
Alumnas e alumnos do Lagoa de Antela acudiron á representación de Bicos con lingua da compañía de Cee Talía Teatro. O Auditorio de Ourense foi o lugar escollido para a posta en escena da peza escrita por Avelino González, Suso de Toro, Cándido Pazó, Xabier Lama, Manuel Núñez Singala, Ana Iglesias e Marta Etxebarría, dirixida por Avelino González e interpretada por Toño Casais e Artur Trillo.
Bicos con lingua enfoca e interpreta o tema do conflito lingüístico en clave de humor.
Non se cumpriron as expectativas de todo o mundo: o alumnado de 1º da ESO e algúns de 3º da ESO perdéronse na dialéctica verbal e non souberon interpretar a ironía que impregnaba os gags. O texto disparábase de maneira acelerada a medida que a teatralidade diminuía. E, coma sempre, parece que os tópicos sexistas dan moito xogo para ridiculizar os prexuízos sobre a lingua, só que neste tipo de parodias a imaxe que realmente queda é a de mulleres ridículas no seu papel de nais e cuxa relación se constrúe sobre unha base de permanente rivalidade. |