O FALAR NON TEN CANCELAS


ENDL IES Lagoa de Antela

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

LETRAS GALEGAS 2017: O IES LAGOA DE ANTELA CON CARLOS CASARES

Xosé Antonio Carrera agasallounos con outro artigo sobre Carlos Casares. A foto de Carlos Casares cedéunola tamén o que foi xornalista de La Voz de Galicia, e vese un Carlos Casares ben novo posando como xogador do Antela.


UNHA NOVA CARBALLA NA LIMIA

Alguén dixo con acerto que a infancia é o paraíso perdido do home. Cacheando na súa propia infancia, vivida en terras da Limia, Carlos Casares atopaba materiais nobres cos que había de levantar, en boa parte, a espléndida literatura que nos deixou.

Lugares, acontecementos e, sobre todo, persoas que poboaron a Limia dos anos cincuenta e sesenta coáronse nos seus contos e novelas. Pero eu coido que onde máis luciron foi nos artigos xornalísticos que, co título de Á marxe, publicara día a día en La Voz de Galicia e que agora está recollendo, con gran acerto, a editorial Galaxia, en volumes anuais. Para min, estes libros están á altura da mellor prosa de Casares. Son pequenas xoias nas que o autor conseguiu a graza da brevidade engalanada cunha inusitada perfección formal. E ninguén negará a dificultade de escribir ó redor de catro mil artigos cheos de orixinalidade, tenrura e, por riba de todo, humor. Un humor fino, intelixente, reconfortante. Algúns deles poderíanse cualificar como soberbios microrrelatos, deses que agora están a se poñer de moda.

É verdade que máis dun veciño de Xinzo tenme manifestado a súa desconformidade co proceder de Casares, alegando que desvirtúa algún acontecemento dos que narra ou, no mellor dos casos, fantasea a súa realidade. Pero é que o noso autor non era un reporteiro, senón un escritor que elaboraba literatura. E o propio Carlos dicía que «a literatura é sempre unha mentira, á cal soamente se lle poden facer reproches cando está mal contada». O que Casares escribía cada día non era perecedoiro, como o resto do xornal, senón que, como queda notorio coa reedición, foi unha prosa de enorme calidade e perdurable.

Teño poucas dúbidas de que, á volta duns anos, estudosos na procura de profundar na obra de Casares, deban rastrexar o mundo no que se moveu. Entón preguntaranse por nomes entrañables para nós, que o propio autor mencionou, como ?por só citar un mínimo deles? Faustino Portela, Camilo de Dios, Rafaelito Cacá, Camilo Peláez, Fausto dentista, Antonio Nieto?, xunto con outros menos favorecidos pola vida pero non por iso menos recordados, como Quique Picamoca, Leoncio, Turo Vila, Félix o Catapiro? Son nomes que, matizados polo noso artista, quedan definitivamente na literatura galega, porque Carlos xa forma parte por méritos propios dela.

E non se debe poñer en dúbida de que sen literatura a vida perde parte da súa graza. Galicia non é só unha fermosa terra; Galicia é tamén Castelao, Cunqueiro, Rosalía, Otero Pedrayo, Blanco Amor e tantos outros creadores que lle engaden tonalidades que ninguén con cordura rexeita. Da mesma maneira, a figura de Carlos Casares, recoñecida en todo o país galego e que na Limia tivo as súas raíces, devolveralle con creces beleza a nosa paisaxe, cal carballa frondosa, acolledora e milenaria.

Xosé A. Carrera
Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 09-05-2017 23:30
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0