O FALAR NON TEN CANCELAS


ENDL IES Lagoa de Antela

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

LETRAS GALEGAS 2017: O IES LAGOA DE ANTELA CON CARLOS CASARES

Xosé Antonio Carrera agasallounos con outro artigo sobre Carlos Casares. A foto de Carlos Casares cedéunola tamén o que foi xornalista de La Voz de Galicia, e vese un Carlos Casares ben novo posando como xogador do Antela.


UNHA NOVA CARBALLA NA LIMIA

Alguén dixo con acerto que a infancia é o paraíso perdido do home. Cacheando na súa propia infancia, vivida en terras da Limia, Carlos Casares atopaba materiais nobres cos que había de levantar, en boa parte, a espléndida literatura que nos deixou.

Lugares, acontecementos e, sobre todo, persoas que poboaron a Limia dos anos cincuenta e sesenta coáronse nos seus contos e novelas. Pero eu coido que onde máis luciron foi nos artigos xornalísticos que, co título de Á marxe, publicara día a día en La Voz de Galicia e que agora está recollendo, con gran acerto, a editorial Galaxia, en volumes anuais. Para min, estes libros están á altura da mellor prosa de Casares. Son pequenas xoias nas que o autor conseguiu a graza da brevidade engalanada cunha inusitada perfección formal. E ninguén negará a dificultade de escribir ó redor de catro mil artigos cheos de orixinalidade, tenrura e, por riba de todo, humor. Un humor fino, intelixente, reconfortante. Algúns deles poderíanse cualificar como soberbios microrrelatos, deses que agora están a se poñer de moda.

É verdade que máis dun veciño de Xinzo tenme manifestado a súa desconformidade co proceder de Casares, alegando que desvirtúa algún acontecemento dos que narra ou, no mellor dos casos, fantasea a súa realidade. Pero é que o noso autor non era un reporteiro, senón un escritor que elaboraba literatura. E o propio Carlos dicía que «a literatura é sempre unha mentira, á cal soamente se lle poden facer reproches cando está mal contada». O que Casares escribía cada día non era perecedoiro, como o resto do xornal, senón que, como queda notorio coa reedición, foi unha prosa de enorme calidade e perdurable.

Teño poucas dúbidas de que, á volta duns anos, estudosos na procura de profundar na obra de Casares, deban rastrexar o mundo no que se moveu. Entón preguntaranse por nomes entrañables para nós, que o propio autor mencionou, como —por só citar un mínimo deles— Faustino Portela, Camilo de Dios, Rafaelito Cacá, Camilo Peláez, Fausto dentista, Antonio Nieto…, xunto con outros menos favorecidos pola vida pero non por iso menos recordados, como Quique Picamoca, Leoncio, Turo Vila, Félix o Catapiro… Son nomes que, matizados polo noso artista, quedan definitivamente na literatura galega, porque Carlos xa forma parte por méritos propios dela.

E non se debe poñer en dúbida de que sen literatura a vida perde parte da súa graza. Galicia non é só unha fermosa terra; Galicia é tamén Castelao, Cunqueiro, Rosalía, Otero Pedrayo, Blanco Amor e tantos outros creadores que lle engaden tonalidades que ninguén con cordura rexeita. Da mesma maneira, a figura de Carlos Casares, recoñecida en todo o país galego e que na Limia tivo as súas raíces, devolveralle con creces beleza a nosa paisaxe, cal carballa frondosa, acolledora e milenaria.

Xosé A. Carrera
Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 09-05-2017 23:30
# Ligazón permanente a este artigo
LETRAS GALEGAS 2017: O IES LAGOA DE ANTELA CON CARLOS CASARES
E, por suposto, recuperamos para esta data a extraordinaria curta dos nosos ex-alumnos Anxo, Cristian, José e Miguel, baseada no relato "O xogo da guerra, de Vento ferido. O equipo completouno Iván, ex-alumno do IES Cidade de Antioquía.



O XOGO DA GUERRA por anxo_xinzo
Comentarios (1) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 09-05-2017 21:42
# Ligazón permanente a este artigo
LETRAS GALEGAS 2017: O IES LAGOA DE ANTELA CON CARLOS CASARES
Un alumno de 4º ESO, Carlos Canal, confeccionou este vídeo en Stop Motion a partir do relato "Agarda longa ao sol" de Vento ferido.


Comentarios (1) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 09-05-2017 18:17
# Ligazón permanente a este artigo
LETRAS GALEGAS 2017: O IES LAGOA DE ANTELA CON CARLOS CASARES
Alumnas de 4º de ESO de Plástica, Nerea Atanes, Nerea Freiría e Ana Posada, realizaron este vídeo sobre o relato "A tronada" de Vento ferido de Carlos Casares, libro que cumpre 50 anos da súa publicación.

O proxecto planificouse interdisciplinariamente coa materia de Lingua.


Comentarios (1) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 09-05-2017 18:12
# Ligazón permanente a este artigo
LETRAS GALEGAS 2017: O IES LAGOA DE ANTELA CON CARLOS CASARES
Confeccionamos un folleto con información sobre a vida e obra de Carlos Casares e unha oca como xogo didáctico para as aulas.

Xosé Manuel Méndez, Sara Vázquez e Carmen Gómez planificaron e deseñaron o proxecto, no cal participaron alumnas e ex-alumnas do IES Lagoa de Antela.








Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 08-05-2017 21:07
# Ligazón permanente a este artigo
LETRAS GALEGAS 2017: O IES LAGOA DE ANTELA CON CARLOS CASARES
Confeccionamos un vídeo coa vida e obra de Carlos Casares.

Agradecemos a todas as persoas que participaron a súa implicación.





O mesmo vídeo con Ana Posada e Marta Farci nos créditos, un esquecemento imperdoábel. Desculpas!

Comentarios (1) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 08-05-2017 21:01
# Ligazón permanente a este artigo
LETRAS GALEGAS 2017: O IES LAGOA DE ANTELA CON CARLOS CASARES

Xosé Antonio Carrera, veciño de Xinzo que foi corresponsal de La Voz de Galicia e na actualidade é colaborador habitual da publicación provincial Barrios, cedeunos amablemente dous artigos que publicou sobre Carlos Casares, ao que tivo a honra de coñecer.

Agradecémoslle o seu xesto, o de cedernos os artigos e, tamén, algunhas fotos antigas de Xinzo e do propio Carlos Casares. As fotos incluímolas nun vídeo que subiremos ao blog.



O BAÚL QUE DA LIMIA LEVOU CASARES

Había un home pequeno, case anano, que percorría as rúas teimando nos días en que fora alcalde de Xinzo e que, cando alguén o saudaba, el soltáballe lixeiro unha patada. Os nenos seica apostaban por arrimarse a el canto máis mellor e saír ilesos. Outro alcalde había que recitaba de memoria longos textos de Ortega y Gasset. Un terceiro facía o golfo polas noites e, arrodeado de amigotes, unha vez chegou a apagar a iluminación pública para meter un porco no leito dun empregado do xulgado. Tamén había curas que viñan ás feiras en bestas, que usaban banco para poder chegar ó altar ou ós que, con aspecto de goliardos, lles gustaba o viño, as mozas e os naipes. Había vagos que parecía que tiñan arrendado o esporón da praza, veladas de boxeo no café Antela, vendedoras de pomadas na feira que adormecían lagartos en cama con cabezal, dentistas que lucían nas súas tarxetas de visita un avoengo tan falso como algún billete, ou comerciantes de tecidos que, amén de escribir versos galantes, tiveran amores con marquesas italianas, sen saír nunca de Xinzo.

Estas estampas aparecerían se abrísemos o baúl que Carlos Casares levou da Limia, como un verdadeiro tesouro, pero habería moitas outras con só levantar as primeiras.

Con ollada de neno pícara e entremetida — dá a impresión de ter tamén o don da ubicuidade— Carlos foi seleccionando esta restra de figuras dos anos cincuenta que aproveitaría máis tarde na súa creación literaria, sobre todo na columna diaria de xornal, chamada «Á marxe», e que nos serve aínda hoxe para coñecer cousas da súa nenez, coma se dun diario se tratase. Por outra parte, estas lembranzas tiñan o poder de pasmar a xente que non coñecía a Limia, tanto que lle preguntaban ó noso autor de que mundo fabuloso saíra, porque nel dábanse casos tan inusitados e ocorrentes.

Casares adoitaba responder que aquí había algunha que outra xente rara, como en todas partes, pero o que non aclaraba, por modestia, era o seu gran talento para reflectilas no papel con graza, fascinación e humor intelixente. Tamén, sen dúbida, nalgúns casos con claras doses de sarcasmo, aínda que acompañadas sempre do lubricante da tenrura. En definitiva, unha literatura espléndida que recorda, por só citar dous casos, a Marcial Suárez narrando ós seus veciños de Allariz e, sobre todo, a Cunqueiro cos seus feirantes da terra lucense.

Claro exemplo do engado que a creación de Casares producía no lector foi a proposta que un veciño de Xinzo lle fixo para que escribise a vida do seu pai coa mesma cor e fantasía que empregaba nos demais. Non o conseguiu; non estaba no baúl.

Xosé A. Carrera
(Publicado na revista «LETHES», núm 11)

Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 07-05-2017 20:09
# Ligazón permanente a este artigo
LETRAS GALEGAS 2017: O IES LAGOA DE ANTELA CON CARLOS CASARES

Iniciamos a homenaxe que o noso instituto rende a Carlos Casares, veciño ilustre da bisbarra d'A Limia que converteu en personaxes literarios moitas das súas xentes e en escenarios de ficción os lugares en que habitou. Nos seus artigos de prensa permanecen tamén, como memoria escrita.

A profesora de Plástica Ana Escudero deseñou este cartel para este evento.
Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 07-05-2017 01:04
# Ligazón permanente a este artigo
VERSIÓNS MUSICADAS DOS POEMAS O BANDO E O CARRO
E deixamos aquí a versión musicada pola Quenlla do poema Bando e as diferentes versións do poema O carro, musicados por Fuxan os ventos, Uxía e Guadi.












Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 17-05-2016 21:06
# Ligazón permanente a este artigo
DO CEIP ANTONIO FERNÁNDEZ LÓPEZ CHÉGANOS ESTE RAP
Destacamos tamén este magnífico rap sobre a figura de Manuel María do CEIP Antonio Fernández López.

Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 17-05-2016 20:57
# Ligazón permanente a este artigo
MAGNÍFICO TELEXORNAL SOBRE A FIGURA DE MANUEL MARÍA DO CPI DOS DICES-ROIS
Parabéns para este magnífico traballo audiovisual do CPI Dices-Rois. Un telexornal para coñecer e homenaxear a Manuel María, o poeta da Terra Chá e protagonista hoxe, día das Letras Galegas.


Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 17-05-2016 20:54
# Ligazón permanente a este artigo
CALENDARIO 2015
Deixamos aquí o novo calendario-adhesivo deste ano, cun fermoso poema de Manuel María, e confeccionado, como non, polo noso colaborador Xosé Manuel Méndez.



Comentarios (1) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 12-01-2016 21:44
# Ligazón permanente a este artigo
ROSALÍA DE CASTRO NO IES LAGOA DE ANTELA, POR KELLY DOMÍNGUEZ

Deixamos aquí o cómic que confeccionou a alumna de Bac Kelly Domínguez para o concurso das Letras Galegas sobre Rosalía de Castro e o seu paso polo IES Lagoa de Antela. É incrible como debuxa esta moza, unha verdadeira artista!


Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 01-06-2014 13:44
# Ligazón permanente a este artigo
PREMIOS LETRAS GALEGAS

Entregamos os premios do concurso das Letras na biblioteca, onde as autoras leron os textos gañadores.

Nerea Atanes de 1º D ESO, premio de poesía

Carme Rodríguez de 1º A ESO, premio de microrrelato

Kelly Domínguez de 1º B BAC, premio de cómic

Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 01-06-2014 13:37
# Ligazón permanente a este artigo
ANXO MOURE NO LAGOA DE ANTELA


O día 15 de maio chegou ao noso centro coa súa bicicleta cargada de libros o contacontos Anxo Moure. Coa súa presenza levounos ao mundo da imaxinación e a fantasía. Ensinounos a valorar a cultura e os contos orais, a loitar pola xustiza e contra as desigualdades que hai no mundo. Fíxonos rir e pensar na importancia da recuperación das tradicións e o coidado do medio natural.
Co seu “Carballo con botas” descubrimos a importancia que ten abrazar as árbores, non deixar que nos rouben os nosos ríos e que nos maten as nosas lagoas, os poderes curativos da natureza e o valor que ten o que non se aprende nos libros pero si na escola da vida.
Coas sinxelas ferramentas da mímica, os contos e o humor conciencieunos sobre a importancia de termos un compromiso solidario coa natureza, a xustiza e a liberdade.
Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 18-05-2014 20:00
# Ligazón permanente a este artigo
POEMA "PENÉLOPE" DE XOSÉ Mª DÍAZ CASTRO DRAMATIZADO
Como prólogo á celebración das Letras Galegas recuperamos o poema "Penélope" de Xosé Mª Díaz Castro, dramatizado por Alba e Benita, antigas alumnas de Teatro.


Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 23-04-2014 20:26
# Ligazón permanente a este artigo
MARCAPÁXINAS - CALENDARIO DÍAZ CASTRO
O EDLG edita este marcapáxinas-calendario en homenaxe ao escritor Xosé María Díaz Castro.
Será repartido a toda a comunidade educativa do concello de Xinzo de Limia a través dos Equipos de Dinamización Lingüística dos catro centros educativos.

Felicitamos un ano máis o noso compañeiro e membro do equipo, Xosé Manuel Gayo, polo precioso deseño.



Comentarios (1) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 06-12-2013 09:00
# Ligazón permanente a este artigo
ROBERTO VIDAL BOLAÑO NA BIBLIOTECA

Rematamos a homenaxe a Roberto Vidal Bolaño cunha escena adaptada de Animaliños en que unha praga de caracois ameaza os propietarios dun chalé ata apoderarse do seu xardín. Combinando texto e mímica provocamos os risos do público asistente.


Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 12-06-2013 21:58
# Ligazón permanente a este artigo
ROBERTO VIDAL BOLAÑO NA BIBLIOTECA

Seguimos a celebrar na biblioteca as Letras Galegas co teatro como protagonista. Desta vez alumnado de 3º B dramatizou a vida de Roberto Vidal Bolaño. O texto foi unha adaptación de Luz Jares e Carmen Gómez.




Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 05-06-2013 21:08
# Ligazón permanente a este artigo
LETRAS GALEGAS

Seguimos coa celebración das Letras Galegas.
O mércores realizamos unhas escenificacións na biblioteca e este mércores representaremos a biografía teatralizada de Roberto Vidal Bolaño.

Subimos o vídeo co poema "Adiós ríos, adiós fontes" de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro en varios idomas.



Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 26-05-2013 21:47
# Ligazón permanente a este artigo
LETRAS GALEGAS 2013

Esta semana comezou a celebración das Letras Galegas no noso instituto.

O mércores alumnas e alumnos leron o poema “Adiós ríos, adiós fontes” e Cantares Gallegos en varios idiomas. Moitas destas persoas que recitaron naceron fóra da nosa terra o que, tendo en conta o tema do poema de Rosalía, fixo especialmente emotivo o acto. Por outra banda, cómpre salientar que a bisbarra limiá foi unha das máis castigadas coa emigración.

Tamén entregamos os premios do concurso literario e alumnado de teatro iniciou a homenaxe a Roberto Vidal Bolaño cunha escena de Touporroutou da Lúa e do Sol.

O xoves Cándido Pazó actuou no salón de actos provocando as risas do público asistente. O actor e dramaturgo subiu ao escenario cunha escaleira e, entre digresións salpicadas de humor, tenrura e crítica, contou unha historia que forma parte da nosa memoria.


Subimos algunhas escenas realizadas polo alumnado de 3º de ESO. As tres primeiras son as premiadas no concurso.


En breve subiremos o vídeo do recitado do poema.





Comentarios (1) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 17-05-2013 21:40
# Ligazón permanente a este artigo
PROGRAMA LETRAS GALEGAS




Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 08-05-2013 09:13
# Ligazón permanente a este artigo
TELEXORNAL SOBRE ROBERTO VIDAL BOLAÑO DO CPI DOS DICES
De novo o CPI Dos Dices de Rois ofrécenos este telexornal, magnífico produto audiovisual, sobre o dramaturgo homenaxeado nas Letras Galegas.
Felicitamos as persoas que participaron neste proxecto, tanto alumnado como profesorado.


Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 03-04-2013 09:31
# Ligazón permanente a este artigo
CALENDARIO MARCADOR ROBERTO VIDAL BOLAÑO
O noso compañeiro e membro do EDNL, Xosé Manuel Gayo,deseñou este precioso marcador-calendario para homenaxear a Roberto Vidal Bolaño. Será repartido entre a comunidade educativa de toda a bisbarra, librarías e bibliotecas.


Comentarios (1) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 12-12-2012 09:13
# Ligazón permanente a este artigo
ROBERTO VIDAL BOLAÑO: LETRAS GALEGAS 2013

O ano vindeiro será o ano do teatro, a elección do dramaturgo Roberto Vidal Bolaño como home das Letras 2013 suporá unha homenaxe merecida ao xénero dramático.

Roberto Vidal Bolaño naceu en Santiago de Compostela en 1950 e faleceu na mesma cidade en 2002. Formou parte do denominado "Grupo Abrente" que, a partir da década dos 70, renovou e actualizou tanto a escrita como as representacións dramáticas galegas. Todas as súas actividades xiraron sempre, e en exclusiva, arredor do teatro: desde a creación do "Grupo Antroido", en 1975, até a súa compañía actual "Teatro do Aquí", pasando pola breve experiencia da cooperativa "Teatro do Estaribel". En 1978 deu o paso definitivo que levou ás xentes do teatro galego a se transformaren en profesionais, superando de vez a pantasma de "amador" que pairara sempre sobre a historia do noso teatro.
Máis información: bvg
Roberto Vidal Bolaño
RAG
Cultura Audivisual Galega

Esperemos que este feito provoque unha explosión de creatividade no ámbito educativo e que sirva para abordar o xénero como contido curricular de potenciación da lingua oral e das competencias cultural e social e cidadá. É tanto o seu poder! E aquí falo en 1ª persoas, como profe de teatro e como veciña dunha parroquia pertencente ao concello de Ribadavia, onde agromou Abrente, esa asociación cultural que impulsou o teatro na década dos 70 do século pasado. Roberto Vidal Bolaño gañou dous premios Abrente.
Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 03-07-2012 16:07
# Ligazón permanente a este artigo
RECITAL LETRAS GALEGAS

Celebramos as Letras Galegas con lecturas na biblioteca. Recitáronse poemas representativos de Celso Emilio Ferreiro, por conmemorarse este ano o centenario do seu nacemento. Agradecemos a todas as persoas que participaron, alumnas e alumnos de 1º e 2º ciclo e 1º de BAC, e felicitámolas pola súa disposición, a súa madureza, o seu compromiso coa lingua e o seu interese pola lectura.

Tamén lle entregamos o premio literario á nosa benquerida Ledicia Prieto, alumna de 2º de BAC, a quen felicitamos pola calidade do texto presentado e a quen desexamos que lle vaia bonito nesta nova travesía que está a punto de iniciar. Desexamos que a sigan acompañando sempre a inquietude e a curiosidade lectoras e que non a abandone nunca o afán por expresar o seu rico mundo interior coa palabra e a creación plástica.





Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 19-05-2012 13:35
# Ligazón permanente a este artigo
MANIFESTO POLA LINGUA DE AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ

Voares de Esperanza

AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ



Don Ramón Otero Pedraio, para loar o labor entusiasta da imprenta de Ánxel Casal e de María Miramontes, chamoulle a aquel obradoiro «pombeiro de voares de esperanza». Pombeiro de voares de esperanza! A frase era o tal, pois desde alí botaban a voar os libros que recollían o mellor do pensamento e da creación en galego. Aqueles non eran tempos doados, mais os azos dos homes e mulleres das Irmandades da Fala foron enchendo de luz as vilas e cidades de Galiza e conseguiron facer visible socialmente a lingua de nós.

Nesas persoas están as nosas raíces, somos elos dunha cadea que vén de lonxe. Rosalía de Castro e tanta outra xente que traballou pola recuperación e o prestixio da lingua e da cultura conforman o ADN onde nos debemos recoñecer. Un ADN que ten algúns tramos da dobre hélice especialmente fértiles, coma o das Irmandades, semente das ideas que hoxe constitúen a nosa cerna: Galiza, célula de universalidade. A vontade de sermos unha peza máis, en pé de igualdade, no mosaico mundial das culturas.

Non foron fáciles as épocas pasadas e tampouco non o son os tempos que nos toca vivir. Non é preciso reiterarmos aquí as agresións destes últimos anos, cunha boa parte das elites políticas, financeiras e mediáticas obsesionadas por esborrallar os avances que traballosamente foramos acadando. O seu obxectivo: facer do galego unha lingua socialmente invisible, que permaneza recluída no gueto e non acade un uso normalizado. Que o castelán sexa a lingua por defecto e o galego, a rareza, a lingua oculta. Tratala coma un bonsai ao que cómpre retallarlle as pólas que se obstinan en medrar máis do permitido.

Que ilusos! Non coñecen as palabras do sociolingüista Colin Baker: «A substitución dunha lingua non é un proceso evolutivo natural. Alí onde a xente está determinada a manter viva unha lingua, parece imposible destruíla.» Non saben que as agresións nos fan máis fortes, que nos impulsan a ampliar o tamaño da nosa esperanza, que medra en nós a vontade de construírmos espazos de encontro e mais de unión.
Na súa novela 1984, George Orwell describe unha sociedade oprimida por unha minoría, onde a neolingua é o instrumento utilizado para construír a realidade deformada que lle interesa ao poder: baléiranse de significado as vellas palabras e énchense con outros que mellor conveñan. Como non lembrar a Orwell cando vemos como se retorce o significado de palabras como imposición, liberdade, bilingüe, normalización ou, ultimamente, plurilingüe? Do mesmo xeito que a Policía do Pensamento obrigaba o protagonista da distopía de Orwell a aceptar que 2 + 2 = 5, a quen controlan os fíos do poder válelles todo para ofreceren unha falsa visión da realidade.
Contra as mentiras, non cansaremos de lembrar o evidente: a lingua que naceu hai máis de mil anos neste país é de todas as persoas que vivimos e soñamos nel. Tamén é das persoas que chegan a Galiza desde calquera lugar do mundo, empuxadas polo desexo dunha vida mellor, e deciden quedar aquí. E tamén, xaora, de tanta xente que ten na nosa terra as súas raíces e anda espallada polo mundo adiante, pois nós fomos –aínda o somos, e ben que nos doe- un país de emigración.

Do mesmo xeito que unha planta precisa dunhas condicións ambientais determinadas para medrar, tamén as necesita unha lingua que se encontre nunha situación minorizada, como lle ocorre ao galego. Por iso urxe crear as medidas precisas facer realidade un "nicho ecolóxico" favorable á lingua. Unhas medidas nas que nunca deben faltar dúas constantes: o exemplo práctico de que o galego é útil en calquera ámbito e para todas as funcións e a vontade de crear actitudes positivas cara á lingua. Para que na sociedade non haxa cidadáns de primeira e de segunda, deben crearse as condicións para que se poida vivir en galego con normalidade. Cousa que hoxe non ocorre, como constatamos día tras día.

Como ten reiterado Xabier DoCampo, «nós non mentimos». Imos sempre coa verdade por diante, conscientes da xustiza das nosas ideas e propostas. Con alegría, desmontando na práctica os insidiosos prexuízos que outros sementan na sociedade e nas familias, impulsando actividades que fagan posible vivir en galego. Porque amamos e defendemos a pluralidade lingüística, xaora que si, mais non a costa de deixar arrombada a nosa lingua no faiado.

Somos conscientes do labor que nos agarda. Mais tamén sabemos que paga a pena empregar todas as nosas enerxías nel, e que non hai lugar para o desánimo. Como escribiu Bertolt Brecht, nos anos da longa noite de pedra que asolagaba Europa: «Quen aínda estea vivo non diga “xamais”. / De quen depende que siga a opresión? De nós. / De quen que remate? De nós tamén. / Pois os vencidos de hoxe son os vencedores de mañá / e o xamais convértese en hoxe mesmo.»

Todas as persoas que amamos o galego temos que erguer un pombal no noso interior, un pombal do que xurdan os voares de esperanza que encherán de vida os ceos da patria da lingua que nos une.
Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 18-05-2012 00:32
# Ligazón permanente a este artigo
PROGRAMA LETRAS GALEGAS

Comentarios (1) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 17-05-2012 20:03
# Ligazón permanente a este artigo
O ALUMNADO DE 1º DE ESO PARTICIPOU NO CORRELINGUA

O noso alumnado de 1º de ESO participou no Correlingua. Como é tradición acudimos á cita para homenaxear a lingua nun ambiente festivo.
Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 16-05-2012 09:21
# Ligazón permanente a este artigo
MES DAS LETRAS GALEGAS

Celebramos o mes das Letras Galegas con moitas actividades.
Comentarios (1) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 02-05-2012 18:49
# Ligazón permanente a este artigo
VALENTÍN PAZ ANDRADE
Neste enlace podemos acceder a unha breve biografía de Valentín Paz Andrade. Nestoutro enlace atopamos unha biografía máis completa.

Neste vídeo podemos escoitar a voz de Valentín Paz Andrade:



Comentarios (1) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 28-04-2012 19:34
# Ligazón permanente a este artigo
TELEXORNAL DO DO CPI DOS DICES EN ROIS SOBRE VALENTÍN PAZ ANDRADE
Que marabilla de traballo sobre Valentín Paz Andrade realizaron no CPI dos Dices en Rois.

Parabéns!
!


Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 14-03-2012 10:46
# Ligazón permanente a este artigo
RECITAL NA BIBLIOTECA
Para rematar a homenaxe a Lois Pereiro, membros do club de lectura de 1º ciclo de ESO e de 1ºde BAC, integrantes do EDLG de 2º de ESO e as alumnas pre-universitarias Beatriz, Uxía e Noelia, que formaron parte do club de lectura e que agora poñen rumbo a outros horizontes, recitaron poemas do escritor monfortino na biblioteca.


Seleccionamos uns fragmentos deste recital onde interveñen persoas que non participaron no recital de Xinzo.


Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 01-06-2011 08:13
# Ligazón permanente a este artigo
LETRAS GALEGAS NA BIBLIOTECA
Mañá entregaremos os premios do concurso literario e o de vídeo, ademais de escoitar poemas de Lois Pereiro nas voces do alumnado do club de lectura e proxectar vídeos sobre o escritor monfortino. Non nos cansamos de homenaxealo.

Parabéns aos gañador@s!


Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 26-05-2011 19:46
# Ligazón permanente a este artigo
RECITAL POLAS LETRAS NA PRAZA DE XINZO
Alumnado do club de lectura de 1º de ESO, integrantes do EDLG de 2º de ESO e alumnado colaborador acudiu á cita convocada polas bibliotecas dos catro centros escolares de Xinzo (CEIP Rosalía de Castro, CEIP Carlos Casares, IES Cidade de Antioquía e IES Lagoa de Antela) na Praza Maior da vila para celebrar as Letras Galegas. O alumnado encheu a praza coas palabras de Lois Pereiro, de Celso Emilio Ferreiro, Rosalía de Castro...Tamén houbo música e baile.

A homenaxe pola lingua, encarnada este ano na figura de Lois Pereiro, continúa, incansable...




Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 23-05-2011 00:01
# Ligazón permanente a este artigo
SEGUIMOS COA HOMENAXE A LOIS PEREIRO
Aquí vai o 2º vídeo para homenaxear a Lois Pereiro neste día.
En trafegando ronseis e a coordinadora dos EDNL hai ampla información e enlaces a recursos.

MIL PRIMAVERAS MÁIS PARA A LINGUA!

Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 17-05-2011 22:26
# Ligazón permanente a este artigo
VÍDEO LOIS PEREIRO
Comentarios (1) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 08-05-2011 23:50
# Ligazón permanente a este artigo
MÁIS LOIS PEREIRO
Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 08-05-2011 10:51
# Ligazón permanente a este artigo
MÁIS LOIS PEREIRO

Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 07-05-2011 12:38
# Ligazón permanente a este artigo
MÁIS LOIS PEREIRO

Escollemos estes dous poemas de Lois Pereiro, Poesía última de amor e enfermidade 1992-1995 para acompañar este cartel de produción propia.

XIV
(Contra a morte o amor que vai conmigo)

Dos días que reserva para min o destino
cada unha das súas noites por vivir
sería a derradeira
a única esencial
se puidese vivirte a ti tamén
trasnoitado sobre o teu corpo en calma
cohabitando os teus soños
sobrevivindo á miña inexistencia
soñando nas túas noites
ou prorrogado en ti.



Un soño alleo repetido

O certo é que teño a impresión ás veces
que se fai máis patente cada día
de que pese ás evidencias en contra
debín morrer daquela

e estou vivindo un soño repetido
nas noites dos que me seguen querendo.
Comentarios (0) - Categoría: LETRAS GALEGAS - Publicado o 06-05-2011 07:38
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal