lugar para a conectividade e o intercambio de memoria sobre o noso pasado personal e humano


THE BATTLE OF THE GOOD MEN

Selección oficial Cans 2018. sección vídeo clips.

Selección oficial Son Rías 2018. sección vídeo clips.

A VOLTA DOS NOVE

Nominación Mellor Documental
Premios Mestre Mateo, 2015

Premio do Público
Festival Primavera do Cine, 2015


DESDE DENTRO DO CORAZÓN

Nominada a Mellor Banda Sonora
Jerry Goldsmith Awards, 2013

Nominada a Mellor Longametraxe
Festival Primavera do Cine, 2014


O FAIADO DA MEMORIA

Arousán do Ano 2009
Apartado Cultura


A MEMORIA NOS TEMPOS DO VOLFRAM

1º Premio Certamen Etnográfico
Espiello, 2005


ARQUIVO DA MEMORIA SOCIAL
damemoria@gmail.com
 ESPACIOS
 GALERÍA DE FOTOS
 Ir a estas páxinas
 ARQUIVO

CARPINTEIROS DE RIBEIRA DO CARRIL

UNHA HOMENAXE A ROMAN IGLESIAS CRESPO

por Fernando Varela Morales

Ata o último terzo do século XX, as embarcacións de pesca e de marisqueo construídas para os mariñeiros do Carril eran de madeira. O proceso, totalmente artesanal, requiría da pericia dun bo carpinteiro de ribeira.
A tradición na construción de botes, bucetas ou galeóns (barcos típicos do Carril) proviña dos estaleiros situados no Freixo (Noia), Cabo de Cruz, Catoira ou Leiro. A fama dos do Freixo era ben coñecida polos mariñeiros do Carril, que non dubidaban en desprazáranse ata a vila de Noia para encargar unha embarcación.
Pero tamén O Carril tivo carpinteiros de ribeira propios, que con gran mestría souberon adaptarse ás modas de cada momento e ás necesidades de cada mariñeiro.
Este artigo vai dedicado a honrar a memoria de Román Iglesias Crespo, un gran carpinteiro de mar.

BIOGRAFÍA
O señor Román Iglesias Crespo naceu en Cortegada no ano 1877 e morreu no Carril o 16 de marzo de 1962, aos 85 anos. Vive en Cortegada ata os 29 anos, e xa desde moi novo é atraído pola carpintería. Empeza axudando ao seu tío Román Crespo Ramos, tamén carpinteiro de ribeira, a construír e reparar barcos.
Casa con Carmen Ramos e convértense nunha máis das familias que viven en Cortegada. A súa primeira filla nace na illa, e chamarase Pepita. Despois terán catro fillos máis, que nacerán no Carril. Como a inmensa maioría dos seus veciños, a familia do señor Román practicaba unha economía de subsistencia: vivían dos produtos que lles ofrecía o mar e dos que obtiñan nas leiras que cultivaban.
Pero chega un momento no que considera que o pouco que dan o mar e a terra non é suficiente para manter a súa familia. En 1906 decide enrolarse nun barco e sae do porto do Carril á procura dun futuro mellor, mentres que a súa muller seguirá vivindo en Cortegada.
Recalou en varios países (a súa nora Maruja lembra, por exemplo, que o señor Román contaba que estivera en Xerusalén), pero finalmente decidiu establecerse en Montevideo e traballar no oficio que aprendera na súa afastada terra: carpinteiro. Como era un bo debuxante, nos seus momentos libres realizaba esbozos de barcos do seu recordado Carril. A partir deses bosquexos, despois, facía as maquetas desas embarcacións
Volta a Cortegada en 1912, nun momento “especial” para a xente que vivía alí. Nese ano os habitantes da illa vense obrigados a abandonala, xa que lla doaran ao rei D. Alfonso XIII. No Carril alóxanos en casas alugadas, ata que lles entregan as súas. A familia do señor Román tivo entón a mala fortuna de perder parte do diñeiro que recibira polas súas propiedades en Cortegada, xa que o tiña depositado no “Banco de Deza” e este quebrou. Non obstante, cos cartos que lles quedaron e co que foron gañando, construíron unha casa na rúa “Castillejos” (que aínda segue en pé actualmente).
O señor Román só ten un oficio ben aprendido, o de carpinteiro, e un gran amor polo mar onde se criou. É entón cando toma unha intelixente decisión e, unindo traballo e paixón, monta un pequeno “estaleiro” para construír embarcacións. Primeiro construirá barcos para a súa familia, e máis tarde para moitos mariñeiros do Carril.
O estaleiro, nun primeiro momento, estaba situado na horta de dona Rita, en fronte da actual casa Reitoral. Esta situación, lonxe do mar, obrigábao a buscar a axuda de amigos e familiares e a realizar grandes esforzos para botar os barcos á auga, pois había que transportalos ata o mar sobre uns roletes. Estas dificultades levárono a alugarlle a Adelina Bravo unha parte do local da antiga Aduana (hoxe “Bar Loliña”), e así tiña o estaleiro a un tiro de pedra do mar.
O que caracterizaba a construción das embarcacións do señor Román era a utilización das mellores madeiras, que conseguía na Bacariza (Isorna) porque alí había piñeiros e carballos centenarios. Nun dos seus botes navegaba cos seus fillos ata os montes dese lugar e seleccionaban a madeira.
Unha vez cortada traíana ata O Carril no galeón de Joaquín Lustres, de Leiro. A de carballo, para preparala, mergullábaa en auga de mar, e a de piñeiro deixábaa secar simplemente.
As embarcacións que máis lle demandaban os mariñeiros eran barcos de pequeno porte: botes de popa redonda e de espello, gamelas, bucetas e motoras. Hai que destacar que, malia non asistir á escola, era capaz de sacar da súa cabeza botes de formas esveltas e moi mariñeiros. A este respecto, lémbranos o seu fillo Román: Bote que facía o meu pai, bote para toda a vida.
O proceso de construción dunha embarcación comezaba coa conversación e o acordo verbal co cliente sobre as súas características. Normalmente o propietario pedíalle un barco que lle gustara pero adaptado aos seus intereses persoais e, sobre todo, aos cartos que tiña. O importe era determinante, xa que construír un bote de popa redonda requiría máis traballo para o carpinteiro que un con popa de espello.
A continuación facía unha maqueta a escala, ou ben medio casco, da embarcación que ía realizar e comezaba a construción real, que lle levaba aproximadamente un mes. Un bote naqueles tempos custaba entre 30 e 80 pesos; o bote Dos hermanos, por exemplo, custou 350 pesetas. O seu fillo resalta, como dato moi significativo da maneira de ser do seu pai, que non lle cobraba por igual a todo o mundo: Se quen lle encargaba o barco tiña pouco diñeiro, cobráballe menos. Tamén conta que non era un home de chiquiteo, e que ao saír do estaleiro marchaba para a súa casa.
A un dos primeiros barcos que construíu chamoulle Uruguai, en homenaxe ao lugar onde emigrara. Entre as moitas embarcacións que construíu e que encheron de colorido as augas da ría, o seu fillo Román e a súa nora Maruja lembran algunhas: Los que vivimos, bote de popa redonda que despois vendeu a Urbano; Ángeles, bote de popa redonda; Halcón, para Manolo o “Bicho”; Carmelo, que llo fixo para o seu fillo Román e que foi o último bote de popa redonda que construíu; e Marisa, unha motora que foi o último barco que saíu do seu estaleiro en 1950.
No estaleiro traballaba soamente o señor Román, aínda que o seu fillo lembra ter axudado algo; pero pouco tempo, xa que aos 16 anos marchou do Carril para traballar nun barco mercante.
Despois da Guerra Civil o señor Román pechou o estaleiro, porque xa era maior e, ademais, os seus fillos xa tiñan os seus propios traballos.
Segundo o seu fillo e maila súa nora, no Carril non había ningún outro carpinteiro de ribeira contemporáneo do señor Román, pero si se facían barcos en Leiro e, sobre todo, en Catoira. Tamén lembran que no Carril apareceu máis tarde Sr. Manuel González.
O señor Román viviu momentos especialmente difíciles, a nivel persoal, durante a 2ª República. Como os republicanos atacaban todo o que estaba relacionado coa Igrexa, o cura párroco do Carril pediulle ao señor Román que gardase a imaxe da Virxe do Carme na súa casa porque na igrexa corría o perigo de ser queimada. O señor Román, pola gran fe que lle tiña á patroa dos mariñeiros, levouna para a súa casa; e mesmo lle construíu unha urna de madeira para que se conservase mellor. E alí permaneceu a salvo durante oito anos, con risco para a súa propia vida e a da súa familia. Despois da guerra a procesión do Carme sempre paraba diante da súa casa, en agradecemento por este acto de valentía.

EMBARCACIÓNS CONSTRUÍDAS
O señor Román construíu, sobre todo, embarcacións destinadas á pesca e ao marisqueo. Como é lóxico, dado que vivía no Carril, a maioría foron botes, bucetas, gamelas, dornas e chalanas. Non obstante, nos seus últimos anos como carpinteiro tamén construíu algunha motora.
A continuación relaciónanse os nomes dalgunhas embarcacións que construíu ao longo da súa vida, centrándonos nos botes e bucetas.

Nº NOME TIPO EMBARCIÓN ANO PREZO
1 Amalia buceta 1917 247 pts
2 Joaquina buceta 1917 100 pts
3 Ramona buceta 1917 250 pts
4 Domingo buceta 1918 225 pts
5 María buceta 1919 190 pts
6 Rosita buceta 1920 310 pts
7 Carmen buceta 1925 245 pts
8 Pepe bote 1930 250 pts
9 Dos hermanos bote 1930 350 pts
10 Felipe bote 1930 300 pts
11 Dos hermanos bote 1933 350 pts
12 Uruguay Bote popa red.1934 300 pts
13 Toni Bote popa esp.1937 400 pts
14 Moncho bote 1940 400 pts
15 Julio bote 1941 300 pts
16 Dos hermanos bote 1942 500 pts
17 Ángeles Bote popa red.1943 650 pts
18 Carmelo Bote popa red.1945 1.450 pts
19 Los que vivimos Bote popa red.1950 900 pts
20 Halcón Bote popa esp.


NOTA: Para coñecer os barcos que o señor Román construíu, recorreuse á memoria de vellos mariñeiros do Carril e ao arquivo de embarcacións da Capitanía Marítima de Vilagarcía de Arousa. Desgraciadamente, no folio de cada embarcación a partir de 1925 era raro que figurase o nome do carpinteiro. Polo tanto, vai ser practicamente imposible descubrir os nomes de moitas máis embarcacións que construíu.

A redacción deste artigo foi posible grazas á información proporcionada (nas entrevistas que se mantiveron) polo fillo e a nora do señor Román, don Román Iglesias Ramos e dona María Milagros Martínez Pereira (Maruja)

Comentarios (4) - Categoría: Xeral - Publicado o 14-10-2012 16:32
Chuza! Meneame
4 Comentario(s)
1 Felicito a Fernando polo bo traballo feito, maravilloso, pero tamen o felici#blgtk08#to polas longas conversas con Roman e Maruja. Moitas gracias por compartilo
Comentario por Margarita Teijeiro (14-10-2012 18:57)
2 Román Iglesias Ramos falleció en Barcelona el 21 de se#blgtk08#ptiembre y lo enterraron en Carril el día 24.
Comentario por Lourdes Garrido (14-10-2012 21:10)
3 Mi felicitación más entusiasta a Fernando, por este exce#blgtk08#lente y magníficamente documentado trabajo biográfico.
Comentario por Roberto Núñez Porto (14-10-2012 23:11)
4 Interesante expos#blgtk08#ición. Parabéns!
Comentario por CarlosHL (25-10-2012 22:29)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal