O FALAR NON TEN CANCELAS


ENDL IES Lagoa de Antela

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

DÍA DE ROSALÍA

Para celebrar o Día de Rosalía, Kimberly González,alumna de 2º de BAC, realizou un graffiti nunha das paredes do patio. Contou coa axuda de Sara Vázquez, profesora de Plástica.
Agradecemos a súa inestimable colaboración nesta acción improvisada, aínda que, sen dúbida, cargada de poesía plástica e visual. Que perdure no tempo coma a pegada de Rosalía.
Comentarios (0) - Categoría: DATAS PARA NON ESQUECER - Publicado o 25-02-2014 19:52
# Ligazón permanente a este artigo
MARCAPÁXINAS - CALENDARIO DÍAZ CASTRO
O EDLG edita este marcapáxinas-calendario en homenaxe ao escritor Xosé María Díaz Castro.
Será repartido a toda a comunidade educativa do concello de Xinzo de Limia a través dos Equipos de Dinamización Lingüística dos catro centros educativos.

Felicitamos un ano máis o noso compañeiro e membro do equipo, Xosé Manuel Gayo, polo precioso deseño.



Comentarios (1) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 06-12-2013 09:00
# Ligazón permanente a este artigo
SAMAÍN NA BIBLIOTECA

Decorouse a biblioteca coas cabazas presentadas ao concurso, organizado polo Departamento de Plástica e a biblioteca. Tamén se adornou con debuxos e outros motivos de medo.
Comentarios (0) - Categoría: DATAS PARA NON ESQUECER - Publicado o 01-12-2013 19:56
# Ligazón permanente a este artigo
CONTOS DE MEDO PREMIADOS

Cun mes de retraso colgamos os contos de medo premiados este curso. Parabéns para Alba, Carmen e Vanessa.


Carmen Blanco leu o seu conto na biblioteca, decorada con motivos de medo e coas cabazas presentadas ao concurso.


Comentarios (0) - Categoría: CONCURSOS - Publicado o 01-12-2013 19:51
# Ligazón permanente a este artigo
ROBERTO VIDAL BOLAÑO NA BIBLIOTECA

Rematamos a homenaxe a Roberto Vidal Bolaño cunha escena adaptada de Animaliños en que unha praga de caracois ameaza os propietarios dun chalé ata apoderarse do seu xardín. Combinando texto e mímica provocamos os risos do público asistente.


Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 12-06-2013 21:58
# Ligazón permanente a este artigo
DÍA DO MEDIO AMBIENTE

Celebramos o Día do Medio Ambiente cun concurso de fotos en 1º de ESO, promovido por Tomás García, profesor de Bioloxía e membro do ENDL, co tema “A primavera no patio do instituto”. As fotos permanecen expostas no corredor.

Felicitamos o alumnos e alumnas que participaron e, en especial, os que foron seleccionados pola calidade das fotografías que presentaron: Xabier Rivero, Lucía Fernández e Ángela Tejada


Comentarios (0) - Categoría: DATAS PARA NON ESQUECER - Publicado o 12-06-2013 09:18
# Ligazón permanente a este artigo
ROBERTO VIDAL BOLAÑO NA BIBLIOTECA

Seguimos a celebrar na biblioteca as Letras Galegas co teatro como protagonista. Desta vez alumnado de 3º B dramatizou a vida de Roberto Vidal Bolaño. O texto foi unha adaptación de Luz Jares e Carmen Gómez.




Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 05-06-2013 21:08
# Ligazón permanente a este artigo
LETRAS GALEGAS

Seguimos coa celebración das Letras Galegas.
O mércores realizamos unhas escenificacións na biblioteca e este mércores representaremos a biografía teatralizada de Roberto Vidal Bolaño.

Subimos o vídeo co poema "Adiós ríos, adiós fontes" de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro en varios idomas.



Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 26-05-2013 21:47
# Ligazón permanente a este artigo
LETRAS GALEGAS 2013

Esta semana comezou a celebración das Letras Galegas no noso instituto.

O mércores alumnas e alumnos leron o poema “Adiós ríos, adiós fontes” e Cantares Gallegos en varios idiomas. Moitas destas persoas que recitaron naceron fóra da nosa terra o que, tendo en conta o tema do poema de Rosalía, fixo especialmente emotivo o acto. Por outra banda, cómpre salientar que a bisbarra limiá foi unha das máis castigadas coa emigración.

