Hai moitas palabras para preparar o xantar e dixerir con pracer : tixola, artesa, fornada, unto, verzas, lacón con grelos, chourizos, polbo á feira, porco ao espeto, amorodo, biscoito, roscón de reis.
Hai palabras para visitar, abrazar, conversar e coidar: carballo, castiñeiro, salgueiro, penedo.
Hai palabras para camiñar, congostra, ou para navegar: regueiro, regato, lagoa.
Hainas para untar a memoria, para non esquecer: lembranza, artesa, penedo, morriña, saudade.
Hainas para sorrir: ledicia, sorriso.
E para arrepiar, escuridade.
Hainas para tocar e sentir e querer: amor, agarimo, arrolar, aloumiño, Galiza.
E para celebrar e gozar: saúde, gaita, entroido.
Hai moitas palabras para pasear, xente miúda a quen saudar, escoitar e contemplar: bolboreta, teixugo, esquío, escornabois, vagalume, xoaniña, paporroibo.
Hainas para as persoas que veñen: axóuxere, arrolar.
E para as que se van: bágoa, badalada.
Palabras para apoiarse, alicerce.
Para ulir, arrecendo.
Para quecer, lareira.
E para arrefriar: brétema, orballo, choiva.
Para levar no corazón, lagoa...
E para imaxinar: trasgo, conxuro, raíña...
E soñar, lúa.
Hai palabras para procurar sempre: liberdade, paz.
Sen precipitarse, paciencia.
Pero con constancia.
|