O clube das ideas  


Blog do DEPARTAMENTO de FILOSOFÍA do IES Álvaro Cunqueiro de Vigo. Administrado por estudantes de 1º e 2º de Bacharelato.

O noso perfil
lladipa@gmail.com
  CATEGORÍAS
  SAÍDAS. ACONTECEMENTOS
 RECOMENDADOS
 ATOPAR
  ARQUIVO
 ANTERIORES

Os muros da vergoña
Poucos símbolos humillan e rebaixan tanto a dignidade humana coma os muros de separación. Ao longo da historia erguéronse moitos: o muro de Adriano, o de Berlín, etc. Son extensos e impenetrables quilómetros de pedra e aramado que separaron países, pobos e familias enteiras. A día de hoxe, e a pesar de presumir de ser unha sociedade avanzada, aínda existen multitude de muros e valos por todo o planeta que representan a maior das humillacións, a falta de liberdade.

O primeiro muro levantado foi o muro de Berlín, e tamén o primeiro en ser denominado muro da vergoña. Foi levantado en 1961 durante a Guerra Fría, e consistía nunha parede de formigón de 4 metros de altura cun interior formado por cables de aceiro. Acompañando o muro creouse a chamada "franxa da morte", formada por un foso, un aramado, unha estrada pola que circulaban constantemente vehículos militares, sistemas de alarma, armas automáticas, torres de vixilancia e patrullas acompañadas por cans as 24 horas do día.






Entre 1961 e 1989 máis de 5.000 persoas trataron de cruzar o muro e máis de 3.000 foron detidas. Ao redor de 100 persoas morreron no intento, ata que por fin o muro foi derrubado en 1989.
Despois do horror que supuxo o levantamento deste muro, a humanidade debería ter aprendido a lección e non volver cometer erros tales coma separar familias enteiras, asasinar miles de persoas... en resumo, devastar un país enteiro. Non obstante, a maldade do ser humano chega a tal punto que segue arrasando e maltratando nacións, sen importarlle en que condicións vive a xente que está ao seu arredor.

Un dos muros máis importantes e conflitivos da actualidade é a Franxa de Gaza. Os seus 700 quilómetros albergan 1,5 millóns de persoas, das cales 1,1 millóns son refuxiados palestinos. O 72% da poboación que habita na Franxa de Gaza vive baixo a liña de pobreza e necesita axuda humanitaria da ONU, e dende que en 1987 crea a primeira Intifada e a segunda no 2000, morren por día 45 palestinos por actos terroristas. Máis de 24.000 palestinos perderon os seus fogares nos últimos catro anos como resultado das demolicións levadas a cabo polo exército israelí, que destruía unha media de 120 edificacións cada mes.








O muro de Cisxordania separa Israel de Cisxordania, e probablemente sexa unha das zonas máis conflitivas do mundo. A pesar de que numerosos órganos da paz mundial alegaron que a construción deste muro é ilegal e viola os dereitos humanos, este muro segue en construción. Segundo as autoridades israelís o muro é unha "medida defensiva deseñada para impedir o paso de terroristas, armas e explosivos ao estado de Israel", pero o certo é que separa os campesiños das súas terras e os palestinos dos seus lugares de traballo, centros educativos e de saúde e outros servizos esenciais.

A barreira foi motivo de protesta por parte de diversos colectivos ligados ao mundo da arte. Os graffiti convertéronse nunha das máis coñecidas formas de protesta contra a súa construción, e grandes áreas do muro conteñen mensaxes en diferentes idiomas deixados por grafiteros e visitantes. Un grupo de palestinos e israelís crearon Artistas sen barreiras para protestar mediante a arte e a non-violencia contra a construción da barreira.







Outro dos grandes muros que atentan contra a dignidade humana é a gran muralla de 3.000 km que separa México de EE.UU, pois ao redor de 400 persoas morren cada ano intentando entrar en Estados Unidos perseguindo 'o soño americano'.
Por se fose pouco, aos mexicanos que logran cruzar a fronteira chámaselles 'costas molladas', un termo insultante e ofensivo. A industria e as granxas agrícolas do Sur dos Estados Unidos abastécense desta man de obra, barata ao encontrarse ilegalmente no país.







E que falar da nosa propia fronteira, a que se separa Ceuta e Melilla do resto de África. Miles de inmigrantes intentan atravesala sen éxito, xa que conta con alambres e coitelas que provocan importantes cortes e lesións nos que intentan entrar en España, polo que moitos inmigrantes marroquís optan por cruzar o estreito de Xibraltar en caiucos e pateiras, chegando á nosa terra desfalecidos.







Estes só son algúns exemplos entre a gran multitude de muros, valos e barreiras que dividen o mundo segundo a etnia, relixión, ou nivel de pobreza de cada rexión; o que nos leva a preguntarnos: ata onde pode chegar a crueldade do ser humano?

(Artigo de Xeila Iglesias Rodríguez)



Escribe o teu comentario (18) - Categoría: Actualidade - Publicado o 08-01-2015 23:02
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Licencia Creative Commons