
Escollemos estes dous poemas de Lois Pereiro, Poesía última de amor e enfermidade 1992-1995 para acompañar este cartel de produción propia.
XIV
(Contra a morte o amor que vai conmigo)
Dos días que reserva para min o destino
cada unha das súas noites por vivir
sería a derradeira
a única esencial
se puidese vivirte a ti tamén
trasnoitado sobre o teu corpo en calma
cohabitando os teus soños
sobrevivindo á miña inexistencia
soñando nas túas noites
ou prorrogado en ti.
Un soño alleo repetido
O certo é que teño a impresión ás veces
que se fai máis patente cada día
de que pese ás evidencias en contra
debín morrer daquela
e estou vivindo un soño repetido
nas noites dos que me seguen querendo.
|