Mañá celebramos o Día da Paz con varias actividades, destacamos a de Paraugas pola Paz e Abrazos Gratis na Biblioteca. Máis información no blog lector Nós tamén navegar.
Novas lendas en VTelevisión. Unha de Bóveda, en Lugo, onde existe un lugar que se chama a Pena da Moura, igual que nalgunhas zonas d'A Limia; e outra sobre a mítica Santa Compaña, a procesión de ánimas que vaga por toda a nosa terra.
Ás 23:45h proxéctase na televisión galega a película Sinbad, a adaptación cinematográfica de Antón Dobao da obra Se o vello Sinbad volvese ás illas de Álvaro Cunqueiro. Neste ano que se pecha celebrouse o centenario do nacemento do escritor,autor de Merlín e familia e O incerto señor don Hamlet. d
Xosé Manuel Méndez, profesor de Tecnoloxía, elaborou esta felicitación de Nadal para toda a comunidade educativa do IES Lagoa de Antela de Xinzo de Limia. Nela vese o calendario, tamén deseñado por Xosé Manuel, que se repartiu en todos os centros da vila para conmemorar o décimo aniversario do pasamento do escritor limiao Carlos Casares.
A foto da Torre da Pena é do alumno de 3º de ESO Adolfo Dacal, gañador tamén do concurso de postais organizado polo Departamento de Plástica.
Agustín Fernández Paz recibiu o Premio Iberoamericano SM que se lle entregou na FIL de Guadalajara, México, o 29 de novembro de 2011. Antes da entrega "Ler para transformar o mundo", en que defende e fala dos beneficios da lectura e do oficio de escribir.
A semana pasada tivemos unha interesante charla no instituto sobre o relato de Vicente Risco "Do caso que lle aconteceu ao doutro Alveiros" impartida pola exiptóloga ourensá Mª Eugenia Muñoz Fernández, colaboradora da Fundación Vicente Risco. Ela explicounos a importancia do corazón na antiga cultura. Sabiades vós que este órgano se pesaba cunha pluma sagrada e que se non pasaba a proba a momia non podía entrar no "inframundo"? Eugenia falounos tamén de Tutankamon, un importante e rico faraón, cuxa momia foi a última atopada no Val dos Reis e que tivera un pai que desaparecera por intentar impoñer o monoteísmo. Coñeciamos a Vicente como escritor polas súas historias de lobos pero... descoñeciamos a súa afección pola cultura exipcia, de feito el falaba de Tutankamon antes de ser descuberto. Marchamos á casa coas nosas dúbidas resoltas despois dunha enigmática charla.
Era unha noite fría de inverno, con xeada e carambelo; unha desas noites nas que nin tan sequera os lobos saen dos seus acubillos.
Na taberna do Vilas os homes quentaban os corpos a carón do lume e os seus espíritos quentábanos con augardente. Risas, cantigas xogos e fachenda estaban patentes nas súas historias e nas súas apostas mentres todo isto sucedía. José “o curto” escoitaba e caneaba coa cabeza cada vez que un dos homes contaba unha valentía, farto xa de escoitar tantas barrabasadas díxolles a ver que era tan valente de ir ó campo santo de noite e cravar unha punta no medio dos nichos. Entón…en toda a sala fíxose un silencio espectral, só roto pola voz estridente de Xoán o Chosco, un mangallón bruto coma un arado de vertedeira que se gababa de escachar os miolos dos lobos coa man aberta, dicindo: “Iso fágoo eu sen vea nin candil”.
Pedíronlle a punta e o martelo ó dono da taberna, e Xoán levantouse dun chimpo, mirou ós compañeiros e marchou fachendoso ó cemiterio, primeiro ía moi ás présas, pero a medida que se achegaba ó seu destino, os seus pasos tornábanse máis e máis pesados. Cun grande esforzo empurrou a cancela que había para entrar e escoitouse un son agudo infernal. Chegou ó lugar sinalado baixo a testemuña das tumbas, alí agachouse e agarrando cunha man a punta e coa outra o martelo, dando golpes repetitivos, enterrou a punta ata o fondo, incorporándose rápido para saír canto antes daquel sitio que comezaba a darlle arrepíos. Ó dar dous pasos…sentiu que turraban por el, xeóuselle o sangue e foi incapaz de mirar para atrás.
Á mañá seguinte no medio do cemiterio, atoparon o corpo frío de Xoán o Chosco, estaba morto e tiña unha punta cravada na súa capa.
Coma estes anos atrás, o EDLG organizou o magosto para profes, ex-profes, cónxuxes e sobriñ@s e fill@s no CDR O Viso de Lodoselo. Natalia conxurou o mal tempo con non sei que ritos pagáns e funcionou.
O pan e os xogos seguen a ser as actividades protagonistas, aínda que ver uns años acabados de parir foi todo un espectáculo.
Velaquí unha pequena mostra dunha xornada inesquecíbel!
As mouras e os castros son o tema deste novo programa de Lendas Vivas, de V Televisión.
O imaxinario popular conecta o inframundo co mundo externo a través destes seres míticos que viven nos castros.
«Lendas Vivas» Santa Mariña de Augas Santas en V Televisión.
Unha lenda con raíces limiás da veciña aldea de Santa Mariña de Augas Santas, pertencente ao concello de Allariz. Neste capítulo relátase e escenifícase a lenda.
O culto á auga, ás pedras e ás árbores polos habitantes destas terras antes da chegada dos romanos maniféstase en construcións de orixe precristiá en paraxes naturais únicos, ateigados de penedos, castiñeiros, carballos e mananciais. A tradición cristiá apropiouse deste culto e reconverteuno. O caso de Santa Mariña de Augas Santas é un exemplo.
O EDLG xunto co equipo da biblioteca organizamos e celebramos o Samaín na biblioteca. Destacamos o concurso de cabazas e contos de medo así como a escenificación de contos de medo por parte do alumnado de teatro.
Era unha noite fría de inverno, con xeada e carambelo; unha desas noites nas que nin tan sequera os lobos saen dos seus acubillos. [...]
Aquela noite de novembro está gravada na miña mente e nunca a esquecerei. [...]
Todo o que din da morte é falso. Non vas ao ceo ou ao inferno nin a calquera outro lugar imaxinable. Todo está escuro. Igual que o día no que apareceron. [...]
Así comezan os relatos gañadores, proximamente subiremos o texto que falta, mentres tanto que vos devore a curiosidade. Chegará o pánico.
O EDLG xunto co equipo da biblioteca organizamos e celebramos o Samaín na biblioteca. Destacamos o concurso de cabazas e contos de medo así como a escenificación de contos de medo por parte do alumnado de teatro (parabéns a Kelly, Adolfo, Toño, Juanjo, Édgar e José Manuel pola súa magnífica estrea teatral, vencido o pánico escénico) así como a entrega do público e as delicias do alumnado de PCPI de Cociña.
O grupo de teatro de 3º C (Alba, Benita, Marcos, Carlos, Juanjo e Álvaro) representou A princesa que non quería ser princesa, unha peza confeccionada para a ocasión.
Este curso recollemos estas lendas da comarca d'A Limia. Podedes ler máis no blog No Límite. Seguimos co proxecto de recollida da tradición oral grazas á colaboración do alumnado. Grazas.
Alba Domínguez, de 3º C de ESO, dramatizou unha lenda da súa aldea.
Colgamos os traballos sobre toponimia e microtoponimia d'A Limia realizado polo alumnado de Bac.
OS BLANCOS
MOURIL: (Lat. Mauru) Pequena aldea situada nas proximidades do concello onde, segundo os veciños, había moitas mouras.
VILARIÑO DAS POLDRAS
SOPENEDO: (lat. SUB + PINNA) Rúa que discorre por debaixo dos penedos.
FARAMONTAOS
OUTEIRO DAS MOAS: (lat. ALTARIU + lat. MOLA) Outeiro no que
cortaban as pedras e facían as moas dos muíños.
NOCELO DA PENA
O MARCO DOS VALENTES: ( xerm. MARKA + latín VALENTE) Lugar no monte da aldea, onde hai unha pedra grande. Antigamente alí xuntábanse os mozos, para ver quen era capaz de erguela. Así comprobaban cal era o máis valente e o que tiña máis forza. Esta pedra tamén serve como división entre as terras de Nocelo e O Santo.
CALVOS
PENEDO DA MOURA: (latín PINNA + MAURU). Lenda case descoñecida polos veciños, só recordan que no cal vivía unha moura cos seus fillos, case afastada do resto da aldea, nese lugar hai unha fonte na cal esta lavaba a roupa.
Alí estivemos, no Museo do Pobo Galego, nese espazo habitado por pedras que resisten o paso do tempo e albergan voces que non dormen. Alí, preto de Rosalía e Castelao, celebramos os 20 anos de normalización do galego e homenaxeamos a Agustín Fernández Paz, un referente na historia da galeguización do ensino que leva máis de vinte anos fabricando historias na nosa lingua.
A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización realizou un traballo excelente, canto traballiño!, organizando material de moitos centros, montando vídeos incribles, deseñando un percorrido pola historia destes 20 anos, cos seus avances e retrocesos, cos seus éxitos e fracasos...
Parabéns por facer posible este acto cargado de historia e de emocións, que arrancou aplausos prolongados e xestos de admiración.
E parabéns para Agustín, parabéns pola súa integridade, pola súa perseveranza, por darnos leccións de dignidade, por ser tan xeneroso, por seguir camiñando...
Aquí vai un vídeo inspirado nas súa narrativa de suspense e que extraín dun traballo de literatura de hai dous anos, realizado por unhas mozas moi lectoras, daquela de 4º de ESO, hoxe preuniversitarias. A verdade é que este vídeo está cortado dunha curta en que Uxía, Mirian, Úrsula, Isabel e Mª Luisa dramatizaron un relato de Contos por palabras, "Vanesa e os anuncios". Esta versión teatralizada subirémola noutra ocasión.
O domingo é o Día Mundial do Medio Ambiente e queremos anticiparnos deixándovos estas imaxes da plantación en Candás, un dos moitos montes que padeceu un incendio o ano 2006 e que deu lugar a un proxecto educativo entre o EDLG e o Departamento de Bioloxía. Cada ano o alumnado do IES Lagoa de Antela, e agora tamén o do IES Cidade de Antioquía, colabora no rescate desta zona plantando freixos, castiñeiros, rebolos...
E non deixedes de ler este magnífico artigo de Beatriz Domínguez, conmove.
CINSA
Unha vida simple, ese é o título dun libro no que se fala sobre actividades e actitudes que contribúen a evitar os ataques deliberados contra unha natureza indefensa, que está quizais a estas alturas, demasiado enferma. O autor deste manual vive en Nova York, desprázase en bicicleta desafiando o tráfico da 5th Avenue, e é vexetariano. Un tipo “raro” (poderíamos pensar) posto que resulta realmente contraditorio que un amante da natureza habite nunha xungla de cemento, como o é esta gran cidade. Encántalle escoitar o canto dos milleiros de paxaros que habitan as árbores de Central Park, e sempre que pode deléitase coas vistas que dende o “Top of the Rock” ofrecen os pulmóns da cidade en outono, cando os tons ocres e avermellados se apoderan do parque. Aínda así a súa estación favorita segue a ser, sen dúbida, a primavera. E se me permitides o comentario, tamén é a miña. Trátase da estación da emerxencia, do agromo das flores e a maduración das froitas. O instante xusto no que a natureza semella explotar e expandirse, un espectáculo espontáneo e fermoso que ultimamente estamos empeñados en ignorar. E máis aló das nosas preferencias estacionais, o problema está quizais na indiferenza que, en cuestións naturais nos caracteriza no último milenio.
Non me resisto á tentación de pór esta foto, polo significado que contén, pois vemos a Breogán, membro do club de lectura de 1º de ESO, entregándolle o premio a súa irmá Ledicia, membro do club de lectura de 1º de BAC. Hai uns meses fora Ledicia quen lle fixera entrega do premio de fotografía a Breogán. Parabén para os dous, amantes da lectura e fillos de bibliotecaria. Será que os libros inflúen nas relacións cordiais (de corazón) entre irmáns? Observade a cara de orgullo e satisfacción dela, é totalmente gráfica.
Aí vai un fragmento do relato "O préstamo", de Xosé Manuel R. Quintela, de 2º de ESO (2º pola esquerda na foto).
[...]
Fun a unha taberna que frecuentaba e alí atopeino, sentado a unha mesa detrás dunha xerra de cervexa. Achegueime e díxenlle que se reunira comigo ás doce da noite nun almacén abandonado que quedaba preto da pensión, preguntoume por que e díxenlle que era privado, que non llo contara a ninguén e que era moi importante-
Cheguei á pensión e non saín da miña habitación ata as doce menos dez. Abrín un caixón da mesiña de noite que tiña a carón da cama e collín o meu revólver de guerra que tiña gardado nunha caixa de puros. Coloquei seis balas no tambor e metín o revólver no peto da chaqueta de modo que ninguén o vira e dirixinme ao almacén coas mans metidas nos petos.
[..]
Para rematar a homenaxe a Lois Pereiro, membros do club de lectura de 1º ciclo de ESO e de 1ºde BAC, integrantes do EDLG de 2º de ESO e as alumnas pre-universitarias Beatriz, Uxía e Noelia, que formaron parte do club de lectura e que agora poñen rumbo a outros horizontes, recitaron poemas do escritor monfortino na biblioteca.
Seleccionamos uns fragmentos deste recital onde interveñen persoas que non participaron no recital de Xinzo.
Mañá entregaremos os premios do concurso literario e o de vídeo, ademais de escoitar poemas de Lois Pereiro nas voces do alumnado do club de lectura e proxectar vídeos sobre o escritor monfortino. Non nos cansamos de homenaxealo.
Alumnado do club de lectura de 1º de ESO, integrantes do EDLG de 2º de ESO e alumnado colaborador acudiu á cita convocada polas bibliotecas dos catro centros escolares de Xinzo (CEIP Rosalía de Castro, CEIP Carlos Casares, IES Cidade de Antioquía e IES Lagoa de Antela) na Praza Maior da vila para celebrar as Letras Galegas. O alumnado encheu a praza coas palabras de Lois Pereiro, de Celso Emilio Ferreiro, Rosalía de Castro...Tamén houbo música e baile.
A homenaxe pola lingua, encarnada este ano na figura de Lois Pereiro, continúa, incansable...
Alba Prol Cid, licenciada en Comunicación Audiovisual e antiga alumna do noso instituto, volveu ao centro para impartir unha charla sobre "A linguaxe nos medios de comunicación". Abriunos os ollos sobre como funcionan os medios, como deciden o que é actualidade, como transmiten a ideoloxía e valores dominantes, como priman o verosímil sobre verídico, a súa falta de obxectividade, a influencia na opinión pública, a sobreinformación e o exceso de mensaxes sen contido ou con contido distorsionado... Expuxo exemplos de manipulación que nos sorprenderon e insistiu na necesidade de desenmascarar o aparente e ser crític@s.
Unha sesión interesante que agradecemos dados os tempos que corren, de difamación e calumnias e de medios facéndose eco destas e non dos desmentidos.
Grazas, Alba, foi un pracer escoitar as túas palabras.
Aquí podedes ver Tan preto, tan lonxe, un interesante documental realizado por Alba Prol e Sabela Iglesias, sobre diferentes espazos de comunicación coexistindo na mesma sociedade. Seguro que non deixa indiferente e provoca a reflexión.
- Curtametraxe proxectada no Foro da Cidadanía e da Comunicación 2008 (Facultade de Ciencias da Comunicación · USC)
- Curtametraxe-documental preseleccionada no concurso do Festival de Curtas ON&OFF de Ribadeo 2008.
Dirección_Aniamas
Produción_Alba Prol e Sabela Iglesias
Operadoras de cámara_Isabel Rey e Irene Suárez
Edición e montaxe_Alba Prol e Sabela Iglesias
Postprodución_Irene Suárez, Isabel Rey e Sabela Iglesias
Escollemos estes dous poemas de Lois Pereiro, Poesía última de amor e enfermidade 1992-1995 para acompañar este cartel de produción propia.
XIV
(Contra a morte o amor que vai conmigo)
Dos días que reserva para min o destino
cada unha das súas noites por vivir
sería a derradeira
a única esencial
se puidese vivirte a ti tamén
trasnoitado sobre o teu corpo en calma
cohabitando os teus soños
sobrevivindo á miña inexistencia
soñando nas túas noites
ou prorrogado en ti.
Un soño alleo repetido
O certo é que teño a impresión ás veces
que se fai máis patente cada día
de que pese ás evidencias en contra
debín morrer daquela
e estou vivindo un soño repetido
nas noites dos que me seguen querendo.