No amor (quéroche), no campo da festa (botamos un baile?), no río (mergúllome), no parque (xogo), no chiringuito (zume e olivas), na praia (ondas de auga e area), no tacto (beixo), na música (sinto), no silencio (penso), na noite (soño), na cola do supermercado (cóbrasme?), na cociña (xantar), na horta (semente), no abrazo, nas mans, nos beizos, no que leo, no que escribo, no colo, na viaxe, na vida… porque si, porque me peta, porque me dá a gana: SEMPRE EN GALEGO.
PINTAMOS HORAS DE LUZ NO HORIZONTE DE TODOS OS ABISMOS DESECADOS. SEN DESHIDRATARNOS.Entra en normalización e recréate coas entrevistas do alumnado de 4º da ESO, paga a pena. http://centros.edu.xunta.es/ieslagoadeantela/?q=node/141#attachments
Vivimos unha hora emocionante co mundo da farándula.
Uxía Domínguez, Uxía Alonso, Álex, Andrea, Jenni, Mónica, Carolina, Cristina, Laura Paz e Miriam representaron Vellez, divino tesouro, unha farsa de cómo enganan as aparencias.
Laura Joga, Anxo, Tania Prieto, Tania Pérez, María Luisa, María Salgado, Jose, Manolo escenificaron Aqueles felices anos, unha parodia sobre as experiencias no instituto.
HOMENAXE A CURROS ENRÍQUEZ (Celanova 15 de setembro de 1851 – A Habana 7 de febreiro de 1908)
O xoves 5 de xuño, as alumnas de 3º da ESO do IES Lagoa de Antela Úrsula Casado, Susana Diz, Beatriz Domínguez e Isabel Fernández asistiron a un acto na Praza Maior de Xinzo en que se festexaba o centenario do pasamento do poeta.
No acto, que se celebraba simultaneamente en 54 vilas galegas, alumnado dos distintos centros educativos limiaos leron algúns dos poemas máis coñecidos do vate celanovés: “A Rosalía”, “Na chegada a Ourense da primeira locomotora”, “O maio”.
Rematou o acto cantando a versión dos Tamara da famosa “Cántiga”.
Curros tanto na súa obra poética, da cal detacamos Aires da miña Terra, como na súa vida pública tomou partido polos desfavorecidos. O seu compromiso co pobo e a confianza no progreso levouno a ser corrosivo coas clases dirixentes.
“Na chegada a Ourense da primeira locomotora”
Velahí ven, velahí ven avantando
cómaros e corgas, e vales, e cerros.
¡Vinde vela, mociños e mozas!
¡Saludaina, rapaces e vellos!
Por onde ela pasa
fecunda os terreos,
espértanse os homes,
frolecen os eidos.
Velahí ven, velahí ven tan houpada,
tan milagrosiña, con paso tan meigo,
que parece unha Nosa Señora,
unha Nosa Señora de ferro.
Tras dela non veñen
abades nin cregos;
mais vén a fartura
¡i a luz i o progreso!
II
Catedral, demagogo de pedra,
dun pobo fanático erguida no medio,
repinica esas chocas campanas
en sinal de alegría e contento.
Asocia esas voces
ó són dos pandeiros,
¡ás santas surrisas
de terras e ceos!
E ti, río dos grandes destinos,
que os himnos ensaias dos trunfos ibéricos,
requeimáda-las fauces de sede
ven o monstro a beber no teu seo.
Bon samaritano,
dálle auga ó sedento;
que a máquena é o Cristo
dos tempos modernos.
Noraboa ás persoas que participaron nesta experiencia, ao profesorado do CEIP Rosalía de Castro e, por suposto, ao seu alumnado; e ao profesorado e alumnado de 1º da ESO do IES Lagoa de Antela.
Celso Fernández Sanmartín compartiu connosco as súas historias e o Salón de Actos escachou a rir. As alumnas e alumnos de 2º e 4º da ESO gozaron con este personaxe que parecía ter saltado dun conto de Ánxel Fole ou dunha lareira. Desta guerra veñan balas.
O IES As Lagoas de Ourense acaba de convocar un concurso de minivídeos pola lingua. As bases están recollidas na súa páxina web: http://centros.edu.xunta.es/iesaslagoas/
Non me doi iste anceio, ista procura
de bens, que con soñalos
abonda. non me fire
a anguria do vivir que non se atopa,
nin o noxo da xente que me luxa
co soio seu ollar de can doente.
Non me inquedan as dores,
nin as tebras da noite, que resoa
con chamadas do alén que eu soio escoito.
Nada xa me conmove.
O que me fire e doi, o que me inqueda,
é aquil neno que eu fun, sempre perdido.
O verán presentábase como todos os demais, con festas, tardes no río, excursións a Pradolongo...pero esta vez nada vai ser igual.
Pradolongo é unha paisaxe insólita na que existe un prado cunha lagoa glaciar.Pero pode que ese lugar agache un tesouro económico... Dous irmáns, Roi e Martiño, posúen visións diferentes sobre a vida. Tres amigos dende a infancia, Armando, Raquel e Martiño, que se enfrontan aos retos dunha vida adulta: as responsabilidades, os desenganos, a rivalidade no amor...
Os vínculos da infancia comezan a abanear...
A POESÍA MORDEU EN NÓS PORQUE TEN DENTES.
GRAZAS A XABIER E A TODAS AS ALUMNAS E ALUMNOS QUE O ACOMPAÑARON: ELSA, GABRIEL, ELISA, VICTORIA, LAURA, VANESA, CRISTINA, IAGO, SELENE, JESSICA, ALBA, SONIA, MAIMUNA, FATIMA, VINICIUS, SMAYLEN, RANDY, IONUT, JASMIN, AO ALUMNADO DE TEATRO DE 3º D ( MARÍA LUISA, MANOLO, MARÍA, LAURA, JOSÉ, TANIA PRIETO, TANIA PÉREZ, ANXO) E DE 3º C (LAURA, ANDREA, JENNI, CAROLINA, UXÍA ALONSO, CRISTINA, MIRIAM, MÓNICA, UXÍA DOMÍNGUEZ, ÁLEX). PRESTARON A SÚA VOZ AOS POEMAS DE XABIER E ENCHERON DE EMOCIÓN O ESPAZO –TAN LÚGUBRE- DO SALÓN DE ACTOS.
onde gardamos as bágoas para cando ardan os ancares?
ben imos chorar no día en que morra o último vello
e o país sexa un museo de ferralla do trinque
e arañeiras afumadas pendurando das trabes
coma veos
ónde esas bágoas e o óxido post-pranto
que ha vir
que xa ventamos
que xa é tradición entre o enxebre enxugar de ollos
e a mirada a un metro por diante dos pasos
resignada coma o volver empezar
a envelenarse
ónde as bágoas todas que nos faltan
inda
para a confirmación do devir colectivo
que agarda aos que aprenderon a nadar de nenos
coma os cans
o xusto para aboiar na lagoa que escacha coa risa
ao procurármola
por entre os sucos acugulos de terróns
por baixo deles
/
e por riba
as migallas que nos restan do que seica é chaira
e cortaventos
a pingaren da cámara dixital para devolvernos virtualmente
o que xa case nin foi
e esmorece
e calan
... e non sabemos cánto queda para rematar a obra comunal
o monumento ao pranto que tecemos no borde de todos os abismos
e non volta ningún dos que un día subiron ao monte
e non voltaron
e non volta o perfume a chumbo trazando vieiros imposibles
toda a noite
e non volta o guerrilleiro coa palabra na boca e un mañuzo de versos no
[fardel ao lombo
e non volta o violador do escuro
o amante da terra
o fecundador das poulas
e non volta o seu esperma salferindo a noite
e non volta a xustiza pola man para escribir na marxe dos parágrafos
as pasaxes censuradas
e non volta
e non volta
non volta
... e non sabemos cánto
cánto lle queda á fonte que nos nutre a contagotas
se vai rachar dunha vez o espello
ou se imos aboiar para sempre
neste anaco de vidro
a carón dos dentes
Xabier Xil Xardón De cadáveres no espello (inédito)
Un antigo alumno, gañador de varios premios de poesía, entre eles o Antón Tovar, achégase ao instituto para agasallarnos coa súa voz.
Hai anos, cando andaba por este centro, Xabier Xil Xardón, recibiu varios premios: Entre nós en galego, Minerva e Repsol. Xa prometía daquela.
Pertence ao colectivo Redes Escarlata e ten publicado algunha cousiña e participado en intervencións poéticas como Poetas na rúa no concello de Combarro.
No recital poranlle voz a poemas seus e doutros e doutras poetas alumnas e alumnos do IES Lagoa de Antela.
Recital multicultural e multimedia.
Vivamos a poesía!
A Mesa pola Normalización Lingüística promove, para o domingo 18 de maio, un día despois da celebración do Día das Letras, unha grande manifestación baixo o lema “Polo dereito a vivirmos en galego”, que partirá ás 12 horas da Alameda de Santiago de Compostela e finalizará na praza da Quintana.
O luns 31 de marzo, tendo a alumnas e alumnos de 1º de BAC como expertos guías e como anfitrionas as profes de galego do IES San Mamede de Maceda, Charo e Miriam, visitamos Baños de Molgas, o castelo da propia vila de Maceda e o mosteiro de Xunqueira de Espadanedo. Agradecemos a hospitalidade destas xentes veciñas e esperamos corresponder para o ano vindeiro. MOITAS GRAZAS.
Na galería de fotos da páxina web do instituto colgaremos máis fotos desta xornada.
Alumnas e alumnos de 3º e 4º da ESO abordaron a 2ª fase da plantación iniciada o ano pasado no monte de Candás, sito no concello de Rairiz de Veiga. Plantáronse unhas cen árbores autóctonas (carballos, freixos, avivros, castiñeiros…) no terreo que sufrira un incendio o verán do 2006.
As caras da tristeza
rompen as bágoas salgadas,
mortes duras e ledas
chegan baleiras á vila.
Cristina Salgado
Os salaios da desgrazada
estremecen o ceo negro,
vestimentas vermellas e negras
mostran perdas de guerra.
Adrián Ferreira
As bombas da foguetada
escachan as nubes de festa,
estrelas azuis e brancas
caen feridas á terra.
Estefanía Rúa
“Por amor” de Darío Xohán Cabana
Por amor son xa máis de cen quilos.
Por comer estou como estou.
Por comer peso o que peso.
Por comer.
Por comer médrame a barriga
E estíraseme o bandullo.
Por comer xa non me dobro.
Por comer, todo por comer.
Omayra Rodríguez
Por agradecemento recoñezo o meu.
Por agradecemento recordo a miña identidade.
Por agradecemento aprendo o meu idioma.
Por agradecemento.
Por agradecemento son galegofalante
e ábrolle o corazón.
Por agradecemento respecto a fala.
Por agradecemento, só por agradecemento.
Selene Casas
“O Sol e o Mar” de Antonio Noriega
A pataca e a verza ó home
¡moito lle deben deber!
Apórtalle a pataca as proteínas
e danlle as verzas as vitaminas.
Héctor Alfonso
O sal e a auga á area
¡moito lle poden querer!
Acaríñalle o sal a pel
e bícalle a area os pés.
Carmen Villarino
“Con auga de sede vella” de Álvaro Cunqueiro
Cunha mirada fresca
namorar eu namoreina,
namoreina’
Cun sorriso ledo
namorar eu namoreina,
namoreina?
Namorar eu namoreina
cunha caricia tenra,
namoreina?
Namorar eu namoreina
cunha sincera aperta,
namoreina?
Vanesa Colmenero
“Anoitecer na terraza” de Xavier Seoane
Medran as flores sobre o campo
descansan os paxaros no niño
vexo os homes traballando a carón do río.
Se me fixo no horizonte,
útiles durante moito tempo,
vexo ermos os terreos dos nosos vellos.
Jose Antonio Fernández.
“Terra Chá” de Manuel María
O instituto pouco é:
unha clase aquí e outra acolá,
cen profesores, libros raros,
un pesadelo terrible e duradeiro
no que estamos os rapaces a traballar.
A rúa resulta libertá.
Marcos Román
“Go”l de Eduardo Blanco-Amor
Polo boleto da boa lotaría
vou mirando a combinación
e números, mala sorte,
non podemos ir ó Norte.
Sonia Míguez
“A noite é necesaria” de xosé Mª Díaz Castro
A vida é necesaria
pra que elas poidan ver
que sobre o medo e a rabia
se poden impoñer.
Alba Morán
“Cando ela dorme” de Vicente Araguas
Cando ela dorme
semella a sombra
dunha bolboreta fermosa.
E os ollos
na cara
doces coma
cereixas novas.
Cando ela dorme:
un koala
deitado
na cama.
Sara Seoane
“Bolboreta” de Francisco X. Fernández Naval
Lúa
Durante a noitiña
a lúa é raíña celeste
ó amnecer saca a coroa
e cédella ó sol
dos madrugadores empedernidos.
Jéssica Casas
“Poderíano escoller como epitafio” de Lois Pereiro
Derramade lágrimas no meu sepulcro,
no lugar onde eu descanse
mandádeme tristes e alegres recordos
de viveza e divindade infernal para resistir.
Melania Blanco
“Abecedario da desolación” de Miro Villar
Como imaxe (a árbore) típica dun cadro
como pendentes (os froitos) colgados das orellas
como herba (as follas) ao longo dun prado
como patas (as ramas) dunha araña velenosa
como estrutura (o tronco) de calquera construción
como material (a madeira) propio dunha obra
como boca (as raíces) para un animal
como base (a terra) para poder sobrevivir.
Javier Pérez Vallejo
“Definición” de Lupe Gómez
Brincar sobre
unha esponxa.
Absorbela e que me absorba.
Iso é o sexo.
Alejandro Figueroa
“Se te enamoras” de Lupe Gómez
Se me queres
queda e non marches
ou lévame
e deixamos todo
como dous namorados.
Joana Álvarez
“O que máis me gusta da poesía” de Kiko Neves
O que máis me gusta do día
as comidas.
Na vida o noventa por cento
deberían ser comidas.
Ou melocotóns en “almíbar”.
Vanesa Rodríguez
“Quero sentarme” de Lupe Gómez
Odio escoitarte
Na cama en
Suxeitador e bragas.
Antía Pousa
“O pozo que non hai” de Álvaro Cunqueiro
O pipo que non hai
-Dáme viño, ña compañeira
E ficarei aquí.
-Acolá hai un pipo
Que reverque, meu amigo!
-O viño que eu quero
Estache sorrindo a ti!
-Este viño ten dono,
Procura outro, meu amigo!
Marcos Rodríguez
“Quérote” de Raúl Gómez Pato
Átote,
sen que esteas,
ó meu corazón
como unha perdiz.
David Barrio
“O amor” de Lupe Gómez
O amor foi
un raio moi luminoso
que estralou no meu
corazón. e quedou aí
para sempre. Eu limpei
o sangue do
meu corazón. pero ela
espandiuse
por todo o meu corpo.
Jasmin Biúndo
“No máis fondo, no máis fondo” de Ramón Cabanillas
No máis adentro, no máis adentro,
lévote comigo:
entraches de repente
Para sempre quedar aquí.
Crávame o puñal!
Non teñas compaixón de min
pero non te pases moito
porque te podes ferir.
O vello espírito paciente salpica a vella estancia
e enche de tristura e pesadume os recunchos da conciencia.
Sen ser nada concreto logra transmitirme forza.
Sensacións estrañas,
agradables,
desagradables,
mentres a estrañeza das vosas falas de cores alumean o bosque.
De súpeto,
o medo, a tristura, a sorpresa das cores de imaxes deformadas.
Defórmanse as caras na noite cando se asustan con cores tristes.
Nun só papel un cadro infernal.
Ese corpo manchado salta cara afora en forma de lume,
humano crucificado con cor de sangue vermello.
Dá medo só velo.
Amargura, tristeza, infelicidade.
Non
o que non pensei é que estiveras sufrindo,
tenue noite que mostras horribles pesadelos.
4º C - ESO
Poema vangardista
Xuntos ata que a morte nos separe
A tristeza es ti
(pois) grazas a ti síntome como aquelas casas na escuridade.
A fermosa paisaxe é observada
pero puntas e picos non me inspiran nada
pois a túa fermosura corróeme,
Vella Aldea da miña infancia,
a túa pel núa tan fráxil como a lúa,
como lugar estraño do máis alá.
As cores conforman a vila e o seu mercado,
todos somos iguais,
delicadeza, sentimento de paz na noite escura,
a liberdade que se atopa na natureza do ser,
o verde bosque,
a vida libre no mar,
no mar reflíctese todo a luz o brillo a realidade,
as fermosas casas de toda unha vida,
casa fogar da túa vida,
unha casa no medio do campo,
a casa dos meus soños con flores no xardín,
rapaces alegres xogan no xardín hoxe.
Mirando cara ó río non vai frío,
observando as árbores podo ver a fermosura da natureza,
pero
a ignorancia é o pai noso de cada día
e todo é un soño,
o meu Soño, demasiado fermoso,
Vella Aldea da miña infancia,
vellos recordos de sal e auga.
Hai moitas palabras para preparar o xantar e dixerir con pracer : tixola, artesa, fornada, unto, verzas, lacón con grelos, chourizos, polbo á feira, porco ao espeto, amorodo, biscoito, roscón de reis.
Hai palabras para visitar, abrazar, conversar e coidar: carballo, castiñeiro, salgueiro, penedo.
Hai palabras para camiñar, congostra, ou para navegar: regueiro, regato, lagoa.
Hainas para untar a memoria, para non esquecer: lembranza, artesa, penedo, morriña, saudade.
Hainas para sorrir: ledicia, sorriso.
E para arrepiar, escuridade.
Hainas para tocar e sentir e querer: amor, agarimo, arrolar, aloumiño, Galiza.
E para celebrar e gozar: saúde, gaita, entroido.
Hai moitas palabras para pasear, xente miúda a quen saudar, escoitar e contemplar: bolboreta, teixugo, esquío, escornabois, vagalume, xoaniña, paporroibo.
Hainas para as persoas que veñen: axóuxere, arrolar.
E para as que se van: bágoa, badalada.
Palabras para apoiarse, alicerce.
Para ulir, arrecendo.
Para quecer, lareira.
E para arrefriar: brétema, orballo, choiva.
Para levar no corazón, lagoa...
E para imaxinar: trasgo, conxuro, raíña...
E soñar, lúa.
Hai palabras para procurar sempre: liberdade, paz.
1. Fala en galego sempre que poidas. Coa familia, cos amigos e amigas etc.
Fai o propósito de falar en galego a quen sabes que te entende aínda que até o de agora lles falases en castelán.
2. Respecta a aquelas persoas que che falen noutra lingua, mais esixe que tamén as outras persoas respecten a túa.
3. Diríxete en galego a todos e todas: na rúa, por teléfono, no centro de ensino, no traballo. Verás que te entenden. Continúalles a falar en galego, aínda que che respondan noutro idioma.
4. Ás persoas que coñezas que entenden o galego coloquial, mais mostran curiosidade por algún termo que ignoran, explícalles o significado desas palabras, axudándoas a ampliar o vocabulario. Se alguén se esforza en falar o noso idioma, axúdalle e demóstralle que valoras o seu comportamento.
5. Respecta as diferenzas locais da lingua. Coñece as particularidades de cada zona. Esta é a riqueza do galego, como a de todas as linguas.
6. Toma a decisión de escribir todos os apuntamentos, notas, correos electrónicos e cartas en galego. A partir de hoxe pon sempre o teu nome en galego. Fai mudar os teus papeis, impresos, rótulos etc. Sería ben triste que por aforrar uns pequenísimos gastos deixásemos de contribuír á expansión do noso idioma.
7. Faite subscritor/a de publicacións escritas total ou en boa parte en galego. Le libros, asiste a espectáculos teatrais, musicais, cinematográficos, visita páxinas web etc., na nosa lingua.
8. Esixe de todos, mesmo das institucións máis rutineiras, que che escriban en galego. Faino amablemente. Non perdas o tempo e os nervios en pelexas cos inimigos declarados da lingua do país. Déixaos de lado, ignóraos.
9. Se tes como lingua familiar o castelán, interésate pola nosa lingua. Loita contra a inxustiza fomentada durante tantos anos. Toda a represión dunha lingua é un acto de barbarie. E sobre todo tenta falala e escribila, porque a mellor defensa de calquera lingua é o seu uso.
10. Se sentes un bloqueo psicolóxico, como adoita ocorrer para pasar a falar en galego con persoas e en ambientes en que sempre falaches castelán, comeza por usalo cos descoñecidos, a practicalo en situacións novas, para ilo introducindo despois na túa esfera habitual. Non te avergoñes dos defectos de pronuncia ou escrita; respectar o galego mais a distancia, “sen rompelo nin lixalo”, iso si que deteriora o idioma.
11. Se es profesor/a e non impartes as aulas en galego, proponte comezar para este curso vindeiro. O tempo que resta é suficiente para te pores ao día. Cun pequeno esforzo contribuirás dun xeito moi importante á normalización do noso idioma.
Fotocopia este texto e difúndeo polo teu centro de ensino.
TODA PERSOA QUE DEFENDA A SÚA PROPIA LINGUA SEN AGREDIR A NINGUÉN TEN A RAZÓN DA SÚA PARTE
(Adaptación dun texto ideado polo Dr. Tilbert D. Stegmann, da Universidade de Frankfurt)”.
Este servizo, creado pola Mesa, atenderá a través do teléfono 902 10 64 74 e do correo-e linhadogalego@amesanl.org.
A Mesa pola Normalización Lingüística puxo en funcionamento o proxecto «A liña do Galego», un servizo que tramitará queixas e consultas sobre os dereitos lingüísticos dos cidadáns, que tamén estenderá felicitacións a quen dea pasos en favor do galego.
Desenmascarámoste, imbécil, fauces de fouces con fuciño furado. Mancas cun xesto repugnante de besta avinagrada. A túa voz machada coitelo que rabuña a alma. A man o brazo o corpo todo nunha danza cadáver. Abres carnívoro nicho e péchasme dentro.