O FALAR NON TEN CANCELAS


ENDL IES Lagoa de Antela

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

CRÓNICA DA NOSA VIAXE A CANGAS


Os ENDL do IES Monte Carrasco e do IES Lagoa de Antela organizamos un intercambio entre ambos centros. Nunha primeira fase o alumnado cangués e limiao estableceu contacto epistolar para presentarse e contar aspectos relevantes das súas respectivas zonas. A segunda fase supuxo o desprazamento a terras da península d’O Morrazo para coñecerse.
O día 3 de marzo iniciamos a nosa travesía coa chuvia por compañeira, unha chuvia miúda e persistente que parecía querer pór en perigo os nosos plans. Chegamos a Bueu e gozamos visitando o Museo Massó, previa acollida da directora e da coordinadora do ENDL do IES Monte Carrasco, Luz e Begoña. Logo recollemos o alumnado do seu centro, reserva e miradas tímidas no autobús, e visitamos o cruceiro de Hío, onde un divertido xogo de presentación baixo un fino orballo conseguiu identificar visualmente as persoas que se cartearan. Despois recalamos na Costa da Vela onde regalamos os ollos coas vistas e espantamos a choiva con esconxuros fotoxénicos. A choiva liscou! Como xa se nos ía o estómago coa fame atracamos no instituto para xantar. Alí fomos recibidos os profes por medio claustro que nos convidou a deliciosos manxares: empanada, tortilla e torta de mazá. O xeo comezaba a derreterse. Despois do café e unha visita ás dependencias do instituto, subimos a'O Balcón do Rei, un outeiro cunhas vistas de luxo, onde estaba previsto comer se o tempo non o impedise. De alí para Cangas, xa cos raios do deus Sol sobre os nosos corpos. Na vila as alumnas e alumnos autóctonos exerceron de guías do alumnado limiao mentres Begoña, Luz, Tomás e Carmen dabamos sebo á lingua nunha terraza. A despedida chegou no peirao onde os e as de terra adentro embarcamos para Vigo. Persoas que ao principio se miraban con desconfianza e mantiñan unha actitude de reserva venceran resistencias e despedíanse con abrazos e tristeza. Custaba separarse.
A próxima cita terá lugar en Xinzo o 26 de abril, esperamos corresponder coa mesma hospitalidade con que nos acolleron.
Comentarios (0) - Categoría: ACCIÓNS EN VALORES - Publicado o 08-03-2010 12:02
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal