As orixes do patriarcado A muller constitúe dende sempre un colectivo moi importante da sociedade . As súas funcións como produtora e reprodutora sustentan a formación das sociedades e, non obstante, na case totalidade das culturas tradicionais ten un papel subordinado ao do home. Nas sociedades actuais, o papel das mulleres está cambiando progresivamente pero aínda seguen cometéndose actos de violencia e inxustiza contra as mulleres nas diferentes culturas, mesmo na nosa.
Existen varias teorías que respaldan o poder do home sobre as mulleres. Desde as que lle atribúen á natureza a causa da desigualdade entre os sexos, ata as que fan recaer esta diferenza nunha estratexia dos homes para o control do poder feminino. A cuestión estriba en que, en case a totalidade das culturas que existen na actualidade, o predominio social dos homes é universal.
En Asia e Oriente Medio mátanse as mulleres en nome da honra. As nenas sofren mutilacións xenitais en África Occidental en nome do costume. As nenas, no sur de África, son violadas e contraen SIDA porque os seus violadores cren que o sexo con virxes os ha curar da súa enfermidade. E nos países máis ricos e desenvolvidos do mundo, as mulleres morren a causa das malleiras que lles dan as súas parellas.
Estas situacións prosperan porque son moitos os gobernos que fan a vista gorda e permiten que a violencia contra as mulleres ocorra impunemente. En moitos países, as leis, as políticas e as prácticas imperantes discriminan ás mulleres, negándolles a igualdade cos homes e facéndoas vulnerables á violencia. Con moita frecuencia os roles de xénero e as estruturas sociais reforzan o poder dos homes sobre a vida e o corpo das mulleres. En moitas comunidades os dirixentes relixiosos e os medios de comunicación fomentan roles, actitudes e costumes que tratan de subordinar e asoballar as mulleres.
Outras teorías: O matriarcado
O matriarcado non é o reverso do patriarcado. A orde xerárquica e de poder do matriarcado non ten que coincidir cunha sociedade centrada na muller. Pese a todo algúns antropólogos chegaron á conclusión de que non existiron nunca éstas sociedades. A orde matriarcal tería características propias, centradas na autoridade feminina e cunha atribución de poder compartida cos homes.
Os mosuo viven en China, entre as provincias de Yunnan e Sichuan, á beira do lago Lugo. O seu sistema social ten como característica principal a inexistencia do matrimonio.
 A relación entre dúas persoas non leva ao compromiso nin a convivencia, é dicir, o home pode visitar a muller, pero pola mañá volverá á casa da súa nai a traballar no que esta lle ordene.
Os fillos críanse coa nai e herdan o seu apelido,non existe relación de filiación co seu proxenitor masculino. Nesta sociedades só a muller pode ter propiedades e cartos e só ela asume a crianza e responsabilidade sobre os fillos. .
(Artigo de Juan Junior Comesaña Penedo)
|