O FALAR NON TEN CANCELAS


ENDL IES Lagoa de Antela

O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES

ENCONTRO LITERARIO CON ANTÓN RIVEIRO COELLO

O venres pasado, 10 de marzo, celebrouse un encontro literario co escritor limiao Antón Riveiro Coello. O libro que nos convocou foi A ferida do vento, cuxo título e contido homenaxean a Carlos Casares, autor de Vento ferido. Acudiron á cita literaria, ademais de profesoras dos IES da vila e de vilas arredores coma Maceda e Verín, alumnos e alumnas integrantes do club de lectura do IES Lagoa de Antela (Ana Posada, Jeanette, Ana Fernández, Raúl e Miranda), do IES Cidade de Antioquía e do García Barbón. Despois dun ameno xantar co escritor, celebrouse un coloquio no Museo do Entroido arredor do libro. O libro resulta moi atractivo para a xeración dos sesenta de Xinzo pois nas súas páxinas crúzanse diferentes personaxes curiosos que viviron na vila limiá por eses anos, personaxes con comportamentos atípicos pero que estaban integrados na comunidade. Na historia, que trata unha parte da vida do adolescente Antón, tamén fai acto de presenza o escritor Carlos Casares. A profesora de Historia do IES Cidade de Antioquía, Conchita Rúa, que coñeceu a Carlos Casares, e Antón Riveiro Coello contaron anécdotas sobre o escritor. Antón Riveiro respondeu amablemente as preguntas formuladas polo alumnado profesorado lector e prolongouse no retrato deses personaxes que transitaron polas rúas de Xinzo algún tempo.

Só nos resta agradecer a María, profesora e coordinadora do club de lectura do IES Cidade de Antioquía, a organización do encontro.

Comentarios (0) - Categoría: VISITAS E ENCONTROS - Publicado o 12-03-2017 21:17
# Ligazón permanente a este artigo
VISITA DO CONTACONTOS CELSO FERNÁNDEZ SANMARTÍN


Alumnado de 1º ciclo de ESO e profesorado gozamos dunha sesión entretida co, sempre entrañable, Celso Fernández Sanmartín, que ademais oficiou de mestre de cerimonias e entregou os premios do concurso de contos de medo. É admirable a capacidade que ten este lalinense para contar historias e captar a atención do espectador, non calquera pode presumir de ter 160 almas de 12 a 14 anos en actitude de escoita activa.
Comentarios (0) - Categoría: VISITAS E ENCONTROS - Publicado o 20-11-2016 11:42
# Ligazón permanente a este artigo
VISITA DE PEPE CARREIRO

O debuxante Pepe Carreiro visitou o IES Lagoa de Antela para falar do seu labor como debuxante gráfico ao alumnado de 2º e 3º de ESO, que leran os seus libros Historia de Galicia e Historia da lingua, e amosounos unha pequena mostra do seu extraordinario talento artístico debuxando algúns personaxes creados por el.

Pepe Carreiro está actualmente implicado nun novo proxecto: O PAPAGAIO, un xornal escolar mensual, co obxectivo de achegar a información aos nenos e nenas, dun xeito máis apropiado á súas idade.

Comentarios (0) - Categoría: VISITAS E ENCONTROS - Publicado o 17-05-2016 20:49
# Ligazón permanente a este artigo
CÁNDIDO PAZÓ REPRESENTOU MEMORIAS DUN NENO LABREGO NO INSTITUTO

Cándido Pazó, actor e dramaturgo, realizou unha representación para o alumnado de 1º ESO e 2º de BAC de Memorias dun neno labrego, do recentemente finado Xosé Neira Vilas. Asistiron alumnas e alumnos do IES Cidade de Antioquía. A representación foi subvencionada polo Concello de Xinzo de Limia.

Unha alumna de 1º ESO elaborou unha crónica da actuación:

Cándido Pazó fixo unha representación do libro “Memorias dun neno labrego” escrito por Xosé Neira Vilas. Esta tivo lugar no salón de actos do IES Lagoa de Antela “ás 11.30 da mañá”” do 4 de marzo”. Acudiron os alumnos e alumnas de primeiro da ESO dos dous institutos cos seus respectivos mestres. O mellorciño da obra eran as intervencións que facía para contarnos un chiste, así como os efectos especiais, que dependendo da escena eran máis impresionantes ou menos. O que menos me gustou desta foi que nas escenas nas que se sentaba no chan, non nos deixaba ver aos de atrás. Foi un gran monologuista, capaz de entreter a máis de 300 nenos durante unha hora e media. Os alumnos esperaremos impacientes a que nos volva a engaiolar con outra das súas representacións máis adiante.

