xa nos veu dar dúas charlas sobre a linguaxe dos medios de comunicación e que nesta ocasión exerceu de fotógrafa.
Comentarios (1) - Categoría: AUDIOVISUAL - Publicado o 17-05-2012 19:50
# Ligazón permanente a este artigo
A APÓCEMA MÁXICA DO CEIP ROSALÍA DE CASTRO
Que ben actúan estas rapazas que encontraron unha receita máxica para que a xente fale galego. O ano vindeiro terémolas de alumnas no centro, que marabilla!


Comentarios (0) - Categoría: CAMPAÑAS - Publicado o 17-05-2012 10:01
# Ligazón permanente a este artigo
O ALUMNADO DE 1º DE ESO PARTICIPOU NO CORRELINGUA

O noso alumnado de 1º de ESO participou no Correlingua. Como é tradición acudimos á cita para homenaxear a lingua nun ambiente festivo.
Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 16-05-2012 09:21
# Ligazón permanente a este artigo
VIDEOS PARA CONMEMORAR O CENTENARIO DE CELSO EMILIO FERREIRO
O noso compañeiro celanovés Xosé Manuel elaborou este magnífico vídeo sobre a figura e obra de Celso Emilio Ferreiro. Inclúense as voces de alumnado e profesorado do instituto. Á beira rescatamos un vídeo elaborado por antigos alumnos deste centro (Miguel, Cristian, Xosé e Anxo, como se vos lembra!) sobre un poema do poeta de Celanova. No blog lector imos colgar outro videopoema de Celso Emilio Ferreiro e convidámosvos a que vexades o vídeo sobre o relato de Manuel Rivas "A barra de pan", paga a pena.




Comentarios (0) - Categoría: AUDIOVISUAL - Publicado o 14-05-2012 20:56
# Ligazón permanente a este artigo
MES DAS LETRAS GALEGAS

Celebramos o mes das Letras Galegas con moitas actividades.
Comentarios (1) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 02-05-2012 18:49
# Ligazón permanente a este artigo
VALENTÍN PAZ ANDRADE
Neste enlace podemos acceder a unha breve biografía de Valentín Paz Andrade. Nestoutro enlace atopamos unha biografía máis completa.

Neste vídeo podemos escoitar a voz de Valentín Paz Andrade:



Comentarios (1) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 28-04-2012 19:34
# Ligazón permanente a este artigo
SEGUIMOS CON CARLOS CASARES
Seguimos coa homenaxe de Carlos Casares cando se cumpren os dez anos do seu pasamento.
Deixamos aquí un breve repaso pola súa vida e produción e tamén as creacións literarias e plásticas do alumnado.


PREMIOS CONCURSO CARLOS CASARES

1º CICLO

LITERARIO
1º premio: Sheila Valencia
Accésit: Breogán Prieto

BANDA DESEÑADA
Uxía Formoso e María Souto

2º CICLO

BANDA DESEÑADA
PREMIO EX-AEQUO Kelly Rodríguez e Adolfo Dacal - Déborah Loertscher, Noelia Freiría e Eva González

Noraboa ás persoas gañadoras!






Comentarios (1) - Categoría: DATAS PARA NON ESQUECER - Publicado o 18-04-2012 19:40
# Ligazón permanente a este artigo
O VENRES COMEZOU A MITEU

O venres comezou en Ourense a MITEU, Mostra Internacional de Teatro Universitario. As persoas amantes do teatro teñen un programa amplo onde escoller.
Comentarios (0) - Categoría: NOVAS DE INTERESE - Publicado o 16-04-2012 10:22
# Ligazón permanente a este artigo
O FILME VILAMOR INICIA A SÚA PROMOCIÓN

A ‘Caravana Vilamor’ inicia a promoción da longametraxe de Ignacio Vilar por toda Galicia.
A película está baseada na vida da comunidade hippi que se instalou nunha aldea do concello de Negueira de Muñiz na década dos 70.

SIPNOSE

Breixo, un mozo altruísta cheo de boas intencións, atópase cos habitantes dunha comuna aparecida nas inmediacións da súa aldea, ao outro lado do río. Malia a súa cercanía ás forzas vivas da vila, Breixo déixase seducir polo ideal dun estilo de vida alternativo, e axúdalles aos mozos comunieiros a recuperar a aldea perdida de Vilamor. Sen propiedade privada, traballando na terra e en total comuñón coa natureza, o soño comeza a facerse realideade, a pesar dos contantes ataques das autoridades locais. O horizonte dun mundo novo debúxase nas montañas perdidas de Galicia.

Pero todo se complica cando Breixo se namora perdidamente de Sonia, unha das habitantes da comuna.

Equipo técnico:

Dirección: Ignacio Vilar

Guión: Carlos Asorey, Ignacio Vilar

Produción executiva: Daniel Froiz

Música: Zeltia Montes

Dirección de fotografía: Alberto Díaz “Bertitxi”

Son: Xavi Souto

Dirección de arte: Curru Garabal

Montaxe: Guillermo Represa

Xefe de produción: Alberto Tomé

Foto fixa: Xurxo Lobato
/div>


Trailer Vilamor from Vilamor on Vimeo.

Comentarios (0) - Categoría: AUDIOVISUAL - Publicado o 28-03-2012 17:49
# Ligazón permanente a este artigo
22 DE MARZO, DÍA DA AUGA

Hoxe é o Día da Auga, e no país dos ríos, regatos, lagoas e mar, cómpre lembrar, en tempos de seca e nunha terra coa memoria desecada, que a auga é vida e que, sen ela, é imposible sobrevivir.
Comentarios (0) - Categoría: DATAS PARA NON ESQUECER - Publicado o 22-03-2012 21:01
# Ligazón permanente a este artigo
TELEXORNAL DO DO CPI DOS DICES EN ROIS SOBRE VALENTÍN PAZ ANDRADE
Que marabilla de traballo sobre Valentín Paz Andrade realizaron no CPI dos Dices en Rois.

Parabéns!
!


Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 14-03-2012 10:46
# Ligazón permanente a este artigo
NOVO XORNAL DIXITAL EN GALEGO
Naceu outro medio de comunicación dixital en galego: DIOIVO.
Benvidas sexan iniciativas coma estas, que manteñen a lingua viva.

Comentarios (0) - Categoría: NOVAS DE INTERESE - Publicado o 10-03-2012 19:39
# Ligazón permanente a este artigo
NOVA PÁXINA DE MÚSICA EN GALEGO
Nova páxina de música en galego aquí.
Comentarios (3) - Categoría: MÚSICA - Publicado o 10-03-2012 19:37
# Ligazón permanente a este artigo
24 DE FEBREIRO, DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO
Mañá, 24 de febreiro, celébranse os 175 anos do nacemento de Rosalía de Castro. O noso compañeiro Xosé Manuel Méndez, membro do ENDL, confeccionou este precioso vídeo para conmemorar a data.


A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) anima á cidadanía a agasallar un libro en galego e unha flor no día do nacemento de Rosalía de Castro. Máis información aquí.





Comentarios (0) - Categoría: DATAS PARA NON ESQUECER - Publicado o 23-02-2012 21:17
# Ligazón permanente a este artigo
CONCURSO MÁSCARAS DE ENTROIDO
Noraboa ás alumnas e alumnos gañadores deste novo concurso de máscaras organizado polo departamento de Plástica:


1º CICLO:

1º: Paula Morales
2º: Carmen Canal
3º: Nerea Pérez

2º CICLO

1º: Adolfo Dacal
2º: Alicia Feijóo
3º: Noemí Fiz

Moita creatividade e artistas hai n'A Limia, non hai dúbida.


Comentarios (0) - Categoría: FESTAS - Publicado o 19-02-2012 21:03
# Ligazón permanente a este artigo
ENTROIDO NO IES LAGOA DE ANTELA
Xinzo forma parte do triángulo máxico do Entroido e, como non podía ser doutra maneira, esta tradición imprégnao todo. Xa ha un mes que o ambiente "cheira" a festa, a transgresión. Velaquí unhas fotos do festival celebrado no instituto, onde se repartiron diversos premios. Circularon polo escenario pitonisas, vermes, concursantes e mesmo recibimos a duquesa de Alba. Entre cantos, bailes e risas tod@s recibiron moitos aplausos.


Comentarios (0) - Categoría: FESTAS - Publicado o 17-02-2012 21:07
# Ligazón permanente a este artigo
O AMOR E A LINGUA NUN VÍDEO DO IES AS BARXAS
Precioso vídeo que confeccionaron no IES As Barxas de Moaña sobre o amor e a lingua. Parabéns a todas as persoas que participaron neste proxecto. Así dá gusto!


Ámote from Seso Durán on Vimeo.

Comentarios (0) - Categoría: AUDIOVISUAL - Publicado o 15-02-2012 21:18
# Ligazón permanente a este artigo
NACE UN NOVO XORNAL DIXITAL EN GALEGO: PRAZA PÚBLICA
En tempos de crise para a información en galego agradécense estas iniciativas.

PRAZA PÚBLICA é un novo medio dixital en galego. Benvido sexa diante de tanta escaseza.
Comentarios (0) - Categoría: NOVAS DE INTERESE - Publicado o 05-02-2012 19:27
# Ligazón permanente a este artigo
MAÑÁ CELEBRAMOS O DÍA DA PAZ
Mañá celebramos o Día da Paz con varias actividades, destacamos a de Paraugas pola Paz e Abrazos Gratis na Biblioteca. Máis información no blog lector Nós tamén navegar.



Comentarios (1) - Categoría: DATAS PARA NON ESQUECER - Publicado o 29-01-2012 21:12
# Ligazón permanente a este artigo
MÁIS LENDAS EN V TELEVISIÓN
Novas lendas en VTelevisión. Unha de Bóveda, en Lugo, onde existe un lugar que se chama a Pena da Moura, igual que nalgunhas zonas d'A Limia; e outra sobre a mítica Santa Compaña, a procesión de ánimas que vaga por toda a nosa terra.




Comentarios (0) - Categoría: AUDIOVISUAL - Publicado o 29-01-2012 21:08
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal