O FALAR NON TEN CANCELAS


ENDL IES Lagoa de Antela

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

27 DE MARZO: DÍA MUNDIAL DO TEATRO

O 27 de marzo conmemórase o Día Mundial do Teatro, declarado polo Instituto de Teatro Internacional como recoñecemento ao importante papel que desempeña na vida das persoas.
Os beneficios que aporta o teatro no ámbito educativo son moi valiosos, pois permite adquirir habilidades sociais que contribúen á formación integral das persoas. A súa práctica incrementa a competencia social e cidadá, axuda a coñecerse e coñecer os demais, potencia a empatía e a resolución dos conflitos a través do diálogo, desenvolve a sensibilidade e a creatividade e favorece a adquisición da competencia comunicativa.

? O poder esencial do teatro é deixar de lado todo o que separa as persoas: diferenzas de raza, de educación relixiosa ou política, diferenzas de linguaxe. En cambio pon de relevo todo o que as persoas teñen en común: o riso e as bágoas, a alegría e a tristeza, a felicidade e a angustia, ou sexa o que é dominio do corazón. O teatro fai aparecer o corazón común de todas as persoas, nisto é o máis eficaz vehículo de paz.?

Jean Louis Barrault (actor e director francés)

Rescatamos estas palabras de Begoña Muñoz Saá( dramaturga e profesora de Lingua e Literatura Galegas e Teatro no IES Otero Pedrayo de Ourense) que impartiu unha charlla interactiva sobre teatro no IES Lagoa de Antela hai 3 anos e concedeu unha entrevista a un grupo de alumnas e alumnos de 4º da ESO. Nas clases de teatro traballamos con textos creados ou adaptados desta dramaturga tan comprometida co teatro e a educación.

P- Pensa que o teatro pode ser unha cura ou remedio emocional?

R- Si, o teatro é unha maneira para coñecerte moitísimo, pois cada vez que tes que representar un personaxe tes que facer un estudo de como ese personaxe actuaría. Por exemplo, se ti tes que representar unha persoa que ten SIDA, evidentemente ti non podes enfermar para poder representalo ben pero si que te tes que documentar, igual que para facer de prostituta tes que documentarte. Un bo actor e unha boa actriz teñen que ser, primeiro, uns grandes observadores da realidade e, segundo, teñen que ser unhas persoas moi tolerantes, pois saben perfectamente o que poden sentir as persoas nun momento determinado. Se ás persoas conflitivas, ás que teñen algún tipo de problema social ou un sistema de valores desaxustado,como son os alumnos machistas, que teñen un desprezo absoluto da muller, lles fas vivenciar o que sente unha persoa que sofre, unha muller manipulada ou unha muller desprezada- é horroroso porque se poñen fatal- podes conseguir que se sensibilicen e cambien de actitudes. A estas persoas, que desprezan os homosexuais e lles chaman maricóns, en teatro, mediante as improvisacións, pódeslles facer comprender o que un home homosexual podería sentir nesa circunstancia.

P- Escolle unha obra e un personaxe, ese con quen te identificarías.

R- Ofelia, por exemplo, pero identifícome, sobre todo, coas mulleres que padecen algún tipo de maltrato, as mulleres que están doídas, as mulleres que sofren, todas as mulleres que aparecen nas obras de teatro con algún tipo de estigma. Porque independentemente de que ti non vivas a experiencia do maltrato si que te sentes maltratada constantemente pola vida. A vida dos homes segue sendo nestes momentos máis fácil cá nosa, é o que penso, hai unha diferenza enorme e iso é tan inxusto... A única esperanza que teño é que estas cousas vaian cambiando; as miñas fillas, por exemplo, dende logo non van educadas como fun eu, para soportar o que eu soportei. Isto ten que cambiar porque a comodidade de vida que teñen os homes, en xeral, en comparación coa vida das mulleres, é abismal; é tan evidente esta inxustiza que eu non entendo como todo o mundo non reacciona.
Comentarios (0) - Categoría: DATAS PARA NON ESQUECER - Publicado o 24-03-2009 11:44
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0