Paula Porto Urbano 1º B

Comentarios (0) - Categoría: VISITAS E ENCONTROS - Publicado o 10-04-2016 10:50
# Ligazón permanente a este artigo
CONFERENCIA DA FOTOXORNALISTA ANNA TURBAU

O pasado mes de marzo a fotoxornalista Anna Turbau impartiu unha charla moi interesante ao alumnado de 4º ESO e 1º de BAC sobre o seu labor profesional en Galicia na época da Transición. A fotógrafa catalá estivo traballando na nosa terra a partir da morte do ditador para a revista Interviú e documentou graficamente noticias de relevancia nunha época de cambios e movementos sociais, como a mobilización dos veciños en contra da autoestrada do Atlántico ou as primeiras celebracións do nacionalismo galego.
Anna Turbau acompañou a súa disertación con fotos da súa produción, fotos impactantes que hoxe son un valioso documento gráfico desa época. O seu labor profesional aparece recollido no interesante documental A mirada de Anna, de Llorenç Soler, onde diferentes figuras do xornalismo e da política conversan sobre a trascendencia da súa obra e dos acontecementos fotografados.

A fotoxornalista foi presentada polas alumnas de 4º ESO Ana Martínez e Érika Atanes.



Comentarios (0) - Categoría: VISITAS E ENCONTROS - Publicado o 31-03-2016 20:41
# Ligazón permanente a este artigo
CONTOS DE DEFUNTOS COA TROPA DE TRAPO

O alumnado de 2º e 3º de ESO aistiu a unha sesión de contacontos no Salón de Actos. A Tropa de Trapo creo un clima de suspense cos seus contos de defuntos que fixo as delicias do público.

Esta actividade foi planificada en colaboración co departamento de lingua, que sufragou os gastos da representación.
Comentarios (0) - Categoría: VISITAS E ENCONTROS - Publicado o 15-11-2015 20:16
# Ligazón permanente a este artigo
CONFERENCIA DE VICENTE FEIJOÓ ARES SOBRE TOPONIMIA

Francisco Prol elaborou a crónica da visita de Vicente Feijoó Ares, que foi presenatado pola directora e profesora de Lingua Pilar Barandela.


Cun pé xa nas ansiadas vacacións de Nadal, visitounos o día vinte de decembro, o filólogo Vicente Feijoó Ares.
Este investigador e membro da Comisión de Toponimia da Xunta, mantivo un interesantísimo encontro de case dúas horas cos alumnos de 1º e 2º de bacharelato. Explicounos o que é a toponimia, a súa relación coa historia, coa lingua e coa cultura. Tamén soubemos cales son os seus métodos de traballo e como se utilizan as novas tecnoloxías nestas investigacións.
Sorprendeunos cos significados de moitos dos topónimos da nosa contorna. Entre eles podemos salientar os seguintes: Limia (limo-palabra de orixe preindoeuropeo-), Xinzo (Genético- nome de persoa), Trasmiras (detrás do sitio da auga), Saínza (salgueiro), Chamusiños (chamizo), Porqueira (abundancia de xabarín), Quintas (finca dividida en 5 partes), Os Blancos (do apelido Blanc), Calvos (lugar de pouca vexetación), Sarreaus (xente que veu de Sarria), Faramontaos (xente que veu de fóra do monte-de Castela-).
Mostrounos espectaculares e únicas fotos de penedos, explicándonos a relación dos seus nomes con cultos, ritos e lendas. Así descubrimos a Pedra dos namorados do Pindo, onde os namorados poden coñecer o porvir da súa relación. A Pedra do oso, roubada do seu entorno para adornar un xardín e logo restituída. O Penedo das fatigas, onde os celtas realizaron posiblemnente os seus rituais de sacrificio. A Porta do Alén de Cercedo que comunica aos vivos cos do máis alá. O Penedo da Raíña Loba e o Penedo do Angaraño de Sarreaus.
Descubrimos pedras que emiten diferentes sons e outras que se moven (abalan) incluso co vento, aínda que pesan toneladas e que se manteñen ergueitas nun imposible equilibrio.
Aprendemos a apreciar a importancia de non perder os nomes que só se conservan na memoria dos nosos avós, esa enorme riqueza de topónimos que forma parte do noso patrimonio cultural.
Comentarios (0) - Categoría: VISITAS E ENCONTROS - Publicado o 28-12-2012 18:09
# Ligazón permanente a este artigo
Mª EUGENIA MUÑOZ FALOUNOS DE RISCO E A CULTURA EXIPCIA

As momias xa non teñen segredos para nós

A semana pasada tivemos unha interesante charla no instituto sobre o relato de Vicente Risco "Do caso que lle aconteceu ao doutro Alveiros" impartida pola exiptóloga ourensá Mª Eugenia Muñoz Fernández, colaboradora da Fundación Vicente Risco. Ela explicounos a importancia do corazón na antiga cultura. Sabiades vós que este órgano se pesaba cunha pluma sagrada e que se non pasaba a proba a momia non podía entrar no "inframundo"? Eugenia falounos tamén de Tutankamon, un importante e rico faraón, cuxa momia foi a última atopada no Val dos Reis e que tivera un pai que desaparecera por intentar impoñer o monoteísmo. Coñeciamos a Vicente como escritor polas súas historias de lobos pero... descoñeciamos a súa afección pola cultura exipcia, de feito el falaba de Tutankamon antes de ser descuberto. Marchamos á casa coas nosas dúbidas resoltas despois dunha enigmática charla.


Jon Martínez Delgado, 1º C de ESO
Comentarios (0) - Categoría: VISITAS E ENCONTROS - Publicado o 29-11-2011 13:43
# Ligazón permanente a este artigo
ALBA PROL CID FALOU DA LINGUAXE NOS MEDIOS DE COMUNICACIÓN

Alba Prol Cid, licenciada en Comunicación Audiovisual e antiga alumna do noso instituto, volveu ao centro para impartir unha charla sobre "A linguaxe nos medios de comunicación". Abriunos os ollos sobre como funcionan os medios, como deciden o que é actualidade, como transmiten a ideoloxía e valores dominantes, como priman o verosímil sobre verídico, a súa falta de obxectividade, a influencia na opinión pública, a sobreinformación e o exceso de mensaxes sen contido ou con contido distorsionado... Expuxo exemplos de manipulación que nos sorprenderon e insistiu na necesidade de desenmascarar o aparente e ser crític@s.

Unha sesión interesante que agradecemos dados os tempos que corren, de difamación e calumnias e de medios facéndose eco destas e non dos desmentidos.

Grazas, Alba, foi un pracer escoitar as túas palabras.


Aquí podedes ver Tan preto, tan lonxe, un interesante documental realizado por Alba Prol e Sabela Iglesias, sobre diferentes espazos de comunicación coexistindo na mesma sociedade. Seguro que non deixa indiferente e provoca a reflexión.



- Curtametraxe proxectada no Foro da Cidadanía e da Comunicación 2008 (Facultade de Ciencias da Comunicación · USC)

- Curtametraxe-documental preseleccionada no concurso do Festival de Curtas ON&OFF de Ribadeo 2008.


Dirección_Aniamas
Produción_Alba Prol e Sabela Iglesias
Operadoras de cámara_Isabel Rey e Irene Suárez
Edición e montaxe_Alba Prol e Sabela Iglesias
Postprodución_Irene Suárez, Isabel Rey e Sabela Iglesias


Tan preto e tan lonxe from Sabela Iglesias on Vimeo.

Comentarios (0) - Categoría: VISITAS E ENCONTROS - Publicado o 14-05-2011 12:43
# Ligazón permanente a este artigo
UNHA XORNADA CON LEO CALDAS E DOMINGO VILLAR EN PANXÓN
“O inspector Leo Caldas saíu do taxi e saltou por riba das pozas ata a beirarrúa.”

Así comeza a novela A praia dos afogados de Domingo Villar, o indiscutible éxito da literatura galega que dende o verán pasado segue superando recordes. O luns desprazámonos en dous autobuses a Panxón para escoitar unhas palabras do autor e percorrer o itinerario da novela. Gozamos das vistas de Monteferro, sentimos as voces dos afogados na praia da Madorra, admiramos a o Templo Votivo do Mar, unha marabilla modernista de Antonio Palacios, e paseamos polo porto pesqueiro de Panxón. Algúns mesmo se armaron de valor e mergulláronse na praia recollida da vila, libre de turistas. O itinerario foi amenizado por Ana, unha actriz que escenificou con algúns alumnos partes da novela. Recoñecemos o talento de Pablo, Anxo, Manuel Quelle, Miguel García e Iván que formaron parte da farándula e gozaron sendo protagonistas literarios.
Na praia da Medorra tiven a oportunidade de charlar cunha señora de idade que se sumou, curiosidade espertada por tanta adolescencia xunta, á turba. Contoume que ela encontrara un afogado había non moito, só trinta anos, e que a esa praia ían parar moitos mariñeiros estranxeiros porque bebían e iso provocaba que se descontrolasen e perdesen o siso, chocando coas rochas que rodean as Illas Estelas. Curioso o destino, o azar traste que nos depara sorpresas.
Quizais o misterio da relación con Alba se resolva na 3ª parte das andanzas de Leo caldas e Rafael Estévez, o aragonés que xa comeza a entender a forma de ser dos galegos. Agardámola impacientemente!


Comentarios (1) - Categoría: VISITAS E ENCONTROS - Publicado o 14-04-2010 21:57
# Ligazón permanente a este artigo
VISITA DE MANUEL MANDIANES AO IES LAGOA DE ANTELA

O antropólogo Manuel Mandianes, natural de Loureses (concello d’Os Blancos) impartiu unha amena e distendida charla no IES Lagoa de Antela. Prolongou a sesión cunha mesa redonda onde contestou as preguntas que lle formularon os asistentes e as mozas do club de lectura de 1º de BAC (Beatriz, Úrsula, Mirian, Susana, Noelia, Uxía e Isabel). Podedes acceder á entrevista que lle realizaron no blog da revista No Límite.

Manuel Mandianes Castro é doutor en Etnografía e Antropoloxía, en Ciencias Sociais e Socioloxía, e en Teoloxía e investigador da Institución Milá i Fontanals do Consejo Superior de Investigaciones Científicas dedicada aos estudos humanísticos. Autor de Loureses, antropoloxía dunha parroquia galega (1984), Las serpientes contra Santiago (1989), El valle de Josafat. Un fresco de la España actual (1993), En cueros vivos. Pensamiento de C.J.C. sobre el hombre” (2002) e O burro (2002). Co-autor xunto con Olegario Sotelo Blanco de A concentración parcelaria(1994), con Josefina M. Antón de “O ciclo da vida” (1994), con Xosé Luís Martínez Carneiro e outros, Antela, A memoria asolagada (Xerais 1997). Ten publicados centenares de artigos en revistas especializadas de españa, Portugal, Francia, Bélxica e Grecia.
Comentarios (2) - Categoría: VISITAS E ENCONTROS - Publicado o 22-02-2010 11:41
# Ligazón permanente a este artigo
FALANDO GALEGO NO VAL DO ELLAS
Na provincia de Cáceres fálase unha variante lingüística mestura de galego-portugués e asturiano, produto das repoboacións do século XII e XIII. Tres concellos (Valverde du Fresnu, Ellas e San Martín de Trevellu) falan valverdeiru, lagarteiru e mañegu. Falamos con Francisco, un dinamizador lingüístico que promove e defende a conservación da lingua. E como se conserva unha lingua? Falándoa, claro.


Comentarios (1) - Categoría: VISITAS E ENCONTROS - Publicado o 23-10-2009 08:12
# Ligazón permanente a este artigo
ALBA PROL CID FALOU DA LINGUAXE DOS MEDIOS DE COMUNICACIÓN

Alba Prol Cid, vella alumna do IES Lagoa de Antela, deu unha charla sobre “A linguaxe nos medios de comunicación” ao alumnado de 1º de BAC. Ela, que vén de rematar a carreira de Comunicación Audiovisual na Universidade de Santiago de Compostela, expuxo dunha maneira clara e precisa a influencia no comportamento das persoas, sobre todo dos adolescentes, do chamado 4º poder.

Destacamos algúns aspectos da súa interesante conferencia ao respecto dos medios de comunicación:

A importancia da imaxe: vale máis parecer que ser.
A difusión de estereotipos a través dos programas e da publicidade.
A audiencia como factor determinante na emisión de programas e apublicidade como financiadora de programas.
A presenza perniciosa dos estereotipos verbais, xeradores de prexuízos.
A supremacía da cantidade sobre a calidade nos produtos audiovisuais.
A mercantilización e o factor ideolóxico no enfoque da programación.
A pervivencia das mensaxes subliminais a pesar de estaren prohibidas.
A influencia nefasta de programas- lixo, series televisivas e publicidade no comportamento dos e das adolescentes.
Os e as adolescentes como principal obxectivo de mercado: encaixan no perfil de consumidores influenciables.
A existencia do fluxo monodireccional da comunicación, do norte ao sur, e o perigo de aculturización.
A presión do castelán sobre o galego no ámbito mediático.

Alba Prol rematou pedindo ao auditorio que non se deixe enganar, QUE DESCONFÍEN E SEXAN CRÍTICOS.
Deixounos como agasallo unha curtametraxe en que participou que trata sobre espazos que coexisten pero que non se tocan e que se titula Tan preto e tan lonxe.

Grazas, Alba, foi un pracer.
Comentarios (1) - Categoría: VISITAS E ENCONTROS - Publicado o 02-05-2009 09:08
# Ligazón permanente a este artigo
DIEGO AMEIXEIRAS DEU UNHA CHARLA NO LAGOA

Diego Ameixeiras acudiu ao IES Lagoa de Antela para compartir a súa visión do xénero negro na literatura co alumnado de 1º de BAC. O escritor foi presentado por Raquel Martínez, saciou a curiosidade dalgunhas persoas e contou como deseñara o personaxe do detective Horacio Dopico, protagonista das novelas Baixo mínimos e O cidadán do mes. Tamén falou de como se aborda o proceso de creación de guións xa que traballa como guionista en series da Televisión de Galicia.
Comentarios (0) - Categoría: VISITAS E ENCONTROS - Publicado o 31-03-2009 10:19
# Ligazón permanente a este artigo
SERAFÍN ALONSO PINTOS DISERTOU SOBRE SARMIENTO

Serafín Alonso Pintos, investigador do equipo do Proxecto Sarmiento do Consello da Cultura Galega, doutor en Filoloxía Galega e profesor de Lingua no IES Abrente de Ribadavia, disertou sobre a figura e labor do Pai Sarmiento. Falounos sobre a importancia do legado que o ilustrado nos deixou e que, por non ser publicado no seu momento, aínda se está a investigar.
Contounos como o frade foi un ilustrado que se interesou por multitude de temas e ciencias e de todas fixo o seu obxecto de estudo: filoloxía, historia literaria, historia natural, botánica, xeoloxía, matemáticas, física...
Serafín Alonso destacou do erudito a súa perspectiva e ideario progresistas sobre certos temas, e que, con toda probabilidade, fora esta maneira de pensar a que o levase a non publicar, dado o pensamento escurantista da oligarquía da época.
Merece que mencionamos deste ideario e forma de actuar:
A investigación a pé de campo, rexistrando o saber do pobo in situ.
A defensa da educación das mulleres e da súa opinión, nunha época en que as mulleres estaban excluídas da vida social e non tiñan acceso ao coñecemento escrito.
A defensa do galego como idioma irmán do castelán, nunha época en que se cría que este era un castelán mal falado.
A defensa dun ensino non memorístico, experimental e sen castigo, nunha época en que a violencia formaba parte do proceso de aprendizaxe.
Comentarios (0) - Categoría: VISITAS E ENCONTROS - Publicado o 17-11-2008 22:28
# Ligazón permanente a este artigo
O LEO I ARREMECÁGHONA NO IES E AS REDES ESCARLATA EN AGUILHOAR: FESTA RACHADA DA PALABRA EN XINZO!!
IES LAGOA DE ANTELA

VENRES 3 DE OUTUBRO 13:20 HORAS

O Salón de Actos do instituto foi o escenario para que se partiran o cu da risa (nunca mellor dito) as persoas alí presentes. Actuou O Leo e saíu o seu álter ego, o Arremecághona, facendo vibrar as paredes. Primeiro viñeron os haikus, performance escatolóxica perfumada, e logo os decibelios, con voces contorsionadas e coros do público entregado.



AGUILHOAR, O LEO, NÓS E AS REDES ESCARLATA

SÁBADO 4 DE OUTUBRO 22:00 HORAS

Despois dos beixos, as tapas e os tragos chegaron as palabras. A fartar, descosidas, sobre nós outros versos pendurados. Mentres o Xabier exercía de anfitrión andaban o Rubén e o Diego que non daban abasto coa sede dos presentes. A xente nova mataba o tempo xogando ao futbolín, dándolle sebo á lingua ou rillando un bocata, por alí transitaban a Raquel, o Iago, a Laura, a Marta, a Sonia, a Esther, o Adrián, a Elisa, a Jasmin e a Victoria, e tamén a Oriana, a Alba, o Brais, o X. Manuel, a Nair e o Isaac. Alí case ninguén sabía quen era poeta ou aspirante. Andaba o Leo de mecánico remexendo entre os cables e o Calís á procura de horizontes de lanterna. De okupa na barra o Xaquín e a Chus atuada na lagoa, coa Quimera. Cando todo era un neboeiro entraron o Anxo e o Aser. Entón, por fin, rebotaron contra o peito as voces esperadas, as propias e as roubadas. Sobre elas, os aplausos. E logo veu o Leo coa súa dinamita e os disparos. No medio da festa irromperon o Manuel e tamén a Raquel, a Alba e a Laura, antigas habitantes das nosas aulas (a rima non foi premeditada, ollo!).

Destas guerras veñan balas!!

Xa están as fotos colgadas en Aguilhoar:

http://agal-gz.org/blogues/index.php/aguilhoar
Comentarios (2) - Categoría: VISITAS E ENCONTROS - Publicado o 07-10-2008 22:51
# Ligazón permanente a este artigo
E TOUPAMOS COA RISA!!

Celso Fernández Sanmartín compartiu connosco as súas historias e o Salón de Actos escachou a rir. As alumnas e alumnos de 2º e 4º da ESO gozaron con este personaxe que parecía ter saltado dun conto de Ánxel Fole ou dunha lareira. Desta guerra veñan balas.
Comentarios (0) - Categoría: VISITAS E ENCONTROS - Publicado o 16-05-2008 17:29
# Ligazón permanente a este artigo
A POESÍA MORDEUNOS, A POESÍA TEN DENTES.

A POESÍA MORDEU EN NÓS PORQUE TEN DENTES.
GRAZAS A XABIER E A TODAS AS ALUMNAS E ALUMNOS QUE O ACOMPAÑARON: ELSA, GABRIEL, ELISA, VICTORIA, LAURA, VANESA, CRISTINA, IAGO, SELENE, JESSICA, ALBA, SONIA, MAIMUNA, FATIMA, VINICIUS, SMAYLEN, RANDY, IONUT, JASMIN, AO ALUMNADO DE TEATRO DE 3º D ( MARÍA LUISA, MANOLO, MARÍA, LAURA, JOSÉ, TANIA PRIETO, TANIA PÉREZ, ANXO) E DE 3º C (LAURA, ANDREA, JENNI, CAROLINA, UXÍA ALONSO, CRISTINA, MIRIAM, MÓNICA, UXÍA DOMÍNGUEZ, ÁLEX). PRESTARON A SÚA VOZ AOS POEMAS DE XABIER E ENCHERON DE EMOCIÓN O ESPAZO –TAN LÚGUBRE- DO SALÓN DE ACTOS.



onde gardamos as bágoas para cando ardan os ancares?

ben imos chorar no día en que morra o último vello
e o país sexa un museo de ferralla do trinque
e arañeiras afumadas pendurando das trabes
coma veos

ónde esas bágoas e o óxido post-pranto
que ha vir
que xa ventamos
que xa é tradición entre o enxebre enxugar de ollos
e a mirada a un metro por diante dos pasos
resignada coma o volver empezar
a envelenarse

ónde as bágoas todas que nos faltan
inda
para a confirmación do devir colectivo
que agarda aos que aprenderon a nadar de nenos
coma os cans
o xusto para aboiar na lagoa que escacha coa risa
ao procurármola
por entre os sucos acugulos de terróns
por baixo deles
/
e por riba
as migallas que nos restan do que seica é chaira
e cortaventos
a pingaren da cámara dixital para devolvernos virtualmente
o que xa case nin foi
e esmorece
e calan
... e non sabemos cánto queda para rematar a obra comunal
o monumento ao pranto que tecemos no borde de todos os abismos
e non volta ningún dos que un día subiron ao monte
e non voltaron
e non volta o perfume a chumbo trazando vieiros imposibles
toda a noite
e non volta o guerrilleiro coa palabra na boca e un mañuzo de versos no
[fardel ao lombo
e non volta o violador do escuro
o amante da terra
o fecundador das poulas
e non volta o seu esperma salferindo a noite
e non volta a xustiza pola man para escribir na marxe dos parágrafos
as pasaxes censuradas
e non volta
e non volta
non volta
... e non sabemos cánto
cánto lle queda á fonte que nos nutre a contagotas

se vai rachar dunha vez o espello
ou se imos aboiar para sempre
neste anaco de vidro
a carón dos dentes






Xabier Xil Xardón De cadáveres no espello (inédito)



Comentarios (3) - Categoría: VISITAS E ENCONTROS - Publicado o 25-04-2008 12:38
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal