Dirixímonos a pé ó VERBUM, ímos asistir a unha representación teatral do "Mito da caverna" de Platón. Unha posta en escena na que se establece un símil entre o coñecido mito do filósofo e a sociedade actual.
Comparábanse ós homes e mulleres da caverna, atrapados na escuridade, escravizados coma meros espectadores, con nós mesmos, presos nun mundo materialista e consumista; enganados polos medios de comunicación e das grandes empresas; dependentes de aparatos tecnolóxicos como móbiles, televisións, ordenadores e un sen fin de artefactos máis.
Naquela cova fria e escura, un dos prisioneiros consigue saír ó exterior e cando volve para libera-los seus compañeiros estes o que fan é burlarse del, chegando ó extremo de querer matar a todo aquel que intensase sair.
Algo semellante ocorre na nosa vida diaria cando alguén pensa de modo distinto, ofrece novos valores, ou dá explicacións opostas ás verdades consagradas que ofrecen os medios. Non o matamos, pero sí o marxinamos e ridiculizamos as súas opinións, conformándonos co que nos dan sen percatarnos da nosa propia ignorancia, sen querer saír da caverna...
Da representación destacamos a calidade de contextualización, e suxestión que nos proporcionaron as luces, os efectos especiais e ata os mesmos actores co apoio do audiovisual. As cores, tonos e fume, causábanos varias sensacións, unha delas era a de sentirnos parte da mesma obra.
|