O FALAR NON TEN CANCELAS


ENDL IES Lagoa de Antela

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

OS QUINQUILLÁNS NO INSTITUTO

Os Quinquilláns actuaron no instituto o pasado 24 de outubro. Asistiu á representación o alumnado de 1º e 2º de ESO. O espectáculo foi organizado e financiado polo Concello de Xinzo de Limia, en colaboración coa Deputación de Ourense e a Editorial Galaxia.

A compañía representou Cousas, de Castelao. Personaxes entrañables coma Migueliño, Panchito e a Marquesiña cobraron vida no escenario a través de Lucho Penabade e Tero Rodríguez, moi aplaudidos ao final da actuación.
Comentarios (0) - Categoría: TEATRO - Publicado o 06-12-2016 20:21
# Ligazón permanente a este artigo
TEATRO NO SALÓN DE ACTOS 2
O grupo de 3º B (Juan, Juan Carlos, José, Rocío, Ainara, Jacobo, Iván, Raúl, Daniel e Rubén) puxeron en escena O achado do castro, de Núñez Singala.






Comentarios (0) - Categoría: TEATRO - Publicado o 25-06-2011 18:52
# Ligazón permanente a este artigo
TEATRO NO SALÓN DE ACTOS
O grupo de teatro de 3º C (Alba, Benita, Marcos, Carlos, Juanjo e Álvaro) representou A princesa que non quería ser princesa, unha peza confeccionada para a ocasión.


Comentarios (2) - Categoría: TEATRO - Publicado o 25-06-2011 18:48
# Ligazón permanente a este artigo
TEATRO: DÍA MUNDIAL E COMEZA A MITEU

Hoxe é o Día Mundial do Teatro e esta semana comeza a MITEU (Mostra Internacional de Teatro Universitario) en Ourense.
Se queredes ver o programa e outros asuntos de interese sobre este acontecemento entrade na súa páxina: MITEU.
Comentarios (1) - Categoría: TEATRO - Publicado o 27-03-2011 13:20
# Ligazón permanente a este artigo
TEATRO A ESGALLA NO INSTITUTO
Estas dúas semanas gozamos co teatro en varias sesións.
O grupo de teatro de 3º C e D levaron á escena Hotel Desguace, unha simpática comedia protagonizada por vellos que sobreviven nunha sociedade represora en que está prohibido ler en galego. Unha festa clandestina, un traficante de libros, un asasinato inesperado e un interrogatorio policial compoñen os ingredientes básicos desta peza made in feita na casa.

ESCENA DE HOTEL DESGUACE

INSPECTOR: A ver, dígame algo que eu non saiba.
ROBERTO: Eu non sei nada.
INSPECTOR: Alguén dixo que...que leva aí?
ROBERTO: Eeeu?
INSPECTOR: Detective, rexistre a este individuo.
ROBERTO: Déixeme. (forcexean, cáenlle dous libros)
INSPECTOR: Ahá, así que traía a mercancía enriba. A ver que hai por aquí, Rosalía de Castro, Castelao, libros prohibidos. Non lle dará vergonza, señor Roberto? Aos seus anos.
ROBERTO: Por favor, señor inspector, que teño muller e fillos. Que vai facer? Nooon, iso non, Os vellos non deben de namorarse non. (rompen os libros)
INSPECTOR: Preparen a desintoxicación inmediatamente, este home ten unha adicción espantosa. Vostede non sabe que ler en galego prexudica seriamente a saúde? Que noxo!
ROBERTO: Fascistas!
INSPECTOR: Chamen a House e que lle apliquen unha descarga, e logo rexistren o cuarto deste subversivo.
ROBERTO: Nooon, o doutor House non.

INSPECTOR: Efectuaron o rexistro?
DETECTIVE: Si, inspector, encontramos a mercancía, libros agochados debaixo da cama e entre a roupa.
INSPECTOR: Que títulos?
DETECTIVE: Dous exemplares de Longa noite de pedra, de Celso Emilio Ferreiro e tres de Ollos de auga, de Domingo Villar, estaban aínda quentiños, inspector, alguén debeu lelos hai pouco.
INSPECTOR: Que barbaridade, este país está enfermo. Hai que desinfectar todo o edificio. Ler en galego, que perverso.

INSPECTOR: Señora Ana, bóteme o alento.
ANA: É estritamente necesario, inspector?
INSPECTOR: Obedeza. Puagh, que comeu?
ANA: Allo, inspector.
INSPECTOR: Pois a min chéirame a libro podre, señora Ana, vostede le?
ANA: Eeeeu? Só nalgunha data sinalada, inspector, case nada.
INSPECTOR: O Día das Letras Galegas dille algo? É unha data sinalada?
ANA: Non sei onde quere chegar, inspector, insinúa algo?
INSPECTOR: Ten vostede alento de Longa noite de pedra, señora Ana, cheira que fede. Cando foi a última vez que leu en galego?
ANA: O día antes de que o prohibisen, inspector.
INSPECTOR: Sométana inmediatamente a proba do polígrafo verbal.
DETECTIVE: O teito é de pedra, de pedra o chan e as reixas… Inspector, mire.
INSPECTOR: Ahá! A ver, siga.
DETECTIVE: Unha vez tiven un cravo...
ANA: Cravado no corazón.
INSPECTOR: Témola, ao calabozo, aplíquenlle a tortura 17 de maio, cantará.

ANA: Nooon.
DETECTIVE TORTURADOR. Toma outra ración de Luar. (voz do Gayoso e sintonía)
ANA: Por favor, por favor, confesarei.

INSPECTOR: Confesou?
DETECTIVE: Si, inspector, tiña lida toda a literatura galega publicada na clandestinidade.
INSPECTOR: Que barbaridade! Hai que sometela a un lavado de cerebro canto antes.
DETECTIVE: Niso estamos, inspector.
INSPECTOR: Quen falta por interrogar, detective?
DETECTIVE: Roque e Rosa, inspector.
INSPECTOR: E os enfermeiros?
DETECTIVE: Cando se produciu o crime estaban atados e amordazados, inspector. Tamén lles vendaron os ollos, non puideron ver nada, inspector. E a Luís, un dos fíos condutores desta peza teatral, deulle un infarto, inspector.
INSPECTOR: Descartados. Tráiame a Roque. Por certo, entón estamos nunha peza teatral, detective?
DETECTIVE: Iso parece, inspector.
INSPECTOR: Vaia, e hai público?
DETECTIVE: Mire para aí, inspector?
INSPECTOR: Ostrás, entón é certo. Coloque ben o uniforme, detective, que nos están mirando.




O grupo de 3º B representou unha adaptación da obra de Fernando Arrabal Pique-Nique. As escenas e diálogos absurdos nun escenario de guerra descoloca os espectadores que acaban percibindo a crítica aos conflitos bélicos. Proxectouse nesta sesión Historia de Corterríbel, unha lenda da Lagoa de Antela, un vídeo pola paz e a curtametraxe O xogo da guerra.
ZAPO: Tedes que marchar, está prohibido vir á guerra se non se é soldado.
SR TEPÁN: A min impórtame un pito, nós só queremos pasar o día contigo xa que hoxe é domingo.
SRA TEPÁN: Mira, neno, fixen tortilla de patacas, con queixo como a ti che gusta, e trouxen viño e pasteis.
ZAPO: Ummm.
SOBRIÑO E SOBRIÑA: Que rico!
SRA TEPÁN: Demo de rapaces, non toquedes nada.
ZAPO: Se o sabe o capitán cólgame, co que lle molesta iso de que haxa visitas na guerra. Repítenos sempre “na guerra, disciplina e bombas, pero nada de vsitas”.
SR TEPÁN: Xa lle direi un par de cousas a ese capitán.
ZAPO: E en que viñestes?
SRA TEPÁN: No catro latas, que atasco co tanque aquel. Veña, vaiamos comer.
SR TEPÁN: Si, o cheiro a pólvora ábreme o apetito. Nenos, axudade a pór a mesa.
SOBRIÑO E SOBRIÑA: Bah, que rollo.
ZAPO: Como co fusil?
SRA TEPÁN: Nada de fusís, é de mala educación sentar á mesa con fusil. A ver, ensíname as mans, que sucias.
ZAPO: É que me tiven que arrastrar polo chan, ma. (avergoñado)
SRA TEPÁN: E as orellas?
ZAPO: Laveinas esta mañá.
SRA TEPÁN: Poden pasar, e os dentes? Moi ben, quen lle dá ao seu meniño un biquiño por ter os dentes lavados? Porque o que non se pode consentir que co conto da guerra te deixes de lavar.
ZAPO: Si, mamá.






E, por último, a actuación estrela: o grupo dos maiores Xeito, dirixido por Manolo Fontemoura, representou Os cravos de prata, unha farsa de Nicolás Bela que conta a historia dun vello que simula a súa morte para fuxir cos cartos que tiña agochados. O alumnado fartou de rir e aplaudiu a rabiar a esta xente que leva o teatro no sangue. As nosas señoras da limpeza tampouco quixeron perder o espectáculo e botaron unhas gargalladas ben sonoras.
Parabéns e grazas!

Comentarios (0) - Categoría: TEATRO - Publicado o 23-06-2010 18:49
# Ligazón permanente a este artigo
O LUNS RECIBIMOS O GRUPO TEATRAL XEITO

O luns 21 acudirá ao noso instituto o grupo teatral Xeito de Xinzo, formado por actrices e actores xa maduriños, que represantarán Os cravos de prata, de Nicolás Bela. Dirixe o grupo Manolo Fontemoura. Seguro que botamos unhas risas coa parodia do velorio.
Comentarios (0) - Categoría: TEATRO - Publicado o 18-06-2010 20:19
# Ligazón permanente a este artigo
ESTA SEMANA TEATRO A ESGALLA
As dúas compañías teatrais do instituto levarán á escena dúas pezas: Hotel desguace, unha divertida comedia made in feita na casa sobre a 3ª idade, e Pique- Nique, adaptación realizada sobre a obra do absurdo, crítica das guerras, de Fernando Arrabal. Pasen e vexan!




Comentarios (0) - Categoría: TEATRO - Publicado o 14-06-2010 20:13
# Ligazón permanente a este artigo
PÍFANO TEATRO NO IES LAGOA DE ANTELA
Tivemos o pracer de ser espectadores do espectáculo didáctico da compañía Pífano Teatro. Mela Casal e Xavier Picallo leváronnos de paseo pola historia do teatro. Viaxamos dende a Grecia clásica ata o teatro do absurdo pasando pola Idade Media, o teatro de Shakespeare e o de Bertolt Brecht. Botamos unhas risas e logo charlamos cos actores. Ao final quedaron alumnos e alumnas de teatro que recibiron unha lección sobre como educar a voz coa respiración. Mela Casal deitouse no chan e foi moi gráfica.
Unha xente aberta e amable.


Comentarios (0) - Categoría: TEATRO - Publicado o 28-05-2010 11:16
# Ligazón permanente a este artigo
O ALUMNADO DE BACHARELATO ASISTE Á REPRESENTACIÓN D'A ESMORGA

O alumnado de bacharelato do IES Lagoa de Antela asistiu á representación d'A esmorga no auditorio de Ourense. O comportamento das xentes da comarca limiá foi excelente nun contexto en que se deron cita arredor de 600 alumnas e alumnos de diferentes centros de ensino da provincia.

50 anos d’A esmorga, de Eduardo Blanco-Amor

Cúmprense 50 anos da publicación da novela A esmorga e 30 anos do pasamento do autor, Eduardo Blanco-Amor, por iso a compañía ourensá Sarabela reestreou a obra 13 anos despois da súa primeira representación. O texto é produto dunha adaptación realizada por Begoña Muñoz e Carlos Couceiro e da cal se dramatizaron unhas escenas na biblioteca o curso pasado, con motivo das Letras Galegas. A obra fora prestada amablemente por Begoña Muñoz, o texto orixinal da adaptación, o que lle confire gran valor.
Tamén foi levada ao cine co nome de La parranda.
Na novela cóntanse as 24 horas de esmorga protagonizadas por tres mozos, o Cibrán, o Bocas e o Milhomes, na cidade de Auria, trasunto literario de Ourense, e os seus arredores. As súas andanzas son relatadas por un dos protagonistas, Cibrán, que emprega a fala popular daquela época, a un xuíz que se presupón de orixe castelá pero que non ten voz na novela. A chuvia e o alcóhol son factores importantes no desenvolvemento dos feitos.

“-
- Non señor, non, só era pra írmonos entendendo, pois xa me vou deprocatando que vostede non é deiquí...
-
- Non, señor, non; non é que me importe senón pra que me entenda, pois tamén lle tivemos un capataz, que era das partes dos murcios, que aínda falándolle na súa fala non nos entendiamos... Pois indo ó asunto, eran Xanciño o Bocas, ou o Alifante, ou o Peitodemacho, e mais Aladio o Milhomes, ou o Papaganduxos, ou o Setesaias, ou o Maricallas, tamén como a vostede lle pete, que eiquí todos temos onde escoller... Conque arrodeáronme rindo e zapicándome nas costas, i o Milhomes biliscándome na entreperna, como tiña por fodida costume, e queréndo botarme a manta por enriba. “

Comentarios (0) - Categoría: TEATRO - Publicado o 06-10-2009 17:31
# Ligazón permanente a este artigo
ROMEO E XULIETA EN PALESTINA CO GRUPO DE TEATRO DE 3º A
Os integrantes do grupo de teatro de 3º A puxeron en escena unha adaptación teatral da obra de Shakespeare Romeo e Xulieta realizada pola profesora e dramaturga Begoña Muñoz Saá baixo o título de Romeo e Xulieta en Palestina. A traxedia trasládase a Oriente Medio onde o amor entre unha xove palestina e un mozo xudeu é vítima do odio dos dous pobos enfrontados
.
Noraboa a actrices e actores pola súa dedicación e entrega!

Comentarios (1) - Categoría: TEATRO - Publicado o 22-06-2009 12:30
# Ligazón permanente a este artigo
>UN DÍA NO PARQUEi> COS DE TEATRO
Os membros do grupo de teatro de 3º C de ESO protagonizaron unhas escenas teatrais coas que o público se mondou de risa. Personaxes frikis transitaron por un parque do máis atípico, ou non. O amor triunfou, con humor, sobre a violencia e a mala educación. Ou iso cremos.Noraboa ás actrices e actores, en especial a Pablo, que só coa súa presenza camaleónica, enche o escenario.

Comentarios (0) - Categoría: TEATRO - Publicado o 22-06-2009 10:27
# Ligazón permanente a este artigo
BICOS CON LINGUA DE TALÍA TEATRO


Alumnas e alumnos do Lagoa de Antela acudiron á representación de Bicos con lingua da compañía de Cee Talía Teatro. O Auditorio de Ourense foi o lugar escollido para a posta en escena da peza escrita por Avelino González, Suso de Toro, Cándido Pazó, Xabier Lama, Manuel Núñez Singala, Ana Iglesias e Marta Etxebarría, dirixida por Avelino González e interpretada por Toño Casais e Artur Trillo.

Bicos con lingua enfoca e interpreta o tema do conflito lingüístico en clave de humor.
Non se cumpriron as expectativas de todo o mundo: o alumnado de 1º da ESO e algúns de 3º da ESO perdéronse na dialéctica verbal e non souberon interpretar a ironía que impregnaba os gags. O texto disparábase de maneira acelerada a medida que a teatralidade diminuía. E, coma sempre, parece que os tópicos sexistas dan moito xogo para ridiculizar os prexuízos sobre a lingua, só que neste tipo de parodias a imaxe que realmente queda é a de mulleres ridículas no seu papel de nais e cuxa relación se constrúe sobre unha base de permanente rivalidade.
Comentarios (0) - Categoría: TEATRO - Publicado o 14-03-2009 09:44
# Ligazón permanente a este artigo
TEATRO NO INSTITUTO

Vivimos unha hora emocionante co mundo da farándula.

Uxía Domínguez, Uxía Alonso, Álex, Andrea, Jenni, Mónica, Carolina, Cristina, Laura Paz e Miriam representaron Vellez, divino tesouro, unha farsa de cómo enganan as aparencias.

Laura Joga, Anxo, Tania Prieto, Tania Pérez, María Luisa, María Salgado, Jose, Manolo escenificaron Aqueles felices anos, unha parodia sobre as experiencias no instituto.

Escachamos coa risa!!

Máis fotos na galería da páxina web do instituto.
Comentarios (0) - Categoría: TEATRO - Publicado o 27-06-2008 10:28
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal