Os ENDL do IES Monte Carrasco e do IES Lagoa de Antela organizamos un intercambio entre ambos centros. Nunha primeira fase o alumnado cangués e limiao estableceu contacto epistolar para presentarse e contar aspectos relevantes das súas respectivas zonas. A segunda fase supuxo o desprazamento a terras da península d’O Morrazo para coñecerse.
O día 3 de marzo iniciamos a nosa travesía coa chuvia por compañeira, unha chuvia miúda e persistente que parecía querer pór en perigo os nosos plans. Chegamos a Bueu e gozamos visitando o Museo Massó, previa acollida da directora e da coordinadora do ENDL do IES Monte Carrasco, Luz e Begoña. Logo recollemos o alumnado do seu centro, reserva e miradas tímidas no autobús, e visitamos o cruceiro de Hío, onde un divertido xogo de presentación baixo un fino orballo conseguiu identificar visualmente as persoas que se cartearan. Despois recalamos na Costa da Vela onde regalamos os ollos coas vistas e espantamos a choiva con esconxuros fotoxénicos. A choiva liscou! Como xa se nos ía o estómago coa fame atracamos no instituto para xantar. Alí fomos recibidos os profes por medio claustro que nos convidou a deliciosos manxares: empanada, tortilla e torta de mazá. O xeo comezaba a derreterse. Despois do café e unha visita ás dependencias do instituto, subimos a'O Balcón do Rei, un outeiro cunhas vistas de luxo, onde estaba previsto comer se o tempo non o impedise. De alí para Cangas, xa cos raios do deus Sol sobre os nosos corpos. Na vila as alumnas e alumnos autóctonos exerceron de guías do alumnado limiao mentres Begoña, Luz, Tomás e Carmen dabamos sebo á lingua nunha terraza. A despedida chegou no peirao onde os e as de terra adentro embarcamos para Vigo. Persoas que ao principio se miraban con desconfianza e mantiñan unha actitude de reserva venceran resistencias e despedíanse con abrazos e tristeza. Custaba separarse.
A próxima cita terá lugar en Xinzo o 26 de abril, esperamos corresponder coa mesma hospitalidade con que nos acolleron.
No xornal Vieiros podedes acceder á noticia e tamén ver o vídeo da campaña.
En Vimeo podedes ver outros vídeos sobre a lingua elaborados poloa Coordinadora.
Aplaudimos esta iniciativa da Coordinadora e animamos a todo o mundo a mostrar ese ORGULLO. Ante os ataques á lingua, a nosa DIGNIDADE.
O antropólogo Manuel Mandianes, natural de Loureses (concello d’Os Blancos) impartiu unha amena e distendida charla no IES Lagoa de Antela. Prolongou a sesión cunha mesa redonda onde contestou as preguntas que lle formularon os asistentes e as mozas do club de lectura de 1º de BAC (Beatriz, Úrsula, Mirian, Susana, Noelia, Uxía e Isabel). Podedes acceder á entrevista que lle realizaron no blog da revista No Límite.
Manuel Mandianes Castro é doutor en Etnografía e Antropoloxía, en Ciencias Sociais e Socioloxía, e en Teoloxía e investigador da Institución Milá i Fontanals do Consejo Superior de Investigaciones Científicas dedicada aos estudos humanísticos. Autor de Loureses, antropoloxía dunha parroquia galega (1984), Las serpientes contra Santiago (1989), El valle de Josafat. Un fresco de la España actual (1993), En cueros vivos. Pensamiento de C.J.C. sobre el hombre” (2002) e O burro (2002). Co-autor xunto con Olegario Sotelo Blanco de A concentración parcelaria(1994), con Josefina M. Antón de “O ciclo da vida” (1994), con Xosé Luís Martínez Carneiro e outros, Antela, A memoria asolagada (Xerais 1997). Ten publicados centenares de artigos en revistas especializadas de españa, Portugal, Francia, Bélxica e Grecia.
Luís Tosar recibiu o premio Goya ao mellor actor. Rematou a súa intervención cun feixe de palabras en galego que nos emocionou. Un exemplo de galeguidade nestes tempos difíciles que nos tocou vivir.
A película Celda 211 foi a gañadora da gala celebrada onte, conseguindo un total de 8 goyas, entre eles o de mellor película e mellor director.
Noraboa!!
Hai catro semanas que o Entroido irrompeu n’A Limia. Aos domingos Fareleiro, Oleiro e Corredoiro séguelle agora a semana máis festeira e transgresora do ano (e aínda quedará como remate o domingo de Piñata). A subversión e o exceso é o máis característico do Entroido, sen dúbida unha concesión do poder para manter intacto o sistema.
As pantallas, máscaras típicas de Xinzo, sairán estes días á rúa para facer soar as vexigas e sancionar cunha rolda de viños a quen sorprendan sen disfraz.
No instituto celebramos o venres 12 esta festa que ten a súa orixe en ritos pagáns de orixe precristiá. Ao tradicional concurso de disfraces e comparsas sumóuselle a entrega de premios do concurso de máscaras organizado polo departamento de Plástica cuxos primeiros premios de senllas categorías recaeron en dous membros do equipo de normalización: Adolfo Dacal e Miguel Carballo. Para eles a máis cálida noraboa. O 1º premio de disfraces na categoría individual foi para Miguel García e na categoría de grupo para A Gripe A. Que gocen cos premios!
FESTA DE ENTROIDO NO IES LAGOA DE ANTELA on PhotoPeach
Este ano imos realizar un intercambio co IES Monte Carrasco, de Cangas. Cangas é unha vila mariñeira que está situada na península do Morrazo.
O noso alumnado de teatro e do Equipo de Normalización desprazarase á zona o 3 de marzo e eles visitaranos o 26 de abril.
Para coñecérmonos máis a zona e o propio centro dende alí mandáronnos estes enlaces:
A semana pasada, semana da non violencia, proxectouse nos recreos e nalgunhas sesións lectivas a curta X nada, coodirixida por Toni Veiga e Dani de la Torre e producida por Ficción Producións e que constitúe un alegato contra a violencia na mocidade.
Un rapaz é agredido por unha panda de xoves só por cruzarse no seu camiño. A falta de responsabilidade dos pais na educación do seu fillo, a quen consenten todo, crea un subproduto deshumanizado que procura o respecto a través do exercicio da violencia. O papel dos pais na educación dos fillos, o valor do superfluo, a cultura de ter, a ausencia de obxectivos na vida, a falta dun sistema de valores son algúns dos temas que agroman nesta curta. Paga a pena vela… e reflexionar.
Estas son algunhas cuestións que se debateron nas sesións de proxección:
1. Cres que hai algunha mensaxe nesta curtametraxe? Cal?
2. Que sentiches ao ver algunhas escenas? (impotencia, rabia, pena, vergonza allea, dor, desacougo…).
3. Como é a relación dos dous mozos coas respectivas familias?
4. Que hábitos ten o agresor?
5. Cales cres que son as causas que provocan o comportamento do agresor?
6. Cres que a reacción dos pais no xuízo é correcta?
7. Que se debería ter feito para evitar comportamentos/accións coma esta?
Celebramos o día da paz na biblioteca.
No blog lector Nós tamén navegar podedes visionar un vídeo con fragmentos das lecturas e o libriño confeccionado con algúns textos. E no blog da revista No Límite poderedes ler máis textos.
55 mentiras sobre a lingua galega, primeiro libro de ProLingua
O venres 5 de febreiro vaise presentar un libro de forma simultánea en 56 localidades galegas e do mundo. A iniciativa de Prolingua ten o obxectivo de desmontar prexuízos sobre a lingua.
Chamáronlle Os cans alieníxenas á curtametraxe que realizaron logo de asistir a un cursiño sobre vídeo. Esperemos que na 2ª parte, que xa está en marcha, o pulso da cámara (a irmá pequena de Adolfo) non trema tanto. Se cadra precisan dun trípode. Felicitacións a estes novos artistas!
O escritor ourensán Xosé Luís Méndez Ferrín foi elixido presidente da Real Academia Galega (RAG) o pasado venres 22 de xaneiro. O autor de Arraianos e Retorno a Tagen Ata , que sucede no cargo ao historiador Xosé Ramón Barreiro, declarou que el e o seu equipo serán “inflexíbeis” na defensa da lingua propia de Galicia nos catro anos do seu mandato. Na páxina da RAG podedes acceder á Análise das bases do novo decreto sobre o galego no ensino non universitario, paga a pena lelo pois é un informe racional, ateigado de argumentos de peso.
Unha imaxe así vale máis ca mil palabras, aínda que esta imaxe fose para reivindicar palabras na nosa lingua. Tomámola prestada do diario Xornal.
O ensino bótase á rúa en defensa da lingua propia de Galicia
A marcha contra o “decreto do plurilingüismo” reborda a Praza do Obradoiro nunha xornada de paro maioritario nos centros de ensino público. Xornal decide desdobrarse e aproveitar a imaxe dunha das prazas máis fermosas do mundo chea de galegos en defensa do seu idioma para ofrecer aos seus lectores unha primeira que ocupa tamén a contraportada, formando un póster que axudará a outorgar á manifestación o seu xusto alcance.
Para seguir lendo: Xornal
A Academia denuncia que o decreto de Feijóo pode vulnerar a legalidade.
Inaceptable, inconsistente, irresponsable, insostible”. Os catro “i” que para a Real Academia Galega describen o borrador do decreto do plurilingüismo que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo presentou o pasado 30 de decembro. No día de onte, este organismo oficial a prol do idioma propio de Galicia presentou nun acto ante a prensa as súas valoracións ante as bases da nova normativa.
Foi o presidente en funcións da institución, Manuel González, quen se dirixiu aos medios na sede da Academia na Coruña. A valoración foi dura, xa que os académicos sosteñen que o borrador da Consellería de Educación pode non só “vulnerar a legalidade” senón incorrer “na perda e subtracción” do galego.
A plataforma Queremos Galego chama a todo o profesorado e alumnado do ensino non universitario á folga xeral do vindeiro 21 de xaneiro, en resposta ao proxecto do decreto que regulará o uso do galego no ensino e que foi presentado polo goberno da Xunta o pasado 30 de decembro.
Tamén está prevista unha manifestación o mesmo 21 de xaneiro que sairá ás 11.30 da Alameda de Santiago.
Onte, día 30 de decembro, saíu á luz o borrador do novo decreto que regula o uso da lingua galega no ensino non universitario. Pódese acceder ao texto a través do Portal Educativo.Lede e valorade!
Destacamos dúas novas dos xornais dixitais Vieiros e O Xornal:
A cota do galego baixa ao 33% e os pais deciden en que materias se usa
O novo decreto sobre o galego no ensino estabelece que os pais voten en que lingua queren as aulas de Infantil. En Primaria e Secundaria nais e pais elixirán a lingua para cada materia co límite dun terzo para galego, castelán e inglés. VIEIROS.
O novo decreto supón o primeiro retroceso para o galego no ensino: O Xornal.
En colaboración coa Biblioteca o ENDL do IES Lagoa de Antela inicia unha campaña de lectura na bisbarra nestas datas de Nadal a través do alumnado do club de lectura de Bacharelato Nós tamén navegar. Fronte á febre consumista nós ofrecemos palabras de balde. 40 libros navegarán pola comarca d’A Limia á procura de amigas e amigos que descubran o pracer da lectura en galego. Acompañamos cada libro cunha carta de saúdo, unha enquisa, un marcador e un poema de agasallo. Só desexamos que as persoas se embarquen nesta aventura para compartir as historias que se agochan nas páxinas dos libros e gozalas. Historias amasadas en galego, na lingua en que soñamos, falamos e amamos. Nós tamén navegar.
Algúns títulos que escollemos para esta travesía: A pomba e o degolado, de Fina Casalderrey; Baixo mínimos, de Diego Ameixeiras; Pel de lobo, de Xosé Miranda; Cando petan na porta pola noite, de Xabier P. Docampo; Cabeza de Medusa e Rúa Carbón, de Marilar Aleixandre; Made in Galiza, de Séchu Sende; Un home que xaceu aquí, de Aníbal Malvar; Ollos de auga, de Domingo Villar…
Nesta páxina de recursos e accións emprendidas polos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística encontramos como traballo destacado (durante uns días) o estudo sociolingüístico do sector comercial d'A Limia realizado polo noso alumnado.
Tamén se colgaron noutras seccións os libriños pola paz, os vocabularios, etc.
O alumnado de ESO do IES Lagoa de Antela está confeccionando varios patchwork contra a violencia de xénero. Frases en positivo, carteis, palabras e os nomes das vítimas mortais deste ano son os motivos temáticos pintados en diversos anacos de tea. A actividade de coser xuntos, mozas e mozos, contribúe a unha educación para a igualdade.
Felicitamos aos nosos alumnos polos éxitos colleitados no San Martiño, carreira popular de prestixio que se celebra todos os anos por estas datas en Ourense. Premio ao esforzo e á constancia. Mens sana in corpore sano.
PARABÉNS!!!
Celebramos o Samaín e descubrimos unha nova ferramenta na web para subir presentacións, de aí que dupliquemos as fotos que aparecen no blog lector. Isto da rede é un mundo que sorprende día a día, buf!
Na provincia de Cáceres fálase unha variante lingüística mestura de galego-portugués e asturiano, produto das repoboacións do século XII e XIII. Tres concellos (Valverde du Fresnu, Ellas e San Martín de Trevellu) falan valverdeiru, lagarteiru e mañegu. Falamos con Francisco, un dinamizador lingüístico que promove e defende a conservación da lingua. E como se conserva unha lingua? Falándoa, claro.
Velaquí fotos da pegada de adhesivos da campaña de normalización nos comercios d'A Limia realizada por Uxía Alonso, Úrsula Casado, Isabel Fernández e Mirian Fernández.
Atopamos este telexornal realizado polo alumnado de 6º de primaria do CPI Xanceda d'A Coruña. Por certo que tamén seica levaron un premio no OUFF Escola.
O martes rcolleremos o premio que recibiron os nosos alumnos e alumnas de 2º e 1º de BAC. Noraboa ao noso alumnado e ao do CIP de Xanceda.
O alumnado de bacharelato do IES Lagoa de Antela asistiu á representación d'A esmorga no auditorio de Ourense. O comportamento das xentes da comarca limiá foi excelente nun contexto en que se deron cita arredor de 600 alumnas e alumnos de diferentes centros de ensino da provincia.
50 anos d’A esmorga, de Eduardo Blanco-Amor
Cúmprense 50 anos da publicación da novela A esmorga e 30 anos do pasamento do autor, Eduardo Blanco-Amor, por iso a compañía ourensá Sarabela reestreou a obra 13 anos despois da súa primeira representación. O texto é produto dunha adaptación realizada por Begoña Muñoz e Carlos Couceiro e da cal se dramatizaron unhas escenas na biblioteca o curso pasado, con motivo das Letras Galegas. A obra fora prestada amablemente por Begoña Muñoz, o texto orixinal da adaptación, o que lle confire gran valor.
Tamén foi levada ao cine co nome de La parranda.
Na novela cóntanse as 24 horas de esmorga protagonizadas por tres mozos, o Cibrán, o Bocas e o Milhomes, na cidade de Auria, trasunto literario de Ourense, e os seus arredores. As súas andanzas son relatadas por un dos protagonistas, Cibrán, que emprega a fala popular daquela época, a un xuíz que se presupón de orixe castelá pero que non ten voz na novela. A chuvia e o alcóhol son factores importantes no desenvolvemento dos feitos.
“-
- Non señor, non, só era pra írmonos entendendo, pois xa me vou deprocatando que vostede non é deiquí...
-
- Non, señor, non; non é que me importe senón pra que me entenda, pois tamén lle tivemos un capataz, que era das partes dos murcios, que aínda falándolle na súa fala non nos entendiamos... Pois indo ó asunto, eran Xanciño o Bocas, ou o Alifante, ou o Peitodemacho, e mais Aladio o Milhomes, ou o Papaganduxos, ou o Setesaias, ou o Maricallas, tamén como a vostede lle pete, que eiquí todos temos onde escoller... Conque arrodeáronme rindo e zapicándome nas costas, i o Milhomes biliscándome na entreperna, como tiña por fodida costume, e queréndo botarme a manta por enriba. “
Aplaudimos a iniciativa de propoñer o galego, lingua ameazada, como patrimonio da humanidade.
Podes asinar o manifesto e deixar un comentario. Galego, Patrimonio da Humanidade.
metan na casa a verba na cociña na mesa na cama xa está
e calar calarcalaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaaarrr
hastr’o berro que te acusa USAUSAUSAUSAUSAUSAUSA
un
morto
dous mortos
tres / trinta mortos
trescentos / tres mil mortos
OFENSIVA DO TEIT 22000 / 100000 mortos
tódalas os se volven ceros 00000000000000000000
baixo de cada un 10 / 100 / 1000 / 10000 mortos á máquina
difuntiños que a noite acolle entre cañas baixo o torbón
do monzón
na lua do TEIT
dá vergonza vivir
dá vergonza estar vivo e ver a PRIMAVERA
Uxío Novoneyra, o poeta d'O Caurel, será o homenaxeado nas Letras Galegas do 2010.
Aquí un poema exemplo do fonosimbolismo (provocar sensacións físicas e anímicas a través da repeticións de sons)que el tan ben praticou.
Nesta páxina atoparedes poemas del: Uxío Novoneyra
Cousos do lobo
Cousos do lobo!
Caborcos do xabarín!
Eidos solos
onde ninguén foi nin ha d’ir!
O lobo! Os ollos o lombo do lobo!
Baixa o lobo polo ollo do bosco
movendo nas flairas dos teixos
ruxindo na folla dos carreiros
en busca de vagoada máis sola e máis medosa…
Rastrexa
parase e venta
finca a pouta ergue a testa e oula
ca noite na boca…