Tamén entregamos os premios do concurso literario e alumnado de teatro iniciou a homenaxe a Roberto Vidal Bolaño cunha escena de Touporroutou da Lúa e do Sol.

O xoves Cándido Pazó actuou no salón de actos provocando as risas do público asistente. O actor e dramaturgo subiu ao escenario cunha escaleira e, entre digresións salpicadas de humor, tenrura e crítica, contou unha historia que forma parte da nosa memoria.


Subimos algunhas escenas realizadas polo alumnado de 3º de ESO. As tres primeiras son as premiadas no concurso.


En breve subiremos o vídeo do recitado do poema.





Comentarios (1) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 17-05-2013 21:40
# Ligazón permanente a este artigo
PROGRAMA LETRAS GALEGAS




Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 08-05-2013 09:13
# Ligazón permanente a este artigo
Nº 7 DE OLLOS DE AULA
Xa temos o nº 7 da revista da CGENDL Ollos de aula. Conta con interesante información sobre a figura de Roberto Vidal Bolaño ademais doutras cuestións.

Na páxina da Coordinadora atopamos recursos e propostas para as Letras.




Comentarios (0) - Categoría: NOVAS DE INTERESE - Publicado o 05-05-2013 20:33
# Ligazón permanente a este artigo
DOCUMENTAL 100% CEF
100% CEF é un magnífico documental sobre o poeta de Celanova, dirixido por Aser Álvarez, irmán do noso compañeiro de Filosofía Luís. Recibiu este ano o premio ao mellor documental nos "Mestre Mateo".
Entrevistas, recitados, poemas rapeados... a mestura de elementos diversos converten o documental nun produto audiovisual atractivo.




Comentarios (0) - Categoría: AUDIOVISUAL - Publicado o 13-04-2013 21:50
# Ligazón permanente a este artigo
Nº 8 DE OLLOS DE AULA
A CGENDL publica o nº 8 da revista Ollos de aula, con artigos sobre a lectura de Agustín Fernández Paz e Gracia Santórum (Trafegando Ronseis).


Comentarios (0) - Categoría: NOVAS DE INTERESE - Publicado o 04-04-2013 21:20
# Ligazón permanente a este artigo
TELEXORNAL SOBRE ROBERTO VIDAL BOLAÑO DO CPI DOS DICES
De novo o CPI Dos Dices de Rois ofrécenos este telexornal, magnífico produto audiovisual, sobre o dramaturgo homenaxeado nas Letras Galegas.
Felicitamos as persoas que participaron neste proxecto, tanto alumnado como profesorado.


Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 03-04-2013 09:31
# Ligazón permanente a este artigo
PREMIOS 8 DE MARZO

Este ano o 8 de Marzo, Día Internacional da Muller, dedicouse á loita pola eliminación da violencia contra as mulleres. O alumnado de ESO traballou o tema na aula creando historias e lemas contra a violencia de xénero.
Levaron premio os mellores relatos e poemas dun concurso que se organizou a nivel interno.

Tamén se participou nun certame de Literatura Feminista de relato curto e poesía organizado pola asociación María Balteira. Dous premios recaeron en dúas alumnas nosas: Vanessa Álvarez Crespo, de 2º A de ESO e Paula Nogueiras Nogueiras, de 3º A de ESO.




Comentarios (0) - Categoría: CREACIÓNS ALUMNADO - Publicado o 15-03-2013 21:17
# Ligazón permanente a este artigo
DÍA DE ROSALÍA
Onte foi o Día de Rosalía. Este ano cúmprense 150 anos da publicación de Cantares Gallegos e 50 anos da 1ª celebración do Día Letras Galegas, dedicada a Rosalía de Castro.

Vexamos e escoitemos poemas musicados (Aid, César Castillo e Anxo Angueira con Guadi Galego e Abe Rábade), lipdub do CPI Vedra e videopoemas realizados polo noso alumnado doutros anos.

“A xustiza pola man”







“Quíxente tanto, meniña”



"Iste vaise"



“Alborada”



"Xan"


Comentarios (0) - Categoría: DATAS PARA NON ESQUECER - Publicado o 25-02-2013 11:02
# Ligazón permanente a este artigo
ENTROIDO NO IES LAGOA DE ANTELA

Celebramos o Entroido no instituto. A gran festa popular da bisbarra limiá desembarcou no instituto con alegría contaxiosa e balbordo.
O departamento de Plástica, coma todos os anos, convocou o concurso de máscaras, con gran éxito de participación e orixinalidade. O venres 8 celebrouse o festival de disfraces: parodias, monólogos, bailes, cancións, actuacións improvisadas e comparsas amenizaron a velada. Risas e aplausos a rabiar.




Comentarios (0) - Categoría: FESTAS - Publicado o 11-02-2013 19:22
# Ligazón permanente a este artigo
VÍDEO PARA A PAZ DUNHA ALUMNA DE 2º DE ESO

Celebramos o Día da Paz de maneira colaborativa entre o ENDL, a Biblioteca e o Club de Lectura.

Carmen, de 2º de ESO, elaborou este vídeo que se proxectou na biblioteca.

Máis información das actividades e textos no blog da biblioteca e o blog do club de lectura.


Comentarios (0) - Categoría: CREACIÓNS ALUMNADO - Publicado o 02-02-2013 20:31
# Ligazón permanente a este artigo
FINA CASALDERREY XA É ACADÉMICA

A nosa benquerida Fina Casalderrey, que tanto fixo pola normalización da lingua a través da súa produción literaria, entrou na Real Academia Galega.


Lembramos a súa visita con cariño pola interesante e amena charla que impartiu e pola amabilidade na entrevista que concedeu ao alumnado.

Parabéns, Fina!


Noticia en Praza Pública e Sermos Galiza.

Entrevista na Voz de Galicia.
Comentarios (0) - Categoría: NOVAS DE INTERESE - Publicado o 20-01-2013 21:46
# Ligazón permanente a este artigo
AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ SERÁ INVESTIDO DOUTOR HONORIS CAUSA

O vindeiro luns 28 de xaneiro o noso benquerido Agustín Fernández Paz será investido Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo.

Parabéns!


Comentarios (0) - Categoría: NOVAS DE INTERESE - Publicado o 20-01-2013 21:32
# Ligazón permanente a este artigo
CONFERENCIA DE VICENTE FEIJOÓ ARES SOBRE TOPONIMIA

Francisco Prol elaborou a crónica da visita de Vicente Feijoó Ares, que foi presenatado pola directora e profesora de Lingua Pilar Barandela.


Cun pé xa nas ansiadas vacacións de Nadal, visitounos o día vinte de decembro, o filólogo Vicente Feijoó Ares.
Este investigador e membro da Comisión de Toponimia da Xunta, mantivo un interesantísimo encontro de case dúas horas cos alumnos de 1º e 2º de bacharelato. Explicounos o que é a toponimia, a súa relación coa historia, coa lingua e coa cultura. Tamén soubemos cales son os seus métodos de traballo e como se utilizan as novas tecnoloxías nestas investigacións.
Sorprendeunos cos significados de moitos dos topónimos da nosa contorna. Entre eles podemos salientar os seguintes: Limia (limo-palabra de orixe preindoeuropeo-), Xinzo (Genético- nome de persoa), Trasmiras (detrás do sitio da auga), Saínza (salgueiro), Chamusiños (chamizo), Porqueira (abundancia de xabarín), Quintas (finca dividida en 5 partes), Os Blancos (do apelido Blanc), Calvos (lugar de pouca vexetación), Sarreaus (xente que veu de Sarria), Faramontaos (xente que veu de fóra do monte-de Castela-).
Mostrounos espectaculares e únicas fotos de penedos, explicándonos a relación dos seus nomes con cultos, ritos e lendas. Así descubrimos a Pedra dos namorados do Pindo, onde os namorados poden coñecer o porvir da súa relación. A Pedra do oso, roubada do seu entorno para adornar un xardín e logo restituída. O Penedo das fatigas, onde os celtas realizaron posiblemnente os seus rituais de sacrificio. A Porta do Alén de Cercedo que comunica aos vivos cos do máis alá. O Penedo da Raíña Loba e o Penedo do Angaraño de Sarreaus.
Descubrimos pedras que emiten diferentes sons e outras que se moven (abalan) incluso co vento, aínda que pesan toneladas e que se manteñen ergueitas nun imposible equilibrio.
Aprendemos a apreciar a importancia de non perder os nomes que só se conservan na memoria dos nosos avós, esa enorme riqueza de topónimos que forma parte do noso patrimonio cultural.
Comentarios (0) - Categoría: VISITAS E ENCONTROS - Publicado o 28-12-2012 18:09
# Ligazón permanente a este artigo
PRESENTACIÓN DE LETHES E RECOLLIDA DE PREMIOS

O Centro de Cultura Popular da Limia presentou o nº 11 da revista Lethes no concello de Vilar de Santos, unha edición centrada na homenaxe ao escritor limiao Carlos Casares do que se cumpren 10 anos do seu pasamento. O acto foi presentado por Manuel Seoane, o profesor e escritor Delfín Caseiro e o académico e profesor Henrique Monteagudo, que contou anécdotas da súa relación co escritor.

Merecen que sexan nomeados aquí algúns dos nosos compañeiros que acudiron á cita: manexando o ordenador andaba Tomás, integrante da asociación; o noso querido bedel Paco xestionaba a venda de revistas; Manolo, o da cafetería, non cabía de gozo cando a súa filla recolleu un premio; Paco Prol, con dor de moas, fixo de tripas corazón para asistir; Puri, Pilar, Xela e as nosas Marías, compañeiras dos CEIP da vila.

Foi notoria, nunha sala abarrotada de persoas, a presenza de alumnas e alumnos de diferentes centros de ensino da bisbarra que participaron no certame que convocou a asociación sobre a figura e obra de Carlos Casares e cuxos premiados recolleron os galardóns entre cálidos e intensos aplausos.

Felicitamos o noso alumnado que gañou dous premios na categoría de banda deseñada:

Uxía Formoso e María Souto
Kelly Rodríguez e Adolfo Dacal



Neste blog encóntranse os traballos presentados e premiados.

Comentarios (0) - Categoría: NOVAS DE INTERESE - Publicado o 16-12-2012 19:57
# Ligazón permanente a este artigo
CALENDARIO MARCADOR ROBERTO VIDAL BOLAÑO
O noso compañeiro e membro do EDNL, Xosé Manuel Gayo,deseñou este precioso marcador-calendario para homenaxear a Roberto Vidal Bolaño. Será repartido entre a comunidade educativa de toda a bisbarra, librarías e bibliotecas.


Comentarios (1) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 12-12-2012 09:13
# Ligazón permanente a este artigo
RECITANDO A CELSO EMILIO, DEITADO FRONTE AO MAR

O mércores día 12 de decembro de 2012, ás 12.00 horas, a Cooordinadora Galega dos Equipos de Normalización convoca unha acción para render homenaxe ao poeta Celso Emilio Ferreiro que consiste en recitar o poema "Deitado fronte ao mar".
Aquí deixamos o magnífico vídeo que confeccionaron no IES As Barxas.


Comentarios (0) - Categoría: CAMPAÑAS - Publicado o 03-12-2012 10:30
# Ligazón permanente a este artigo
MAGOSTO NO CDR O VISO
O sábado pasado celebramos o tradicional magosto de profesorado e cativos no CDR O Viso de Lodoselo. Como é costume foi organizado por Tomás García, profesor de Bioloxía, e Carmen e Toño, as persoas que xestionan o centro.
Coma todos os anos, elaboramos o pan artesanalmente, realizamos paseos terapéuticos polo contorno e @s nen@s participaron nuns obradoiros de reciclaxe, coiro e barro con obxectivos ambientais. Para rematar a xornada, asamos castañas e cogomelos e comemos bica de Laza.

Pasámolo de medo, e non só a xente miúda!



Comentarios (0) - Categoría: FESTAS - Publicado o 24-11-2012 18:51
# Ligazón permanente a este artigo
MÁIS FOTOS DO SAMAÍN
Ademais do concurso de cabazas, organizamos unha exposición de seres mitolóxicos co alumnado de 1º ciclo.


Comentarios (0) - Categoría: FESTAS - Publicado o 18-11-2012 20:59
# Ligazón permanente a este artigo
CELEBRAMOS O SAMAÍN

Aquí deixamos unha foto coa exposición das cabazas deste ano, no centro a gañadora. Houbo moita calidade este ano.
Comentarios (1) - Categoría: FESTAS - Publicado o 18-11-2012 10:51
# Ligazón permanente a este artigo
PREMIOS SAMAÍN 2012

Na biblioteca repartimos os premios dos contos de medo deste ano e das cabazas.

Breogán Prieto Vázquez, de 3º de ESO, e Vanessa Álvarez Crespo, de 2º de ESO, recibiron os premios dos contos; Daniel Estévez Ferreiro, de 3º de ESO, levou o premio á mellor cabaza.

Noraboa aos gañadores e gañadora.





Comentarios (0) - Categoría: CREACIÓNS ALUMNADO - Publicado o 18-11-2012 10:41
# Ligazón permanente a este artigo
VIDEOCONFERENCIA PARA O DÍA DA CIENCIA E TECNOLOXÍA

O IES Lagoa de Antela súmase a esta iniciativa da Coordinadora dos Equipos de Normalización e ofrecerá a videoconferencia ao alumnado de 1º de BAC. Nela destacados investigadores en Física de Partículas formados en institutos galegos achegarán temáticas de interese curricular para o noso alumnado e os proxectos científicos que desenvolven na actualidade.
De novo celebramos iniciativas coma esta que serven para combater prexuízos lingüísticos, tan arraigados nalgúns sectores da sociedade.
Comentarios (0) - Categoría: NOVAS DE INTERESE - Publicado o 06-11-2012 07:36
# Ligazón permanente a este artigo
RAP EN GALEGO DE AID
Inauguramos o curso con este rap de Aid, unha rapeira viguesa.


Comentarios (0) - Categoría: MÚSICA - Publicado o 23-09-2012 12:19
# Ligazón permanente a este artigo
LIPDUB DO IES CHAPELA "EU FALAREI"
Impresionante lipdub do IES Chapela sobre a lingua, emociona. Parabéns áspersoas que o fixeron posible, sobre todo a Aldán, que é un dinamizador excelente.




Comentarios (1) - Categoría: AUDIOVISUAL - Publicado o 06-07-2012 10:33
# Ligazón permanente a este artigo
ROBERTO VIDAL BOLAÑO: LETRAS GALEGAS 2013

O ano vindeiro será o ano do teatro, a elección do dramaturgo Roberto Vidal Bolaño como home das Letras 2013 suporá unha homenaxe merecida ao xénero dramático.

Roberto Vidal Bolaño naceu en Santiago de Compostela en 1950 e faleceu na mesma cidade en 2002. Formou parte do denominado "Grupo Abrente" que, a partir da década dos 70, renovou e actualizou tanto a escrita como as representacións dramáticas galegas. Todas as súas actividades xiraron sempre, e en exclusiva, arredor do teatro: desde a creación do "Grupo Antroido", en 1975, até a súa compañía actual "Teatro do Aquí", pasando pola breve experiencia da cooperativa "Teatro do Estaribel". En 1978 deu o paso definitivo que levou ás xentes do teatro galego a se transformaren en profesionais, superando de vez a pantasma de "amador" que pairara sempre sobre a historia do noso teatro.
Máis información: bvg
Roberto Vidal Bolaño
RAG
Cultura Audivisual Galega

Esperemos que este feito provoque unha explosión de creatividade no ámbito educativo e que sirva para abordar o xénero como contido curricular de potenciación da lingua oral e das competencias cultural e social e cidadá. É tanto o seu poder! E aquí falo en 1ª persoas, como profe de teatro e como veciña dunha parroquia pertencente ao concello de Ribadavia, onde agromou Abrente, esa asociación cultural que impulsou o teatro na década dos 70 do século pasado. Roberto Vidal Bolaño gañou dous premios Abrente.
Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 03-07-2012 16:07
# Ligazón permanente a este artigo
PROMOCIÓN TURÍSTICA D'A LIMIA
Alumnado de 4º de ESO confeccionou uns folletos turísticos para promocionar lugares de interese da súa bisbarra.
















Comentarios (0) - Categoría: CREACIÓNS ALUMNADO - Publicado o 03-07-2012 15:47
# Ligazón permanente a este artigo
RECITAL LETRAS GALEGAS

Celebramos as Letras Galegas con lecturas na biblioteca. Recitáronse poemas representativos de Celso Emilio Ferreiro, por conmemorarse este ano o centenario do seu nacemento. Agradecemos a todas as persoas que participaron, alumnas e alumnos de 1º e 2º ciclo e 1º de BAC, e felicitámolas pola súa disposición, a súa madureza, o seu compromiso coa lingua e o seu interese pola lectura.

Tamén lle entregamos o premio literario á nosa benquerida Ledicia Prieto, alumna de 2º de BAC, a quen felicitamos pola calidade do texto presentado e a quen desexamos que lle vaia bonito nesta nova travesía que está a punto de iniciar. Desexamos que a sigan acompañando sempre a inquietude e a curiosidade lectoras e que non a abandone nunca o afán por expresar o seu rico mundo interior coa palabra e a creación plástica.





Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 19-05-2012 13:35
# Ligazón permanente a este artigo
MANIFESTO POLA LINGUA DE AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ

Voares de Esperanza

AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ



Don Ramón Otero Pedraio, para loar o labor entusiasta da imprenta de Ánxel Casal e de María Miramontes, chamoulle a aquel obradoiro «pombeiro de voares de esperanza». Pombeiro de voares de esperanza! A frase era o tal, pois desde alí botaban a voar os libros que recollían o mellor do pensamento e da creación en galego. Aqueles non eran tempos doados, mais os azos dos homes e mulleres das Irmandades da Fala foron enchendo de luz as vilas e cidades de Galiza e conseguiron facer visible socialmente a lingua de nós.

Nesas persoas están as nosas raíces, somos elos dunha cadea que vén de lonxe. Rosalía de Castro e tanta outra xente que traballou pola recuperación e o prestixio da lingua e da cultura conforman o ADN onde nos debemos recoñecer. Un ADN que ten algúns tramos da dobre hélice especialmente fértiles, coma o das Irmandades, semente das ideas que hoxe constitúen a nosa cerna: Galiza, célula de universalidade. A vontade de sermos unha peza máis, en pé de igualdade, no mosaico mundial das culturas.

Non foron fáciles as épocas pasadas e tampouco non o son os tempos que nos toca vivir. Non é preciso reiterarmos aquí as agresións destes últimos anos, cunha boa parte das elites políticas, financeiras e mediáticas obsesionadas por esborrallar os avances que traballosamente foramos acadando. O seu obxectivo: facer do galego unha lingua socialmente invisible, que permaneza recluída no gueto e non acade un uso normalizado. Que o castelán sexa a lingua por defecto e o galego, a rareza, a lingua oculta. Tratala coma un bonsai ao que cómpre retallarlle as pólas que se obstinan en medrar máis do permitido.

Que ilusos! Non coñecen as palabras do sociolingüista Colin Baker: «A substitución dunha lingua non é un proceso evolutivo natural. Alí onde a xente está determinada a manter viva unha lingua, parece imposible destruíla.» Non saben que as agresións nos fan máis fortes, que nos impulsan a ampliar o tamaño da nosa esperanza, que medra en nós a vontade de construírmos espazos de encontro e mais de unión.
Na súa novela 1984, George Orwell describe unha sociedade oprimida por unha minoría, onde a neolingua é o instrumento utilizado para construír a realidade deformada que lle interesa ao poder: baléiranse de significado as vellas palabras e énchense con outros que mellor conveñan. Como non lembrar a Orwell cando vemos como se retorce o significado de palabras como imposición, liberdade, bilingüe, normalización ou, ultimamente, plurilingüe? Do mesmo xeito que a Policía do Pensamento obrigaba o protagonista da distopía de Orwell a aceptar que 2 + 2 = 5, a quen controlan os fíos do poder válelles todo para ofreceren unha falsa visión da realidade.
Contra as mentiras, non cansaremos de lembrar o evidente: a lingua que naceu hai máis de mil anos neste país é de todas as persoas que vivimos e soñamos nel. Tamén é das persoas que chegan a Galiza desde calquera lugar do mundo, empuxadas polo desexo dunha vida mellor, e deciden quedar aquí. E tamén, xaora, de tanta xente que ten na nosa terra as súas raíces e anda espallada polo mundo adiante, pois nós fomos –aínda o somos, e ben que nos doe- un país de emigración.

Do mesmo xeito que unha planta precisa dunhas condicións ambientais determinadas para medrar, tamén as necesita unha lingua que se encontre nunha situación minorizada, como lle ocorre ao galego. Por iso urxe crear as medidas precisas facer realidade un "nicho ecolóxico" favorable á lingua. Unhas medidas nas que nunca deben faltar dúas constantes: o exemplo práctico de que o galego é útil en calquera ámbito e para todas as funcións e a vontade de crear actitudes positivas cara á lingua. Para que na sociedade non haxa cidadáns de primeira e de segunda, deben crearse as condicións para que se poida vivir en galego con normalidade. Cousa que hoxe non ocorre, como constatamos día tras día.

Como ten reiterado Xabier DoCampo, «nós non mentimos». Imos sempre coa verdade por diante, conscientes da xustiza das nosas ideas e propostas. Con alegría, desmontando na práctica os insidiosos prexuízos que outros sementan na sociedade e nas familias, impulsando actividades que fagan posible vivir en galego. Porque amamos e defendemos a pluralidade lingüística, xaora que si, mais non a costa de deixar arrombada a nosa lingua no faiado.

Somos conscientes do labor que nos agarda. Mais tamén sabemos que paga a pena empregar todas as nosas enerxías nel, e que non hai lugar para o desánimo. Como escribiu Bertolt Brecht, nos anos da longa noite de pedra que asolagaba Europa: «Quen aínda estea vivo non diga “xamais”. / De quen depende que siga a opresión? De nós. / De quen que remate? De nós tamén. / Pois os vencidos de hoxe son os vencedores de mañá / e o xamais convértese en hoxe mesmo.»

Todas as persoas que amamos o galego temos que erguer un pombal no noso interior, un pombal do que xurdan os voares de esperanza que encherán de vida os ceos da patria da lingua que nos une.
Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 18-05-2012 00:32
# Ligazón permanente a este artigo
PROGRAMA LETRAS GALEGAS

Comentarios (1) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 17-05-2012 20:03
# Ligazón permanente a este artigo
A CARAVANA VILAMOR CHEGOU A XINZO

Tivemos a oportunidade de ver e escoitar o martes a xente que participou na rodaxe desta película galega. Falaron o director, Ignacio Vilar, e os tres actores protagonistas: Sabela Arán, Rubén Riós e Xoel Yáñez. Coas súas anécdotas, o alumnado e o profesorado botamos unhas risas e ademais coñecemos como funciona o mundo do cine. Polas reaccións está claro que a súa proxección en Xinzo vai ser un éxito.
Acompañounos na promoción a nosa antiga alumna Alba Prol, que xa nos veu dar dúas charlas sobre a linguaxe dos medios de comunicación e que nesta ocasión exerceu de fotógrafa.
Comentarios (1) - Categoría: AUDIOVISUAL - Publicado o 17-05-2012 19:50
# Ligazón permanente a este artigo
A APÓCEMA MÁXICA DO CEIP ROSALÍA DE CASTRO
Que ben actúan estas rapazas que encontraron unha receita máxica para que a xente fale galego. O ano vindeiro terémolas de alumnas no centro, que marabilla!


Comentarios (0) - Categoría: CAMPAÑAS - Publicado o 17-05-2012 10:01
# Ligazón permanente a este artigo
O ALUMNADO DE 1º DE ESO PARTICIPOU NO CORRELINGUA

O noso alumnado de 1º de ESO participou no Correlingua. Como é tradición acudimos á cita para homenaxear a lingua nun ambiente festivo.
Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 16-05-2012 09:21
# Ligazón permanente a este artigo
VIDEOS PARA CONMEMORAR O CENTENARIO DE CELSO EMILIO FERREIRO
O noso compañeiro celanovés Xosé Manuel elaborou este magnífico vídeo sobre a figura e obra de Celso Emilio Ferreiro. Inclúense as voces de alumnado e profesorado do instituto. Á beira rescatamos un vídeo elaborado por antigos alumnos deste centro (Miguel, Cristian, Xosé e Anxo, como se vos lembra!) sobre un poema do poeta de Celanova. No blog lector imos colgar outro videopoema de Celso Emilio Ferreiro e convidámosvos a que vexades o vídeo sobre o relato de Manuel Rivas "A barra de pan", paga a pena.




Comentarios (0) - Categoría: AUDIOVISUAL - Publicado o 14-05-2012 20:56
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal