Por terceiro ano consecutivo celebrouse o desfile do alumnado dos diferentes centros da vila polas rúas de Xinzo. Os disfraces máis vistosos corresponderon á xente cativa.
A choiva e o frío non lograron frear esta actividade que consegue convocar moito público da vila.
Con "certo retraso" colgamos algunha foto da festa máis celebrada na comarca d'A Limia e máis apreciada e esperada polo alumnado do IES Lagoa de Antela: o Entroido.
No instituto o departamento de Plástica convocou o tradicional concurso de máscaras.
Celebramos o Entroido no instituto. A gran festa popular da bisbarra limiá desembarcou no instituto con alegría contaxiosa e balbordo.
O departamento de Plástica, coma todos os anos, convocou o concurso de máscaras, con gran éxito de participación e orixinalidade. O venres 8 celebrouse o festival de disfraces: parodias, monólogos, bailes, cancións, actuacións improvisadas e comparsas amenizaron a velada. Risas e aplausos a rabiar.
O sábado pasado celebramos o tradicional magosto de profesorado e cativos no CDR O Viso de Lodoselo. Como é costume foi organizado por Tomás García, profesor de Bioloxía, e Carmen e Toño, as persoas que xestionan o centro.
Coma todos os anos, elaboramos o pan artesanalmente, realizamos paseos terapéuticos polo contorno e @s nen@s participaron nuns obradoiros de reciclaxe, coiro e barro con obxectivos ambientais. Para rematar a xornada, asamos castañas e cogomelos e comemos bica de Laza.
Xinzo forma parte do triángulo máxico do Entroido e, como non podía ser doutra maneira, esta tradición imprégnao todo. Xa ha un mes que o ambiente "cheira" a festa, a transgresión. Velaquí unhas fotos do festival celebrado no instituto, onde se repartiron diversos premios. Circularon polo escenario pitonisas, vermes, concursantes e mesmo recibimos a duquesa de Alba. Entre cantos, bailes e risas tod@s recibiron moitos aplausos.
Xosé Manuel Méndez, profesor de Tecnoloxía, elaborou esta felicitación de Nadal para toda a comunidade educativa do IES Lagoa de Antela de Xinzo de Limia. Nela vese o calendario, tamén deseñado por Xosé Manuel, que se repartiu en todos os centros da vila para conmemorar o décimo aniversario do pasamento do escritor limiao Carlos Casares.
A foto da Torre da Pena é do alumno de 3º de ESO Adolfo Dacal, gañador tamén do concurso de postais organizado polo Departamento de Plástica.
Coma estes anos atrás, o EDLG organizou o magosto para profes, ex-profes, cónxuxes e sobriñ@s e fill@s no CDR O Viso de Lodoselo. Natalia conxurou o mal tempo con non sei que ritos pagáns e funcionou.
O pan e os xogos seguen a ser as actividades protagonistas, aínda que ver uns años acabados de parir foi todo un espectáculo.
Velaquí unha pequena mostra dunha xornada inesquecíbel!
Chegou o entroido á Limia! Para os que non somos de zonas tan festeiras, o entroido significa filloas da pedra, orellas, un cocido coa familia... E, se cadra, disfraces para os máis cativos. Pero aquí as cousas son doutra maneira.
Por vez primeira o desfile foi no interior, o salón de actos é bastante máis acolledor que o xélido patio do IES, os que levaban pouca roupa non pasaron frío (mirade que feliz estaba a noiva), os que levaban vestidos longos non corrían risco de que se mollasen, e o xurado podía estar sentado ao quente. Iso si, algúns deberon pasar o seu ao ter que montar todo o escenario.
Sería imposible citar a todos e cada un dos participantes, pero a primeira sorpresa levámola ao ver a un membro da Benemérita ao cargo dos ordenadores. A partir de aí vimos como outros membros do equipo directivo eran bruxas (só este día?), e como o alumnado se convertía en nenas pequenas, en moscas, en mimos, en comecocos, en ciclistas ... Pero as fotos xa dan conta de todo isto. O que quero destacar é o que non transmiten as fotos, a sensación que moitos dos alí presentes experimentamos ao ver como na parodia dunha voda xitana cantaban o ?cheli? dúas alumnas desa étnia. Calquera podería pensar que o alumnado deste grupo social se molestaría pola escolla dos seus compañeiros, pero en lugar diso, participaron no seu xogo. E non só iso, os mozos de 2º de bacharelato contan coa colaboración de dúas rapazas de 1º da ESO.
A voda xitana era o único grupo-clase, ata 27 se puxeron de acordo para disfrazarse, só lles quedan unhas semanas no IES, pero seguro que recordarán durante moitos anos os aplausos que conseguiron ese día, non só polo disfrace, máis aínda por levarse ben.
Rescatamos aquí o documental realizado por unhas alumnas do noso instituto e dirixido por Roxelio Barbosa, profesor que actualmente traballa no IES Allariz, sobre o Entroido.
Como a lotaría non nos tocou o noso equipo decidiu paliar a sensación de fracaso cun agasallo á comunidade educativa, ás librarías e ás bibliotecas da comarca: un marcapáxinas-calendario e un calendario de mesa con fotos e versos de Lois Pereiro, poeta que será homenaxeado nas Letras Galegas este ano 2011. Grazas a Rosa, do IES Julio Prieto Nespereira, e a Sheila, do IES Monte Carrasco, polos deseños de ambos calendarios.
Tamén colgamos uns vídeos dalgunhas actuacións no Festival de Nadal no instituto. Non me digades que non hai morbo nas voces e no ritmo corporal dos profes!
O sábado 13 celebramos o magosto en Lodoselo. Algúns profes e xente miúda gozamos outro ano co magosto organizado por Tomás e o CDR O Viso.
Elaboramos pan á maneira tradicional, gozamos dos xogos populares, acariñamos os burros, realizamos un roteiro á Pena da Moura, asistimos a un espectáculo de maxia e comemos castañas e outros produtos da terra.
Grazas a todas esas persoas que contribuíron a que esta xornada fose inesquecíbel.
Para perpetuar os bos momentos confeccionamos un vídeo con algunhas imaxes dese día.
Hai catro semanas que o Entroido irrompeu n?A Limia. Aos domingos Fareleiro, Oleiro e Corredoiro séguelle agora a semana máis festeira e transgresora do ano (e aínda quedará como remate o domingo de Piñata). A subversión e o exceso é o máis característico do Entroido, sen dúbida unha concesión do poder para manter intacto o sistema.
As pantallas, máscaras típicas de Xinzo, sairán estes días á rúa para facer soar as vexigas e sancionar cunha rolda de viños a quen sorprendan sen disfraz.
No instituto celebramos o venres 12 esta festa que ten a súa orixe en ritos pagáns de orixe precristiá. Ao tradicional concurso de disfraces e comparsas sumóuselle a entrega de premios do concurso de máscaras organizado polo departamento de Plástica cuxos primeiros premios de senllas categorías recaeron en dous membros do equipo de normalización: Adolfo Dacal e Miguel Carballo. Para eles a máis cálida noraboa. O 1º premio de disfraces na categoría individual foi para Miguel García e na categoría de grupo para A Gripe A. Que gocen cos premios!
FESTA DE ENTROIDO NO IES LAGOA DE ANTELA on PhotoPeach
Se as xentes do Ribeiro, como dxo alguén, nacen co virus da uva inoculado no sangue, as xentes da Limia nacen co virus do entroido inxectado nas veas.
Celebrouse o entroido no instituto con variedade de disfraces e ambiente de festa.