O clube das ideas  


Blog do DEPARTAMENTO de FILOSOFÍA do IES Álvaro Cunqueiro de Vigo. Administrado por estudantes de 1º e 2º de Bacharelato.

O noso perfil
lladipa@gmail.com
  CATEGORÍAS
  SAÍDAS. ACONTECEMENTOS
 RECOMENDADOS
 ATOPAR
  ARQUIVO
 ANTERIORES

As dúas culturas
Tradicionalmente o coñecemento humano dividiuse nas chamadas dúas culturas: a cultura humanística e a científico-técnica, o que coloquialmente chamamos "letras" e "ciencias". A idea de que o cultural se refire soamente á literatura, á filosofía, á historia, á arte, etc., fai que a ciencia apareza como unha actividade que xera un coñecemento diferente ou separado da cultura.

A obra máis importante da Física moderna escribiuna I. Newton en 1687 e titulouna Principios matemáticos de la Filosofía natural. Parécenos estraña esta maneira de nomear á Física. Xeralmente asociamos a Filosofía cas "letras" e a Física cas "ciencias". Dende aquí alegrámonos de que esa escisión esté sendo superada e que haxa algúns rapaces e rapazas que decidiran escoller este curso a optativa FILOSOFÍA DA CIENCIA E DA TECNOLOXÍA, unha materia ofertada polo Departamento de Filosofía para 2º de Bacharelato.

Dende aquí facemoslle a todos eles unha invitación a participar e colaborar con nós.

Por que escollemos unha materia optativa e non outra?.
Cales son os criterios que seguimos na nosa elección?
Inflúen os pais ou os amigos?



Escribe o teu comentario (11) - Categoría: Actualidade - Publicado o 25-09-2011 23:50
# Ligazón permanente a este artigo
Pensando no ensino.
Son moitas as comunidades autónomas que recortan os presupostos destinados ó ensino. Reducen becas e libros, suprimen postos de profesores e ciclos formativos, aumentan a ratio profesor-alumno e deixan de atender á formación do profesorado. Por iso ós recortes xa feitos no ensino público o derradeiro ano, temos que sumar agora os anunciados para este novo curso escolar 2011-12.

Esta falta de recursos pon en perigo os logros que o ensino público acadou nos últimos tempos no ámbito da igualdade e a calidade: a atención á diversidade, o apoio escolar ó alumnado con dificultades de aprendizaxe, a integración, a dinamización das bibliotecas escolares e os avances na implantación das Tic.

As esixencias ó profesorado son moitas: facer adaptacións curriculais, traballar diferentes contidos e niveis de competencias, atender ó alumnado pendente e as familias, facer os informes personalizados oportunos, as programacións a corto, medio e longo prazo, as memorias finais de curso. Sen descuidar, o mesmo tempo, a súa propia formación no ámbito das tecnoloxías da información e a comunicación, a preparación das clases, a formación en valores, a transversalidade, a motivación nas aulas, o absentismo escolar e a mediación en posibles conflictos.... Pero non esperemos que ca súa entrega e dedicación se resolva o problema, esta tarefa ten que ir acompañada da inversión necesaria.

Os avances sociais posibilitan que toda a poboación esté escolarizada ata a adolescencia e iso ten un coste que hai que afrontar. O custo do ensino non é un gasto, é unha inversión e os contínuos recortes no Ensino público poñen en perigo unha das súas principais funcións: a de compensar as diferenzas sociais. Por iso, disminuindo os recursos aumentaranse as desigualdades.


Escribe o teu comentario (7) - Categoría: Actualidade - Publicado o 08-09-2011 23:25
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Licencia Creative Commons