O FALAR NON TEN CANCELAS


ENDL IES Lagoa de Antela

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

CONFERENCIA DE VICENTE FEIJOÓ ARES SOBRE TOPONIMIA

Francisco Prol elaborou a crónica da visita de Vicente Feijoó Ares, que foi presenatado pola directora e profesora de Lingua Pilar Barandela.


Cun pé xa nas ansiadas vacacións de Nadal, visitounos o día vinte de decembro, o filólogo Vicente Feijoó Ares.
Este investigador e membro da Comisión de Toponimia da Xunta, mantivo un interesantísimo encontro de case dúas horas cos alumnos de 1º e 2º de bacharelato. Explicounos o que é a toponimia, a súa relación coa historia, coa lingua e coa cultura. Tamén soubemos cales son os seus métodos de traballo e como se utilizan as novas tecnoloxías nestas investigacións.
Sorprendeunos cos significados de moitos dos topónimos da nosa contorna. Entre eles podemos salientar os seguintes: Limia (limo-palabra de orixe preindoeuropeo-), Xinzo (Genético- nome de persoa), Trasmiras (detrás do sitio da auga), Saínza (salgueiro), Chamusiños (chamizo), Porqueira (abundancia de xabarín), Quintas (finca dividida en 5 partes), Os Blancos (do apelido Blanc), Calvos (lugar de pouca vexetación), Sarreaus (xente que veu de Sarria), Faramontaos (xente que veu de fóra do monte-de Castela-).
Mostrounos espectaculares e únicas fotos de penedos, explicándonos a relación dos seus nomes con cultos, ritos e lendas. Así descubrimos a Pedra dos namorados do Pindo, onde os namorados poden coñecer o porvir da súa relación. A Pedra do oso, roubada do seu entorno para adornar un xardín e logo restituída. O Penedo das fatigas, onde os celtas realizaron posiblemnente os seus rituais de sacrificio. A Porta do Alén de Cercedo que comunica aos vivos cos do máis alá. O Penedo da Raíña Loba e o Penedo do Angaraño de Sarreaus.
Descubrimos pedras que emiten diferentes sons e outras que se moven (abalan) incluso co vento, aínda que pesan toneladas e que se manteñen ergueitas nun imposible equilibrio.
Aprendemos a apreciar a importancia de non perder os nomes que só se conservan na memoria dos nosos avós, esa enorme riqueza de topónimos que forma parte do noso patrimonio cultural.
Comentarios (0) - Categoría: VISITAS E ENCONTROS - Publicado o 28-12-2012 18:09
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal