O castelo da lúa


ENDL do IES Félix Muriel
Découvrez la playlist Blog avec The Homens


Os proxectos deste ENDL recibiron Premios de innovación educativa en normalización lingüística nos cursos 2007-2008, 2008-2009 e 2009-2010.

Perfil
enl.felixmuriel@gmail.com
 CATEGORÍAS
 AS NOSAS FOTOS
 RECOMENDAMOS
 DESTACAMOS
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 Se buscas... atopas!
 BUSCAR BLOGS GALEGOS

Rematou o curso 2007-2008!
REMATE FINAL!!!


Por fin rematamos o curso 2007-2008!!! Hoxe 25 de xuño entregáronnos as notas. Houbo de todo: aprobados, suspensos, alegrías, choros... O alumnado do ENDL tivemos bastantes bos resultados... algúns, outros algo peores, mesmo hai unhas compañeiras de 3º que están a dicir que repiten... Pero se queda setembro! E algo se ha de poder facer, ou non!?!?

Con todo a coordinadora do ENDL dixo en nome de todos os profes do equipo que este curso aprobabamos todos con nota, porque ademais de esforzarnos moito, fixémolo ben. Sobresaliente na avaliación dos carteis de Álvarez Blázquez, que nos fixeron suar a gota gorda; aprobamos sobradamente o exame da observación sociolingüística en empresas e o reparto dos carteis da campaña "Vendendo ou mercando, galego imos falando" (que os temos en case tódolos escaparates), houbo moi boas notas para os participantes no Club de lectura; os dous controis do intercambio pasámolos sen moito esforzo porque xa tiñamos experiencia. Tamén nos dan nota alta na creación do blog e da revista, no CD de música en galego (que nos quedou moi chulo) e na organización de concursos. E seica levamos matrícula no Proxecto No meu mar, na miña lingua...

O peoriño disto foi a xornada do día 17 de xuño da clausura do proxecto... Houbo que preparala no medio dos exames! E Lucía perdeu de ir á recuperación para subir nota en castelán por amenizarnos coa súa voz...

Ah! E recibimos unha mención especial polo apoio loxístico e polo ben que nos comportamos nas charlas, obradoiros e conferencias.

Para o ano máis! Pero a ver se nos amplían o local (que nalgúns recreos, cando aparecen todos os de 2º non damos entrado) e nos dotan de máis medios informáticos ... que funcionen, por favor!!!

Alguén sabe o número da Consellería a onde hai que chamar, que seguro que teñen por alí sobrante algún ordenador posterior ó ano 2000, que é no que traballamos nós! (para cargar este artigo no blog fan falta os 20 minutos do recreo e ás veces queda colgado!).


Bo verán a todos e todas!!!


Lorena e Patricia (4ºESO)
e ti que opinas? (5) - Categoría: Curso 2007/08 - Publicado o 26-06-2008 08:42
# Ligazón permanente a este artigo
O Aguiño FC está de celebración
O AGUIÑO FC CAMPIÓN



[Como podedes ver na fotografía da dereita, os "nosos" campións parecían satisfeitos da súa fazaña (É non é para menos).]



O Aguiño FC gañou esta pasada fin de semana o torneo da "Copa do Concello de Riveira" que disputaban: Artes, Oleiros, Carreira, Palmeira, Aguiño B e Aguiño A.

O noso centro ten varios alumnos que xogan no Aguiño, que se proclamou campión tras vencer na final ó Oleiros por 6-0 con goles de Abel -alias "Chopi" para os amigos-(2), Daniel, Gabriel, Angel e Jesús.

Os xogadores do Aguiño que forman parte do alumnado do "IES Félix Muriel" son: Abel López, Alejandro Otero, Agustín Muñiz, Santiago González, Adrián Fernandez, e os xemelgos Sergio e Angel Lodeiro que, lamentablemente, abandonan este ano o equipo.

Un saúdo!


Augus (2ºA)

e ti que opinas? (1) - Categoría: Curso 2007/08 - Publicado o 13-06-2008 11:05
# Ligazón permanente a este artigo
PARTICIPA: A polo ghit!
A POLO GHIT!



Arranca unha nova edición da A polo ghit!, o concurso para escoller a canción galega do verán 2008, organizado por Vieiros e coa colaboración da Radio Galega.

Para participar hai que entrar na páxina web

e aí podedes escoitar as cancións que se presentan, descargalas, escribir comentarios sobre elas ou votar pola vosa preferida.

Tamén podedes participar, se estades interesadas/os e tedes algún grupo de música, enviando a vosa canción, pois as bases do concurso aparecen na mesma páxina e o prazo estará aberto ata o 16 de xullo.

O prazo para as votacións remata en agosto, así que aínda tedes moito tempo para votar.


ANIMÁDEVOS E PARTICIPADE!

e ti que opinas? (0) - Categoría: Curso 2007/08 - Publicado o 12-06-2008 16:13
# Ligazón permanente a este artigo
Os centros das cidades incumpren a lexislación sobre a lingua
OS CENTROS DAS CIDADES INCUMPREN A LEXISLACIÓN SOBRE A LINGUA


Información da Mesa pola Normalización Lingüística


Segundo un estudo realizado pola Mesa, con información achegada polos propios centros de ensino, o 10,5% dos nenos e nenas de 3 anos das sete cidades non reciben nin tan sequera unha hora en galego ao día, mentres outro 16% só recibe xustamente unha hora en galego, moi por debaixo do estipulado polo decreto 124/07. No conxunto, o 69,8% dos rapaces e rapazas desta idade na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago, Vigo e Ferrol cursan os seus estudos en centros de ensino que non cumpren coa obriga legal de que cando menos a metade do seu horario sexa na lingua propia de Galiza.

e ti que opinas? (1) - Categoría: Curso 2007/08 - Publicado o 12-06-2008 08:14
# Ligazón permanente a este artigo
Malas novas para a lingua galega!

MALAS NOVAS PARA A LINGUA GALEGA:
Quedamos sen dicionario na rede!


Hoxe os usuarios e usuarias do dicionario galego na rede (de balde), www.digalego.com recibimos a seguinte mensenxe de correo electrónico:



Estimados amigos: Por razóns alleas á nosa vontade retiramos o Dicionario da rede (www.digalego.com), decisión que xa lla comunicamos, fai días, á Secretaría Xeral de Política Linguística. Na web aparece o texto xustificativo.

Agradecémosvos o apoio recibido e confiamos en estar de novo prestando este servizo o antes posible.



Despois de ler esta mala nova, entrei na súa web onde atopei a seguinte xustificación:



A Secretaría Xeral de Política Lingüística con data 10 de setembro de 2.007 sacou no Diario Oficial de Galicia un concurso público para financiar un dicionario na rede (debido a que só había -e segue habendo- o da Real Academia Galega, con 15.000 entradas e na normativa anterior). Despois de adxudicarllo a unha empresa tivo que declaralo deserto debido a un gran fallo na redacción das bases.

Ante esta decisión IR INDO EDICIONS retira da rede o seu Dicionario ata que a Secretaría Xeral de Política Lingüística rectifique as bases e volva convocar, en concurso público, este servizo

Pedimos desculpas aos milleiros de internautas que neste curto período de tempo nos visitaron, e que incluso nos enviaron os seus parabéns.

Confiamos en estar con vós o antes posible.

Graciñas.



Que vos parece?
e ti que opinas? (2) - Categoría: Curso 2007/08 - Publicado o 11-06-2008 17:38
# Ligazón permanente a este artigo
Lendo: El almacén de las palabras terribles
EL ALMACÉN DE LAS PALABRAS TERRIBLES
Elia Barceló



O libro:

Talia é unha rapaza de doce anos que, unha noite, ten unha forte discusión coa súa nai. Daquela vez, as súas palabras fixeron magoa en quen ela máis quería. Ó día seguinte Ana, a súa nai, abandona a casa e Talia dáse conta do dano que poden facer unhas palabras nun momento de rabia.

No almacén das palabras terribles, a protagonista desta historia aprenderá o valor e as consecuencias que teñen as palabra que dicimos.


A miña opinión:

A min o libro gustoume moito xa que, a través del e da experiencia que vive Talia, entendín o mal que se poden sentir as persoas cando lles dis cousas coa intención de magoalas.

É un libro entretido, de poucas páxinas e fácil de ler.


Antía Durán Blanco (2ºESO E)
e ti que opinas? (13) - Categoría: Curso 2007/08 - Publicado o 11-06-2008 17:27
# Ligazón permanente a este artigo
Para ler: O curioso incidente do can á media noite


O CURIOSO INCIDENTE DO CAN À MEDIA NOITE
Mark Haddon

Rinoceronte Editora S.A., unha editora que se dedica fundamentalmente a traducir á nosa lingua literatura estranxeira, acaba de publicar a tradución dun libro coa lectura do que, persoalmente, gocei moito. Por iso volo recomendo e porque se le rapidamente. Se o meu criterio non te convence podes ler algunha das opinións seguintes a ver se así te animas a mergullarte nas súas páxinas:

Opinan



UNHA IRÓNICA VISIÓN DA REALIDADE DENDE A PERSPECTIVA DO AUTISMO

Christopher Boone ten quince anos, é un experto en ciencias e matemáticas, sabe as capitais de todos os países do mundo e os números primos ata o 7.507, pero ten dificultades para relacionarse con outras persoas. Unha noite atopa a Wellington, o can da veciña, atravesado por unha forca de xardín, e decide comezar unha investigación para descubrir o asasino. Mentres leva a cabo as súas pescudas, que converte nunha novela policial, cuestionará a lóxica do mundo que o rodea e desvelará certos misterios que van alterar a súa vida metódica e ordenada.


Xa nos contarás que che pareceu.

Saúdos


Rinoceronte Editora S.A.
e ti que opinas? (3) - Categoría: Curso 2007/08 - Publicado o 10-06-2008 15:03
# Ligazón permanente a este artigo
Lendo: Cando petan na porta pola noite
CANDO PETAN NA PORTA POLA NOITE
Xabier P. Docampo



O libro

Este libro reune catro historias de medo co desexo de que o lector sexa tamén dono do seu propio medo e as faga súas, para contalas tamén, a xeito de transmisor oral, continuando o fío da literatura tradicional popular.

- O espello do viaxeiro: Un home volve á casa familiar logo de 7 anos, para facerse cargo da herdanza dos seus pais mortos. Perdido na noite, vai dar a unha ferraría, onde só está o dono, que é fisicamente igual a el salvo que non ten a pálpebra do ollo esquerdo. Beben, acaban pelexando e o ferreiro féreo nun ollo: xa son iguais...

- O fornadas: Tres das víctimas dunha vella moi ruín decidiron darlle un escarmento e acabaron matándoa a golpes. Cando foron queimar o seu corpo a un forno abandonado, nun momento dado incorporóuse, anunciando que se vingaría do que lle dara co pau na fronte, o Teixo. Liscaron asustados. Prenderon e condenaron ao Teixo, a quen a xente alcumou o Fornadas. Ao saír da cadea tornou solitario e moi raro. Un día contoulle ao narrador que se lle aparecía a vella e mesmo lle metía a man dentro do estómago, sacábaa ensanguentada e comía algo, dicíndolle que o agardaba no inferno...

- A loba: Silvestre levou a moza á Coruña para desfacer o fillo que el axudara a facer. E logo casou con outra. O día da voda, a primeira moza foille dicir que lle debía un fillo. Logo, enforcouse, converténdose na xefa dunha manda de lobos terribles, que os homes non daban matado...

- O cumpremortes: A un home só chegoulle un día unha carta de "felicitación" pois ese día había morrer. Buscando evitar que se cumprise a súa morte, escapou para outra vila, sen deixar rastro, pero seguíanlle chegando cada ano senllas cartas (cada vez máis curtas). Vivía pendente do que sería o seu último día do seu último ano segundo as cartas e non paraba en pousada nin sitio ningún para non ser localizado. Ata que un deses días do seu "cumpremortes", pasadas as doce da noite achegóuselle a muller "da gadaña"...
e ti que opinas? (4) - Categoría: Curso 2007/08 - Publicado o 10-06-2008 15:00
# Ligazón permanente a este artigo
Lendo: O enigma de Embívicus
O ENIGMA DE EMBÍVICUS
Xosé Antonio Perozo


O libro

Cali ten doce anos e vive en Embívicur, pobo veciño de Figueiras. Os seus habitantes son inimigos irreconciliables polo que os mozos deste último, os “churris”, péganlle a Cali por verse con Susana que resulta ser a irmá do xefe da súa banda.

Entre vinganzas, esta rivalidade chega ao seu máximo de tensión na festa de San Xoán que celebran os de Embívicus na Praza Maior, onde un enorme “burato” centra a festa.
Cali, baixa ao fondo do burato a coller unha flores para a súa moza que non se convirtan en pica-pica. E... desaparece.

Só grazas aos poderes dunha maga logran atopar a Cali na beira do río que separa os dous lugares.

Desde entón, os mozos e mozas fanse amigos e conviven no terreo común da “Fundación”. Pero Cali e os seus chegan incluso a ir presos porque o alcalde decide illar o concello cunha muralla.

Pero ao final, o buraco e o río acaban engullindo todas as casas agás aquelas onde viven os mozos coa súa amizade.




A opinión

A nós non nos acabou de convencer moito, fundamentalmente porque nos resultou bastante extraño.


Nuria e Cristina (2º A)
e ti que opinas? (4) - Categoría: Curso 2007/08 - Publicado o 10-06-2008 13:51
# Ligazón permanente a este artigo
Lendo: Agosto do 36 (Galicia durante a Guerra Civil)


O libro

Agosto do 36 narra dunha cunha estupenda narrativa e de forma desgarradora o «paseo» do que foi víctima unha parella de mestres rurais nunha aldea da serra de Ourense nos primeiros días do alzamento militar.

O escritor e xornalista, X. Fernández Ferreiro consigue conducir axilmente ao lector pola trama da novela, e mergúllao nunha atmosfera abafante, de crueza e tensión, na que as paixóns das persoas, con todas as súas vilezas, saen a flote nun contexto en que amor e odio se tocan.





A opinión:

"Agosto do 36" é unha obra na que se narra a situación de Galicia durante a guerra civil española.

Os protagonistas principais son Sara e Gregorio; un matrimonio de mestres que se coñecían dende a infancia. Esta parella é perseguida por un grupo de falanxistas encabezado por Manuel "O Garabís", cuxo pai estaba enfrontado dende a mocidade co pai de Gregorio, ao que chamaban "O Xirandón". A causa do seu enfado era por mor de que "O Xirandón" lle quitou a moza ao "Garabís".

Os falanxistas (Manuel, Leonardo, Xan, e Luís) estaban moi interesados na captura de Gregorio pero das veces que o intentaron, Sara díxolles que o seu home se atopaba de viaxe. Estes, fartos xa da situación, decidiron secuestrar a Sara para que Gregorio a fose salvar e poder apresalo. Sara foi levada á "Touza" (un lugar afastado, de temperaturas moi bruscas), onde a tiveron retida. Eles apenas baixaban á vila, xa que os alimentos que precisaban leváballos o taberneiro Lázaro, quen estaba tan namorado de Sara que o levou a obsesionarse.

Durante unha longa e intensa semana, Gregorio non deu sinais de vida, só se comunicaba con Sara mediante o canto da perdíz que aprendera a facer de rapaz.

Un día Lázaro díxolles aos secuestradores que vira a Gregorio na súa casa. Luís e Leonardo baixaron para asegurarse, pero alí non atoparon a ninguén. Despois, cando xa estaban de regreso na Touza, Luís oíu un ruido no monte e disparou, pensando que era Gregorio o que alí se atopaba.
Manuel, nervioso por esa situación, e como o mestre non daba aparecido decidíu matar á fermosa e esbelta mestra, quen non facía máis que chamar por Gregorio.

Ao rematar todo isto a rapaza quedou alí tirada no chan rodeada de sangue e eles dispuxéronse a baixar cara á aldea. De camiño atoparon a Gregorio tirado no chan morto.
Mataríase Gregorio, ou sería o disparo do "Garabís" quen rematou coa vida deste???

O final decídelo ti!!!





Laura Rodríguez Rodríguez (4ºESO C)
Patricia Túñez Gómez (4ºESO C)
e ti que opinas? (9) - Categoría: Curso 2007/08 - Publicado o 10-06-2008 13:10
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2] [3] [4]
© by Abertal
Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.Apoia o Manifesto a prol da convivencia lingüística e a da igualdade de dereitos para o galegojujelEste blogue forma parte da Rede de Blogueiras/os en defensa do Galego