O clube das ideas  


Blog do DEPARTAMENTO de FILOSOFÍA do IES Álvaro Cunqueiro de Vigo. Administrado por estudantes de 1º e 2º de Bacharelato.

O noso perfil
lladipa@gmail.com
  CATEGORÍAS
  SAÍDAS. ACONTECEMENTOS
 RECOMENDADOS
 ATOPAR
  ARQUIVO
 ANTERIORES

Os nacionalismos
Enténdese por Nacionalismo un movemento socio-político de orixe romántica que nos seus inicios promoveu as unificacións de nacións como a alemá ou a italiana. Hoxe en día, e achegándonos á realidade existente na sociedade na que vivimos, cómpre relacionar o nacionalismo con aquelas comunidades que se perciben como nacións formando parte dun estado e que demandan ao devandito estado o seu dereito de autodeterminación (nacionalismo desintegrador).
Na actualidade, a cara externa dos nacionalismos pode ser vinculada a ideoloxías radicais e hostiles cara os exogrupos. Non obstante, o nacionalismo non está asociado a unha ideoloxía concreta, senón o que realmente busca é lograr a autodeterminación para un grupo colectivo (Breully, 1982); polo que este movemento pode atopar diferentes orientacións políticas. Se nos cinguimos ao nacionalismo como reivindicación política, supón a expresión dun desexo de autodeterminación; polo que falar de nacionalismo implica directamente falar do significado que teñen para o individuo as consecuencias que son desprendidas de algúns tipos de relacións entre os diferentes grupos étnicos, o cal pon de manifesto un feito máis que evidente: a relación entre os grupos non é equitativa e os grupos con máis poder impoñen unhas cláusulas que perxudican a aqueles grupos con menos poder.
Doutra banda, o filósofo alemán Immanuel Kant (1724-1804) establece no segundo artigo definitivo do seu libro "A paz perpetua" unha concepción dos pobos (neste caso, beneficiados únicos e directos do movemento nacionalista) como estados independentes entre si, polo que todo estado pode e debe afirmar a súa propia seguridade, requerindo aos demáis para que entren a formar con el unha especie de constitución, o que conformaría unha Sociedade de Nacións, que cómpre diferenciar do "Estado de Nacións". Segundo Kant, todo estado implica a relación dun superior (o que lexisla) cun inferior (o que obedece), co que moitos pobos reunidos nun Estado verían a ser un só. Precisamente aquí, segundo este filósofo alemán, debemos considerar o dereito dos pobos, uns respecto de outros, en canto a que forman diferentes Estados que non deben ser agrupados nun.
Segundo isto, e dende a miña opiniñon, o nacionalismo de tipo centrípeto (ou integrador) iría en contra do dereito esencial dos pobos á liberdade, tanto no plano lexislativo (ao haber un pobo con maior poder que absorbe a outro con menor poder é de obrigado cumprimento, na meirande parte dos casos, a lexislación do primeiro por parte do segundo) como no cultural (unha das culturas acabaría absorbendo á outra), sendo o máis "natural" dende unha perspectiva kantiana a variedade étnica e cultural agrupada nunha sociedade de nacións independentes, garantindo así os dereitos de cada unha.

Abandonando o punto de vista político e enfocando a perspectiva cultural, de cara á conservación das características propias dun grupo étnico en concreto tamén sería en certo punto beneficioso un nacionalismo centrífugo (desintegrador), dado que, ao non depender fiscalmente doutro Estado externo (co expreso significado de "dependencia" como unha relación desigual) non existe ningún tipo de coacción ou presión, tanto social como económicamente falando.

Unha vez presentados os dous principais tipos de nacionalismo (centrípeto, utilizado polos imperios; e centrífugo, empregado polas nacións disgregacionistas), convén analizar os pros e os contras de cada un.

O nacionalismo centrípeto presenta vantaxes de cara ao Estado dalgún xeito superior, xa que, e aquí volto a Kant que na súa obra "Sobre a paz perpetua" di, "A diferenza entre os salvaxes de Europa e os de América está principalmente en que moitas tribus americanas foron devoradas polos seus inimigos, namentres que os Estados europeos [···] fan algo mellor: os incorporan ao número dos seus súbditos para ter máis soldados cos que facer novas guerras [···]." Con isto, conclúese que os Estados que absorben a outros máis pequenos dispoñen libremente dos recursos (humanos, económicos...) de devandito estado para seguir medrando e/ou expandíndose.

Doutra banda, o nacionalismo de tipo centrífugo, inda que é beneficioso de cara ao autodesenvolvemento dunha nación-Estado, presenta certo tipo de limitacións, xa que, como Estados independentes é probable que atopen dificultades sobre en que sustentarse económicamente, sendo na meirande parte dos casos escasamente autosuficientes.

Fronte a estas principais diferencias gustaríame destacar un modelo proposto polo escritor, debuxante e político A.D.R. Castelao no seu ensaio Sempre en Galiza, no cal expón para o actual Estado español unha República Federal constituída polas diferentes nacionalidades históricas da Península, co que se solventarían gran parte dos problemas: entre os mesmos, existiría un apoio económico no competente aos gastos estatais, pero cada Estado federal seguiría mantendo unha ampla parte da súa autonomía, tanto política como cultural. con isto, considero que se pode establecer un punto intermedio no que se consolide un estado composto por varios pobos ou nacións independentes, sempre mantendo cadansúa autonomía pero, como di o saber popular, a unión fai a forza.


(Artigo de Nicolás Alén Guimeráns)


Escribe o teu comentario (12) - Categoría: Actualidade - Publicado o 17-04-2017 17:32
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Licencia Creative Commons