
Título orixinal: Real women have curves (As mulleres de verdade teñen curvas)
Ano: 2002
Directora: Patricia Cardoso
Guión: George LaVoo e Josefina López
Música: Emma García de Mantilla e Héctor Pereira
Premios: Sundance 2002: premio do público. San Sebastián 2003: premio do público xove
SINOPSE: Ana, unha adolescente méxico-americana, vive na comunidade hispana do Leste de Los Ángeles, e recentemente acabado o instituto o seu profesor anímaa para que solicite unha bolsa para estudar na Universidade de Columbia. Pero os seus tradicionais pais pensan que non é tempo para estudar, senón para axudar a súa familia. Dividida entre as súas ambicións persoais e a súa tradición cultural, accede a traballar coa súa nai na fábrica de costura da súa irmá, no centro de Los Ángeles.
Proxectouse no salón de actos en versión orixinal con subtítulos, esta película da directora mexicana Patricia Cardoso que trata moitos temas interesantes. Baséase na obra teatral de Josefina López, co-guionista, produto da súa experiencia como traballadora sen papeis nun taller de costura en Los Ángeles, cidade onde transcorre a acción.
O filme trata múltiples temas dende unha óptica feminista: a capacidade de decidir, o valor da cultura e a educación, o enfrontamento xeracional, o desarraigo cultural, o conflito lingüístico, o espertar do sexo, o amor, a explotación laboral, a solidariedade entre mulleres, a aceptación do corpo, o cuestionamento da tradición, a liberdade...
Logo da proxección, que provocou fortes aplausos e callou sobre todo no público feminino, abriuse un pequeno interesante debate sobre a película.
Sen dúbida, esta é unha película para recoñecerse, valorarse e aceptarse, imprescindible para traballar a igualdade. |